www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

sábado, 27 de maio de 2023

VÍA KÜNIG

 


Qué a gusto me houbera quedado na cama esta mañá se lle fixera caso á miña pereza cando se trata de ter que madrugar para sair de viaxe. Houbera inventado calquera excusa con tal de non verme medio perdida polas estradas, pois o GPS  non ven sendo o meu forte.

Houbérame perdido unha mañá chea de paisaxes primaverais e sobre todo o coñecemento dun camiño alternativo ao Camiño francés que pasaba por Lugo para logo unirse ao anterior, unha vez visitada ista cidade coa súa Catedral onde hai culto á Virxe dos Ollos Grandes, as vintecatro horas do día, atractivo para aqueles peregríns medievais que viñan dende lonxe, atravesando Galiza, seguindo a Vía XIX construída polos romanos. 



Non quero explicar algo que se pode atopar en Internet no link:  htpp://viakunig.eu  ou simplemente buscando Vía Künig, que debe o seu nome a un monxe alemán chamado Hermann Künig quen fixo  a primeira guía desta ruta alternativa.

Xuntámonos nun hotel restaurante situado entre Lugo e O Corgo, concretamente no hotel restaurante Torre de Núñez, famoso polos seus enbutidos e no que posteriormente se pararía a xantar e escoitar un contacontos.

Empezamos a ruta en Castrillón, unha parroquia que xa se integróu noutras veciñas pero que o foi outrora onde se encontra un interesante castro, nunha carballeira circular, na que tamén hai unha igrexa románica que forma conxunto con outras moitas dese estilo conservadas naquela zona. Alí celebrábase unha festa en honor a San  Bernabé e por este lugar do Corgo pasaba a Vía Künig da que se estan a facer pesquisas para darlle visibilidade e considerala un Camiño máis a Santiago de Compostela.





Para isto, falóunos unha investigadora arqueóloga que está traballando sobre este tema.  O castro, aínda sen escavar, conserva un amurallado perfecto e nese castro está a igrexa.

Seguimos camiñando unhas veces por estrada e outras por camiños de terra. A paisaxe é espectacular e ao ser todo chán, levabamos moi ben a mañá, que foi dividida por unha pausa para degustar, empanadas, queixos e doces caseiros, froita... así como licores de chocolate, café, limón... e refrescos variados.



Esta vez,  organizado por unha asociación das varias coas que formamos grupo de irmandade e cada ano sempre é unha a que se encarga de organizar un roteiro e de ofrecer ese tentenpé de media mañán, así como de buscar o mellor sitio para un xantar fin de xornada. Esta vez tocóulle á Asociación do Corgo.

Seguindo o roteiro, collemos unha desviación para ver uns sartegos da época medieval que se encontran nunha zona apartada chamada Pedrafita, a carón dunhas penas e que son só dous e moi igualiños e xuntos. 


Pasamos pola Ponte Galiñeiros, feita en pedra e tamén da época medieval. Mantense moi ben conservada e está sobre o río Chamoso. En algunhas destas pontes había que pagar unha peaxe para poder pasar aquelas persoas que se adicaban ao comercio. O correo tamén se repartía nelas, intercambiándoo seguramente para non ter que pagar peaxes.



Aproximábase a hora do xantar no coñecido restaurante e aínda que non todo o grupo participóu nél, agradecemos ter chegado de volta en autobús que nos libróu do último tramo de tres quilómetros cando xa o sol areciaba e os corpos se negaban a camiñar.



A natureza sempre nos sorprende con algo exquisito que alimenta os nosos sentidos.



Vídeo do Camiño


venres, 26 de maio de 2023

CONTRASTES

 A PÉ DE CAMIÑO





Aí ven Noa co rabo irto

Rebulindo entre a herba

Deixándose ver.

O raposo ao asexo

Oculto na matogueira

Como unha posibilidade.

Eu, sempre agardando

Que a ocasión non se de.


Sempre hai un perigo que non se ve.


Aí está a cebra máis grande

Coas súas rechamantes cores

Deixándose ver.

Detidos, en serie,

Os coches agardan

A súa oportunidade.

Eu, ouservo de lonxe

O bulir da cidade

Sen implicarme


Sempre hai un perigo que non se ve.




mércores, 10 de maio de 2023

HORTA XARDÍN


 

As flores do meu xardín

Dan un toque de alegría

Hainas de variadas cores

Os insectos nelas liban

Poucos coidados me piden

Vístense de primavera

Cando elas o deciden

Acompañan cada día

Son parte da familia

Fágome fotos con elas

Agardo o seu esplendor

Tomo delas o mellor

E séntense agradecidas








Fai anos que plantei algún espárrago e naceron e asomaron cada ano, sorprendéndome coa súa rama xa ben lucida que serve para acompañar un ramo de rosas pero nunca vira o espárrago que é o que vale para comer. Por iso me emocionei tanto ao ver iste tan louzán e nono quixen cortar. Espero que cada ano nazan máis e así poder comelos.



Vese que a chuvia ten as súas bondades coas plantas. Outros anos non conseguía unhas alcachofas tan grandes e sans. De seguida collían pulgón porque sobra dicir que non utilizo químicos na miña horta.

Xa non me  da por plantar cousas novas como facía antes. Cada vez  planto menos pero como as plantas son sabias, elas mesmas se perpetúan. Así nacen soas as espinacas, as acelgas, o apio, mesmo as patacas cando quedan na terra de un ano para outlro, e as leitugas tamén, nacen pero so as de folla de carballo que non collen ningún becho e son moi sans.




Ó pasar o meu dedo pola túa pel

podo esclarecer a fermosura que

gardas do outro lado de ti.


Sonia Melón


Esta mañá, ao levantarme e dirixirme á cociña, atopei a fiestra algo abafada pola diferenza de temperatura interior/exterior. Pasei un dedo para ver e saíu unha figura que me lembróu algo un tanto erótico.

Publiqueina no Facebook para dar os bos días e sorprendeume o comentario dunha amiga que sabe ben de xanelas e de falar coas cousas e deixo o que escribíu, debaixo da foto. Igual, se continúo, sae un poema!




Na miña horta, non so hai flores e plantas comestibles, tamén hai amor. Moito amor e tolerancia. Moito amor e amizade. Moito amor e fidelidade. Compartir é posible!