www.leriasdebea.blogspot.com
Translate
venres, 30 de setembro de 2022
DESPOIS DA CHUVIA
domingo, 25 de setembro de 2022
TEMPO DE VENDIMA
Era polos anos setenta, cando comezamos a facer as vendimas en Francia. Acostumaba ir cunhas amigas que fixera en Salamanca. Despois dun verán traballando na hostalaría na Costa Brava e en Holanda ou nunha fábrica de chocolate en Suíza, era como continuar a nosa itinerancia alongando así o tempo de traballo ata que dera comezo o novo curso nos nosos respectivos lugares de orixen.
Encontrar o primeiro traballo nas vendimas en Francia, non foi cousa doada pero sí moi afortunada. Había centos de persoas coma nós, agardando pola oportunidade, arredor dunha estación de tren en Libourne. Tivemos sorte de que nos escolleran entre tantos e tantas. Antes de que iso acontecera, deambulamos por lugares da veciñanza durante unhos días, durmindo ao rás e comendo froitas que apañabamos polos camiños. Eramos un grupiño de cinco ou seis persoas de distinta nacionalidade.
Ate que o párroco do lugar nos acolléu na súa casa, nos deu de comer e un sitio para durmir. Ao día seguinte levóunos xa á un cháteau da súa confianza na comuna de Pomerol.
Case unhas vinte personas compoñiamos o grupo, como se pode apreciar nesta foto. Pasabámolo moi ben alén de que o traballo era intenso pero cun horario de catro horas pola mañá e catro pola tarde.
Empezabamos o día cun bo almorzo de garfo: queixos, patés, ovos... e subiamos ao remolque de tractores ou fugonetas para ir ata os viñedos que malia que estaban preto da casa, o tempo era ouro e non cumpría demorarse. Había disciplina no horario tanto para empezar como para rematar.
As mulleres e algúns homes tamén, cortabamos e os carretadores eran case sempre homes. Levaban unhas mochilas acampanadas nas que iamos baleirando os nosos cestos.
Os xantares e ceas eran abondosas e variadas, con comida ben cociñada que xa tiñan prevista para o tempo das vendimas. Habia carnes, hortalizas, queixos, ensaladas...
A vila quedaba algo afastada para ir a pé, así que, como acababamos moi cansados e cansadas, faciamos a festa alí entre nós.
Seguimos indo anos despois, cada tempada, a distintos lugares en Cognac, La Rochelle. Concretamente aos viñedos de Pineau, cos que se elaboran sabedores licores e onde as vendimas comezaban mais tarde. Alí xa nos fixemos case da familia. Ata nos felicitabamos o Nadal.
Sempre lembrarei aquel tempo con cariño e algo de nostalxia pola dose de liberdade que fun estreando na miña vida dende ben nova. Aprendendo a falar francés tamén e empapándome da cultura do rural, lonxe de París e cidades ás que moita xente quería ir.
"Ramassez les raisins
qui sont per terre!"
"Vite, vite...!"
Así colleitabamos
as uvas en Libourne,
na rexión de Pomerol.
Após un bo almorzo
na maison. No remolque
dunha furgo ou tractor
partiamos aos viñedos
ás oito da mañán.
"Allez,, vite, coupez, coupez...!
Ás doce, volta a xantar,
bo menú e viño sen faltar.
Repousar a comida
e volta a traballar
ata as seis sen parar.
Tempo para desfrutar.
Boa cea, bo durmir.
Moito para nos divertir.
Os sonados viños de Burdeos
pasaron polas nosas mans.
venres, 23 de setembro de 2022
o piñeiro de Muiñeiro
O piñeiro de Muiñeiro
sempre me chama a atención
cando paso ao seu carón.
Ten un porte diferente
aos piñeiros do lugar.
É o piñeiro que a min
me gustaría plantar.
QUERIDOS/ QUERIDAS LECTORES/LECTORAS, VOU ESTAR AUSENTE DO BLOG UNS DÍAS, POR ISO DEIXO CINCO ENTRADAS, TODAS POEMAS, PARA QUE NON ME BOTEDES DE MENOS. DESCULPADE. ABRAZOS
misty moisty
O bafo da terra, o alento das árbres,
dilúe as fronteiras entre os elementos
e tende un veo translúcido como a alma
que se esvae amodiño ceo arriba,
para dar paso á transparencia do día.
morrín onde nacín
O mundo é grande.
Eu non son nómada.
Aquí, víronme nacer
estas montañas e val.
Un punto de mira...
que sigo mirando
e non me cansa a vista.
Os camiños son longos
e non teño vinte anos.
Percórroos coa ollada
dende o sillón da sala,
dende os libros que leo
e síntome igual de feliz
como se eu os andara.
A mesma paisaxe muda,
cada día me sorprende,
tráeme lembranzas
e cores diferentes
e sentires novos
e novos despertares.
Un día quixera escribir
a modo de epitafio:
"O mundo percorrín
e morrín onde nacín"
cortinaxe vexetal
Con estas vistas, relaxo,
leo, escribo, penso,
visito xente.
Con esta cortinaxe
protéxome do mundo,
aíllome do que dóe.
collage
Contestando á pregunta do Facebook:
What`s on your mind?
On my mind:
recendo a pan na cociña,
as fotos dun pasado
gardadas no faiado,
as mascotas que
me acompañaron,
as pelis de Charlie,
os outonos de froitos,
os somieres cansados...
Fago con todo un collage,
alí onde paso as horas
coa fauna mais querida,
vello taller de meu pai,
o meu camping no verán,
un museo inexistente
que se pasea nos soños,
un `jumble sale` que tamén
nos soños anda prendido.
Mil ideas que se apuran
para reter o vivido.
venres, 16 de setembro de 2022
TARDE EMOCIONAL
É bastante inusual, verme percorrer a muralla o bo paso, nunha tarde entre as seis e as sete na cidade de Lugo.
Non quería retrasarme para a presentación do libro de Sonia Melón Parente, "DENDE A MIÑA FIESTRA", que tería lugar na libraría Trama ás sete do serán.
Así que, como digo, a bo paso e deixando que o vento abatanase o meu penteado de peluquerría e desfixera os tirabuzóns que tan caros me saíran, fun facendo fotos dos lugares que me gustaron e que xa case os tiña esquecidos.
Aquí pódese apreciar unha rúa estreita que parte da Praza do Castelo, cun edificio ao fondo que debeu ser Radio Lugo nalgún tempo ido e na que eu tiven participación directa nun programa.
As torres da Catedral e o colexio dos Maristas co seu patio onde aínda xoga algunha rapazada.
Achegándome ao que foi nalgún tempo o "barrio baixo", as Tinerías, e no que se fixeron restauracións de edificios que eran pazos, hoxe convertidos en aloxamentos ou mesóns.
Na galería da entrada xa hai un grupiño de xente coñecida e outra que me presentaron e quedei case como estaba. Agardabamos a Sonia Melón, como quen agarda a unha estrela porque hoxe era o seu día de escintilar para nós e achegarnos ao seu libro recén saído do prelo.
Deixei que saudara a destra e sinistra antes de solicitar o seu tan ansiado abrazo que nos tiñamos prometido namais vernos. Estaba radiante, fermosa como ela é, e coido que moi emocionada de verse entre a xente que a apreciamos e queremos.
A presentación foi como estar nunha tertulia literaria, moi sinxela, moi íntima e familiar onde poidemos falar e intervir cos nosos comentarios.
Mentres agardaba a que comezase, dinme unha voltiña polo seu libro porque non podía coa curiosidade de ler algúns poemas que non coñecía. O que vin, gustóume. O libro todo en sí, está moi ben e merece a pena telo nas mans.
Debido á miña aversión a nocturnidade, tiven que sair antes de que acabara o acto para poder chegar de día á casa. E aquí estou aínda, prolongando o sabor que me deixóu unha tarde en Lugo, no fin dun verán bastante literario.
sábado, 10 de setembro de 2022
STILLNESS
Unha tarde perfecta!
Como a min me gustan
en setembro.
A morneza que abraza,
que demora as presas,
que aloumiña a alma.
Nin calor nin frío
ven no vento tibio.
Un amor que adormece
os sentidos.
As follas das árbres,
e as herbas a pé de camiño
quedáronse mainas
e mudos os rechouchíos.
Un mundo calado
déixame sentir
un profundo engado.
Cada tempo do ano
é único e válido
como os tempos
das nosas vidas.
So hai que aprecialos!
AS "efes" de FROXÁN
É o marmurio da auga,
é o ornear de Panchiño,
o ladrar de Fávio
que garda a Filomena,
a Folerpa, ovellas de Froxán.
O carneiro Félix, namorado
de Frozen.
O bule bule de Fuco,
a presenza de Fento,
mastín cachorro xoguetón.
O corvo Facundo
esperta a todo o mundo,
neste Froxán profundo
onde todo empeza por "F"
ata as minas de San Fins
teñen "efe" no wolframio.
AO CAER A TARDE
Un campanario sen cegoñas,
un cemiterio sen estética,
un vía crucis declamado
por quen tiña fé a cegas.
Unha néboa que acubilla
as aldeas da montaña.
Un val en forma de uve,
un río no fondo, fondo.
Unha tarde que se apaga
o sol que aquece o lombo...
A maxia ao caer a tarde
envolve todo nun soño.
Delúese paseniño
o presente co pasado.
luns, 5 de setembro de 2022
RÍO ADENTRO EN MAR DE FORA