www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

venres, 20 de marzo de 2015

ECLIPSE









Brétema costeira envolve
as lindes rianxeiras.
Camiño na praia da Torre.
As pegadas identifícanme.
Deixan círculos na area húmida.
Un can, como Noa, corretea
perto da súa dona.
A praia viu medrar o meu fillo.
Crieino soa.
Daquela era industria.
Agora turismo.
Mañá...?
Mariscadores na marea baixa.
Despois pleamar desmesurada.
Por mor da eclipse.
Síntome ben neste lugar.
Vou lendo fragmentos
dos poetas rianxeiros.
No paseo están os versos
medio deteriorados.
Alguén quixo aniquilalos.
A cultura ten aristas
que mancan a certos transeuntes.
Pode agonizar pero non morre.
A eclipse é culpable da bruma.
Notaba algo raro neso ata
que me decatei. Presentía.
Disfroitei esta mañá
lentamente.




xoves, 5 de marzo de 2015

REGATOS E FONTES / STREAMS AND FOUNTAINS

Fonte do Eo
Lémbrome da ilusión que me facía ver as "crecidas", como nós lles chamabamos aos desbordamentos producidos pola moita chuvia nos meses de inverno e que facían xurdir fontes e ríos alí onde non os había. Aproveitabamos para facer muíños e navegar diversos obxectos. Tamén para descubrir fontes que o resto do ano estaban secas, como a fonte Peideira que estaba no alto dun prado, nas Lagas, e que a min me metía respeto polo nome que tiña pois pensaba que a sua auga sería fedorenta e que non se podería beber. Pero esa fonte tiña unha auga que sabía a gloria cando, cansadas de xogar e corretear, nos achegabamos ata alí para nos resfrescar. Penso que o nome poidera virlle por certas burbullas que botaba ao sair, como lle ocurre a fonte do Eo, moi posiblemente irmá xemelga, senón a mesma fonte, que aparece medio quilómetro mais abaixo.
Pois hoxe, e moitos outros días de moitos outros anos, cando paso por ao pé destes regatos que baixan rápidos da montaña e fan un ruído moi especial que cambia en cada tramo asegún con que obxectos se atope ou polo desnivel do terreo. Eo vou escoitando esta música que só podo disfroitar nesta época do ano, e so por eso, xa valería a pena ter inverno, e sinto a necesidade de recoller ese son e gardalo para escoitalo logo ou para que outros o escoiten. Pero todo o que conseguín foi facer unha soa foto medianamente representativa porque a min a tecnoloxía chegóume tarde, pero ainda o intentarei co video do móbil mañá ou pasado, antes, eso sí, de que o son desapareza e o cuco poña a súa propia música nas carballeiras.
E como que as montañas se escurrisen e se puxeran a secar ao primeiro sol da primavera. Toda esa auga vai con presa, con velocidade do diaño para xuntarse con outra que tamén verte ao río e logo ao mar e logo ao ceo e así este ciclo pechado que se repite e repite mentras o planeta dure. É como se todo fose un traballo organizado en equipo para que a vida flúa e se perpetúe. Sabia natureza, na que os mais analfabetos somos os humanos!. Non me estrañaría nada que nos invadisen os alieníxenas e nos fixeran auga pasada porque a verdade é que a pesares de tantas cousas boas que sabemos facer, tamén facemos outras moi malas, pero bueno, xa todo se encargará de que as cousas vaian por onde teñen que ir.
Eu, de momento, quédome con ese son que comparo ao das fontes dos xardíns árabes, como o Xeneralife, e que deleitaba aos que alí moraban e que por algo o poñerían, quizá porque disfroitaban da beleza das cousas mais sinxelas.

Regato entre prados