www.leriasdebea.blogspot.com
Translate
sábado, 29 de outubro de 2011
CATEDRAIS
"Non hai sábado sen sol nin mociña sen amor", eso se rumoreaba cando eu era moza pero co cambio climático.... ainda que hoxe, este sábado do final de outubro, comportouse como un auténtico sábado con amor. Miles de "namorad@s" da natureza, de Galiza, dos seus amores, das rutas turísticas, das pontes, das cámaras, do mar.... apareceron polas Catedrais da nosa Mariña, como pola Gran Vía de Madrid ou polas Ramblas de Cataluña. Aquelo era un bullicio de xente vestida "de calle", sen bañador, con botas de auga ata os xeonllos, armados de cámaras de todo tipo, percorrían a praia, coa marea baixa, deixando ao descuberto as marabillas das pedras labradas, perforadas, con ventanais e portas e laberintos nos que perderse e atoparse, con verdadeiro entusiasmo e mesmo presa, porque a marea subía e aquelo era efímero, tiña o tempo contado, ou andar lixeiros para coleccionar todos os rincóns insólitos e cobizados para unha boa foto que logo se explotará como cada quen queira. Algunhas serán motivo de creación de cadros pintados sobre todo tipo de material. Había postos de venta ambulante con imaxes das catedrais sobre cristal, logrando efectos de transparencia e profundidade, pintados cos dedos....
Semellaba que unha chea de coincidencias reuniran alí a tanta xente, atraída pola bonanza do día, pola marea baixa, polas vacacións....O raro é que souberan de todos estes datos anticipadamente. Secadra, o meu, so foi coincidencia. Un agasallo da Natureza.
Diría que hoxe, descubrín as Catedrais. As outras veces, ou facía frío, ou non se podían ver todas, ou non se ofrecían ao visitante, como o facían hoxe, expoñendo todo o seu engado cheo de luz e trasparencias, ou eu que non me interesaba dabondo, polo que fose, por telas tan perto, por non sentir que fosen catedrais, mesmo santuarios, con altares baldeiros, de santos que emigraron. Parecían un conto daqueles que lía cando nena, de paraxes estranos, cheos de dragóns e pasadizos enfeitizados polos que se perdían os bos e os valientes.
Para ser feliz, dabonda co que nos rodea, se sabemos aprecialo e velo cos ollos que ainda saben admirar o que miran.
domingo, 16 de outubro de 2011
UN PASEO POLA ULLOA
Entre os praceres esquecidos, conseguín subir de novo a miña antiga BH e dar unhas voltas no carril de bici habilitado na miña aldea, que non é outro que unha pista chá, lonxe do perigo da estrada principal, non fose que xa me fallase o equilibrio, despois de tanto tempo sen montarme nela. Era a media mañá, facía un sol morniño e un ambiente tan outonal deste longo verán de san Martiño, que era luxo sentir o vento envolvéndome e convidándome a embriagarme dos arrecendos dos prados, maceiras e todo o que quedaba ao meu paso.
Detrás, seguíame, incansable, a cadeliña Noa, que por non desairarme, acompañábame a tódalas voltas que daba, carreira vai, carreira ven, un tanto dubidosa do meu sano xuizo, posto que nunca me viu subida na bici dende que estamos xuntas, e eso vai facer dous anos.
Despois do entreamento, xa me animo a rutas mais duras e sempre coa colaboración de Noa.
Hoxe, tamén despois de un ano longo, voltei de novo a facer sendeirismo. O de hoxe, pode decirse que foi escalar rochas a pé de do río Ulla, todo pola súa mesma veira, un treito dunhos cinco kilómetros sen tregua de pedras e mais pedras.
Non esperaba encontrar madroños en plena producción. Subíamos polas súas ramas para alcanzar os coloradiños froitos, que a decir verdade, quedaban mellor na árbore, pois nonas atopei dun sabor tan agradable como para debecer por eles. Maduriños sí que estaban e había para dar e tomar. Ditosos os esquios que por alí moran!
Apenas pisamos un metro de asfalto. Despois das pedras, ainda subimos por un carreiro de monte, onde os cazadores facían a súa presencia a xuzgar polos tiros que sentíamos a carón e ata lles berramos para avisar de que pasabamos por alí un fato de bosquímanos, que non corzos!
Chegamos ao castelo de Pambre. Alí agardábanos unha guía que nos foi comentando e ensinando o castelo tanto por fora coma por dentro.
A comida, ben merecida, tivo lugar nun restaurante todo de madeira, onde xa comeramos outra vez cando faciamos o Camiño. Penso que o menú foi o mesmo e ainda que fose, sabía a groria!
Así remataba un día, de traxecto curto pero intenso; doce quilómetros en total pero con dificultade tirando a alta. Non estaba para calquera! Valeu a pena aventurarse e coñecer de cerca, os recobecos do río, as formas diversas das pedras por onde discorre, formando pequenas fervenzas, pozos, lagoas onde se pode nadar, remansos e rápidos, sempre acompañados do seu armonioso soar, de rio atarefado, que non se durme nos laureis, senón que traballa noite e día para levar as súas augas a lugares mais sosegados onde rendirse ao mar.
Sinto que o noso ritmo fose tan apresurado como o do río, pois era lugar para ir devagariño, entreténdose coa paisaxe que ofrecían as pedras de diversos tamaños e formas e mesmo darse un baño nas súas augas.
Ruta para facer en tempo seco pois os resbalóns que podía haber nas pedras molladas podían ser
motivo de mais de un disgusto. Non pasou nada a pesar da dificultade do terreo ou a destreza dos seus sendeiristas!!!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)