www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 19 de xullo de 2026

FUNDACIÓN VAC-AN

Cando as imaxes falan por sí mesmas, non é necesario moito máis. Pero contarei a experencia da miña visita a este local creado á medida para gardar a memoria dun pintor lucense: José Vázquez Cereijo, sobriño do poeta Luís Pimentel.

Era un venres e quedara con Anne Nikitik na Rúa do Prado, 27, A Milagrosa, Lugo, para que me ensinara este lugar adicado á custodia da obra do seu falecido home, José Vázquez Cereijo.

Primeiro direi como coñecin a Ann. Ela ocupou o meu posto de profesora de inglés no CEIP de Baleira cando eu pasei á xubilación. Sorprendeume que sendo escocesa, de ascendencia bielorusa, se fixera profesora mediante oposición e conseguise un posto nesta escola rural na que pasou varios anos. O seu galego é moito mellor co meu e o seu estilo como ensinante, lémbrame sempre ás profesoras inglesas que eu coñecín nos meus cursos en Inglaterra e Irlanda, ou nos de perfecionamento aquí en Galiza.

Moi creativa e multifacética, sempre deu o mellor de sí para conseguir que o alumnado tomara en serio a lingua estranxeira, a través do teatro, a música, xogos...

Ela coñecera ao noso pintor en Madrid. De feito deulle aulas de inglés cando él vivía tamén en Madrid.

De aí saíu unha relación que os levaría a ser parella e logo de viaxar por moitos sitios decidiron asentarse en Lugo na casa da Praza Maior que todos coñecemos como a casa de Luís Pimentel.

Cando él falecéu, Ann quedóu con toda a súa obra e sen saber qué facer con ela. Pedíu asesoramento mesmo ao escultor Paco Pestana e foi editando folletos para dibulgala pero aspiraba a moito máis. A algo que só o seu tesón, vontade e esforzo a levaría a mercar dous locais no bairro da Milagrosa para crear unha fundación na que se recolle o legado do pintor, con todas as súas obras, recordos, coleccións... e conseguíuno. Cóntame que tivo moita axuda para o seu proxecto, aínda sen terminar, pois vai ser ampliado e reformado e ela non vai parar ata conseguir que todas as cousas que hoxe se atopan archivadas, estén expostas como se merecen. 

Os meus parabéns e que alguén que puxo tanto amor e empeño no que foi sempre o seu soño, teña a visibilidade que se merece, tanto a obra do pintor como o traballo de Ann Nikitik por conservala. 











venres, 10 de xullo de 2026

LILAINAS


 Onte, nove de xullo, fun de viaxe co grupo Galicia Infinita, que nos achegou ata Portonovo, na costa pontevedresa, corazón das Rías Baixas, para pasar un día de praia e de feira.

Saímos de Lugo ás 8:00 nun autobús grande, onde o chófer fixo tamén de simpático guía turístico que nos ía poñendo ao tanto de todos os detalles da viaxe no tocante ao tempo, duración, parada  a medio camiño e diversas alternativas para desfrutar da xornada. Lembroume aos conductores de excursións en Irlanda que tamén fan ese tipo de doble tarefa e sempre co sentido do humor que os caracteriza.

Antes de chegar a Portonovo xa vimos que había retencións na estrada e él colleu outra vía menos concurrida para poder levarnos o máis achegado posible ao centro urbán.

Cando chegamos, cada quen colleu o seu rumo. Uns foron cara ao  mercadiño que se celebra os xoves. Tamén había moitos stands de artesanía que están todo o verán. Outros, malia á bretemosa mañá que se presentaba, foron directamente á praia de Baltar que é a de Portonovo, alí mesmo onde nos deixou o bus.

Eu, que non quería meterme no barullo do mercadiño, encamiñéime a Sanxenxo, seguindo a pasarela que vai pola liña de praia, interrompida so por unha punta ou pequeno cabo que divide as dúas vilas e que é zona axardinada. Dende alí, xa se poden ir vendo os primeiros hoteis de catro estrelas antes de chegar ao centro de Sanxenxo. Había xente que se dirixía á feira de Portonovo. O paseo e a praia da afamada vila turística galega por excelencia á que eu me refiro como a Marbella galega, tampouco tiña a aquela hora moitas persoas e seguín comodamente o meu paseo ata o final, onde está o porto, moitas tendas náuticas e de coñecidas marcas ás que entrei a curiosear.

Dirixínme ao que puido ser a parte antiga da vila, que conserva as construccións tradicionais, ten unha praciña e moitos cafés arredor dela nos que vin xente local tomando o café da mañán, sen sofisticación nin tanta imaxe turística e decidín entrar nun que me chamou a atención por ser de pedra e estar nunha esquina. Unha vez dentro, o primeiro que ollei foi para as tapas de biscoito que tiñan pinta de ser caseiras. Senteime a carón de dous paisanos que falaban de cousas normales co xornal diante. 

Pedín o meu café clariño sen lactosa e con él veu o petisco de biscoito que me soubo a pouco. Fixéime nunha foto con marco, pendurada na parede ao lado da porta de entrada. Poñía Lilainas e debaixo, Antonio Castro Martínez. Supuxen que sería o autor pero logo descubrín que era o título dun libro de contos del, no que honra ás mulleres de Sanxenxo. A foto amosa cinco mozas que deberon ser coñecidas por algo. Lilainas pode ser un alcume un tanto despectivo, siñificando persoa de pouco peso ou xuízo.



Así é o nome do local no que entrei como levada do meu instinto de percura do insólito que teño moi arraigado por andar case sempre soa.

Logo deste encontro con algo especial, voltei a Portonovo por onde viñera e topeime coa xente que viña de volta do mercadiño, carregada con bolsas.

Era a hora  que quedara coas miñas amizades pontevedresas que se achegaron para pasar o día comigo.

Alí estaban nai e fillo agardándome. Él tiña un libro na man pero eu non sabía de que libro se trataba. Parecíame raro que el viñera cun libro na man e todo o tempo o sostiña. Logo de poñernos ao día, tendeume o libro e, diante dos meus ollos estaba Arbol de la Vida, escrito por súa nai e editado por él.

Marina Filgueira García é unha muller que escribe nun blog dende o 2007, unha vocación tardía que deu abondantes froitos. O seu blog, que eu sigo dende fai tempo, é  "Mi pasión, la poesía" que leva máis de trescentas entradas feitas dende daquela. A miña sorpresa non podía ser máis grande e a ledicia aínda a superou. Eu viña, precisamente a tratar de convencer ao seu fillo, Gonzalo, que lle recollese a Marina os seus poemas nun libro. E ese traballo estaba feito e ben feito!  


Agardábanos un xantar nun coñecido restaurante da vila no que preparan ben a caldeirada de raia e aló nos diriximos. Ata nos permitimos o luxo de beber un ultrea godello branco de orixe berciano que maridou perfectamente co prato escollido. Toda unha suma de praceres para celebrar algo que todos desexabamos que sucedera e así foi. Parabéns a Marina e a Gonzalo! 


Blog de Marina Filgueira García:

https//mayordeedad. blogspot.com