www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 28 de xuño de 2026

RUTA COSTA NAVIEGA



 Domingo, 28 de xuño, último deste mes. Soan varios despertadores ás 6:00 da mañá. Moito tempo por diante para chegar a Lugo, ao punto habitual de saída  no que xa, pasando de hora, empecei a desconfiar e chamei á guía de Galicia Infinita. Polo visto ela xa me chamara a min ao ver que non aparecía pero o que eu iñoraba era que cambiaran os puntos de recollida habituales. Pensei que xa non pillaba o autobús e téndoo a cinco minutos de onde eu estaba, quedei coa mente en branco e non souben que facer. Déronme alternativas de ir co me coche ata outro punto máis distante polo que pasarían e me poderían recoller alí.


Atravesei Lugo, á velocidade permitida e a altura de Frigsa, vin xente con mochilas na parada de autobús, aparquei deseguida e xunteime co grupo. Nese intre chegaba o autobús. 

Medio recuperada do nerviosismo que me acompañaba, vinme compartindo asento cunha amiga uruguaia e iso acabou de tranquilizarme.

Fixemos unha parada para almorzar no Rei das Tartas, á altura de Mondoñedo, e despois do café xa o corpo se preparóu para a aventura do día.




Chegamos ao aparcadeiro da praia de Barayo, Asturias; unha das máis fermosas do noroeste peninsular, e dende alí comezamos a ruta que sería de 15,8 kms. pola costa ata chegar á praia de Navia. 

Entre voltas e revoltas, con cantís profundos á nosa dereita fomos facendo o percorrido, unhas veces subindo, outras baixando, con escaleiras nos sitios mais difíciles, sempre escoitando o son das ondas do mar Cantábrico que rompían contra rochas e cantís, colándose por calexóns sen saída, formando calas imposibles e praias escondidas, so para expertos, con paisaxes naturais, libres de edificacións ou elementos artificiais, fomos chegando ao Porto de Vega, unha vila costeira con vestixios indianos na capela e na lonxa, declarado pueblo ejemplar polo Principado de Asturias, con miradores como La Riva e a Atalaya.



Pasamos a carón da praia de Frexulfe, unha fermosísima praia case solitaria, (monumento natural), sen edificacións nin actuacións artificiais. 

Outras praias: Llosera, Coedo, Moro e Veigas, esta última xa en Návia onde nos recolleu o autobús, illa Soraina e con vestixios arqueolóxicos como o castro de Vigo, el Castiel de Soirama e o castro de Fabal.


                                   Porto de Vega (Verónica Amado)

O día estaba ao xeito para facer esta andaina sen que o sol nolo puxera máis difícil. Sopraba un nordés  que mitigaba o cansanzo de tanta subida e baixada pero o percorrido foi longo aínda que moi ben sinalizado e con moitas melloras recentes na seguridade ao tratarse dun roteiro á veira de cantís perigosos e con terreo que pode ceder en calquera intre.

  
                                     Praia de Frexulfe (Verónica amado)                                 

Eran máis das tres da tarde cando chegamos a Barreiros para xantar no famoso restaurante Yenca, do que xa tiña escoitado. Na mesa, diante de cada ún había seis pratos un enriba doutro.

Foron pasando degustacións moi variadas, en pequenas cantidades pero repetían se querías máis e pasando por callos, guiso de arroz con marisco, ensaladilla, peixe con patacas, carne con patacas e ensalada e sobremesa de brazo de xitano con musse de limón, rematamos cun café de pota.

O personal do máis amable e atento que se poida imaxinar, aparecían e dasaparecían como por arte de maxia sen dar sensación de agobio con tanta xente no comedor e ían servíndonos case sen darnos conta, retirando pratos e traendo os diferentes menús.

                                    Buda preto dunha praia (Verónica Amado)

                          

A sensación foi de moita fartura e de non saber qué facer para alixeirar o noso bandullo, coa mente posta en manzanillas ou tónicas e sobre todo, repouso de sobremesa. 

A chuvia acompañounos en todo o regreso pola autovía do Cantábrico e a visibilidade era mínima no alto do Fiouco. Case daba medo pero todo é ben se ben acaba e así foi a nosa viaxe.

                                             Unha de tantas escaleiras (Verónica Amado)



                                   Dou fé do roteiro (Verónica Amado)




                                          




mércores, 24 de xuño de 2026

POLO SAN XOÁN...

 tanto queixo como pan.

POLO SAN PEDRO, tanto queixo como un dedo.


Era polo San Xoán, cando se facía o "lume novo", comezo do solsticio de verán, noite máis curta do ano.

Para a rapazada e tamén para a xente maior, era a noite agardada e que se ía preparando con días de antelación, carrexando leña, cepos ben gordos que duraban toda a noite. Participaba toda a veciñanza, novos e vellos e ninguén reparaba no traballo que dera, mesmo se facía falla, levábase o carro e as vacas para traer o que máis pesaba.

Alí, no meio da aldea, entre as casas, facíase un oco para a lumeirada e todos e todas darredor, brincando, rindo, contando contos, comendo e bebendo ata ben entrada a madrugada e o lume aínda ardía pola mañá e nalgúns casos duraba ata o "lume vello" que era día de San Pedro, o 29 de xuño.

Logo foise perdendo cando a xente nova foi marchando ás cidades, maiormente no interior de Galiza. Pola costa seguíuse facendo esta tradicción e cambiando a maneira de celebrada. Xa con sardiñadas ou churrascadas, tamén con brincadeiras que consistían en levar obxectos pesados como un carro ou calquera outro apeiro para outro lugar e logo os donos non sabían onde atopalos...



Pois agora, vólvese a celebrar nas aldeas malia a que queda pouca xente nelas pero sempre hai quen ten a iniciativa e aquí, xunto ao nacemento do río Eo, fíxose onte unha lumeira que xuntóu máis de vinte persoas e houbo quen o celebróu con menos xente, so a familia pero que o desfrutamos igualmente facendo unha pequena sardiñada, empanada, sobremesa e queimada con meigas e meigos incluídos.



Un lumiño pequeno pero ben feito e que duróu toda a velada e aínda máis. 

Improvisamos un disfraz de meiga que xa nos servíu o ano pasado cando eramos máis xente, e retratámonos todos con él para deixar constancia deste evento. Rodeados de rosas de todas cores, baixo a pérgola, degustamos as saborosas sardiñas e a empanada de mazán que trouxemos de Meira.



O sitio era ideal, no medio dun prado e rodeados de máis prados e de monte verde, cunhas vistas do val do Eo que cantos quixeran ter de fondo esa noite; coa lúa medio chea e a noite que non se quería facer noite, chegamos á hora da queimada que non podía faltar neste día sinalado.



E con ela ben feitiña que xa non tiña gota de alcol e sabía a melocotón, demos conta dunha torta de queixo caseira que xa viña durando dende o aniversario da autora, había dous días, e que aínda quedou unha pouca  para hoxe. Á luz dunha candea, fomos comendo e bebendo e contando contos e lembrando historias e o lume seguía vivo e novo e con ganas de seguir ardendo.



E así fomos chegando á nosa hora razoable de retirarnos cada quen ao seu cubil agardando pasar o resto da noite sen sobresaltos nin malas dixestións pero chegóulle ben! 

A familia unida polo lume sagrado permanece unida!





sábado, 13 de xuño de 2026

LEMBRANDO AOS QUE NOS DEIXARON


 A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde organizou un roteiro circular para lembrar aos socios e socias  que nos deixaron.  Comezando en Castroverde ás 9.30  en bus ata  A Abelleira, pasando por Furís - Arrubial - O Páramo e finalizando en Furís de Abaixo na casa de Cantiz, convidados polo noso compañeiro César que nos brindou a súa casa para un  xantar de confraternidade.

 Dende o alto pódese ver Lugo como unha raia branca no horizonte. Cando de nena ía con miña nai á feira de Castroverde, sempre me ensinaba Lugo dende o alto da Vaqueriza e a min facíame ilusión poder ver a cidade a que poucas veces tiña ocasión de ir.

Un val por onde transcorre a VIA XIX que ofrece unha paixaxe con pradaría na suave ladeira norte, coroada polos papaventos que cercan a Castroverde polos catro costados.


 Subindo costas por pistas de terra e un sol que comezaba a queimar  fomos pasando por aldeas nas que se podían ver algunhas granxas de vacas, casas pechadas, casas restauradas e outras en ruínas, cancelas feitas con palets...




 Chegamos á igrexa do Páramo, que está ubicada enriba do Castro de Eirexe.Ten en fronte unha antiga escola que, actualmente, fai as veces de Local Social. 



Foi este un lugar de eremitas, como abondaron tamén na zona do Corgo e da Ribeira Sacra... conservandose preto da retoral trinta e tres sartegos dos séculos IX, X e XI en pizarra de tamaño grande e pequeno, nos que se enterraban uns a carón de outros os membros das familias e que estiveron a punto de ser a base dun aparcadoiro para a igrexa. Están en agarda de seren restaurados e acondicionados parte deles para  poder visitalos dende pasarelas evitando pisar sobre eles xa que ao ser de pizarra son máis fráxiles.






A igrexa ten unha escada exterior que leva ao campanario. O patrón é  San Miguel malia que no altar maior a principal imaxe é a da Nosa Señora, igual que na igrexa da miña parroquia.



De volta a Furís de Abaixo por unha pista recén asfaltada, e baixo a sombra de grandes cereixeiras que ofrecían os seus froitos ao noso antoxo, fartámonos de comer cereixas da árbore e puidemos apreciar o seu sabor orixinal que nada ten que ver cas que se mercan nos supermercados a prezos de ouro.

Lembrando a nosa xuventude, cando os mozos subían ás cerdeiras a comer as cereixas e tirarnos de vez en cando unha ramalla cargadiña delas para quen non se atrevía a trepar ás ponlas máis altas...foi como voltar a vellos tempos nos que as cousas sabían ao que tiñan que saber.



Así fomos chegando a Furís de Abaixo, á casa ou pazo, diría eu, de Cantiz con boa fame, acougada por tanta cereixa que nos saíu ao paso e con degaro de saborear as empanadas, lacón, chourizos de Pedrafita, queixo, ensalada de leitugas caseiras e bebidas ao gosto de cada quen, rematando con torta de Santiago de sobremesa e cereixas da casa dunha compañeira da veciñanza.





Manuel Muñiz, presidente da Asociación, leunos, un poema de Pessoa que fala da amizade, na honra daquelas  que nos deixaron e que gardamos no noso recordo.


A amizade é un lazo bonito que non prende e non apreta,

mais embelece a alma da xente.

Non ten prezo, mais ten valores, ten afectos, ten respeito,

ten confianza, ten lealdade, ten compañía, ten sorriso,

ten abrazos, ten presenza, ten corazón.

A amizade non é comprada, é conquistada,

é construída, é recoñecida...

Teliz é aquel que ten un amigo!

Fernando PESSOA     





E na casa de Cantiz non podía faltar un deseño do noso querido Paco Pestana que tamén nos deixou antes de chegar a vello e no que se poden ler osnomes dalgunhas das parroquias de Castroverde.