www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

xoves, 8 de febreiro de 2024

PAN DE TRIGO SARRACENO



 Unha experencia unida ao pan de trigo sarraceno comezóu coa chegada dunha parella da Bretaña francesa no 2012, que facían couchsurfing, é dicir, aloxarse de balde e compartir unha receta típica do seu lugar de orixen coa persoa anfitriona.

Para tal fin, pedíronme que trouxera do supermercado trigo sarraceno. Daquela non se atopaba nada con ese nome na cidade máis próxima. O que sí encontraba era espelta pero iso non lles valía. Polo tanto quedeime sen poder degustar uns creps ao estilo bretón, pero sí que me servíu de orientación para poder facelos eu mesma cando dispuxera desa fariña.

Así foi como descubrín que o chamado trigo sarraceno, non era tal trigo, senón unha semente, sen gluten, que se utilizaba para moitas receitas, incluso para facer pan sen gluten.

Unha vez que aprendín a utilizalo, empecéi a facer as nosas fillóas, usando tres fariñas, a normal de trigo, xunto con espelta e trigo sarraceno. Resultaban moito máis dixestivas e como eu xa convivira en Londres cunha rapaza bretona que traía creps cando ía á casa, tamén sabía que os recheaban con salchichas, ovo...e deixei voar a miña creatividade, facendo dos meus creps o prato estrela da miña cociña. 


Pero chegar a mercar ou facer pan de trigo sarraceno foi o seguinte paso, unha vez que me indicaron reducir o gluten e a lactosa na miña dieta por problemas dixestivos. 

Xa utilizaba o sarraceno en gran, que é semellante ao arroz pero máis esquinado, para guarnición dalgún prato, e a fariña para bizcoitos, empanadas...

No 2023, cal non sería a miña sorpresa ao descubrir unha panaderia da miña zona que elabora pan de trigo sarraceno. Comecéi a mercarllo e teño que dicir que é un pan moi caro comparado co pan normal pero para mín é como menciña. Séntame a mar de ben e gústame o seu peculiar sabor que non gosta a todo o mundo. Acostumo coller dous á semana e conxelar en rebanadas para ir sacando ao día.

O que ocorre é que a panadeira, unhas veces porque non ten fariña, outras por outro motivo, non sempre o trae e eu tiven a idea de facelo eu mesma. Todo o que necesitaba era trigo sarraceno en gran ou en fariña, psyllium, que é o que lle fai levedar un pouco, xa que por sí mesmo non leveda, e puxen mans á masa. Resultóume moi laborioso porque utilicei o gran, como me indicaba a receita, pero logo descubrín outras que utilizan a fariña e resulta máis doado de facer.



Para ser a primeira vez, non me queixo do resultado aínda que sí é verdade que ollóu menos que o que lle merco á panadeira. Tampouco é igual un forno de pan que un forno doméstico, e menos o meu, que está xa para o desguace! Con todo, é comible e senta moi ben. 

Deixo aquí a receita pola que me guiéi para facelo pero non descarto, no futuro, utilizar a fariña en paga do gran porque da menos traballo.

Non moita xente está enterada da existencia do trigo sarraceno e por iso eu quero con este post, dalo a coñecer para que outras persoas que non poidan tomar gluten, saiban facer un pan nutritivo, saudable e que se dixiere moi ben deixándonos content@s por fora e por dentro.


https://www.bonviveurutm.es/recetas/pan-de-trigo-sarraceno?



domingo, 14 de xaneiro de 2024

OS OVOS DA GALIÑA AZUL

 



A galiña azul non é tan só o nome que a Xunta de Galiza lle deu ás garderías infantís, pero sí que pode ser polo feito de que existe a galiña azul e ten unha longa historia malia a que eu a descubrira fai pouco, na miña propia aldea. Acostumo mercar os ovos das galiñas que viven libres e comen de todo o que encontran na horta, no curral, na aira, e que son consideradas "galiñas felices". Nunca lle lo preguntei pero semellan máis felices cas que viven encerradas en galiñeiros reducidos, por non mencionar as que viven hacinadas en granxas.

Investigando un anaquiño en Internet, entereime de que hainas de variadas razas: Andaluza, Extremeña, Chinesa... pero o que sí me chamóu a atención foi que as galiñas azuis europeas, proceden das autóctonas chilenas chamadas Araucana ou Mapuche, que logo de exportalas a EEUU, viñeron para Europa a primeiros do século XX.

Parece ser que o motivo da cor azulada ou verdosa da cáscara dos ovos, procede dunha mutación xenética producida por un virus que transforma a hemoglobina en biliverdina, un pigmento que se concentra na cáscara cando se está formando.




Caracterízase por ter a xema máis grande e a cáscara máis dura. Pola contra, non se descubríu que tivesen menos colesterol que outros ovos, pero sí máis proteínas. 

As galiñas azuis poñen menos ovos que as demáis galiñas e as que eu coñezo, gústalles poñelos na roupa vella que ten a dona por algún curruncho da casa. Son finas!

Tamén se caracterizan por unha cresta máis recortada e a súa plumaxe ten un toque azulado que destaca sobre o das compañeiras brancas.

Dende que as descubrín e probei os seus ovos... como que non quero outros! Pero non é para tanto. Simplemente que se puxeron "de moda" aquí na aldea e cando lle lo contei ás miñas netas, quixeron probalos e tamén queren que lles consiga unha ou dúas galiñas azuis.

A min gústame almorzar cun ovo de trres minutos, estilo inglés. Déixanme nutrida para toda a mañá!

Quen queira saber máis das galiñas azuis, poden visitar https://www.cope.es/n/616627





martes, 2 de xaneiro de 2024

ESTABA O SEÑOR DON GATO...

 


Na casa onde nacín, sempre houbo gatos. De pequena e de máis grande, viñan durmir comigo. Subían pola xanela, facían as súas carantoñas ata que se lles daba entrada. Acostumaba ser pola mañá cedo. Entraban primeiro polo cuarto de miña nai e dalí viñan direitiño a miña cama mentres eu aínda non acordara e cando estaban amasando en min, tentando cas patas, como acostuman facer, era cando eu me decataba do seu ronroneo e trafego enriba das mantas ata que se acomodaban nun buratiño que o meu corpo lles propiciaba e alí se quedaban. A min gustábame a súa compaña e non lle facía noxos ás posibles pulgas que poideran ter. Daquela non se reparaba nesas cousas. Os animais e as persoas convivían baixo o mesmo teito, tanto os porcos, como vacas, ovellas, cabras e mesmo galiñas e coellos. Todos eramos da mesma estirpe e dabámonos calor uns aos outros/as.


Lámbrome do Pirracas, bautizárao así miña nai. Outros tiveran nomes menos extravagantes. A medida que pasaban os anos, eu fun perdendo o gusto de compartir cama con eles. Pero sí que me gustaban na cociña, subidos ao banco onde nos setabamos, durmindo nos nosos colos...

O que nunca tiveramos foran cans. A min nunca me chamaran a atención, se ven na casa dos ovós, había sempre algún can porque meu tío era cazador. Pero, en xeral, dábanme algo de medo os cans.

Ata que un día, roubei unha cadeliña na Marronda. Iso non foi tanto que pasóu. Sería no ano 2009, cando comecéi a escribir este blog. Fora dar unha volta no coche polo monte e vin tres cans case iguais todos. Estaban no mesmo medio da Marronda, nun sitio sen aldeas nin rastro humano. Pensei que estaban abandonados. Paréi e abrín a porta. Vin que un deles viña correndo hacia min. Meteuse no coche e eu decidín salvala dunha morte case segura, pois se pasaban a noite polo monte, o mais seguro era que os comese un lobo. Nese intre xa lle atopei o nome: Noa. Nese intre, decidín ter un can. Niste caso, unha cadela que tería tres anos daquela.



Foi ela mesma quen atopóu o que sería seu compañeiro de alí en diante. Estabamos indo por un camiño e ela sentíu que algo se movía pola cuneta entre as silvas. Alí estaba un gatiño novo, perdido e con ganas de atopar pousada. Como era desta cor decidín chamarlle Mel. Deixóuse coller sen opoñer obstáculos e levámolo para a casa. Fixeron moi boas migas e duróu un bo tempo. Ata que o picóu ou mordeu algo que lle saíu un bulto na pescozo e houbo que operalo. Non pagóu a pena porque logo morreu ou desapareceu.



Pero pasamos un tempo moi felices os tres tanto no verán como no inverno. Na cociña, xunto ao lume, Mel sempre se subía ao sillón para durmir ás súas anchas. Noa e os gatos que houbo dende daquela, sempre compartiron cama e mesmo cando Noa tivo cachorros, o gato turnábase na custodia mentres ela ía dar unha voltiña.

Agora xa non teño gatos. Dende que morreu o que era mouriño, decidín non ter máis. Vino sufrir moito e durante bastante tempo. Ata que se marchóu para nunca máis volver. Decidíu ir morrer a soas para non darme ese mal trago.

Agora conténtome con mirar para os gatos e gatas dos veciños, que teñen a manchea. Algúns, mesmo veñen durmir á miña palleira. Así tamén me controlan os ratos. Eu doulles agarimo e fálolles bonito. 

Onte, cando pola mañá, vin a un no pico do tellado da casa deles, pensei que daba para unha boa foto.

Por iso o puxen encabezando esta entrada e lembreime daquela cantiga que nos ensinaban na escola: 

Estaba el señor don gato

sentadito en su tejado, 

marriu, miau, miau...

sentadito en su tejado.