www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 28 de novembro de 2021

O XISTRAL XISTROU!

 


A Serra do Xistral, está ao noroeste da provincia de Lugo. Próxima a Viveiro. Componse de montañas de formas redondeadas e suaves, como se fose a  versión feminina das serras mais orientais: o Caurel ou os  Ancares. Son bastante escarpadas ou espidas e deixan amplos e luminosos vales nos que predomina o Pinus Pinaster e pastizais nos que poden verse vacas e cabalos en liberdade.

É importante como grande reserva de carbono, debido ás suas extensas turbeiras, o cal é un recurso moi útil na loita contra o cambio climático. Por eso, se está a desenvolver un proxecto para protexer esta zona, en consonancia cas Comunidades de Monte en Man Común, coidando de manter o seu estado virxe e libre de contaminación e de impactos medioambientais.


A súa elevación mais importante sobrepasa pouco os mil metros de altura e nas suas lomas ou montañas pode verse unha sementeira de xeradores eólicos, apiñados, a veces, como un racimo de uvas, e distribuidos, outras, ao longo das suas elevacións. 

Non é de extrañar que escollesen este sitio tan venteiro ao que chegan correntes húmidas e xélidas procedentes do Cantábrico e do Atlántico. Estes ventos chamados xistres, azoutan a zona arrastando chuvia, saraiba, nevarisca e creando humedais que favorecen unha vexetación moi característica e axudan á formación de turbeiras, onde a materia orgánica non se descompón ao completo e de ahí esa acumulación de carbono nas súas entrañas.



Chegamos ata alí, percorrendo en bus e logo a pé, o seu val mais importante. Acompañados de personal do Proxecto LIFE IN COMMON LAND quenes nos foron explicando paso a paso todos os pormenores desta interesante acción de conservación desta serra, facendo paradas sobre o terreo para ver de preto algúns dos traballos realizados con sumo coidado de non causar estragos meioambientais, usando animais e trineos para o transporte de árbores e nunca aparellos mais agresivos.

O tempo foi variado nese curto percorrido, dende vento que nos tumbaba, saraiba e nevarisca. Emparapetad@s diante dos parachuvas, impermeables, gorros, tapabocas...foi unha experencia que pagou a pena.



Tiven a sorte de poder acompañarme da familia, netas incluídas, que fixeron aínda mais atraínte a aventura. Coa pouca neve que puideron recoller, deu para un boneco de neve, de forma redonda. Eso sí, con boca, ollos e nariz.

Arriba agardaban os autobuses para recollernos e levarnos polas inumerables pistas que surcan o territorio.

Chegamos ó sitio de partida, O Viveiró, onde nos agardaba un xantar ben desexado. O meu soño era que empezase por algo quente, despois de tanto frío que pasamos, pero non foi así.



Un entremés de embutidos e queixo, un pan moi rico e fresco....Despois ameixas á mariñeira, para sentir a cercanía do mar, seguido dun arroz con algo de polo, que sabía moi ben e que nos fixo pensar que sería o último prato. Pois non, apareceu o caldo, (na mesa había prato fondo e culler),  aparecéu pero en cuarto orde, cando debería ser en primeiro. E se alguén pensara, como eu pensei) que o caldo poñería punto e final ao  menú, estaría ben equivocad@. Xusto cando decidín emprender o camiño de volta, por mor de non atoparme coa noite na estrada, empezaron a repartir o cocido....

A miña familia seguíu alí ata o final e tiven noticia deles, mediante fotos, que despois do abundante cocido, ainda se lles servíu un estofado de carne con pataquiñas ben xeitosas ao carón. Mais a sobremesa e o café.

Eu xa non ía probar mais nada pero, a pesar de que todo estaba moi ben cociñado e rico, non me convencéu o orde no que foi servido.  Claro que, " a cabalo regalado, non lle mires os dentes".

Foi unha deferencia das e dos organizadores desta viaxe  dentro do programa mencionado no que colaboran a Deputación de Lugo e a Universidade de A Coruña como unha saída de campo co fin de estudar e divulgar o proxecto para que outras zonas desenvolvan este tipo de accións meioambientais.

Todo é ben se ben acaba, e a pesares da época do ano e da climatoloxía, "non te deitarás sen saber unha cousa mais".




venres, 26 de novembro de 2021

PETISCOS POÉTICOS

 

Un plato ben emplatado

fai do sinxelo, un manxar!

Tamén me ven de familia

o sabelo presentar.

E mentres o plato merma,

o poema vai medrando.

Enerxía trasformada,

Todo flue, nada cambia-


Desfruto vendo este pedazo de lúa xunto a unha estrela veciña que a acompaña e mais outra na distancia.

         O lume fai un ruidiño amoroso, sinal de que está ledo.

         E mentres, o lusco fusco separa o día da noite cun azul intenso, penso que non preciso de mais.


Son poeta de baixa intensidade, 

non arraso por onde paso,

inspiro o ar de xurro perfumado

e mentres, ollo para outro lado.


Calma absoluta nesta mañá.

                                                                          Os papaventos parados.

O millo para recoller

e o soliño a aquecer.

Qué pracer, qué pracer!


My dear meat pie,

here you are

ready to eat,

not all at once!

Guests are not yet,

so I will keep you

for when they come



Os camiños do meu andar,

vellos camiños de carro,

polos que vou de vagar

en calquer intre do ano.



Gústame este acougo.

Un ceo sen sorpresas.

A calma do outono.

A morneza do sol

que nos prepara

para o que veña.


Abrindo o día con fortes ondas,

viñen papar o mar,

que me orballe,

me cubra de escuma,

de acompasados sons,

de correntes atraíntes

que me reguen as veas,

de cores que me ollen

e se deixen ollar,

que me avisen do perigo,

de querelo probar.

Este atraínte mar 

quero conquistar.





venres, 12 de novembro de 2021

O ALMORZO IMPORTA!


 Un bo almorzo da enerxía para todo o día. Un repaso polos almorzos da miña vida.

No rural galego, a xente traballaba de sol a sol. Comezaba cedo o día para atender a súa facenda. Primeiro os animais e logo a xente. 

Algún comezaba cunha copiña de caña (augardente) para quentar o corpo nas frías mañáns de inverno.

Cando os animais estaban atendidos, sentábanse a comer un almorzo que podía consistir, segundo os días, os hábitos de cada casa, nun caldo de rustrido feito con patacas picadas, cebola e un refrito de allo con pementón doce.

Outra xente almorzaban unha boa taza de café con leite e sopas de pan remolladas nél. Ese era o que mais se mantivo no tempo, pasando de xeración a xeración e aínda hai quen o toma.

Cando había tempo, facíanse as sopas de allo. Había que poñer rafas de pan de centeo nunha taza. Cubrir con auga ben quente. Deixar que remollaran ben e logo, se fose necerario, escurrir a sobrante. Preparar un refrito con allo e pemento doce que se poñía por enriba das sopas. Engadir azucar e, sen remexer nada, deixar a taza sobre a plancha de ferro na cociña de leña ata que se torrase un pouco por abaixo. Unha delicia que lembro con nostalxia.

No tempo dos traballos no monte, como cavar, segar, preparar a terra etc. acostumábase a levarlles ous homes as once. Unha ringleira de mulleres con cestas na cabeza subían polos carreiros que as levaban xunto aos seus. Era como unha merenda na que non faltaban chourizos, touciño, pan, queixo , chulas... e o viño xa o tiñan eles nas botas de pel das que se acanillaba separando a bota e deixando que un chorro contínuo fose gorxa abaixo. Esto era como un festexo porque, polo xeral, traballábase en rogas, coa axuda de veciños. 

Ao almorzo tamén se lle chamaba a parva. Non sei ben o por qué deste nome. 

Pasando ao meu desaiuno de nena, cando xa ía á escola, direi que, como na nosa casa tiñamos taberna e había de todo, dábanme un paquete de galletas tostadas que eu mollaba no leite collendo de seis en seis para que pareceran un bizcoito e me rendiran na boca. Un paquete ao día era moito! De vez en cando, un ponche que se facía cun ovo batido, engadindo viño de Sanson, ou café con leite.

Aos domingos, antes de ir á misa, tomabamos algo lixeiro pero ao volver, miña nai sempre facía unha tortilla á francesa que levaba cebola, ou quentabamos os cachelos que sobraran da noite, cortados en cachos pequenos e con cebola e, cando os había, algúns roxóns...

Outras veces, a xente facía papas para o almorzo. Estaban moi boas, quentiñas e espesas. Feitas con leite e fariña da que había na casa. Nalgúns lugares facíanas de millo. Unha amiga, contóume que as mulleres que estaban para parir, preparaban un bo lume na lareira e un bo pote de papas, e alí tiña lugar o parto. 

Contáronme que pola zona da montaña luguesa, Caurel, Ancares, a xente almorzaba a base de pan con chourizo, xamón, ovos, queixo remasado que levaba augardente na súa preparación e picaba un pouco. Coñecín ese queixo! Cun trinco de queixo e unha copiña de augardente, xa ía o corpo disposto para o traballo.

Os meus almorzos foron cambiando ao longo da miña vida. Cando estiven noutros países, fun adoitando os que a xente facía. Un dos que mais me chamóu a atención foi o English breakfast, do que aínda uso algunhas receitas como os scrambled eggs ou os  three minutes boild egg ou o seu delicioso almorzo a base de bacon, egg, baked beens, toast, cup of tea...Ou tamén o porridge ou os cereais con leite, torradas con manteiga e marmelada...

Deixo, a modo de anécdota, o que me contaron de cómo dous irlandeses que compartían aloxamento nunha pequena vila dos Apeninos, almorzaban ovos fritidos cada mañá, incluso cando tiveron que levantarse ás 5 am  para ir ver os ursos.  

Sen despreciar os cruasans con unha taza de café con leite cando me tocóu pasar por París.

Tamén nas vendimas, en Francia, souben apreciar os bos almorzos a base de foie gras, queixo de camenbert, salami...etc.

Para min, o almorzo, segue a ser a comida mais importante do día. Por eso, é case un ritual de mañá, na que vou dividindo o tempo entre o primeiro vaso de auga con limón, sementes de lino en remollo, levadura de cervexa, pasada media hora, a froita, e logo as torradas con diferentes tops ( marmelo, pavo, queixo) ou ( aguacate, sardiñas, sementes varias, tofu ou queixo de cabra), sempre poño nas torradas aceite de oliva e allo, logo todo o que se me ocurra. Acompañado dun té verde xaponés ou café con leite.

Lembro que nas clases de inglés que impartía e para propiciar unha conversa nese idioma, preguntaba ao alumnado qué tomaran de almorzo. Había de todo pero predominaban os almorzos "pobres" e non porque non tiveran con qué, senón, por falta de hábitos, por falta de tempo, por ignorancia... Pero notábase no rendimento e predisposición ante o traballo escolar.

Non son quén para dar consellos pero quixera, dende aquí, convidar á xente a mellorar o seu almorzo. Verán a vitalidade que gañan!.



Un dos meus favoritos: All bran, flocos de aveia e trigo sarraceno, con noces, froitos secos, froitas frescas e kéfir caseiro.


Outro dos meus habituais. Montadiños torrados con diferentes tops.


martes, 9 de novembro de 2021

CAMIÑANDO O OUTONO





Nesta mañá de néboa interior,

seguindo o soar do Eo,

cantareiro e ledo

dibuxamos un círculo

no noso camiñar,

para abrazalo,

sentir o seu pulso,

deternos nas cores

deste outono solleiro.

Partimos de Fonteo,

deixando a acea a un lado, 

adentrándonos no Carballal.

As barbas de frade a remollar,

son sinal de bosque san.

Non te deitarás sen saber

unha cousa mais.

As árbores pousan para nós,

déixanse retratar, 

fachendosas das suas cores.

a quen mais ha de impactar!

Calade, que para todas hai!

Viramos en San Paio,

na ladeira que  ten sol, 

ata chegar ao Real

onde non ladran os cans 

e as casas están de bo ver.

pedra vista,  como ten que ser.

E nos, coas pilas cargadas,

fotos e fotos gardadas,

atravesamos Basín

pasando por Pena Cobreira

cobixo da Xenoveva,

chegamos a onde empezamos,

a Fonteo.