www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

xoves, 4 de agosto de 2016

AS CIGOÑAS DE MARCA GALEGA


Polo verán, os días son interminables e cantas mais horas teñen, mais ocupados estamos. Xa non queda tempo para escribir porque a vida vólcase cara a fora e cando chegamos á casa, xa o corpo está cansado e chégase a votar en falta o inverno, a chuvia e todo aquelo do que renegamos cando nos toca vivilo, porque sempre queremos o que non temos e de todo chegamos a cansarnos. Abandonado o blog e a punto xa de emigrar a cigoñas, eses persoeiros novos en Galicia, case paso por alto deixar aquí as miñas observacións que veño facendo destas aves que tanto chaman a miña atención dende que andan por estes lares. Case sempre van en parella e a veces tamén se ve unha soa, chegando eu a pensar se quedaría viuva/o, porque seica son parella de por vida e conservan o seu neal como propiedade  e votan fora a calqueira intrusa que intente facer "ocupa".  Pois un día destes, quedei sorprendida ao ver unha bandada de cigoñas nun prado. Eran unhas vinte polo menos. Non sabía se tiñan unha xuntanza veciñal, unha asamblea ou, se, coma nós, se manifestaban por algo co que non estaban de acordo. Esto fixo que empezara a indagar mais sobre os seus costumes e averigüei que as cigoñas, xúntanse antes de emigrar, con toda a súa prole. Será para discutir sobre o tema da emigración, non sexa que non teñan os papeis en regra. Alí están as familias da zona cos seus poliños, que son dunha cor mais branca. Parece ser que en agosto inician a sua marcha para zonas mais cálidas onde invernan. Estas poden ser en África ou mesmo no sur de España. Alí permanecen ata pasado decembro. Os machos son os primeiros que veñen e, unha vez aquí, arranxan o neal facéndoo mais grande cada vez.
Logo chegarán as femias, e xa, pola primavera, como as demais aves, terán os seus retoños aos que non deixan sos nen un so instante. A min chámame a atención velos asomar as cabezas nos seus niños, sempre de pé, e doulles os meus parabéns, dende o coche, ao pasar, por seren unhos pais tan protectores e responsables. Votareinas de menos todos estes meses que seguen, porque xa forman parte da nosa fauna e alégrame velas tan concentradas buscando nos prados o seu sustento que consiste en insectos, pequenos mamíferos, culebras, sapos, rás....
Preguntaba eu a un rapaz, se sabía a ónde emigraban e contestoume que a París. Por qué, pregunteille inocentemente. Pois non me decatara daquelo de que os nenos viñan de París nun pañuelo pendurado do pico dunha cigoña!