www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 26 de decembro de 2022

TARDE FILLOEIRA

 



Unha tarde de fillóas

ao estilo bretón,

con tres tipos de fariña

e raspa de limón.

Fariña de trigo normal,

algo de espelta integral

e con trigo sarraceno

máis oviños de corral.

Mágoa non ter convidad@s,

e a conxelar non probei,

así que ireinas comendo

e con Nóa axudando

que xa as quere comer

denantes de eu as facer.

Unha hora me levóu,

dúas tixolas ao lume

e, sen tregua, volteando.

Pero o mellor está por vir:

é a forma de as servir

ao puro estilo bretón,

torradiñas dunha en unha,

recheadas do que queira,

salmón, queixo, mel, canela...

Unha receita caseira

que eu mesma inventei.


xoves, 22 de decembro de 2022

VINTEDOUS DE DECEMBRO

 














        

         Cada vintedous de decembro

é día da lotaría.
Para min é moito máis.
Antes que os bombos finasen,
souben o que era ser nai.
Na soedade daquel cuarto de hospital
ti e máis eu fixémonos dous.
Ninguén nos axudaba a saber
o que era máis elemental:
darche de mamar.
O teu alimento non quería fluir,
os teus beizos non sabían tirar.
Ti e máis eu, no difícil momento,
sen ninguén que botara unha man,
perdidos nunha soedade sen fin…
Pero eu era feliz, malia a todo.
O teu corazón latexaba riba do meu
e souben que a vida íanos ser dura,
que criarte soa era a mellor opción.




domingo, 18 de decembro de 2022

ROTEIRO POLO RÍO AZÚMARA


 


Ultimamente estou facendo moitos roteiros cun grupo de amig@s e aprendendo máis cousas da miña contorna. 

O punto de encontro foi no castro de Viladonga, entre Pol e Castro de Rei. Antes de empezar, demos un paseo polo castro galaico-romano, ocupado no S.III dC , no que se aprecia a influéncia da romanización na construcción das casas en forma cuadrangular e non redonda como era común na cultura castrexa anterior á romana.

Entramos no Centro de Interpretación, e sempre hai algo que non viches ben a última vez, ou algunha innovación como a que nos chamóu a atención: unha representación en movimento das tarefas que se realizaban no interior das casas, como as relativas á lá, ao cocemento de alimentos, á alfareiría, construcción de ferramentas e mesmo como se durmía ao estilo romano. O castrexo tiña un pouco de frío ao deitarse naquelas casiñas frías e sen nada co que cubrirse.





Este sería o castro, representado nunha maqueta e na seguinte foto, a imaxen actual do estado do castro, cos e cas compañeiras dando unha volta polos arredores. Sopraba un vento medio furacanado que case nos tiraba das alturas por iso foi mellor baixarse a explorar o que foi aquela aldea primitiva das que encontramos boa mostra  por toda Galiza




Dende alí, dirixímonos a Castro de Rei, donde comezamos o roteiro a carón do río Azúmara que é un afluente do Miño e leva moita auga, quizais mais que leva o Miño por esas alturas.


A ruta era de algo máis de sete kms, sen grandes desniveis. Pasamos por algunhas pontes de madeira moi pintorescas nas que paramos a facer algunha foto. Logo fomos ver unha antiga mina de arsénico que deixóu o seu selo contaminante no rego que parte da mesma boca da mina.




Augas cubertas cun lodo amarelo e que aínda desprende un cheiro ao mineral que se extraía nesa mina.

Curioso ver unha placa cun poema de amor, xusto ao lado deste regato tan pouco romántico

.Biografía de Francisco de Fientosa - Búsqueda (bing.com)



Tamén se atopa unha laxe co nome dun traballador morto nesa mina. 



As minas cóbranse vidas e vida natural ao quedar os resíduos que non foron tratados nin retirados despois da explotación e debastando a contorna medioambiental dos lugares onde existiron. Triste realidade!



Dende o alto, a paisaxe que se estende á redonda é impresionante. Forma un círculo de alturas como unha circunferencia que demarca unha depresión en forma de vales. É como se quixeramos meter todo iso nunha imaxen pero imposible de abarcala. Non me sorprende que os nosos ancestros buscasen lugares así para poder vivir coa tranquilidade de non ser invadidos por alleos sen que se decatasen. 

Perto do punto de encontro inicial, castro de Viladonga, alguén se deu conta de que deixara no outro!  coche as chaves do seu. Eu xa berrei TAXiiii! Acababamos de ter outro final semellante ao da anterior andaina. Menos mal, que o causante deste imprevisto dixo que "a grandes problemas, grandes solucións" e así foi. Houbo que usar outro dos coches para poder ir buscar as chaves.

E sigo dicindo que TODO É BEN SE BEN ACABA!


luns, 12 de decembro de 2022

AVENTURA NA MONTAÑA


 Tres persoas, dous coches e moita enerxía para acometer unha ruta de mais de 15 kms.

Tratábase do sendeiro  Quintá - Donsal. 

Deixamos un coche nas Cabanas e subimos ao Couso no outro coche para comezar o roteiro dende alí.


As vistas eran espectaculares. Podíanse ver Os Ancares con picos nevados e toda a paisaxe era de elevacións considerables, con pastizais e moito arboredo autóctono aínda que, desafortunadamente, invadida pola especie  trabucada: os eucaliptos.


O día non  era solleiro pero tampouco chovía. Había unha lixeira neblina que lle daba ese encanto soñodar e misterioso que caracteriza á nosa paisaxe na que destacaban comunidades de árbores ben diferentes.


Fixámonos nestas uriceiras de forma cuadrangular, sendo as máis habituais as de forma redonda.



Estabamos seguindo o curso do río Donsal, cos seus muíños semicaídos, algunha acea en bo estado de conservación, moitas fervenzas e pontes de reciente construcción que sustitúen ás de antes feitas de algunhas táboas e travesas e sen barandas.


Unha mini central eléctrica, con un pequeno encoro e presa para desviar a auga do río, pasala pola turbina e volvela ao río despois, era un sistema de producir electricidade para o alumeado nas casas antes de que viñeran a electrificación por estes lugares do rural. A veces só se beneficiaba unha casa e era da súa propiedade.



Os patriarcas da fraga, deixábanse ver no seu estado ruinoso pero vivo, os castiñeiros de mais de 1200 anos deixaban constancia da súa lonxevidade e resistencia ás inclemencias do tempo.





Un alto no camiño, aproveitando o patio dunha antiga escola, acondicionada para asuntos comunais agora, tiña unha mesa con fregadeiro e alí decidimos facer a degustación do meu licor de noces e uns confites de laranxa bañada en chocolate. 




Os carreiros eran estreitos, pedregosos e algo esbaradizos polo que nos viñan moi ben as barandas, colocadas dun xeito artístico e orixinal que nos chamóu a atención.



Compartindo conversas e silenzos, a ruta parecía  interminable. Eu perdín unha luba, recollida por quen nos seguía atrás e así seguimos ata a hora de xantar, noutra mesa con asentos de tronco, húmidos, pero que cubertos ca miña capa de plástico, utilizamos de bo grado.



Cánto non se tería moído nesta acea! Unha construcción das mellores conservadas que fomos atopando a carón do río Donsal que rega terras de Quintá.



Dende este mirador, pódense ver os Ancares, ao fondo e outras serras con moitas penas que gardan as aldeíñas case despoboadas desta Galiza interior, de montaña, onde todo é costo e difícil para a vida que queremos hoxe. Apenas vimos xente. Un señor maior que afalaba a unhas cinco ou seis vacas co seu cencerro e o can axudándolle, garuleiro.

Mais adiante, tamén fariamos trato cun mastín que nos acompañóu un bo treito e foise sen despedirse, de volta para a súa confortable casa, unha das mellores que vimos na contorna.



Algo fixemos mal que nos saímos do roteiro e atopámonos nunha estrada, sen saber que sentido tomar. 

Non ía ser este o único percance que nos acontecese, alén de perder xa a miña mesma luba de novo e sen retorno. Quedei sen ela e ben que lle quería! Mais iso pouco ía importar, logo de horas e horas subindo empinadas costas e baixando, eu, de cú para non molestar os xeónllos que xa non querían seguir.


Camiñamos un bo treito a carón do río Návia. Lembreime da miña netiña que así se chama e tamén como o lugar Navia de Suarna, que non ficaba lonxe dalí.

O río ía ben medrado e algo desbordado a carón dos prados e pasando xa unha ponte atopámonos no final da ruta: en Cabana. Ai! pero un dos coches estaba en As Cabanas! E non era o mesmo un nome que outro, como se puidera pensar antes de coñecer os lugares. Así que, ao non atopar o coche onde o deixaramos... Estabamos totalmente indefesos. Fixemos cálculos dos cartos que podiamos xuntar entre os tres e chamamos o taxi que estivera mais preto para que nos levase onde deixamos o coche, que estaba a uns 30 kms. 

A aventura foi completa. Arrimados a duas casas restauradas, a carón da estrada. Sen un alma a quén pedir axuda, case raiando na oscuridade da noite, entre montañas e montañas sen xente, aínda puxen o dedo para facer auto-stop a un coche de cazadores que por alí pasaba, pero nada.

Ao cabo de pouco, chegóu o taxi dende Becerreá e moi atentamente nos levóu ao sitio mais próximo onde tiñamos un dos coches e servíunos de guía para ir ata o outro.

No medio dunha néboa espesa que apenas deixaba ver a estrada, fomos chegando á de Baralla - Baleira, onde cada ún de nós tomóu rumbo á casa, sen mais demoras.

All  is well if ends well!



Degustando os níscalos e lingua de vaca recollidos onte no camiño.

martes, 6 de decembro de 2022

RETAZOS OUTONAIS

 


Coniaster que estas na miña horta

engalanando un nadal inexistente,

ilumina cas túas cores a miña mente

que todo o demáis xa non me importa.



Un roce de gato

Un bico de can

Agarimo me dan



Limpido ceo azul

Sen trazas de nubes

Novembro cumple



Pacen placidamente

As vacas de Menán

Alleas a todo mal

Soias na parroquia están



O verde que relaxa

So cunha ollada

Préndeme os sentidos

Réndeme aos seus pés

Anímame a querelo

Devota me fai del

Os ollos deixo vagar

Sentindo benestar


(Acróstico de Beatriz Pin)


Ondas de nube

Suben ríos e vales

Prefiren ser herba

Remanso do verde

Altivas espigas

Dominan a terra

O lobo que soña

Ser amo do prado


(Acróstico de Juán José Lomarti)



Música: Vals dos vellos, por Carlos Alonso








mércores, 23 de novembro de 2022

CALDO DE CASTAÑAS

 




Cun trinco de touciño

Algo de unto de porco

Liscos de cebola picada

Descascadas as castañas

O caldiño imos facer

De primeiro os tres primeiros

E cando xa estan cocidos

Castañas, logo, engadimos

As patacas canda elas

Se tes unha ola expres

Telo doado de facer

Após dunha meia hora

Ñan, ñan no pensamento

Arrecemde que da pracer

Sal ao gosto e a comer.


(Acróstico)

Beatriz Pin Díaz



Receita de bombóns de castaña. (Vídeo)



sábado, 12 de novembro de 2022

CABREIRA

 


Un martes de novembro. Día de tódolos santos, acompañada por unha parella amiga, diriximos os nosos pasos hacia Cabreira.

Deixamos o coche en Sampaio, fixemos unha paradiña para ver as fervenzas e seguimos, a carón do Eo, polo camiño vestido xa de outono e ofrecéndonos  os seus preciados froitos: as castañas.


Facía un día solleiro, case de verán. Pois polo San Martiño, volve sempre un veránciño que pode ser duradeiro ou non. Este ano parece que é xeneroso e oferece días con temperaturas moi agradables que xa quixera para todo o ano!

Entre conversas, recollemos castañas para facer un magosto. 


Xa era case a hora do xantar cando chegamos a Cabreira. Aldea agochada entre montañas, protexida dos ventos e pola que pasa o río Eo no que se teñen pescado boas troitas noutros tempos.

Esta aldea de unhas dez casas, mais delas en ruína, outras aínda manteñen o tipo e duas delas están habitadas.

Petamos á porta dos meus parentes e ninguén aparecéu por alí. Entón, a veciña, Felicitas, convidóunos a entrar na súa casa e ofrecéunos unhos cafeciños. Era o día do seu oitenta e seis aniversario e movíase  pola cociña como unha moza. 

Foi un recibimento moi agradable e pasamos alí un tempo que se nos fixo curto pero no que repasamos lembranzas de outrora e lembramos persoas que hoxe xa non están pero que foron coñecidas nosas, mais que nada, dela e miñas.


Cabreira está nunha costa que vai ata o río. As casas, como descolgadas por unha ladeira, semellan unha fervenza de pedra.

Algunhas delas foron casas pudentes. Aínda se conservan en bo estado. Por exemplo a casa que está xunto á capela da Pastora onde se celebra misa unha vez ao ano pola Pascoa e a que tiñamos por costume acudir para logo xantar cos nosos parentes e parentas.

A casa de Mingos, no fondo, xunto ao río, cun hórreo tamén e con outras dependencias nas que houbo escola nunha delas. Conserva aínda os apeiros de labranza, o carro, a leña xunto ao forno de cocer o pan...


Seguimos río arriba para tomar o camiño de volta por outro lugar que nos levaría ata Esgrade, outra aldeíña de poucas casas, só unha habitada e con gando. Tamén alí nos ofrecían un prato de caldo. Era xa boa hora do xantar.

Fixemos algunhas fotos de cousas que nos chamaron a atención, como o aldabón dunha porta.


Logo continuamos ata Sanpaio, onde empezamos a ruta. Alegróume saber que viven bastantes veciños e veciñas alí. Duas casas foron mercadas fai pouco por xente de fóra e viven e cultivan hortas. 

Pasamos polo, que no seu día, servíu para poñer escola e na que estiven unhos días substituíndo á mestra cando aínda estaba facendo os meus estudos de maxisterio.

Detívémonos a vela por dentro e fixemos unha foto dun monolito que está a seu carón.


Así, fomos chegando ata o coche que deixaramos no comezo da ruta e acabamos xantando na miña casa. O día anterior, cando me avisaron de facer este roteiro, penséi en ter un caldo de castañas feito para cando chegaramos. 

Xunto cun bo viño e unhos "ósos de santo" de sobremesa, puxemos fin a este día tan cheo de boas experencias.




(Acróstico)

Camiñando ao pé do Eo

A Cabreira imos chegando

Baixiño o rio vai cantando

Rise o sol nos castiñeiros

E apañamos as castañas

Imos visitar a Pastora

Rezar para que algún día

Aldea habitada se volva.


(Agradecer a Iria e Sanse polas fotos que fixeron. Eu perdín todas as miñas)

sábado, 29 de outubro de 2022

ENCONTRO

 


Dous chocolates con nata

sobre mesa de mármore

nun lugar no que o tempo

se detivo a endozarnos.

Mais de corenta anos

sen saber unha da outra.

Ela novelista histórica,

eu,  sùa admiradora.

Pasóu unha hora curta

falando do cotidiano,

dende a India até a Habana,

dende marajás a escravos.

Andivemos polo mundo

e en Lugo nos atopamos.

Neste Lugo que partillamos

aló polos anos setenta.

En castelán e en galego

rolaron as  nosas conversas.




xoves, 20 de outubro de 2022

NUBE DE ACRÓSTICOS


 Fonte que non seca

Onde o Eo agroma

Nacín no teu leito

Tecíchesme a infancia

En ti arrolo os soños

Onde quero adormecelos



Fica medio esquecido

O hórreo dos de Benito

Nin rastro da casa queda

Todo baixo a estrada reza

E o hórreo coa porta aberta

O acubillo é dos paxaros



Chamada de Canónigo

Agora Casa Vita é

Saqueille todo o mellor

Acollín o seu valor

Viaxeir@s visitaron

Internacional ficou

Ten o meu fogar fixado

Ancorado na ilusión




Aspiro á felicidade

Vivo nas pequenas cousas
Interésome no Eo
Tamén no Nós e no Téu
Ando por camiños pequenos

Dende o Eo a Ribadeo
Onde me levan as musas

Pouso o pé devagariño 
Indo con fé no destiño
Vou deixando atras Fonteo
Illado no esquecemento
Doído despoboamento
Aldea que xa non ten
Lume acceso nin fé nel



 

Viña unha galiña
Impaciente, viña
Do galo quería
A súa atención

Revolcón do galo
Urxencia tomóu
Roéndolle a cresta
A galiña quedóu
"Lista, next, please!"




Vinvos medrar amodiño
Imaxinando a colleita
Días de contínua seca
Auguraban mal final

Recei ao ceo por chuvia
Un mes e outro mes tamén
Regaleivos os meus ollos
Aprendín daquel pintor
 Luz en vos quixo pintar

(Inspirado en "O sol do marmelo" pintura de Antonio López)