www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 19 de novembro de 2017

ROTEIRO DOS SALTOS



Nesta
mañá de domingo, co sol ben alto, ceo azul, nun dazanove de novembro que promete verán outonal ata non se sabe cando.... saímos "tres pes para un banco"  facer unha andaina dunhos nove quilómetros seguindo o curso do río Eo. Comezamos en Fonteo e escollemos ir pola marxe esquerda do río, pasando pola Veiguiña, Basín, O Real... xa que ese camiño é solleiro a esa hora e de paso, podiamos admirar a fraga do Carballal con forma de dragón, postrado, durmido nun letargo ancestral... e adiviñar o castro que oculta a súa cabeza, onde a enerxía se deixa sentir cando se pode chegar ata alí, cousa difícil hoxe en día, por estar o camiño cheo de maleza. Ao chegar a Sampaio, vimos cómo o aparcadoiro estaba cheo de coches e o camiño ben sinalizado e con paneis informativos. Agora, perderse non ten excusa! Por fin a Marronda pode ser coñecida e explorada como se merece. Diriximos os nosos pasos á Aceña de Serra para ver o salto de auga, que leva pouca por mor da seca, pero ainda está de bo ver. Despois de fotografala dirixímonos á aldea de Sampaio e collemos rumbo a Cabreira, desviándonos á dereita para achegarnos o Salto da Ferraría, pasando por un antigo muíño ainda ben conservado e baixando á veira do río Eo, na que se atopa.




A Ferraría
Vista de Sampaio
Estreando paneis
Espectacular atopala con tanta auga, formando unha lagoa na que apetecía case pegarse un baño. Ali, escondida, difícil de atopar para quen non sabe dela, ofrece un concerto que rompe o silencio do lugar. O outono, cas suas cores diversas, é o escenario escollido para este auditorio natural. Retornamos por Sampaio e collemos o camiño que pasa pola piscifactoría, que é mais fresco a esa hora do mediodía no que xa se pensa no xantar que nos espera. Eu apañei un boleto en moi bo estado e que nun revolto fixo as veces dun xantar inexistente. Así é a natureza cando te portas ben con ela! Aliméntate! Despedímonos, con ganas de explorar mais polo miúdo esta Marronda chea de paisaxes increíbles e de roteiros diversos que non se fan todos nun mesmo día. Mellor levalo pouco a pouco e saborear ó seu paso, todo o que nos ofrece, incluída a xente que habita nas aldeas e que conta historias e sabe ben onde está cada cousa. Deixo unhas fotos que fixo Manuel porque coido que saíron mellor cas miñas. Grazas a él e a súa dona Teresa por acompañarme a onde non iría soa. Vivamos o rural!
O Eo o seu paso por Sampaio















luns, 6 de novembro de 2017

NAVIA


Como unha bonequiña,
espida e sonrosada,
sobre o leito de hospital,
a menos de once horas
da tua saída ó mundo,
atopeiche aquela mañá
de domingo, cinco do once.
Parecíchesme tan pequeniña
e indefensa, que sentín
percorrerme o corpo
unha tenrura infinita.
Cando te collín nos brazos
faleiche baixiño e canteiche
cancións que escoitaches
coa atención debida.
Os teus olliños parecían
querer coñecerme e
un sorriso agradecido
esbozaban os teus beizos.
Estivemos así media hora
sentíndonos, recoñecéndonos.
Acomodadas nun mutuo abrazo.
Ti eras Navia e eu "granny".
Esperábanos un mundo por descubrir.
Grazas a ti sei o que se sente
ser duas veces avóa por non
ter sido duas veces nai.
Levas nome de deusa celta
e terás en min a túa súbdita
mais sumisa e entregada.
Benvida á terra prometida!