www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

martes, 8 de marzo de 2022

A AVÓA CONTA...

 







A VITA DO PIBIDAL



Nunha pequena aldea, onde nace un río cantareiro, veu ao mundo unha nena. Daquela nacíase na casa, xunto a lareira. Súa nai era costureira e seu pai carpinteiro. Logo tamén puxeron unha tenda de comestibles e taberna onde daban comidas e mesmo aloxamento.

Cando naceu Vita, como choraba tanto, déronlle a chupar un pouco de chocolate. Non sabía a importancia que ía ter na sua vida ese incidente.

Empezóu ir á escola cando tiña seis anos. Daquela era así.

Había unha escola en cada parroquia. A súa estaba a un quilómetro. Era na casa que os seus avós prestaran para tal menester. Viña sendo un cuarto, enriba do establo das vacas e mais donde cocían o pan. Era pequena pero xeitosa. Tiña un balcón, e non lle faltaba nada do necerario naquela época.

Un día, cando saían da escola, fallóu a escaleira e caeron todos e todas, incluída a mestra, na cuadra das vacas. Xa vos podedes imaxinar o medo que pasaron. Menos mal que as vacas non estaban.

A Vita gustáballe moito ler pero nas casas non había libros. Sorte que na dela, viñan unhos mini contos nas tabletas de chocolate e ela, conseguía sacalos con coidado e, sen que se deran conta seu pai ou sua nai, escondíaos no faiado, onde os lía para logo volvelos meter nas tabletas de chocolate.

Cando seu pai ía á cidade buscar mercancía para a tenda, as veces, levábaa con él. Alí podía admirar como as oficinistas escribían á máquina, sen mirar as teclas, a unha velocidade incríble. Ela quería ser mecanógrafa.

Saío da escola aos catorce anos. Non lle deixaban ir facer estudos á cidade porque querían que quedase na casa. A ela gustáballe estudar e aprender cousas diferentes. Despois de tanto insistir a xente que pasaba pola cantina de que debían deixala ir, por fin consentiron en que fose aprender a coser e a unha academia onde estudaría cultura xeral e mecanografía.

A profesora que tiña na academia falou co pai e nai de Vita para que a deixaran facer estudos no Instituto Feminino, o que agora sería a ESO.

Empezóu a ir en horario de noite e despois dos dous primeiros cursos, cambiouse para o turno de día e xa deixou a costura e a mecanografía para continuar cos estudos normales.

Por aquela época empezou a ler poesía, sobre todo a Rosalía. Quería ser como ela. Escribir en galego, que era como ela falaba sempre aínda que na cidade falaban castelán e todo se aprendía nese idioma. Así foi como empezóu a escribir algúns poemas, que chegaron a publicarse en algúns xornais e mais nun libriño colectivo, Seis Novas Voces das Letras Galegas, no que ela particióu como única muller entre cinco homes. Non había moitas mulleres que escribiran en galego daquela.

Cando xa chegou á maioría de idade, quixo sair traballar nos veráns, entre outras cousas, para contribuir aos gastos que lles causaba aos seus e tamén para coñecer mundo e ter novas experencias.

Un verán traballóu aquí en Galicia, nun hotel de praia. O seguinte verán foi algo mais lonxe. A súa familia en Barcelona buscáralle un hotel na Costa Brava catalana e alí coñeceu a outras rapazas que tamén eran estudantes e que facían o mesmo ca ela.

No tempo libre, viaxaban en auto-stop por toda a costa, coñecendo xentes e lugares de interese.

No seguinte verán, conseguiran un contrato de traballo nunha fábrica de chocolate en Suíza e aló ser foron en tren. Había compañeiros de Vita traballando tamén naquela zona e fóronas esperar ao tren.

Os primeiros días facía bocatas de bombóns pero, logo, xa se conformaba con mirar para eles todo o día na fábrica. Ata tiña que saber o nome de cada ún. Chamábanse algo así como Carioca, Sultana… e pasaban a bo ritmo polas cadeas de empaquetado e a vista xa se cansaba de tanto controlar que fosen todos no seu sitio e se faltaba algún tiñan que poñelo rápidamente. Era un traballo rutinario, sempre de pé tantas horas… Así tamén se sabía cómo era a vida da nosa xente na emigración.

Había moitos estudantes italianos traballando alí e deseguida aprendeu algo de italiano.

Nos días libres, viaxaban por Suíza e polo norte de Italia. Foran a Venecia. Subíranse a góndolas e vaporetos, pasaran alí unha noite infernal con raios e tronos que facían tremer a cidade… viaxaran sempre a dedo polas altas montañas con longos túneis… pero conseguían sempre chegar a ónde se propuxeran.

A volta a Galicia fora en auto-stop. Vita viñera ela soia dende París, durmindo no saco en estacións do tren ou á intemperie en San Sebastián.

Logo viñeran outros viaxes de traballo, as vendimas en Francia, a onde seguiran indo durante varios anos xa que era no outono, antes de comezar o curso na Escola de Maxisterio. Tamén foran traballar a Holanda uns meses e o bon de todo aquilo era que aprendían idiomas e coñecían culturas diferentes. Non era como ir de visita turística a coñecer sitios. Era algo mais enriquecedor.

A Vita, o que lle houbera gustado estudar era xornalismo. Daquela había que ir a Madrid e, na casa, non lle deixaron. Así que tivo que conformarse con estudos para os que non tiña vocación. Pero algo, era algo!

Xa, exercendo de mestra, aínda foi un verán a Londres buscar traballo. Levaba unha pequena tenda de campaña e aló se foi a un camping urbano. Cando estaba montando a tenda, un rapaz español axudóulle e díxolle cómo encontrar emprego. Ao día seguinte xa conseguira traballo nun hotel medio rural, de xente maior. Estaba rodeado por unha zona verde moi extensa,por un río, había piscina e moita tranquilidade. O primeiro día, tardóu case unha hora en atopar a habitación á que tiña que levar unha bandexa con té. Cando chegóu, xa estaba frío!

De volta a Galicia, á súa escola en Fisterra, sempre sitios con mar, como a ela lle gustaba, enterouse dunhas becas que había para ir dar clases de castelán en colexios de Londres e nono pensóu duas veces. O seguinte curso estaría un ano enteiro en contacto co inglés, que era o que ela ensinaba aquí, aínda que primeiro tivo que dar clases varios anos en infantil.

Londres foi toda unha experencia para ela. Coñeceu xente, lugares, estudou e examinouse para obter un diploma, viaxou cunha compañeira a Escocia… e mesmo atopou a sua meia laranxa, un rapaz medio irlandés, medio inglés co que volveu a Galicia ao rematar a estadía alí. E así foi como empezou a sua vida de muller con parella. Tiveron un fillo e cando tiña seis meses, fóronse outra vez a Londres onde pasaron un ano enteiro. Ela pedira un permiso por maternidade e tiña que volver para comezar o curso en setembro.

O pai quedóu en Inglaterra, onde tiña o seu traballo e Vita encargóuse de criar o seu fillo ela soia, con pequenas tempadas que llo confiaba ao pai e mentres, aproveitaba para facer cursos de inglés en Inglaterra ou en Irlanda, país que lle gustóu moito.

Nesta época non tiña moito tempo para escribir. Con todo, garda algúns poemas escritos en Londres.

Logo veu outra etapa importante. Contactou con duas profesoras, unha de Chequia e outra de Rumanía, cas que se carteou un tempo e decidiran poñer tamén ao seu respectivo alumnado en contacto por carta co fin de que practicarn o inglés que estudaban. Aquilo acabou nun proxecto educativo que duróu cinco anos. Recibían axuda da Unión Europea e permitíulles viaxar aos seus países, coñecerse e logo tamén sumar outras escolas de Finlandia e de Italia. O mellor de todo, foi que tamén o alumnado e as suas familias puideron participar no intercambio. Os de aquí ían alá e eles e elas viñan aquí por unha ou duas semanas.

En Rumanía foran visitar o Castelo de Drácula en Transilvania! Toda unha aventura!

Logo de toda este axetreo de vida, veu algo de calma. O pai e nai de Vita xa ían velliños e precisaban a compañía da sua filla. Por iso ela decidíu deixalo todo e irse a unha escola preto de onde eles vivían.

Cando finaron, Vita quixo quedarse no lugar onde nacera. Restauróu a casa, púxoa ao seu gusto e pensóu que non sería mala idea adicar parte dela a recibir viaxeiros e viaxeiras de todo o mundo. Así foi, e aínda segue sendo. Por alí pasóu xente de lugares ben afastados como Australia, Nova Zelanda, América, Holanda, Italia….

E ela segue practicando idiomas, aprendendo outros novos como o xaponés e escribindo nun blog do que fixo un libro e que presentóu o verán pasado na súa aldea, facendo da ocasión unha festiña na que participaron a vecindade e amizades dela.

Agora é avóa e está encantada de pasar tempo cas suas netiñas Mínia e Návia.








martes, 1 de marzo de 2022

THE CHOCOLATE BISCUITS!








 No 1984 pedín unha excedencia para poder irnos a Londres co noso bebé de seis meses. Fomos vivir a unha casa compartida en Capel Rd. xusto en fronte de Manor Park.

Manor Park é unha zona residencial do distrito londinense de Newham ao leste de Londres, no que xa vivira e traballara entre 1980/81. 

Este lugar, como tantos outros en Londres, ten zonas verdes de grande extensión. Neste caso, era como un enorme prado, con unha pequena lagóa, vacas pacendo, rugby pitchs markings, onde se xogaban partidos nos fins de semana e festivos, sobre todo, ou se practicaban outros moitos xogos e deportes.

Eu, saía pasear ao meu bebé de pouco mais de seis meses. Iamos ver os patiños da logóa e respirar silenzo e ar fresco. Era como estar no meio da nada. Nin ruídos de coches, nin de xente...Como estar nunha aldea no medio da gran cidade de Londres. 

Unha mañá, achegámonos pola zoa da lagóa, como de costume, e chamóume a atención ver, medio agochados entre os troncos das árbores, un "arsenal" de paquetes de galletas. Das tan codiciadas Digestive chocolate biscuits que tanto nos gustaban e que aquí, nen se coñecían naquela época.

Ao principio sentín case  medo. Cómo podían estar alí aqueles paquetes? Quén os levara alí? Serían roubados? Estarían vixiados? Terían que deixar o botín por temor a ser descubertos/as?

Eu non sabía ben que facer! Como muller práctica que sempre me gustóu ser e non sei se o conseguín, pensei en levar algúns no carro do bebé. Empezei a coller, con moito medo e vixiándome de non ser descuberta. Non fose que pensaran que as roubara eu e  me vise envolta en problemas.

Había perto unha tenda de comestibles e achegueime alí coa intención de preguntar se tiveran algún roubo aquel día ou o día anterior. Pero, ao final, non dixen nada. Voltei ao sitio, e collín mais paquetes. Todos os que me cabían! e fun para a casa a contárllelo e repartir coa outra xente coa que compartía vivenda. Non acababan de dar creto! Mentres, eu, aínda sentía temor de que pensaran que fora eu mesma quén as roubara!

Foi un  verdadeiro festín de galletas!



sábado, 26 de febreiro de 2022

PETISCOS FEBREIRIÑOS

 


Bo día, con humor!

A mellor maneira

de non sentir dor...

O pasado volve,

o presente fuxe,

o futuro, un ruxe ruxe.

Máscara xa temos,

poñamos sombreiro,

óculos escuros,

e pés ó carreiro.

TREAT OR TRICK?

_ Trato ou truco ?,

espeta o Fuco.

_ TRICK!

respóstalle Put(o)in


(to be continued)




As Lagas, prado costo,

coa faciana á Valfrío,

carballeira senlleira,

tiña un segredo agochado

do que poucos sabiamos.

a fonte Peideira, de boa auga.

Eu ía cos veciños,

Xosé María e Pilar

da casa de Brañas.

Levábanme no carro.

Xosé María, chamando,

Pilar, afalando e eu

atrás, cantando.



Xa van seis treitos andados,

todos ben aproveitados...

Hoxe comezo outro treito...

fareino co pé dereito.

Con versos e con soliño,

quero andar este camiño.

Ninguén me quita o bailado,

o que veña hai que soñalo

e con polvoróns, celebralo!

Así que pra todos vos,

aquí deixo os polvoróns

agardando que estén bos.


Aquí deixo o video da receita dos polvoróns que eu seguín para facer os meus, con outro "corte" pero igual de bos! (risos)



domingo, 20 de febreiro de 2022

ENDIBIAS CON HISTORIA

 




A primeira vez que probei endibias foi nunha party en Londres. Eramos auxiliares de conversa,  (assistant teachers) do idioma do noso país en distintas escolas do distrito de West Ham, zona situada no East End de Londres, nunha das comunidades mais grandes de indús e pakistanies. Procedíamos de distintos países como Francia, España, Alemania...
As parties son algo que forman parte da vida inglesa, ata Boris Johnson as celebra. Consisten en xuntarse na casa de alguén para compartir comida e bebida. Acostuman ser amizades da persoa anfitriona e non sempre se coñezen entre sí. É de boa educación levar algo, ben sexa bebida ou comida para compartir.
Pois nesta foto, estamos na casa dunha francesa que, coma min e outra xente somos tamén lectores e lectoras nesa bisbarra londinense e ten por obxecto coñecernos e falar das nosas experiencias.
Preparóu endibias gratinadas, ao estilo do seu país de orixe, e anque os ingredintes coincíden cos da miña receita, agás a manteiga, que eu substituín por aceite de oliva na besamel, e a forma tamén varía un pouco. Ela envolvía as endibias enteiras co xamón e queixo e logo a besamel para gratinar. Co tempo, eu fun creando o meu propio estilo de cociñalas  e pareceume mellor cortalas e mesturar todo antes de fornear.



Eu son a do sombreiro negro, a terceira pola dereita (1980).


Despois da introducción, vou dicir como fago as miñas endibias:

 Primeiro cocíñoas ao vapor na ola rápida. Deixo que escurran ben toda auga, mesmo as prenso un pouco. 
Logo preparo a besamel con duas culleradas de aceite de oliva. Deixo que quenza ben o aceite e engado media cullerada de fariña de espelta integral, media de espelta blanca e uns poucos flocos de aveia porque me gusta introducir a avea na dieta. Teño o leite prequentado e vou engadindo e remexento sen parar ata que se mesture ben todo e parezan papas. Ahí engado o queixo relado, (catro queixos), noz moscada, sal, pementa moída,  a peituga de pavo natural cortada  e as endibias cortadas. Mesturo todo ben e poño na fonte do forno acabando cunha capa do mesmo queixo e ao forno ata que dore por enriba.

As endibias son unha verdura moi depurativa e fan sentirse moi ben despois de telas comido. Non son nada pesadas. A min gústame o sabor amargo tanto das endibias como dos espárragos, alcachofas, grelos...
E velaí o resultado! Listo para comer!



Adicado a Manuel Vázquez, grande fan dos Iron Maiden, unha banda do East End de Londres que tocaba nos pubs que eu frecuentaba naquela época e que se os vin, pasáronme desapercibidos!



mércores, 16 de febreiro de 2022

NAUFRAXIO




 Hoxe, a nosa bandeira ondeia a media asta. Os galegos e galegas sentímonos tristes porque a traxedia tinguíuse de negro nun lugar remoto e xélido. Vintecatro homes navegaban en mala hora por augas de Terranova na procura do noso substento e do deles. So tres están con vida, que se saiba. A nosa xente, e digo nosa porque, aínda que veñen doutros lugares, están aquí traballando, xa que o mundo non ten fronteiras, é de todos e de todas e o mar tampouco é de ninguén. 

Tantas familias desamparadas e sumidas na dor de perder aos seus, sen saber aínda... mantendo a  esperanza no medio da desesperación. Qué lonxe, que triste, que incertidume, qué impotencia...

Nun abrir e pechar os ollos algo se foi a pique, se fundiú nas profundidades, nin tempo a dicir ai!

Cemiterios mariños onde os nosos seres non  teñen o lugar soñado, nen as flores que adornen a sua sepultura nen as bágoas que reguen os recordos... so o salitre ten a última palabra.

DESCANSEN EN PAZ

Beatriz Pin


    Poema da amiga Sonia Melón:

Bágoas de sal
Entran na terra abrindo sucos, imposíbel de fechar
A tristura durme na cama dos corazóns magoados
Os seus latexos sentan en cada paso que, as veces dubidan en seguir a camiñar
O mar, danza ao ritmo da música que escoita
I, os seus pés van pisando sen ollar
As bágoas de sal
Deixan tanto baleiro que, xa non queda máis que chorar.
Sonia Melón Parente


Juaquín Sabina lendo "Los heraldos negros" de César Vallejo, poeta peruano.




xoves, 10 de febreiro de 2022

COMPOTA DE LARANXA

 


Gústanme os lugares onde se dan ben as laranxeiras e limoeiros. Eso siñifica que o clima é mais suave que no lugar xearento no que habito e onde nen os mazaeiros aseguran colleita cada ano.

Estando de visita nun destes sitios, unha amiga, agasalloume cunhas poucas laranxas do seu laranxeiro. De contado, pensei facer con elas a compota que tanto me gusta, sobre todo a de laranxas amargas.

Pois foi chegar de volta e acometer a laboriosa tarefa de convertilas en marmelada que me ocupóu case a mañá enteira porque aínda que é sinxela, leva tempo preparar as laranxas, para espilas das capas de pel que a protexen. Primeiro quitarlle a mais externa coidando que non leve parte branca. Logo pelar a parte branca pra deixar a laranxa que se vai compotar, cortar a pel exterior en xuliana moi miudiña para engadir ao resto...




Eu empreguei azucre integral de cana e por eso saíron cunha cor mais oscura que as que se ven no video. Pareceume unha receita axeitada e doada de facer, ben explicada paso a paso e así fun levando a cabo a elaboración sen poder facer outra cousa nesas tres ou mais horas que me levóu.

Tamén leva tempo preparar os tarros que deben ir esterilizados e coas tapas en bo estado. Pero o resultado é compensador e tratase dun producto natural, ecolóxico e con pouco doce. O sabor quedou moi gustoso. Fará as delicias das miñas torradas do almorzo ou para acompañar cun pouco chocolate negro á hora do café...ou  mesmo para engadir a algún prato salgado ou rechear un bolo.


E aquí termino, coa compota xa entarrada para gardar e ir comendo ao longo do ano 2022.

Deixo a foto dos tarros, boca abaixo. Deben permanecer así vintecatro horas para logo gardar na despensa. Facendo o vacío deste xeito mais económico porque, outra maneira sería cocelos a baño maría media hora. Pero en tempos de aforro enerxético hai que miralo todo. 




domingo, 6 de febreiro de 2022

ZOCOS E ZOCAS

 



Meu avó e tío maternos, facían as zocas para toda a familia e mais algúns encargos para a vecindade. Non vivían desa profesión pero sí que tiñan moita habilidade para esa laboura e viña a ser como un pasatempo, xa que se adicaban a outras moitas cousas, como a labranza, a construcción...

Os zoqueiros profesionais, igual que carpinteiros e costureiras, acostumaban ir traballar polas casas e pasaban varios días ou semanas traballando nelas, dábanlles as comidas e mais cobraban algo polo seu traballo. 

As miñas primeiras zocas, pequeniñas e feitiñas, rebuxadas con un bonito deseño foron o primeiro que calzaron os meus pes de nena que empezaba a camiñar. Fixéramas o señor Francisco do Real e gardeinas moitos anos, ata que, ca reforma da casa, desapareceron. Eran como de xoguete.

Seguín usando zocas toda a miña infancia. Había zocas de home e de muller, sendo estas  últimas mais escotadas, abertas e as dos homes mais cerradas. 

As chamadas madreñas ou zocas de zapatilla, porque permitían usar unha zapatilla por dentro delas e manter así os pes mais quentes, tamén porque para estar na casa, subir aos cuartos, deixábanse as de madeira na entrada e subíase en zapatillas. Unha boa costume!

Tiñan como tres pes, da mesma madeira, eran todas de unha peza, de madeira de vidueiro,  e poñíaselles unhas tapas, aseguradas con cravos finos, para que non se desgastaran. Era algo difícil camiñar con elas mentres non te acostumabas, pero, logo, nonas cambiabas por nada.

Na miña casa aínda se poden ver algunhas zocas e mais un zoco de empeña que eu levei de rapaza para ir á escola e que tiña como unha polaina de coiro que protexía mellor do frío e da auga.

Hoxe tamén hai zoqueiras. Daquela eran todos homes os que exercían esta profesión. Agora, volveu a moda dos zocos e hai deseñadores e deseñadoras que se adican a eso e venden os seus productos para bailadores e bailadoras que as usan nas suas danzas tradicionais e tamén para lucir en algún espectáculo,  ou mesmo para usar na rúa!








María Ostiz, canta unha cantiga galega, medio en castelán, medio en galego. Unha das estrofas di:

Hoy te vi pasar el río
Hoy te vi pasar el río,
con zoquiñas de madeira,
ibas tan remangadiña
al pasar pola ribeira.




martes, 25 de xaneiro de 2022

BAILAR PEGADOS

 





Bailar pegados ou non é unha opción ou non. A veces, acontece que non tes a quén pegarte!
Pero bailar contigo, sen outros, está sempre "a  man".
O meu día componse de moitos momentos que eu vou deseñando seguindo, case sempre, o que o corpo me pida ou as obrigas me impoñen, dalgunha maneira. Son os "deberes" de mantemento, que van dende xestións de todo tipo, tarefas de confort, como ter o leñeiro cheo de leña para o inverno, a poda das árbores e plantas no seu tempo, a plantación da horta, cortar a herba... e preparar comidas, roupas, limpeza... pero tamén temos que atender a aquelas obrigas que son chamadas de "lecer", de coidado do noso estado físico e psicolóxico e que moitas veces, por perguiza, desantendemos ou adiamos, acabando por non cumplilas, a maioría delas. 
Pois ben, eu recomendo ter un tempo para cada cousa, incluso un horario, e comprometerse con él.
Nestas xélidas mañás, nas que os motores están fríos e case o corpo parece que se conxelóu, despois dun almorzo saudable, poño en marcha a  miña rutina de exercicios que aprendín cun excelente monitor de xinasia, cando era posible ir facer esa actividade no entorno da piscina de inverno, con sauna e demais... Non esquecín ningún dos exercicios de quentamento, empezando polos pés, acabando pola cabeza, percorrendo todos os músculos do corpo ata que notas que o sangue flue e quenta e entras nun estado de benestar que xa che permite facer outro tipo de cousas, como sentarse a escribir aquí, mentres os garbanzos cocen na ola exprés e podes despreocuparte dun xantar complicado.
Outra das cousas que fago é bailar, sobre todo despois de cear, sobre as oito do serán. Poño a radio na emisora de As Nogais e ahí  teño música de todo tipo: bachatas, cumbias, merengue, rumbas, reguetón...
Deixo que o corpo flua, se exprese, e ao tempo que sigo o ritmo, movo todo o corpo, brazos, mans, cadeira, pernas... Ven sendo outra xinasia, que ademais, lémbrame a do monitor que citei xa que sempre a faciamos con música e, as veces, iniciábanos a bailes latinos.
Tamén fago uns exercicios con pesas (botellas de area, no meu caso) duas veces por semana e noto que os músculos van tonificándose e sentíndo mais forza en pernas e brazos.
Por suposto que non descuido a alimentación! É fundamental combinala co exercicio físico e tamén co mental. Despois do meu cafeciño con bombón ao final do almorzo, sempre me relaxo lendo un bo libro. Neste  intre estou lendo Sexus, de Henry Miller. Mágoa que o libro non está en inglés porque aprendería un montón de nomes para certos órganos, :-))
E deixo aquí a Sergio Dalma con "Bailar pegados", que é a miña asinatura pendente porque non hay mellor terapia que bailar pegado á persoa axeitada, á persoa pola que tes sentimentos doces.
Asegúrovos que despois de bailar, síntome nova, con moito ánimo, contenta, FELIZ.

Esquecín dicir que practico marcha nórdica duas veces ao día!






sábado, 15 de xaneiro de 2022

ROTEIRO POR PARQUES EÓLICOS






Sábado. Agardaba un día normal. A pota do caldo de castañas xa estaba ao lume. Preparando o meu almorzo, despois dunha ducha. Vestida para as temperaturas baixo cero destas xélidas mañás, estilo cebola. Seis capas entre camisetas, polares e chalecos polares tamén.

Soa o teléfono xusto cando ía almorzar. Era hoxe o roteiro e non mañá! O que acontece por  non saber en que día se vive.

Deixei todo o que tiña en marcha e collín botas, mochila e bastóns e co coche, enseguida me presentei no lugar sinalado, a deshora, claro. Agardaban por min. Eramos un grupo pequeno. 



Empezamos a camiñar pola pista que se abrira con motivo da "plantación" de aeroxeradores, haberá dous ou tres anos. Estabamos no concello de Castro Verde, que ficou rodeado por estes papaventos, sen comelo nen bebelo. Ningúen puxo obstáculos, ninguén preguntóu á veciñanza. Planifican no noso, sen nós! Saben que aquí non queda quén proteste. A xente maior so quere calorciño, veña de onde veña, pero as facturas da luz, sí que as vemos e temos que pagalas a prezo de ouro, con todo ter plantado tantas hortas con productoras de enerxía eléctrica, e aturar o ruxido que fan e, secadra, outras consecuencias...



Pero esquecendo os "contras" e indo aos "pros", a paisaxe era espectacular. Cos Ancares ao lonxe, sen neve, o sol aquencéndonos, a xeada cubrindo o fermoso val que se estende  amplo e chán, entre elevacións de non mais de cincocentos metros,  aldeas que outrora estiveron incomunicadas e que gardan esa "esencia" da chamada "Galicia profunda", cas chemineas fumeando, os animais gardados e as xentes de portas adentro. So algúns cabalos, que durmen fora, amosáronse ledos por ter visita e mesmo nos demostraron o seu porte, camiñando como por unha pasarela ou facendo unha carreira estilosa.



Pasamos por unha aldea chamada Foguentelle, que ten unha fonte cun bo cano ao pe do camiño. Por Furís e outras das que non lembro o nome.

Eu tiven que rematar a andaina antes de tempo para aproveitar que alguén me ía levar de volta ao coche que deixara ao principio, por non chegar a tempo de coller o autobús en Castro Verde. Así aínda podía seguir cos plans do meu día, como o caldo de castañas, poñer a lavadora...



Hoxe toca xantar mais tarde do previsto pero non importa. Sempre se aprende algo novo estando con outra xente. A pandemia fixo que nos afastaramos destas actividades que tanto aportan no plano humano e de coñecemento de lugares pero agardamos que todo volva a ser como era antes.




Engado o texto que me deixou unha amiga no Facebook



domingo, 9 de xaneiro de 2022

DE EPÍSTOLAS E EPISTOLARIOS





 Meu avó materno era aficionado a ler e escribir cartas a toda a familia. Miña nai tamén era a que mantiña comunicación con seus irmáns e irmás que estaban lonxe da terra. Mesmo lle escribía as cartas a algunhas personas da parroquia que eran analfabetas. Coa chegada do teléfono, foise perdendo esa costume pero eu, xa dende ben nova, adquirín ese hábito e podo dicir que escribín perto dun milleiro de cartas.

Nos primeiros tempos, sacaba enderezos de famosos e famosas, das revistas que meu pai mercaba cando ía á cidade ou que facilitaban na radio. Sobre todo de cantantes daquela época aos que lles pedía fotos, autógrafos... Unha das que mais me gustóu fora a dos Mustang, que era un grupo de músicos xovens e o cantante, Santi, era o meu preferido. Tiña as paredes da taberna cheas de cartaces, fotos...e coa vitrola no mostrador (barra, hoxe) semellaba un pub dos de agora mais que unha cantina de aldea.

Xa na época de estudante, empecei a relacionarme con xente que tiñan os mesmos intereses ca min: falar e escribir en galego, a poesía... así foi como entablamos unha amizade por correspondencia que en algunhos casos tamén tivo matices mais íntimos. Como non había teléfonos nin internet, eran as cartas as que nos mantiñan en contacto. Gardo con verdadeiro esmero aquelas que mais me interesaron e que son de personas que chegaron a ser importantes no mundo das letras e das artes. 

Durante a miña vida profesional como mestra de inglés, intentei inculcar ao alumnado esa costume de escribirse con xente do seu igual doutros países. Así foi como durante catro e mais anos nos carteamos con alumnado de Finlandia, de Chequia, Italia e Rumanía, dando lugar a intercambios escolares que  foron pioneiros aquí no rural galego. 

Hoxe, volto ás cartas para poñelas a salvo do tempo e do abandono, pasándoas ao ordenador e quizá aveirando a idea de poder facer con elas un epistolario como estes que estou lendo de Emilia Pardo Bazán a Benito Pérez Galdós, dous escritores de "primeira" da nosa literatura do S XIX. ou o que se rercolle noutro libro que acabei de ler, Cartas de Amor Salvaje(s) que é unha escolma das epístolas que se intercambiaron, escritores e escritoras  tanto europeos como americanos dende o S XIX ata primeiros do S XX.

Deixo aquí a foto de portada destes dous libros que me "engatusaron" e que desbordan paixón e arte de amar e de escribir.

Seguirei indagando noutros epistolarios, xa que neles atópome ca autenticidade dos seres que os escribiron, a sua vida íntima, o seu sentir e forma de pensar, refléxanse muito mellor que nas obras que nos deixaron.





Música do grupo Los Mustangs que cito no meu texto.



sábado, 1 de xaneiro de 2022

ANO NOVO 2022

 



A mañá presentábase así de corida e auguraba un día de sol, con temperaturas de vinte graus, aquí, no interior de Galiza. Din que non sucedera dende 1987 ter unhos días tan quentes en pleno inverno.

Un día para ir ao mar, pasear pola praia e despedir así o 2021.

Emprendín viaxe á Mariña e cal non sería a miña sorpresa cando ao pasar polo Alto da Cancela, o punto mais alto do percorrido, aparece diante de min un fermoso cabalo branco que non se sabía ben se ía apartarse hacia a dereita ou hacia a esquerda. Un risco poñerse a adiantalo, levando coches detras e bici polo lado. Nin que dicir ten que me emocionóu iste incidente como se fose outro augurio engadido que facía que o día fose especial e marcado polas sorpresas.

Cando cheguéi a Lourenzá, terra de fabas, decidín facer unha parada e ver toda unha exposición de Nadal, diante do Mosteiro de San Salvador, do S. XII e que é un lugar emblemático porque por esta vila pasa o Camiño do Norte  a Santiago de Compostela.


Xa a medio camiño da costa, fun direita á praia de Llás e fíxenme unha selfie co mar ao fondo. A praia estaba case sen xente e a pouca que había paseaba cas suas mascotas, entre elas, unha gatiña co seu arnés igual que un can. 

Despois dunhos cantos paseos pola praia, despedinme de tan apetecible lugar, non sen sentir mágoa por ter que facelo pero quería mercar a miña cea de fin de ano antes de que os supermercados se enchesen de xente e poder volver xantar á casa.



Así son as miñas escapadas que me levan á luz do mar, á sua brisa, a ese ímpetu que me transmite enerxía positiva e me fai sentir libre e infinita.



OS MELLORES DESEXOS DUN ANO Á NOSA MEDIDA!

domingo, 26 de decembro de 2021

ROTEIRO POLO CAMIÑO PRIMITIVO: Soutomerille



 


Coas asociacións Amigos do Patrimonio de Castroverde e Pasada das Cabras de Burela iniciamos un percorrido dende Castroverde, seguindo o Camiño Primitivo, o mais antigo camiño a Santiago de Compostela e un dos mais populares a día de hoxe polo seu interese paisaxístico e por ser un dos mais rectos, e dicir, que non se anda con rodeos, aínda que sí, ten algúns tramos desviados do orixinal.
Non era a primeira vez que o andivemos nin será a última, agardemos!
Para mín, é sempre novo porque cando imos en grupo apenas me fixo por onde vou, de tal xeito que non consigo aprendelo por min misma e eso cáusame problemas se intentara facelo en solitario, claro que ten indicacións pero eu son tan distraída que, as veces, collo por onde non é.
De todos modos, non sempre se ven as cousas da mesma maneira, ao igual que podo ler un libro que xa lera no pasado e non me soa de nada, igualiño que se fose a primeira vez.
Pois igual me ocurre cos sendeiros. 
O mais interesante que temos neste traxecto é Soutomerille. Ali consérvanse, medio en ruínas, un pazo, unha igrexa e un cemiterio todos eles de un grande valor histórico e patrimonial.
O cemiterio so ten tres panteóns. Considérase un dos mais pequenos de Galiza. O seu estado de conservación é bastante aceptable. 



A igrexa é prerománica e de orixe visigótica ou mozárabe a xulgar pola fiestra con arcos de ferradura. Foi reformada en 1619 segundo a inscripción que hai sobre a porta  e tamén se conserva bastante ben. Non está en uso. As poucas casas que formaban esa parroquia foron desaparecendo, como o irán facendo tantas outras da nosa Galiza despoboada que xa se convirten en aldeas pantasma.
Unha propiedade que aínda conservaba algún alpendre foi mercada por un paisano de Valladolid. Está situada xunto a un río e unha canteira de area que deixóu zonas lacustres ao seu redor e o novo propietario considera que a auga acadará prezo de ouro no futuro, polo que coida fixo unha boa inversión.

Despois de admirar estas reliquias do pasado e de darlle honores a un castañeiro centenario que se conserva perto da igrexa e que tivo mellor sorte co seu compañeiro que caéu e agora convertíuse en monumento xunto ao albergue de peregrinos en Castroverde e non por arte de maxia, senón polo empeño que puxo a Asociación en que así fose.
Logo dun traxecto por lugares idílicos e outonais entre prados e carballeiras, chegamos a unha pousada de peregrinos: A Pociña de Muñiz, onde nos agardaba un café de media mañá e petiscos variados caseiros que degustamos con sumo placer alí no porche e espaciado curral que fora antano e que garda lembranzas dos apeiros utilizados na casa labrega galega.



Despois dese alto no camiño e de agradecer a deferencia que tiveron con nós, continuamos o camiño ata final de ruta, onde nos agardaban os autobuses que nos levarían de volta a Castroverde e a outros a un restaurante de A Fonsagrada onde degustarían un auténtico cocido galego.





Banda de gaitas Zucurrundullo (Castroverde)

mércores, 22 de decembro de 2021

O APALPADOR

 


Entre o 20 e 23 de decembro, no Hemisferio Norte, entramos no Solsticio de Inverno que no mundo celta era o Yule. Estes cambios estacionais eran celebrados de maneira especial con festexos, rituais e ofrendas que logo darían paso aos agasallos actuais.

Aquí na Galiza, tiñamos un persoeiro moi curioso de aspecto xigantesco, barba vermella e vestimenta con moitos remendos, na chaqueta sobre todo,  que representaba o que Papá Noel, ou Santa Claus, nos países nórdicos ou a bruxa Befana en Italia veñen a representar agora no mundo globalizado pero que se mantivo un tanto oculto e descoñecido a raíz de que se impuxo a moda de adoptar persoeiros doutra orixe como os Reis Magos de Oriente, anos atrás, e mais recentemente o home das barbas brancas.

O Apalpador, era un carboeiro, que vivía nas montañas luguesas, (de Lugo) e que unha ou duas veces ó ano, coincidindo co Solsticio de Inverno, baixaba a asegurarse que os e as mais cativos non pasasen fame e traíalles unhas castañas quentes, ou asadas como agasallo  alén de enredos feitos con madeira para quenes se tiveran portado ben e estiveran mais mantidiños, e dicir, que tivesen a barriga mais chea, de ahí o seu nome Apalpador pois era o primeiro que apalpaba para saber se comeran ben.

Tamén se coñece un vello ritual que consistía en manter aceso na lareira un madeiro de carballo, ao que chamaban Natarego, durante o Solsticio de Inverno até o Ano  Novo, ao que logo se lle daba outros usos ao longo do ano, acendéndoo en caso de treboadas, para curar o  gando ou como fertilizante nas terras. Esta tradición, data do S XII ata o S XIX e principio do S XX e estaba moi estendida por toda Europa.


Este tronco de nadal, elaborado pola amiga e lectora do meu blog, Iria, representa o Natarego. A receta coido que a encontrou por terras do Courel da nosa provincia de Lugo, de onde O Apalpador ten orixe.

Onte, en Santiago de Compostela, participei nun pasarúas organizado pola "Escola de Ensino Galego", que percorreu a zona vella da cidade, con música, escenificacións, bailes e cantigas, a golpe de tambores e candeas de pau acesas  e repartindo folletos informativos sobre O Apalpador  para espallalo e dalo a coñecer como algo noso, local e á man.

Tal vez sexa hora de ir trocando ídolos alleos polos propios, como ocorre co Halloween, que non é outro que o noso Samaín.

Entre tanta confusión e competencia, xa non sabemos a quén pedirlle os agasallos e ao igual co que pasa coa lingua, haberá partidarios e partidarias de uns ou de outros e ao fin e o cabo, trátase de consumir mais da conta e encher as casas de cousas que acaban no lixo unhos días despois.

Gustóume a mensaxe do Apalpador : o mellor agasallo é o amor, a ledicia, o coidarnos mutuamente e querernos, ter harmonía, paz e saber apreciar as pequenas cousas, a natureza e todo o bon que nos rodea e que é de balde.

BON SOLSTICIO DE INVERNO!






sábado, 11 de decembro de 2021

MADALENAS DE CABAZA



 Creo nos días máxicos. Días nos que a enerxía flue e convírtese en resultados sorpresa. Unha simple saída, sen chuvia, á cidade mais próxima. Compras de comida. Piscina para rematar a mañá. Unha rúa para min soa. Menos de dez persoas nadando. Como a min me gusta! Retorno sen problemas. Xantar xa  feito. Sobremesa con lectura de Almudena Grandes, "Atlas de geografía humana". Paseo a boa marcha con e sin Noa. Bo lume para quentarse. Moitas horas de sono, cousa rara! E acordar con enerxía, con ilusión, con auga quente, con ganas de cociñar... TODO FORNO!

Despois de preparar o que sería o meu xantar, (almorzo en portugués) consistente en un codillo de porco asado xunto con patacas, cenorias e cabaza, todo asado, decidín seguir utilizando ese medio de cociñar e fixen as madalenas que me dixeran que saíran moi boas da outra vez que as fixera. Foi unha receta que encontrei en Internet, e quitándolle a metade de azucre recomendada, quedaron ao meu gusto.

Deixo aquí a receta:

Ingredintes:

365 gr de cabaza asada./ 80gr. aceite oliva extra virxe. /culleradiña de extracto de vainilla./ 2 ovos tamaño 2. e TRITURAR.

180gr fariña espelta branca (eu puxen metade integral)./ 200gr azucar moreno (puxen 100gr)./ 7gr bicarbonato sódico. / 1culleradiña de café de sal. / 5gr canela en pó. / MESTURAR BEN

Engadir á mezcla de cabaza e ovos, mezclando ben.

 Poñer nos moldes (so ata a metade). Fornear 50 min. (no meu forno xa estaban en 15 min.) Pinchar cun palillo e se sae seco, están. Forno arriba/abaixo a 180º (eu puxen a 150 ou menos). Enfriar sobre rexilla 15min.

Bañarlles a cabeza en chocolate negro previamente derretido cun pouco de manteiga no microhondas. Gardar na neveira 15 min ata que enfríe o topping de chocolate e xa as podemos PROBAR!






Feitas con amor

para alegrar o día.

De cabaza laranxa

con canela e vainilla.

Con top de chocolate

van estar de remate.

BON APPÉTIT!


sábado, 4 de decembro de 2021

CHUTNEY DE CEBOLA




 Que perfecta é a cebola

como loce, como mola

e caramelizada

delicia conservada.

Beneficiosa  calada,

capa sobre capa,

sempre abrigada.

Cruda ou en chutney

favorita de Bob Marley.

Contigo pan e cebola,

din os enamorados...

Co tempo tod@s el@s

acaban decepcionad@s.

Dunhas bágoas agridoces

ninguén te vai librar

cando con cebolas

se che ocurra tratar.







THE END


Joan Manuel Serrat cantando Nanas de la cebolla, poema de Miguel Hernández