www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

sábado, 8 de maio de 2021

PAISAXES DAQUÍ




Cómo cada maña, dou o meu paseo polos arredores. Cada día hai algo diferente que me atrae. Estamos na estación dos cambios, das sorpresas... e non hai que perderse nada do que a natureza nos ofrece. 

Onte, o prado que vestía de verde e nel pacían corenta vacas novas, é hoxe terra espida, para ser sementada con millo. Fíxome nos debuxos que as sementadoras deixan na superficie. Podían inspirar a calquer artista plástico. 


Todo iso non me pasa desapercibido. As flores que se van alternando e das que non sei os nomes, son suficiente material de estudo e de observación se quixera tomarme ese interés. Pero hai tantas cousas das que non sabemos nada e que conviven con nós... paxaros, árbores, arbustos....Nono podemos abarcar todo.

É como o mundo. Ha tantos lugares que nos gostaría coñecer...que serían moitos para a nosa curta vida na Terra.

Eu teño viaxado, no tempo no que me gustaba facelo. Eran viaxes de traballo. Nunca me gustóu ir de turista aínda que acabei tamén facendoo cando tiven oportunidade. Pero o que temos onde vivimos, é suficiente para mín neste momento da miña vida. Cambia cada día. Está a un paseo dende a casa. Non da traballo. Non da gasto, (os bastóns de nordic walking precisan zapatiños de vez en cando, e as botas de camiñar non duran toda a vida). 

Case sempre veño inspirada para escribir despois destes paseos. A natureza, o día solleiro de primavera, o respirar aire fresquiño e non demasiado contaminado, ainda que algo por mor dos xurros e químicas que votan na terra para que lles de froitos, pero non tanto como nas cidades e arredores.

Sentir os paxaros, observalos e ver a sua actividade para buscar comida e sacar a súa niñada adiante, os cans que me saen para darme os bos días e que me coñecen e me tratan como da familia. Sei os seus nomes e algúns acompáñan no paseo.


Eu, ás veces, ainda sinto desexos de votarme polo mundo adiante, coñecer lugares increíbles e fermosos como estes que o Google me pon cada día na páxina de entrada. Son tentadores a mais non poder. Pero, pensándoo ben, cánto inconveniente me supón emprender unha viaxe desas? Compensa? Definitivamente non me sinto con forza para esa aventura. Iría nunha viaxe de grupo, con todo organizado, se cadrara. Pero soa, como fixen no pasado, xa non me vexo.

As miñas viaxes foron en case todos os medios de transporte, empezándo polo auto-stop, nos primeiros tempos, cando tiña dezanove anos e mais, en tren, en autobús, en avión, en barco, ferri, hovercraft... e tamén, xa coa idade da xubilación, viaxei no bla bla car, coche compartido, moi usado entre a xuventude de hoxe e que ven sendo un auto-stop pagado e concertado.


Moitas traxectos a pé, entre eles, o Camiño de Santiago, dende o Cebreiro, e dende Rianxo. Roteiros de sendeirismo ao longo distes anos. E moita bicicleta en percorridos pola zona onde vivo. Sen deixar de mencionar que me subín en moto, cun amigo, en Ponferrada, para ir xantar a un lugar precioso que hai xunto a un río. Nono esqueceréi! Ainda conservo o Cd de cento dezaseis bachatas, que recuperei estes días para poñerme a bailalas. Grazas, amigo. Déboche duas experencias inesquecibles!


E entre terras, prados, vacas e flores, vou concluíndo a miña experencia de hoxe, chea de lembranzas. 

No meu blog hai de todas esas andainas polo mundo. Quedaron atrás, nas páxinas que estou relendo para poder editar esas historias nun pequeno libro que me ilusiona, despois de once anos escribindo no blog.


Deixo aquí un video do grupo portugués de Arronches, do que eu teño o Cd Verde Maio.





sábado, 1 de maio de 2021

DÍA DA NAI







 Unha nai, tivemos todos, pero unha que nos durase ao longo da nosa vida, que estivera nos bos e nos malos momentos, que nos quixera, que nos trasmitira uns principios e uns coñecementos básicos para un bo vivir, non todos tiveron, ou non teñen a sorte de poder contar con ela.



Miña nai, que te fuches
anque te soñaba eterna,
deixáchesme un legado
ademais dun gran valeiro.
O que ti me ensinaches
cal tesouro, gardeino
e aflora nos momentos
nos que a vida me proba.
A tua creatividade,
a confianza e a maña,
O teu sentir positivo,
o nunca estar cansada,
sempre disposta a todo,
nada que non poideras,
a fe que te guiaba,
todo eso e moito mais
agora me acompaña.
Herdei a tua casa,
a túa Sigma ben coidada,
a cociña e o cociñar,
e a horta sementada.
E mesmo a tua alcoba,
no mellor sitio da casa.
Son a tua continuidade
o teu remanecer na terra,
a tua memoria que pervive,
no lugar da tua historia,
onde a esencia permanece
sempre por min velada.
Miña nai, que en vida,
non souben dicirche tanto
porque so cando te fuches
sei atopar as palabras,
ainda que nono din todo
resumo nun epitafio:
"Traballadora no campo,
 fermosa na romería!

NOTA
Iste poema foi publicado neste blog o 03/05/2015, cando eu celebraba os días D.