www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 28 de febreiro de 2010

TRIACASTELA-SARRIA




Despois do forte temporal do sábado, voltou a calma. Así puidemos facer a segunda etapa do Camiño cun tempo apacible, soleado e dezaoito quilómetros ben levados. Unha subidiña dende Triacastela a San XII,(curioso nome), e logo todo baixar ata Sarria onde comemos. O camiño, con moita auga, discurría entre pradeiras e aldeas con granxas. Mesmo tivemos que compartir camiño cun fato de vacas, gobernadas por un can moi implicado na tarea de conducilas con toda responsabilidade sen deixar ningunha atrás. Así que andaba atarefado a todo correr dende a primeira á última vaca, nun ir e vir incansable seguindo órdes do amo. Foi moi curioso porque tivemos que esquecer o noso ritmo apurado e ir de vagar ao paso lento destas rumiadoras que non tiñan nir cornos aos que temerlles. As ditosas vacas ían listas para a ducha, enlamadas ata o cumio do sacro, non daban idea do precioso líquido branco que albergaban nas súas ubres emporcadas.
Tamén vimos outro tipo de vacas, peliroxas elas, que decían os entendidos que eran vacas ourensáns. Esas estaban moito mais limpas, por non sair do prado nin de día nin de noite. Mais finas!
A paisaxe era aberta e víanse ao lonxe os restos de neve demorada nos cumios.
De vez en cando asfalto, pero non faltaban as corredoiras polas que corría auga en abundancia e desfilabamos en fila india sorteando a lama e as pozas.
Chegamos a Sarria e visitamos a parte antiga, (que eu nin sabia que existía). Aquela Sarria orixinal, con igrexa, e castelo, rúas estreitas e empinadas que nos levaron ao mirador dende onde se contemplaba toda a Sarria moderna, valeu a pena percorrela para entender a vila.
A fame levounos de volta rúa abaixo, percurando o restaurante Litma onde nos serviron mais garbanzos, (debeuse correr pola zóa que nos gustaban)e un peixe do que non acertamos o nome. Todo estaba a pedir de boca, como sempre.
Rematamos cunhas cantigas galegas e así, de volta a Lugo, cansados pero satisfeitos.

luns, 22 de febreiro de 2010

UN NOVO CUMPLE


Hoxe, 22 de febreiro é unha data importante para min. Nacín no inverno e non me importa. Son pisceana e tampouco me ven mal. Así que estou contenta co meu destino. Gústanme as sorpresas. A verdade é que non me quería despedir do día sen darme algúnhas. Mais ben, foron outr@s quenes mas deron. Non me faltóu un correo do meu fillo felicitándome, nin a acostumada postal (esta vez, picante) de Willy White, que está agora mesmo escalando o Everest por unha causa xusta, nin me deixou en branco o Facebook, no que me agardaban tres felicitacións mais: Stanis de Slovaquia, Kramer Gato (que por certo non coñezo) e Belén Junquera, e aínda unha felicitación en francés quen non abrín por "dubidosa". En fín, eso sen contar compañeir@s, familiares, e todo quisque. Pois sí que me sentín arroupada, querida, lembrada....Eso, despois de todo, é amor!
Agasallos non tiven, só algúns virtuais (un peluche de Kramer Gato, se é que era para min!) Unha F de Belén, (se é que era para min)....Tampouco me merquei a min mesma nada que se considerase un agasallo. Pero adiqueime unha manicura antes de empezar este post.
Fai tempo que levo dicindo que tiña os anos que acabo de cumplir. Foi un erro. Incluso nas consultas médicas me estiven adiantando un ano. Non entendo por qué, dada a tendencia xeralizada de quitarse anos que temos as mulleres. Supoño que se nota que a idade non é ainda motivo de preocupación para min. A idade non está precisamente nese calendario, está na vitalidade que sintas, na atitude cara a vida... no tempo que te ocupa...As marcas da idade forman parte de nós. Debemos sentilas nosas e non renegar delas.
Non podía rematar o día sen escribir algo neste blog un tanto inhóspito e desabitado no que me sinto latexar cando me perdo por aquí....ante posibles olladas descoñecidas...
Síntome feliz.

luns, 15 de febreiro de 2010

O CAMIÑO 2010



PRIMEIRA ETAPA: O Cebreiro-Triacastela
Xélida mañá de febreiro no Cebreiro. Comezar O Camiño é como comezar algo novo ainda que o camiño sempre está ahí... faise camiño ao andar (como dicía o poeta) e así sempre resulta novo. O día, as condicións do tempo, a xente que atopas, o que vai acontecendo mentras camiñas... todo eso fai que sexa diferente. Sobre todo, o que observas: as casas, os cans, a xente das aldeas, un tanto insensibeis xa a tanto peligrinaxe. Molestos, quizá, por non ter a intimidade da vida cotidiana, por tanto trafego de xentes descoñecidas...
Curioso o feito de atopar novas iniciativas de lucrarse deste turismo. Non falta a señora co prato de filloas, a veira do camiño. Eu pensei que era un acto de xenerosidade co próximo pero non, a señora pedía a vontade a cambio dunha filloíña, ben feita, eso sí, mais ben gordecha. Se non reparara que outros lle daban cartos, eu collería a filloa e marcharía moi agradecida polo agasallo (non viña mal a eso de media mañá). De todos modos, aos poucos pasos, decidín compartila co can pois non sei que "peros" lle encontrei.
Pódese dicir que o Camiño Real está ben concurrido. Tamén hai unha boa variedade de negocios destinados ao "alto no camiño" que veñen a ser o Torremolinos, versión xacobeo. Non parei de facerlles fotos ás portas e ventanas de algunhas casas restauradas. Chamoume especial atención un bar chamado algo así como"Mesón Mouro". Mesmo empurrei a porta para ver o mouro que era pero atopeino dunha cor bastante crara. Na entrada había un rótulo coa silueta de tres negr@s bailando. Sería logo por eso...
Despois de 21 quilómetros, chegamos a Triacastela. Eramos mais de duascentas persoas para xantar naquel comedor de Samos con vistas ao río e a unha fraga que facía de cortina. Todo decorado en madeira, recollía o noso burrumbio e transformábao nunha especie de susurro. O xantar estaba quentiño. Tratábase de un potaxe de garbanzos con gambas e ameixas. Logo carne con guarnición de verduras e por último un flan branco feito con queixos, nata...e unhos licores caseiros que quentaban os ánimos xa de por sí un tanto valentinianos do catorce de febreiro! Toda unha celebración!

venres, 5 de febreiro de 2010

VALENTINE´S DAY


O amor.... esa palabra tan amplia que non cabe no mundo so podería dar detalles del, pequenas concrecións, instantaneas que perduran na memoria, que se fotografían e permanecen nunha imaxe de un momento, dunha ollada, dunha palabra, dunha sensación...O amor que pode abarcar todas as dimensións, todas as cores, todo o que se encontre ao seu paso, (se é que o amor pasa), impregnando momentos, tinguíndoos co seu característico tinte... non me deixa apreixalo, escápase sempre como a auga de entre as mans. Case non me da tempo a disfroitar dos seus arrumacos. Efímero como a felicidade mesma que desprende é algo así como o perfumo dunha rosa en primavera cando pasas ao seu lado, embriagador ao principio e logo xa nono percibes, tal é o seu poder de diluirse. Falamos do amor como se fose noso, como se poideramos poseelo, regalalo, deixalo, abandonalo, mercalo, empezalo, acabalo....como unha posesión mais. O amor é tal vez un don escaso, incapaz de ser manipulado ao noso antoxo. Sentilo cando se acerca e pasa ao noso lado, disfroitar dese momento que nos brinda, desa posibilidade que nos dá de facernos mellores, de achegarnos aos demais seres da Natureza para facelos partícipes desa experencia única... xa sería dabondo sen ter que pedirlle tanto!