A conto de facer un traballo sobre un libro para a materia de Teoría da Cultura Contemporánea, nos estudos de Antropoloxía que estou a facer, viñen a tomar contacto co libro "Eloxio da Lentitude" de Carl Honoré, un xornalista de vida estresada que non tiña tempo nin para lerlle ao seu fillo o conto de antes de durmir.
Este libro ven a desvelarnos as posibles solucions ao problema da presa que nos leva a ningures e que non embargantes seguimos cada vez aumentando o ritmo de vida como se a aceleración fose unha aspiral que vai a mais.
Pensabamos que coa modernidade, teriamos mais tempo para nós, para o noso lecer, pero tamén convirtimos o tempo de lecer en tempo de presa, xa que queremos facer todo e de todo, así que nos apuntamos ao xinasio, a piscina, o curso de turno, a ir de tendas......e case nunca podemos sentarnos a meditar, a facer nada, a "perder" unhos minutos con nós mesmos. Imposible eso de quedarse coa mente en branco. Non sexa que nos tilden de vagonetas.
Presumimos ante os demais da cantidade de cousas que somos capaces de facer. É como se con eso nos fixeramos mais interesantes, mais xoves, mais vitales e enerxéticos, mais capaces....
Ser number one é todo un reto.
Esquecemos, cómo non, todo o sabor do lento. Ainda me ven á memoria a imaxe do labrego que ara a terra co arado de pau e coas vacas, parándose no medio do rego longo, a envolver un pitillo de cuarterón e fumalo para darse un respiro ao tempo que llo da aos animais e a terra mesma, mudando de cor entre rego e rego. Daquela facíanse moitas cousas da maneira mais rudimentaria, sen apenas aparellos rápidos e eficaces dos que hai agora e, pola contra, o tempo chegaba dabondo. O día era de sol a sol e ainda había tempo para a sexta despois do almorzo.
Pois ben, neste libro, vanse enumerando os distintos percorridos polas actividades da vida cotiá nas que deberíamos reducir o ritmo ou a veces tamén aumentalo. Non consiste en facer todo con lentitude. Compre atopar o equilibrio o "punto giusto" e adaptarnos á situación empregando a marcha axeitada para que o coche vaia contento. Ser conscientes en cada momento da nosa velocidade. Secadra deberiamos levar incorporados os reloxios dos vehículos para saber cando nos estamos excedendo.
Atopar un tempo para cada cousa e unha cousa para cada tempo. Vivir conscientemente, sen pretender abarcalo todo: "quen moito abarca, pouco apreta", así que conta a calidade do tempo que adicamos a algo ou a alguén. Se se trata do conto de antes de durmir pois non deberiamos escatimar en detalles, en responder preguntas, en repetir esceas que gostan de escoitar....En fin, en recrearnos naquelo que facemos para que os demais tamén se recreen.
E estou pensando agora mesmo en como facer para estar en todas partes a vez, pois quixera estar aloumiñando o gato e a cadela, ao tempo que estou a escribir aquí, e ademais vixiar a miña nai que está durmindo no sillón da cociña e a meu pai que está arriba, noutro, aparte de andarme a cabeza matinando na horta, no resumo do libro que me ocupa neste intre e mais na preparación da asignatura de setembro.... Pero poño o freo de man e fico queda, tratando de acabar este post que logo publicarei.
Convido a quén me lea a ollar este libro. De seguro que servirá de reflexión para ser mais conscientes do estrés diario ao que nos expoñemos voluntariamente, podendo evitalo.