www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

venres, 25 de setembro de 2026

OUTONO INMINENTE





Aínda que non o pareza, o outono xa está aquí. Días de sol con temperaturas que non se corresponden e os primeiros catarros empezan a rondar o nariz. Por eso, meterse no fogar e prepararse xa para o inverno, facendo acopio de conservas, recollendo as froitas maduras, as primeiras verduras que sobreviviron á sequía e, como non, cocendo unha fornada de pan para conxelar e ir comendo cada día.
Este foi o mellor que me saíu en todos estes anos que fago pan de trigo sarraceno no forno da cociña. Leva sementes variadas e seguín a receita ao pé da letra porque neso consistíu obter este resultado. 
O tempo de repouso remataba ás 2 da madrugada e eu acordei ás 4. Estaba levedado a máis non poder. Lixeiro como algodón de azucre que venden nas festas, funo poñendo nos moldes e ao forno con él.




Logo de que arrefriara, corteino en rebanadas que separadas cun papel de forno, metín nunha bolsa de conxelación, en bloque, e así poder ir sacando as que precise cada vez.
Hoxe probeino no almorzo e ben que me soubo co café da mañán, malia a non ter recuperado de todo o sentido do gosto dende a pandemia.




Outra cousa á que me adico nos meus paseos polos prados é a recoller cogumelos cando empeza a habelos. Nete caso son champiñóns, Agaricus campestris, que saíron despois da chuvia de fai uns días e duraron apenas unhas horas porque o calor fainos envellecer deseguida.

Tamén fixen o marmelo para ir comendo todo o ano. Xa non paso tanto tempo a carón do lume agardando que calle. Moito máis rápido na ola exprés e con menos azucre. O que fago é escurrirlle o almibre que solta e gardalo en tarros na neveira para engadirllo ás compotas de mazáns ou para mollar calquera biscoito.

Foi ano de uvas. Levo comido unhas cantos acios e sorpréndeme que non se anticipara a vispa asiática e me deixara as uvas apedradas como acostuma facer. Colleron a dozura necesaria pois sol non lles faltou!




Agora,  mentres agardo polo libro de proba " Fonteo: Xentes e Xeitos" coa ansia que se agarda un novo vástago, remato esta sesión de blog un pouco amolada por non poder facer mañá o roteiro programado pola Ruta do Viño, en Ribadavia xa que fun tocada polo resfriado estacional e debo quedar na casa.








mércores, 2 de setembro de 2026

FIGUERAS / AS FIGUEIRAS




 Neste segundo día de setembro, empezou o día con néboa mesta por onde eu vivo. Case desisto de ir á praia como tiña pensado facer, pero sendo muller que non se arreda por tan pouca cousa, puxen pé ao pedal. Non quere isto dicir que fose en bici, senón que dende o nacemento do río Eo ata onde desemboca hai un bo treito. Nada mellor que viaxar soa para ir modelando a viaxe segundo os meus desexos. Así foi como decidín parar a coñecer Figueras ou As Figueiras, (Asturias). Para ir á praia de Arnau sempre atraveso esta vila pero sen adentrarme nela. Hoxe, pagou a pena percorrela a pé. Un galimatías de rúas que seguramente me ían levar a algures, de seguro, ata o porto. E así foi. No percorrido fun tomando fotos do que me chamaba a atención: pombais, igrexa, fontes, edificios importantes...


Este pombal é ún de entre outros que logo atopei. Tamén abondan as palmeiras e hai reliquias do seu pasado indiano. Conta con uns seiscentos habitantes actualmente. É parroquia do concello de Castro Pol. Ten unha historia ben curiosa que pode atoparse no Google. Rúas empinadas e estreitas que terman de construccións antigas levan nomes de escritores e outros persoeiros. As casas case todas son de ún ou dous andares aínda que tamén as hai de máis. 

A vida, se é que pode dicirse que a hai neste mes de setembro, está como detida nun cuadro. Apenas se atopa un negocio ou un local aberto no que poida tomar un café, (aínda que ao final se me deu ún por caridade). Todo parece durmido a esa hora da mañá. Nin un supermercado aberto, se é que hai algún.

Pero así podo ver mellor todo aquelo que me chama a atención, como unha fonte, chamada Fonte de Pelamio, primeira fonte potable da vila onde se facía o pelado das peles desolladas no matadeiro.


Ten un porto deportivo no que se poden alugar embarcacións para percorrer a ría de Ribadeo.

Quería dicir que o Eo no seu encontro co mar, é acollido por estas tres vilas: Ribadeo, Castro Pol e As Figueiras. As dúas últimas son do Principado de Asturias pero fálase galego por esa proximidade a Galiza. Un galego cun sotaque naviego-asturiano que varía de vila a vila.

Por certo, cando andaba a percurar un café, vin a furgoneta da panadería Mousende de Taramundi da que son clienta. Falei co panadeiro, que aínda que non é o que ven por Fonteo, sabía de min xa que meus pais mercábanlle o pan ao dono, Germán. Entraron a tomar unha cervexa e eu, por fin, un café, feito por misericordia e polo que so paguei 1 euro, pois non tiña troco o camareiro.


Outra das construccións que me chamaron a atención e que non sei ben o que é. Mal sitio para aparcar coches nesta vila.


Vista de Ribadeo, dende As Figueiras.


Vista de Castro Pol. Lembro unha vez, cando era nena, foramos nunha excursión a Ribadeo e dende alí cruzaramos en barco ata Castro Pol. Agora xa non hai ese tipo de barcos. Pasa como dende Rianxo a Vilagarcía, tamén acabaron por desaparecer ao ter coches a xente e haber estradas e pontes.


Outra das fontes que está baixando para a praia (se pode chamarse así) xunto ao porto. Hoxe, tamén hai un astaleiro e no seu día chegou a ter sete conserveiras.



Aquí podemos ver o porto tanto o deportivo como o pesqueiro. Tamén un barco grande no astaleiro.


Vista dunha rúa estreita con casas antigas.


A igrexa e mesmo estilo de casas baixas.


Xardín con vistas ao mar. Tamén ten un parque.


Praia de Arnau, a menos de dous quilómetros de As Figueiras. É unha das miñas favoritas. Hoxe estaba a marea baixa e apenas había ondas así que puiden darme un baño e varios paseos, con moi pouca  xente e boa temperatur tanto na auga como fora dela.



O merendeiro incrementou o número de mesas e estaban todas libres. Nótase que en setembro hai menos veraneantes. Pero a min é cando máis me gusta ir ás praias.



E aquí deixo un día nas Figueiras no que todo foi ben e desexaba explorar. Se cadra a próxima vez vou a Castro Pol onde hai unha interesante biblioteca que explorar tamén.


Onde o mar agarda o Eo
Estades vos, vixiantes
Ondeando bandeiras
E dándolle a benvida.
Sodes o máis grande que ve.
Orgulloso se sinte o Eo
Nesas terras mariñeiras
E a todas por igual quer.
Recordos de Fonteo leva,
Tanto percorrido feito.
Nada do que máis se preze,
Entrar no mar que lle tedes.

Acróstico de  Beatriz Pin