www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 29 de setembro de 2024

UN DÍA EN NAVIA DE SUARNA




 Navia é unha vila de montaña,

Navia é o río que a percorre,

Navia é unha deusa celta,

Návia é a miña neta

Navia é a cunca 

onde beben os Ancares.



Coa ledicia que da un día de sol outonal, dirixímonos a Navia de Suarna para un encontro multidisciplinar de artistas que dentro das súas particulares facetas ían facer resaltar a importancia desta vila da montaña de Lugo, para darlle visibilidade e poder mellorar as súas perspectivas culturais, turísticas e de recuperación do rural, do seu entorno tan ben dotado de beleza natural, cun río, o Navia que, como o Eo, van ao encontro do mar Cantábrico.

Mentres a mañá se organizaba en torno ao traballo de campo que levarían a cabo pintor@s e fotógraf@s, outra parte do grupo fixemos unha pequena ruta a carón do río ata a pintoresca aldea de Barcia pasando por prados cheos de cabazas, de viñas, figueiras, nogais, pomares e toda clase de froita riveirega. 




Alí atópase o aloxamento turístico Casa Quiñoes, que chama a atención polo conxunto artístico que o seu anfitrión, un emprendedor xoven, conseguíu facer dunha casa dos seus antepasados, unha casa con hórreo e deseñada para o desfrute dunhas vacacións nun enclave paisaxístico inigualable. Toda ela é unha mostra ou museo etnográfico alén de ser un lugar tranquilo, soleado, acolledor en cada rincón dos moitos que puidemos ver.



Ao regreso, xa había moitos pintores que acabaran de facer os seus bocetos. Logo mellorarían todo no seu estudo ata quedar ao seu gusto e estilo propio. Puidemos ver algúns dos traballos dos que logo haberá unha mostra. 



Todo esto foi organizado polo escritor e poeta naviego, Toño Núñez e a asociación á que pertence, A. V. Irmandade Naviega, que ten interese especial en que o seu castelo, medio en perigo de ser unha ruína, se poida rehabilitar para uso público. Ao mesmo tempo, facer unha chamda de atención para que o rural sexa un lugar ao que veña xente, que poidan usar as vivendas que hai baleiras, dar traballo e aloxamento a personas que buscan un  medio de vida. Deste tema falóunos José Luís Martín Palacín, de Acción Cuarto Mundo, que xunto con duas estudantes de temas sociais que pasaron algún tempo investigando no contorno de Navia, sobre as vivendas que poderían estar dispoñibles para ser ofrecidas como fogar para traballadores na zona, charla que tivo lugar no Caserío de Meiroi, un restaurante con productos da súa propia granxa, onde poidemos degustar carne de tenreira Cachena. Todo moi ben cociñado e un trato familiar, incluído os mastíns que gardan a casa dende o alto do tellado foron moi xentís.



Rematamos cun recital poético por parte dos e das poetas convidados/as e coa música do músico Vadím Yuknevich que interpretóu varias pezas co  acordeón poñendo punto final a este día inesquecible, a carón dos Ancares.



Por se todo isto fose pouco, agardábanos á saída, na terraza, un cesto con un tarro de mel, un libro sobre Navia e un folleto turístico para non perdernos.




xoves, 12 de setembro de 2024

A VIAXE


 Despois de dous meses que se me fixeron longos sen ver a miña familia, con dana ou sen ela, emprendín a viaxe que me levaría por terras de Lousame e Rianxo ( A Coruña). Despois da familia está o mar, que sempre quero ver.

Chóveu todo o traxecto pero non demasiado. Era bastante levable. A esa hora non había moitos vehículos na estrada.

Era pola tarde e agardábame un gran abrazo das miñas netas que me puxeron ao día nas súas cousas. 

Á mañá seguinte quedamos soas xa que súa nai e seu pai tiñan que asistir á xuntanza de brigadistas para arrincar acacias do monte en Padrón. 

Decidimos facer unha pequena excursión en bici e monopatín ata un lugar próximo ao que acostumamos ir sempre. Levamos ao coello Tití na cesta da bici, con tapa de furadiños e atada para que non saltase fóra. Coa correa de Noa e o arnés do coello, démoslle uns paseos polo campo para que comese herba e se sentise libre e feliz.


Voltamos para xantar na casa dos avós maternos e xa ao caer da tarde, fun a Rianxo facer uns recadiños, ver unha amiga e dar un bo paseo pola riveira. O mar estaba para contemplalo e gardalo no recordo, por iso fixen algúnhas fotos. Ao fondo pódese ver Rianxo. A foto foi feita dende a praia da Torre en Taragoña.



Era sábado e pola noite vimos, na casa, o filme, Gremlins, de Spielberg, dirixida por Joe  Dante que trata dunha invasión de seres malignos que acaban con todo ao seu paso e multiplícanse como ratas. 

Domingo pola mañá, decidimos ir a Rianxo as miñas netas e máis eu. Sempre me da un pouco de medo levalas no coche pola miña conta porque non se sabe o que pode pasar. Pero hai que perder os medos e encarar o mundo. Así que Mínia foi probando a cobertura dos seus talkies que acadaron unha boa distancia dende a base.

Polo camiño ía pensando cómo faríamos. Deixaríamos o coche na praia da Torre e iríamos a pé ata Rianxo, bordeando o mar polo paseo marítimo e vendo cousas, como o castelo da Lúa e algúnhas aves como cormoráns, garzas reais...



A marea estaba moi baixa deixando ao descuberto moitas rochas nas que estas aves pasan o tempo cando percuran algo novo que comer. 


Os cormoráns, pousados cada ún no seu pau, vixían as súas presas dende as alturas. Levan anos facéndoo.

Pasamos por outra praia máis pequena, a do Pazo, onde puxeron un chiringuito dende fai pouco. O día de antes estaba cheu de xente pola tarde. O sitio non podía ser mellor para rematar unha tarde de praia.


Chegamos a Rianxo e fomos directamente ao mercadiño domingueiro, mirando cousas, deixándonos embaucar polas vendedoras. Mínia buscaba uns zapatos do estilo que levaba Michael Jackson, para cando se disfrace dél no Halloween. É o seu ídolo!

Navia non atopaba nada que lle interesara. Vimos unhos vestidos moi bonitos e eran da súa talla. Estaban alí para ela. Eran, ademáis de boa marca. Eu insistín un pouco para que os mercaramos pero ela non estaba moi convencida. Ao final, todas acabamos por irnos con algo do mercado.

Recollemos a tarta de queixo na dulcería e emprendemos o paseo de volta ata onde deixaramos o coche.

Návia quixo poñer xa o seu vestido novo en canto entrara no coche para darlle unha sorpresa a súa nai.

Mínia puxo os zapatos, que tiñan algo de cuña e cando chegamos a aldea, para baixar unha costa, case non podía andar con eles. Por certo, a súa nai non lle gustaron as nosas compras!

E despois de xantar outra vez na casa dos avós, emprendín a volta á casa, satisfeita de que todo saíse ben e coas pilas cargadas para outra tempada.

As festas de Rianxo estanse celebrando estes días na honra da súa patrona, a virxe de Guadalupe e deixo aquí o programa para quen aínda queira coñecelas de primeira man.