O verán de San Martiño, levoume por antigas corredoiras, camiños de carro e por fragas outonais, co arrecendo a natureza en estado puro. Acompañábanme Noa e Charli, un labrador todopoderoso que me defendería de xabaríns, zorros e mesmo lobos, se os houbera.
A miña intención primeira era sacarlle bo partido ao día soleado, quentiño e apetecible para unha andaina, saíndo da rutina e adentrándose en paraxes esquecidos, pouco visitados e novedosos para os meus compañeiros de paseo. Noa, case sempre debaixo do meu brazo para esquivala das silvas e toxos que os seus delicados pés non aturan, e Charlie, sempre disposto a axudar da mellor maneira, coidando de nos as duas.
Así, fomos por camiños que foron no seu tempo, camiños de carro e que agora fican tapados pola maleza, case intransitábeis, con aquelas paredes de pedra tan feitiñas, conformando o seu perímetro, os balados, aproveitando os desniveis co mato para que durasen no tempo e servisen á función que tiñan encomendada de conducir o gando da casa ata os pastos sen perderse. Sorprendeunos un regato que baixa dalgunha fonte monte arriba e xusto a carón do camiño forma unha poza onde seguramente bebían os animais cando voltaban para a casa. Había fieitos ben frondosos arredor e parecía un remanso de paz e benestar, ca son da auga e o silenzo do lugar. Camiñamos moi despaciño, como para non descolocar nada do que pisabamos, mentras os ollos buscaban os desexados cogumelos, os boletiños que íamos levar para xantar.
Podería tratarse dun Scleroderma citrinum? |
Amanita muscaria |
Case todos eran Amanitas muscaria, ca sua cor tan chamativa e tamaños e formas asegún a idade. Habías case recén nacidas, pasando por adolescentes, maduras e decadentes. Gustóume fotografalas entre as raiolas que se filtraban a aquela hora de media mañá.
Puiden ver cómo se abriron entradas improvisadas para acceder á madeira sen respectar estes valiosos camiños de carro en desuso. Estas incisións na paisaxe virxe, que afean e destruen a integridade da foresta, sen miramentos, sen planificación, con tal de poder sacar o que lles convén pero sen dar nada a cambio. Así aparecen estas desfeitas ao mesmo pé dos camiños primitivos que deberían conservarse e manterse para poder pasear polas fragas e respirar esa esencia que non se atopa mais que alí e que é curación, saúde, deleite dos sentidos. Qué pouco aprecio polo que tan pouco costa e tanto ben pode facernos. Por eso en Xapón, os médicos aconsellan menos medicamentos e mais doses de natureza.
Viñemos cun boleto dos que azuléa. Mireino ben na guía para asegurarme ainda que xa o teño comido noutras ocasións pero compre estar ben seguros. Acabo de cealo!