www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

sábado, 30 de maio de 2026

ENCONTRO DE ASOCIACIONS

 Esta mañá tivemos que acordar un pouco antes do habitual para comezar unha viaxe ás 7:00 dende Castroverde (Lugo) ata a costa da Ría de Ares para facer un roteiro compartido con asociacións amigas como Amigos do Patrimonio de Castroverde, Arumes do Corgo (Lugo), Canteira de Neda, e Agrupación Instrutiva de Redes e Camouco (A Coruña), sendo esta última a nosa anfitriona no XVI encontro de Asociacións. 

O punto de partida foi en Cabanas, xunto á caseta de turismo onde se atopaban algúns membros da Agrupación de Camouco para darnos a benvida e guiarnos no percorrido ata Ares.

Comezamos a andaina pola praia da Madalena que está no concello de Cabanas e continuamos por sendeiros preto da estrada acompañados sempre por dous coches de Protección Civil xa que eramos un grupo grande.

Chegamos a unha zona pola que discorre o río Castro no que houbo muíños noutro tempo e seguindo por sendeiros con pendente profunda na veira do mar puidemos chegar ata a súa desembocadura onde se atopan as ruínas dun muíño de maré, que funcionaba cando o río levaba moita auga e a maré estaba alta.

Pasamos polas praias de Coido,  Río Sandeo , Río Castro, cala Chamoso, praia de Redes...cunhas vistas espectaculares e todas elas situadas nos concellos de Cabanas, Fene e Ares.

Despois de ter feito máis de cinco quilómetros e cando só nos faltaban poco mais de tres  para chegar a Ares, onde xantaríamos, fixemos unha parada en Redes nun edificio de estilo indiano que foi escola nos tempos da emigración a Cuba  feito polos emigrantes deste lugar para que a educación chegase a todos e todas e formase cidadáns que logo poderían aceder a mellores empregos tanto se quedaban aquí como  se optaban por seguir o camiño da emigración. Era unha escola mixta aínda que nenas e nenos tiveran aulas separadas. 

Co paso do tempo, o edificio caeu en desuso pero foi recuperado nos tempos actuais como centro sociocultural  onde se imparten distintos obradoiros adaptados a todas as idades e intereses que dirixe e xestiona a Agrupación Instrutiva de Camouco.

Alí explicáronnos o seu proxecto e as funcións  desta fermosa casa construída ao estilo indiano e que destaca polas súas dimensións, con xardín e casa de baño para nenos e nenas no que sería o patio de recreo. 

Non faltaron uns deliciosos petiscos e refrescos que acougaron as ganas de comer despois dunha boa camiñada.

Dende alí emprendemos ruta a Ares atravesando a longa praia de area fina e ondas mainiñas que bicaban os nosos pes cando o sol se adonara do ceo e deixara atras a bretemosa e mesmo fría maña deste 30 de maio.

Chegamos a Ares sobre as 14:00 e dirixímonos de contadiño ao restaurante no que íamos xantar alomenos 116 comensais. No escenario tiñamos a un cantante e guitarrista, Geno Fernández que nos deleitóu con temas galegos coñecidos por todos.

O xantar consistíu en polbo con patacas cocidas e codillo con patacas fritas, bebidas variadas, tarta xeada de sobremesa, café e chupitos e logo a Rondalla do Concello de Ares, fíxonos bailar ao son de habaneiras, valses e outras.

Intercambio de agasallos entre asociacións e de volta no autobús aos nosos puntos de partida: Lugo, O Corgo e por último Castroverde. 

Foi un gran día de convívio entre xentes de diferentes sitios, unhos da costa e outros do interior que o celebramos como un irmanamento e co entusiasmo de seguir nestes grupos que xa van escaseando.

Deixo fotos comentadas.


                                        Chegada a Cabanas


                                        Camiñando pola praia da Madalena


                                                      Igrexa de San Martín do Porto 1788



                                    Foto de grupo na praia da Madalena



                                        Río Castro, desembocadura e resto de muíño maré



                            
                                                     Xunto ao vikingo, festa que se celebra en agosto e lembra o                                                                     desembarco dos vikingos nesta zona.



                                    Foto de grupo na desembocadura do Río Castro.


                                                        Entrando en Redes.


                                            O director da Agrupación Instrutiva de Redes e Camouco
                                            dándonos a benvida.


                                    Refrixerio no Centro Agrupación Instrutiva de Redes e Camouco.


                                                               Un calexón de Redes.

                                                       " Nordés no verán, levante na man"                                                                                                                       
                                                                  (Refrán mariñeiro).



                                            Praia de Ares



                                        Actuación da Rondalla do Concello de Ares




domingo, 24 de maio de 2026

LAUDATIO FUNEBRIS

 


Tarde máxica na Pousada dos Boieiros, Esgrade, Baleira, con un auditorio semicuberto dende o que se pode ver o ceu, neste caso, azul e tamén o cuberto ou palleira con apeiros de labranza pendurados das paredes de pedra.

Quén dí que no rural non se poden facer actos culturais? Dun tempo a esta parte, cambiaron os ventos e xa non so nas cidades e vilas acontecen estas cousas. Aquí, entre medio das montañas, da Marronda, do Eo que vai polo val, nunha aldea de tres casas, con xente só nunha delas, hai espazo para a cultura e para a natureza, o silenzo e o divertimento.

Co gallo de presentar o libro Laudatio Fúnebris escrito por Andrés Díaz e Eva Moreda, que trata dos rituais post mortem con cánticos, prantos, cantos no Medievo galego, neste caso pero non só, xa que foi igual ou moi semellante noutras partes de Europa, un dos autores, Andrés Díaz que ademáis é o director do grupo de Música Antiga 1500, sendo él o encargado da cítola, arpa e frautas; Belén Bermejo, voz e percusión, (por certo, unha voz preciosa e acaída ao tipo de música) e David Bellas que toca a gaita medieval e frautas, trasladáronnos ao Alén con pezas medievais, muiñeiras e outras tradicionais galegas como as que tocaba o Florencio co violín. Teño que dicir que son máis os compoñentes deste grupo pero onte só viñeron tres deles.

                                                 De esquerda a dereita David, Belén e Andrés

Malia o lugar afastado no que se encontra esta casa que foi dos avós de Andrés Díaz e de Tino Díaz, hoxe propietario, e que se coñecía como a casa do Medio ou casa dos Boieiros, por adicarse á venda de bois que levaban ata Benavente facendo todo o percorrido a pé por camiños, está sendo un lugar habilitado como museo no que Tino Díaz foi coleccionando os obxectos que se usaban antigamente. Tamén conserva unha cantina na que non faltan botellas de todas as marcas de cervexa, bocois do viño, e outros útiles propios dunha taberna, contóu cunha audiencia bastante considerable de xente da contorna e mesmo de Lugo e outros lugares. 

A casa dá para moito. Só unha pequena parte está habilitada como museo pero queda moito por facer. Tamén conta cun hórreo en moi boas condicións. Por suposto ten unha cociña de lareira e varias estancias que albergan obxectos e aparellos antigos tanto de uso agrícola, como de animais, (vacas, bois, cabalos...).

Tino, que vive en Lugo, ven a miúdo para entregarse ao seu museo e ir engadindo algo novo, reparando, e coidando o que xa hai e organizando eventos culturais xa que o sitio préstase para iso e mesmo, onte, había abundancia de cadeiras, todas iguais para sentarse comodamente.


Gústalle gardar documentos e fotos da súa familia que ten unha historia moi interesante e que Tino non se queda parco en detalles cando nos conta todas as historias e anécdotas que él tan ben coñece.



E así acabóu unha tarde morniña de maio facéndonos sentir ben e ata desexando que no noso pasamento nos canten e toquen pezas medievais para despedirnos deste mundo no que estouran as bombas e nos enxordecen os ruídos.

Quero un funeral

ao estilo medieval,

con túnicas lánguidas

e veos cinguidos, 

prantos sentidos, 

sons do abellón

ao meu carón,

noites sen perdón

ata que o galo cante.

Beatriz Pin




sábado, 9 de maio de 2026

JOSÉ MARÍA DÍAZ ANDIÓN

 


Este 17 de maio, Día das Letras Galegas, quero lembrar a este escritor, nado na nosa parroquia de Fonteo en Baleira, no lugar de Río de Castro e do que fai pouco tivemos coñecemento del por unha visita de familiares que viñan percurar as súas raíces, saber cal fora a súa casa e atopáronse co total descoñecemento da súa existencia, nin tan sequera se puido saber en cal das tres casas que quedan das seis que houbo noutro tempo, poidera ter nacido. A mágoa foi non gardar un contacto con esas tres mulleres que viñeron traernos máis do que se levaron. Polo menos levaron o coñecemento do lugar, fermoso, na ladeira dunha serra, con vistas ao val onde só unha casa ten xente.

Aquí víu a luz por primeira vez, José María, no ano 1892. Fillo de Dolores Díaz, solteira, de 25 anos cando él nacéu, filla de José Díaz, natural de Cubilledo, Baleira, viuvo de Josefa Andión, tamén de Cubilledo. Pai e filla viñéran vivir e traballar en Río de Castro, non sabemos se de caseiros dalgunha das familias do lugar. 

Poucos anos despois marcharon posiblemente a Madrid, onde puido estudar na Escola Social do Traballo e graduarse en 1934.

Sabemos que foi tipógrafo, funcionario de correos, escritor e xornalista galego.

Membro do Partido Republicano Radical Socialista ata a súa disolución. Posteriormente membro do partido Izquierda Republicana. Foi redactor xefe de Galicia en Madrid e colaboróu en El Imperial, El Regional, El Ideal Gallego, El Correo Gallego, El Progreso e outros xornais, con textos de índole histórica. Publicóu artigos no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo. Escribíu un taballo de carácter biográfico sobre o marqués de Rodil. Recibíu varios galardóns en certames literarios.


                                           Río de Castro, lugar de nacemento de José María Díaz Andión


As súas obras:

* La historia y sus héroes, 1929

* Los precursores de la libertad. Don Juan Díaz Porlier, 1932

* Los trovadores gallegos Macías y Rodríguez del Padrón, (premio da Real Academia Galega, 1944)

* Influencia de Martínez Salazar sobre la cultura gallega, (premio da Real academia Galega, 2946)

Sempre tivo Galicia moi presente e dicía que se fora dela demasiado pronto.

Faleceu en Madrid no 1948.

Unha das súas obras, Los precursores de la libertad. Don Juan Díaz Porlier, chegóu ás miñas mans. Conseguina nunha librería anticuaria de Madrid e lina con presteza, gozando da súa exquisita escrita e da súa maneira de narrala. 



Juan Díaz Porlier (Wikipedia)

Coñecido como “El Marquesito”, foi un militar español que participóu activamente na Guerra de Independencia, 1908, e loitou por defender a Constitución e o estado liberal das Cortes de Cádiz. Precursor da Guerra de Guerrillas e no perfecionamento de tácticas militares. Foi símbolo da resistencia liberal, pese a súa xuventude, e da loita pola liberdade de España. Exemplo de resistencia e defensa dos dereitos civís nun contexto de opresión e despotismo.

En xaneiro de 1806 é capitán no Reximento de Infantería de Mallorca e teniente coronel de Granaderos no comezo da Guerra de Independencia en 1808.

Con só vinte anos forma parte do exército de Extremadura que se dirixe ao norte peninsular para loitar contra as tropas napoleónicas.

Pasóu os seus derradeiros días no Castelo de San Antón (A coruña). Negóuselle o dereito a ser fusilado e aplicaronlle a pena forca na Praza da Leña, hoxe, Praza de España o3 de outubro de 1815, deixándo viúva a Josefa Queipo de Llano, tamén encerrada nunha celda en Betanzos.