Un ano mais ca colleita de cebolas.
www.leriasdebea.blogspot.com
Translate
domingo, 29 de agosto de 2021
TEMPO DE CEBOLAS
Un ano mais ca colleita de cebolas.
luns, 23 de agosto de 2021
PRESENTACIÓN LIBRO
Todos os astros estaban alineados este vinteún de agosto de 2021. Incluso a data podía lerse do dereito e do revés.
O día era quente e algo anubado.
O lugar, un teatro natural, co son da auga correndo río abaixo.
O castiñeiro centenario daba boa sombra.
Alfombra de herba baixo os nosos pés.
Balaustradas arredor facían de palco.
Un ventre maternal onde tantos e tantas foron acollid@s.
Hortensias e gladiolos nos xarróns improvisados.
Un pasar de lecturas con mensaxens claras e sentidas,
foron desfollando a flor mais gardada.
Despois veu a música, que une aos pobos e
minimiza diferencias.
Aquelo foi mais, moito mais do agardado.
Unha revelación.
Sentir o ceo na terra,
tocar o divino cas mans.
Un soño realizado
vale por mil vidas.
Entre todos e todas,
fixémolo realidade.
venres, 13 de agosto de 2021
PERCURANDO O MAR
Pensando no longos que os invernos son aquí, e na pouca vida que temos por diante, non me queda mais que buscar os placeres que o verán ofrece. Un deles, o mar.
A unha hora en coche, ou menos, para amantes da velocidade, estou na praia que mais me gusta. Ainda con neboa baixa e pouca xente nela, entre as dez e as doce da mañá, para non queimar a pel, aproveito ao máximo os paseos que vou dando a bo ritmo, respirando o iodo, evitando que as ondas me sorprendan, pois hoxe estaban atrevidas de mais, esquivando algunha persoa que se me cruza de perto e co tapabocas á man por se, de repente, me atopo con mais xente do previsto.
Lémbrome daquela vez que fora, de pequena, con unha tía miña á unha aldea con praia, entre Viveiro e Vicedo. a praia de Abrela. Aínda non era visitada como agora. Non tiña aceso a coches. Nonos había! Baixabamos por unhos carreiros e lembro que nos bañabamos mesmo chovendo. A auga non estaba fría. Un día collemos un polbo entre as rochas e levámolo para comer. Estabamos con unha familia da miña tía. Tiñan vacas e eu bebía unhas boas cuncas de leite fresquiña que gardaban na artesa.
Hoxe, o mar estaba moi bravo. Tanto, que me parei a observalo e sentín desexos de escribir sobre él. De pé e no móbil, pois case nunca levo papel e lápiz á man, non tiña pensado facerlle un poema, senón unha foto e un título para poñer no Facebook. Pero logo, non me abondóu con iso e fun deixando que a inspiración me ditara o que tiña que escribir. Gústame que a poesía me sorprenda cando menos o espero. Non me impoño traballo nese sentido. Deixo fluir. Despreocúpome totalmente de si escribo ou non.
Deixo aquí o que me saiu:
Abrindo o día con fortes ondas!
Vin papar o mar
Que me orballe
Me cubra de escuma
De acompasados sons
De correntes atraentes
Que me reguen as veas
De cores que me ollen
E se deixen ollar
Que me avisen do perigo
De querelo probar
Iste atraente mar
Quero conquistar
Beatriz Pin Díaz
mércores, 4 de agosto de 2021
AS VACAS QUE SE FORON
Tan so queda unha granxa de vacas na aldea. A que eu tiña ao pé da casa, vendeunas. Agora xa somos menos e nótase a súa ausencia. Gustábame velas, cada día, pacendo nos prados por onde Noa e mais eu camiñamos. Viñan ao noso encontro, a saudarnos, a ter unha pequena conversa. Era como sentirnos en compañía. Sempre tiven curiosidade polos nomes que lles poñían: Lucera, Pacheca, Teixa, Pinta, Rubia, Gallarda...Eses eran os nomes que eu lembro das vacas de antes, na casa dos avós, pero as de agora, seguro que terían outros nomes e para dar nomeado a mais de trinta facía falla un bo esforzo por parte do dono.
Mesmo axudei a buscar unha que se lles votara fora do prado, unha tarde. Por mais ca buscabamos non aparecía. Ata que ao seu amo se lle ocurreu chamala polo nome. Entón, a vaca apareceu vindo cara a nós.
Dende a fiestra da miña casa, puiden ver, un día, como paría unha no medio do prado onde estaban. A súa cría non daba atopado o ubre da nai. E as vacas que estaban mais preto, brindáronse a axudar. Nada conseguiron, por mais que o intentaron, dando proba da camaradería que existe entre os animais, a veces mais que nas persoas. De pouco serviu porque logo apareceron os donos co tractor, para levar a recen nada sin ter probado o leite da súa nai.
A min non me gustou nunca esa idea de quitarlle as crías ás nais. Pero o mercantilismo non vai ao par co humanitarismo. E ante todo está a explotación do animal para ben dos granxeiros. Eles saberán.
Non ocorre o mesmo coas vacas "de carne". Esas sí, que poden ter as crías con elas, logo de parir. Da gusto velas xuntas no prado e que poidan mamar cando queiran. Como coñecen as súas nais!
Agora, os camiños xa non estarán emporcados, nen haberá malos cheiros arredor, nen moscas!
Pero quedará un baldeiro cada vez mais notable dun rural despoboado, dun rural sin xente e sin animais.
Sinto que se foran, e os seus donos aínda o sentirán mais!