www.leriasdebea.blogspot.com
Translate
domingo, 24 de abril de 2022
XARDÍN POLINIZADOR
martes, 19 de abril de 2022
POR ONDE NOA NOS LEVA
Que o sitio sexa o mesmo de sempre non quer dicir que non cambie cada día. Se onte fixera o tempo que fai hoxe, Iria non podería ter feito as fotos do que nos foi saíndo ao paso. A luz non é a mesma, a chuvia murchóu as flores que ela tanto se emerou en fotografar, os ceos cambiaron a gris, apenas hai claros e o frío non deixa desfrutar do ambiente primaveral.
Antes de almorzar, emprendemos ruta polos sitios que Noa e mais eu transitamos a diario. Fomos pasando por lugares algo habitados, falando con algunha persoa que atopamos. Os nomes eu xa os tiña esquecidos pero lembraba os dos cans, dos cabalos...
Fomos parando para que ela puidera saborearse nas paisaxes que ofrece o rural do interior, sendo da costa, hai moitas cousas que nos diferencian e lle chaman a atención: os prados cheos de flores, (dente de león) que os cubren de amarelo e branco, con esas boliñas algodonosas e fráxiles que hoxe están desfeitas pola chuvia, as árbores en flor, os castañeiros centenarios, o río ao seu paso pola acea de Cuenzas, un roteiro obstruido polo desleixo, cando podía ser un lugar de paseo como foi noutros tempos, as leiras de navos en flor como os campos de tulipáns holandeses, os cabalos e os cans, as casas e os seus corredores antigos...
Pola tarde, continuamos a andaina por sitios aos que eu xa non me atrevo a ir soa. Había boas costas que subir, e os piñeiros impedían a vista aérea do val que se estende por terras do Eo, dende ónde se perciben desdebuxadas as alturas do Caurel ao fondo.
Rematamos na fonte do Eo para "admirar" os leóns que adornan o lugar, porque non se lles ocurreu poñer vacas, que son as que debían ter posto xa que elas eran as que baixaban noutros tempos a beber ao río. Incongruencias habelas hainas!
E aquí deixo algunhas imaxes que Iria me autorizóu poñer neste post e que me gustaron tanto que decidín darlles o protagonismo que se merecen. Ela é boa fotógrafa e pon alma no que capta!
Deixo aquí a reportaxe fotográfica da miña amiga Iria. Un desfrute para os sentidos!
mércores, 13 de abril de 2022
NOTAS E COMPOTAS
Algo bó ten a cidade
natureza domesticada
estampido de cores
Algo bó ten a cidade
que te embelesa
que te engana
PUDIN DE QUEIXO
Seguindo unha receta que puxo Kasioles no seu blog, aquí deixo o meu resultado. Eu fíxeno reducindo á metade todos os ingredientes, pero as porcións que deixo aquí son as que ela utilizóu.
INGREDIENTES:
750 cc leite enteira
9 queixiños ou o seu peso en queixo crema tipo Philadelfia
110 g. azucre
2 sobres de callada en pó
1 paquete de sobaos
Caramelo líquido
PREPARACIÓN:
1 Caramelizar base molde tipo cake
2 Nun bol amplio poñer leite, queixo, azucre, 2 sobres callada e 11 sobaos.
Cunha batidora triturar ata mistura homoxénea.
3 Poñer mistura na cazola e levala a fogo medio, deixar uns minutos, removendo ata que acade consistencia de natilla.
4 Verter no molde caramelizado .
5 Cubrir a superficie con sobaos. Presionalos un pouco.
6 Deixar temperar, cubrir con film e poñer na neveira ata día seguinte.
7 Pasar coitelo arredor e volcar na fonte de servir.
sábado, 9 de abril de 2022
OS GROBOS
Os Grobos fanse de rogar,
non se deixan atopar.
O seu segredo escondido,
cousa é de admirar,
un paraíso perdido,
illa verde e mineral.
Un labirinto mulido,
de veludo revestido,
de especimes exóticas,
de rechouchíos variados,
de conversas de paxaros,de camiños enleados
e xigantes lexendarios
que nos fixeeron soñar.
Agardemos que a follaxe
de sombra te vista,
de frescura e aloumiño
para andar o teu camiño.
Fotos de Jesús Trashorras