www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

sábado, 13 de xuño de 2026

LEMBRANDO AOS QUE NOS DEIXARON


 A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde organizou un roteiro circular para lembrar aos socios e socias  que nos deixaron.  Comezando en Castroverde ás 9.30  en bus ata  A Abelleira, pasando por Furís - Arrubial - O Páramo e finalizando en Furís de Abaixo na casa de Cantiz, convidados polo noso compañeiro César que nos brindou a súa casa para un  xantar de confraternidade.

 Dende o alto pódese ver Lugo como unha raia branca no horizonte. Cando de nena ía con miña nai á feira de Castroverde, sempre me ensinaba Lugo dende o alto da Vaqueriza e a min facíame ilusión poder ver a cidade a que poucas veces tiña ocasión de ir.

Un val por onde transcorre a VIA XIX que ofrece unha paixaxe con pradaría na suave ladeira norte, coroada polos papaventos que cercan a Castroverde polos catro costados.


 Subindo costas por pistas de terra e un sol que comezaba a queimar  fomos pasando por aldeas nas que se podían ver algunhas granxas de vacas, casas pechadas, casas restauradas e outras en ruínas, cancelas feitas con palets...



 Chegamos á igrexa do Páramo, que está ubicada enriba do Castro de Eirexe.Ten en fronte unha antiga escola que, actualmente, fai as veces de Local Social. 



Foi este un lugar de eremitas, como abondaron tamén na zona do Corgo e da Ribeira Sacra... conservandose preto da retoral trinta e tres sartegos dos séculos IX, X e XI en pizarra de tamaño grande e pequeno, nos que se enterraban uns a carón de outros os membros das familias e que estiveron a punto de ser a base dun aparcadoiro para a igrexa. Están en agarda de seren restaurados e acondicionados parte deles para  poder visitalos dende pasarelas evitando pisar sobre eles xa que ao ser de pizarra son máis fráxiles.






A igrexa ten unha escada exterior que leva ao campanario. O patrón é  San Miguel malia que no altar maior a principal imaxe é a da Nosa Señora, igual que na igrexa da miña parroquia.



De volta a Furís de Abaixo por unha pista recén asfaltada, e baixo a sombra de grandes cereixeiras que ofrecían os seus froitos ao noso antoxo, fartámonos de comer cereixas da árbore e puidemos apreciar o seu sabor orixinal que nada ten que ver cas que se mercan nos supermercados a prezos de ouro.

Lembrando a nosa xuventude, cando os mozos subían ás cerdeiras a comer as cereixas e tirarnos de vez en cando unha ramalla cargadiña delas para quen non se atrevía a trepar ás ponlas máis altas...foi como voltar a vellos tempos nos que as cousas sabían ao que tiñan que saber.



Así fomos chegando a Furís de Abaixo, á casa ou pazo, diría eu, de Cantiz con boa fame, acougada por tanta cereixa que nos saíu ao paso e con degaro de saborear as empanadas, lacón, chourizos de Pedrafita, queixo, ensalada de leitugas caseiras e bebidas ao gosto de cada quen, rematando con torta de Santiago de sobremesa e cereixas da casa dunha compañeira da veciñanza.




Manuel Muñiz, presidente da Asociación, leunos, un poema de Pessoa que fala da amizade, na honra daquelas  que nos deixaron e que gardamos no noso recordo.


A amizade é un lazo bonito que non prende e non apreta,

mais embelece a alma da xente.

Non ten prezo, mais ten valores, ten afectos, ten respeito,

ten confianza, ten lealdade, ten compañía, ten sorriso,

ten abrazos, ten presenza, ten corazón.

A amizade non é comprada, é conquistada,

é construída, é recoñecida...

Teliz é aquel que ten un amigo!

Fernando PESSOA     





E na casa de Cantiz non podía faltar un deseño do noso querido Paco Pestana que tamén nos deixou antes de chegar a vello e no que se poden ler osnomes dalgunhas das parroquias de Castroverde. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.