www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 25 de xuño de 2023

EMPANADA DE MEXILLÓNS CON FIGOS

 Tanto de inverno como no verán, a cociña dunha casa rural é sempre o corazón da casa.




Paredes de case un metro de ancho, feitas de pedra, fan que no verán, o interior das casas sexan como bodegas  e a temperatura do máis agradable en comparación dos case corenta graus que pode haber fóra algúns días. 

E de inverno, co lume na cociña de leña, tamén é o sitio ideal para sentirnos alleos ao frío que vai fora.

Así que, nada mellor que adicarnos a crear receitas que podamos degustar e compartir mentres o forno fai o seu e ordenador pon o traballo teórico de escribir sobre o que se cociña.

Hoxe, ocurréuseme mesturar dúas fariñas: trigo e millo. Non tiña nin idea de cómo ía resultar.

A miña receita preferida para elaborar a masa é usar unha boa cervexa, aceite de oliva, pizca de sal e as fariñas que decida poñer.

O recheo, esta vez, leva cebola, mexillóns frescos feitos ao vapor e uns figos pasos que me sobraran do inverno.




Non é unha empanada para comela no mesmo día. Aproveito para conxelala en racións e ila consumindo ao longo do verán.

Coido que me saíu sabedora!

domingo, 11 de xuño de 2023

A FONTE DO TEIXO ( ruta)

 


A asociación Amig@s do Patrimonio de Castroverde, fomos convidados a facer unha ruta xunto co alumnado, profesorado, pais e  nais do Colexio Uxío Novo Neira de Pedrafita do Cebreiro. 

Xúntámonos diante do Concello sobre as dez da mañá e mentres agardabamos, cun pouco de frío e algo de chuvia, repartíronse bebidas para levar, e empezou a aparecer xente a cabalo, bebés en carros de bebé, xente en sandalias de verán...

Eu fíxenme unha foto xunto a unha escultura con base de xeixos cristalizados, xa que hai unha mina na contorna diste mineral.


O traxecto era de algo máis de catro quilómetros costa arriba, con algo de camiño chán para logo descer abruptamente por un cortalumes. A volta a Pedrafita fíxose polo mesmo sitio.



Cos paraugas, capas ou o que tiveramos, fómonos protexendo da fina chuvia que caía, a carón de piñeiros rubios ( Pinus sylvestris) coas súas ramas curvadas ata o chán e dos que hai en abondancia formando piñeirais ao longo de toda a ruta xunto con outras especies diversas: aveleiras, teixos, bidueiros, acivros e outros moitos.




Vistas espectaculares diste grandioso paraxe, por onde descorre o Camiño Francés, comezo de peregrinaxe dende o Cebreiro ou de tránsito daqueles que veñen de máis lonxe.







Como se pode ouservar, non hai presencia de parques eólicos, a deus grazas, nesta zona protexida e na que, polo de agora, non houbo debastación a causa dos lumes que son tan frecuentes en Galiza. Cruzo os dedos por iso!.


Os cabalos, que fixeron a ruta cos seus respectivos xinetes, un adulto e un rapaz, descansan satisfeitos neste mirador do Cebreiro como seres nobles, obedientes e submisos pero tamén felices de ser capaces de subidas ben atrevidas e baixadas de vértigo.



Monumento aos peregríns que por aquí pasan e teñen o privilexio de desfrutar destas paisaxes tan fermosas, logo do seu esforzo e empeño para chegar a carón delas.





A foto de confraternidade na que se pode ver o grupo enteiro, diante da igrexa do Cebreiro, coñecida polo seu Santo Milagre a onde concorren devotos e devotas de todos os lugares o día da súa festa a primeiros de setembro, días nos que se acostumaba a levar a merenda e comer por alí a carón da aldea de pallozas, pouco turismo e sen apenas establecementos hosteleiros. 
Aínda me lembro da primeira vez que visitara o Cebreiro xunto cunha amiga de Salamanca e durmimos nunha palleira. Hoxe, outro galo canta e O Cebreiro xa non é o que era, senón un lugar preparado para o turismo e a grande afluencia de peregríns do Camiño Francés a Santiago de Compostela.

No Centro Cultural de Pedrafita ofrecéronnos uns petiscos fin de ruta e poidemos degustar, entre outras cousas, o famoso queixo do Cebreiro, empanadas, tortilla, doces... e bebidas.

O grupo de Castro Verde, paramos a xantar nun restaurante da zona no que continuamos coa parte gastronómica da nosa viaxe.

Como nos cadraba de camiño, decidimos facer unha pequena incursión nos Grobos, bosque de rochas que se casaron coa exótica vexatación do lugar, non sendo quen de diferenciar a parte inerte da parte viva destes pedroulos xigantescos que semella foron caídos do ceo. Débese á erosión da rocha que é de orixe caliza e forma pasadizos labirínticos que dan pé a perderse por entre eles. 

Deixo algunhas imaxes deste lugar.




Vídeo realizado polo alumnado  e profesorado de Secundaria  do CEIP Uxío Novo Neira  de Pedrafita do Cebreiro (Lugo)



luns, 5 de xuño de 2023

A FÁBRICA DE CHOCOLATE



 


La historia de Lindt & Sprüngli se remonta al año 1845, cuando David Sprüngli-Schwarz y su hijo elaboraron el primer chocolate sólido en su pequeña confitería ubicada en Zúrich. Unos años más tarde, en 1899, el hijo, el pastelero Johann Rudolf Sprüngli-Schifferli, decidió construir una moderna fábrica de chocolate en Kilchberg (Suiza) y adquirió la pequeña, pero famosa fábrica de chocolate de Rodolphe Lindt con el objetivo de seguir expandiendo el negocio familiar. De esa unión nació el grupo Lindt & Sprüngli.

 Aquí empeza a miña aventura como emigrante en Suiza, a primeiros dos anos setenta do S.XX.

Eramos estudantes, eu de COU e as miñas amigas de Salamanca, coas que viaxei, estaban comezando a universidade. O ano anterior coñecéramonos traballando na hostalaría en Calella (Barcelona), nas vacacións de verán. Fixemos boa amizade e decidimos ir traballar a Suíza no verán seguinte. Conseguimos que nos contrataran por dous meses na fábrica de chocolate Lindt & Sprüngly situada en Kilchberg  (Zurich), cantón alemán, no que se falaba alén doutras linguas, o alemán. Pero o personal co que a fábrica se provía nas vacacións dos e das traballadores permanentes, eramos maioritariamente de Italia e de España.

Lembro que fixeramos a viaxe en tren ata Suiza e agardábannos na estación, uns compañeiros que chegaran nos días anteriores e xa estaban un pouco ao loro de cómo encontrar o sitio de destino.

Dábannos aloxamento, primeiro fora nunha casa rexentada por monxas. A min tocárame cunha moza da antiga Yugoslavia e molestáballe que me quedara coa luz accesa para ler antes de durmir. Polo que pedín traslado coas miñas compañeiras que estaban nunha casa, sen monxas, un pouco máis lonxe da fábrica. Era unha casa con cuartos para duas personas, cociña, baño e lavandeiría compartidas co resto de personal que eran case todos dos Balcáns actuais. Lembro que eran moi eisixentes coa limpeza e non se andaban con rodeos á hora de chamar a inspección para que viñeran a poñernos en orde.

Tiña un xardín que é ónde me saquei esta foto, cun vestido que me comprei co meu primeiro soldo.


Os primeiros días na fábrica foron agotadores. Traballabamos en turnos de mañá ou tarde pero acabamos facendo horas extra que nolas pagaban ben e aínda conseguín outro emprego limpando unhas oficinas que non tiñan que limpar.

Había que levantarse moi cedo e ir un par de quilómetros a pé ata a fábrica. Nos descansos faciamos bocadillos cos bombós desbotados que ían parar a unhas caixóns para logo ser reciclados. Se algún bombón se saía da cadea  xa non podía continuar viaxe. 

O noso traballo consistía en supervisar as bandexas que pasaban e nas que cada máquina se encargaba de poñer o bombón correspondente. Todos tiñan nome: sultana, carioca, napolitana... e tiñamos que coñecelos polo nome porque se faltaba un diles, había que avisar que faltaba o dito bombón para que todo o mundo se preparara para poñelo á man na bandexiña e así funcionase a cadea como tiña que ser e sen demora porque se algo nos cansaba era estar de pé todo o tempo vendo pasar bandexas de bombóns e mirando que fosen completas.

Outras veces levábannos a outro departamento onde tiñamos que facer traballo sentadas e era algo máis descansado. 

Cando rematabamos de traballar íamos en autobús ata Zurich, comer unhas salchichas con pan de centeo e unha cervexa nun chiringuito perto as escaleiras do lago nas que había moita xente hippy ou non hippy. Tocában a guitarra, compartíanse porros e coñecíase xente. Nós levabamos unhos bombóns para agasallar a quen se arrimara para falar ou compartir algo. 


Alí coñecín a Hermes, un colombiano que me conquistóu sen moito traballo porque era escoitalo falar con aquel sotaque e as cousas que me dicía, que xa non houbo volta atrás. Conseguinlle traballo na fábrica e facíaselle algo duro, acostumado como estaba a non dar golpe. Quén me ía a dicir que aquel mozo engaiolante ía acabando ser un coñecido pintor en Meta, Villavicencio, Colombia, cando moitos anos máis tarde tratei de seguirlle a pista que lle perdera, despois de estar case media vida lembrándome dél.



Aquí está coa chaqueta branca da fábrica, no xardín que a rodea. Hermes Miranda. Pódense ver as súas obras en Internet como ista que se titula El encierro.





Despois dos bocadillos de bombóns dos primeiros días, esquecínme do chocolate. Nos descansos, tomabamos leite fresca riquísima que vendían en embases de a cuarto ou de medio litro nunha tendiña perto da fábrica.

Nos días nos que non traballabamos, íamos de viaxe en auto stop por outros recunchos de Suizá e mesmo do norte de Italia. Así foi como visitamos Milán e Venecia, cruzando os Alpes baixo túneis longuísimos con conductores cada cal máis temerariios pero como eramos novas non tiñamos medo á velocidade. As aventuras vividas nunha noite en Venecia dan para outra historia pois pasamos a noite dun lado para outro intentando atopar un sitio para durmir baixo as estrelas pero, ou ben a policía nos largaba dalí ou eran os tronos mais fortes que sentín na miña vida que nos acompañaron de vaporeto en vaporeto buscando un acubillo.




E así se pasaron os meses de verán, pero tamén desfrutando duns bos baños no lago e piscina xunto a él, ou escoitando tocar a gaita no Centro Galego e coñecendo un pouco a vida real dos e das emigrantes que non era igual ca nosa senón moito peor. Durmían en barracóns, pero moi hixiénicos, iso sí, en Suiza todo tiña que estar limpo ou pasábache factura.

A viaxe de volta a Lugo foi en auto stop. Viñen soia a maior parte do tempo, durmindo en estacións de tren no meu saco de durmir, durmindo fóra nun xardín en San Sebastián, con todo o lío de ETA por alí. Pero non tiña medo. Era nova. E cando se é nova non se ten medo.

Xunto ao lago cantabamos cancións prohibidas sobre o Che Guevara. Cantabamos mesmo en italiano, xa que á forza, aprendemos o idioma nos dous meses que traballamos coa rapazada de Lecce, sur de Italia, que nos querían namorar todo o tempo e xa se sabe que a mellor maneira de aprender un idioma é namorándose dun ou dunha nativo.