www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

martes, 28 de abril de 2026

SONS DO EO

 

Hoxe cheguéi ao lugar que tiña ganas de coñecer porque aquí, nesta casa que foi duns parentes e no que eu estiven unha vez sendo mociña, hoxe é un aloxamento de uso turístico tras a súa restauración feita por Kike e Diana, os seus propietarios dende o ano 2011. As súas pegadas están en cada obxecto, en cada porta, fiestra, tellado, paredes... todo pasóu polas súas mans facendo das ruínas algo habitable e confortable con todo luxo de detalles que convidan ao desfrute deste lugar, ancorado na cima dunha aldea na que só  catro casas máis quedan con xente.

O primeiro que chama a atención son as súas impresionantes vistas á Marronda e a súa proximidade co río Eo ao seu paso pola Cortevella onde fai caprichosos meandros. Decidiron chamarlle Sons do Eo. 

Consta de dous apartamentos con capacidade para sete personas. Están equipados con todo o necesario para desfrutar dun descanso ben merecido, do silenzo, da natureza, das zonas axardinadas con recantos para sentarse a degustar calquera especialidade da casa, para ler, para simplemente relaxarse e escoitar os paxaros que tamén dan nome aos apartamentos.

Asemade organizan actividades como "baños de bosque", rutas de plantas medicinais, experencias de mitos e lendas...




Figueiras, limoeiros, plantas aromáticas, flores e mesmo especies tropicais, rodean a casa, perfumando e ofrecendo os seus froitos maduros aos visitantes.
Os anfitrións viven  noutra parte da casa co seu fillo Tomás de once anos que gosta das novas tecnoloxías, das árbores e das formigas. Con eles vive Roki, ocan, que te escanéa ao chegar!

Gustóume a decoración dos apartamentos nos que colgan teas pintadas por unha irmá de Diana que vive en Bogotá, as camas, as alfombras, as madeiras recicladas coas que Kike fixo mesas, andeis, lámpadas...
O hórreo servíulles de vivenda mentres restauraban a casa. 




Están preparando un apartamento máis e mesmo teñen a idea de facer outro no hórreo .
Ao lado da casa hai unha capela adicada á virxe dos Remédios. 
Murias pertence á parroquia de Martín, Baleira e está moi preto da área recreativa da Cortevella, un lugar moi visitado na ruta da Marronda.




Antes de coñecer o lugar, eu xa lle fixen un poema que deixo aquí. É un acróstico coas palabras que dan nome ao seu aloxamento.


Sosegado lugar con vistas
O Eo cántalle ao seu paso
Na ribeira de Martín
Silenzo dalle a Marronda

Da montaña toma alento
Oénse cantar as aves

Enfeitiza a fermosura
Ofrece descanso e paz







 





venres, 10 de abril de 2026

Costureiras Terras do Eo

 




Son camiñante pero non sempre vou polos mesmos camiños. As veces tardo en pasar por onde andiven.  E tampouco non me fixo en tódolos cambios que se dan nos lugares. 

Viña fotografando prantas en flor para saber o seu nome. Por ver se algún cadraba cos que nós lles tiñamos aquí e cando cheguéi á Casa da Fonte, (Centro de Interpretación do Eo e da Marronda), fixéime nuns cartaces novos que había nas xanelas. Achegueime a mirar e vin modelos de traxes expostos en maniquíes improvisados con perchas e cadeiras. A porta estaba aberta e achegueime a indagar.

Non agardaba atoparme cun obradoiro de costura e cunha parella de veciños de Cubilledo vindos de Cataunya e Andalucía que xa levan tempo morando en  Baleira pero que non coñecía personalmente. Xente emprendedora que se viñeron ao rural, mercando casa nunha aldea de Cubilledo, cultivando unha horta e facendo deseño e moda.


Recibíume Neli, quen logo me presentóu ao seu compañeiro Toni e puxéronme ao día no seu proxecto de utilizar a Casa da Fonte para levar a cabo actividades como obradoiros de costura, faladoiros, teatro de títeres, defensa persoal, ioga...e moita costura transformadora e creativa a partir de outras prendas usadas (ou sen uso) convertíndoas en modelos do máis actual que poidamos imaxinar. Tamén me falóu de facer un mercadiño aos domingos no exterior ou dentro, cousa coa que eu sempre soñei, mesmo a noite pasada, pensaba niso!



Foi a alegría do día! Aínda non estou enterada nin a medias pero teño que escribir sobre este novo uso da Casa da Fonte que xa leva anos sen apenas usarse máis dun par de veces ao ano. Agora vai ter actividade e espero que sexa todo un reclamo para xente de aquí e de acolá!.

Seguimos vendo modelos, a cal máis innovador. Ela mesma prepara os estampados con lenda que lles pon aos chaleques, chaquetas e demáis...



Atropeladamente falamos de miles de ideas a levar a cabo. Non sei como vai funcionar, nin horarios, nin prezos. Sabemos que tamén se van facer actividades culturais como presentación de libros, acompañadas de gastronomía, faltaría máis!



"Apostar polo rural, non está mal", un lema para a miña camiseta! 




Grazas, Neli, Tania, Toni e Tamara, socias deste emprendemento no rural.

A carón do Eo e da Marronda, todo é posible.

Contade comigo!



martes, 7 de abril de 2026

CUBILLEDO TOUR


 Domingo de Pascoa, cita en Cabreira. Compartindo coche coa familia dirixímonos a Cubilledo aventura: primeiro á Espiña, raíces paternas, aldea con dúas casas (unha con xente esporadicamente), a outra, onde naceu meu pai, en semiabandono, cun hórreo que aguanta a duras penas o paso do tempo. Explorámolo. Ten varios departamentos, un interior que hai que interpretalo, sitios para amacenar o gran, sitios para colgar os touciños, os untos... un corredor que vai todo arredor deixando no medio, espazos para gardar o máis prezado. O corredor está máis ventilado, ideal para curar os queixos, gardar o pan, todo baixo chave. Alí non hai ratos, todo está protexido e conservado, mesmo se gardaban as mazáns, as castañas, as fabas...


Nestes catro pés aguántase a pesada carga e non hai rato capaz de subir.



Poderíamos dicir que esta é a cúpula por onde se cola a luz entre as madeiras.



O corredor circunda todo e deixa pasar luz e ventilación entre as táboas que o tabican.



Nestes compartimentos a modo de caixóns gardábase o centeo, o trigo...


O forno de cocer o pan en estado ruinoso aínda conserva a memoria dun tempo ido.


E despois da Espiña, agardábanos Tino na Casa do Medio, ou tamén Pousada dos Boieiros, en Esgrade, onde él foi artellando un museo etnográfico con todos os obxectos antigos que se atopaban na casa ou que lle foron dando. Alí teñen lugar de vez en cando actos de presentacións de libros, acompañados con actuacións musicais. Tamén se conserva a pequena cantina-museo na que se poden atopar os obxectos máis variados.









Despois de Esgrade, enfilamos cara a Cabreira para asistir á misa na capela que se celebra unha vez ao ano na honra da patrona, a Pastora, unha virxe pequeniña, e cunha concurrencia case fixa, que somos os convidados e convidadas das dúas casas anfitrionas que aínda manteñen viva Cabreira, entre moitas outras en estado ruinoso e sen xente pero que no seu día, deron vida a esta aldea na que tamén houbo escola.



Con vistas á Marronda e o río Eo no fondo camiño da Corte Vella que está a pouco máis de seis quilómetros seguindo o río, pois é unha das rutas dende Fonteo á Corte Vella.



E logo de cumprir coas devocións relixiosas, un xantar para vinte agardábanos nunha das casas á que estabamos convidados. Tamén na outra casa habería outras tantas persoas e o arrecendo a churrasco estendíase por toda a aldea e ata os cans estaban moi contentos de ter tantas atencións e perspectivas dun bó xantar.