www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

sábado, 30 de maio de 2026

ENCONTRO DE ASOCIACIONS

 Esta mañá tivemos que acordar un pouco antes do habitual para comezar unha viaxe ás 7:00 dende Castroverde (Lugo) ata a costa da Ría de Ares para facer un roteiro compartido con asociacións amigas como Amigos do Patrimonio de Castroverde, Arumes do Corgo (Lugo), Canteira de Neda, e Agrupación Instrutiva de Redes e Camouco (A Coruña), sendo esta última a nosa anfitriona no XVI encontros de Asociacións. 

O punto de encontro foi en Cabanas, xunto á caseta de turismo onde se atopan algúns membros da Agrupación de Camouco para darnos a benvida e guiarnos no percorrido ata Ares.

Comezamos a andaina na praia da Madalena que está no concello de Cabanas e continuamos por sendeiros preto da estrada acompañados sempre por dous coches de Protección Civil xa que eramos un grupo grande.

Chegamos a unha zona pola que discorre o río Castro no que houbo muíños noutro tempo e seguindo por sendeiros con pendente profunda na veira do mar puidemos chegar ata a súa desembocadura onde se atopan as ruínas dun muíño de maré, que funcionaba coa maréa cando o río levaba moita auga. 

Pasamos polas praias de Coido,  Río Sandeo , Río Castro, cala Chamoso, praia de Redes...cunhas vistas espectaculares e todas elas situadas nos concellos de Cabanas, Fene e Ares.

Cando só nos faltaban uns tres quilómetros para chegar a Ares, onde xantaríamos, fixemos unha parada en Redes nun edificio de estilo indiano que foi escola nos tempos da emigración a Cuba  feita polos emigrantes deste lugar para que a educación chegase a todos e todas e formase cidadáns que logo poderían aceder a mellores empregos se optaban por seguir o camiño da emigración. Era unha escola mixta aínda que nenas e nenos estiveran separados. 

Co paso do tempo, o edificio caeu en desleixo pero foi recuperado nos tempos actuais como centro social multiusos onde se imparten distintos obradoiros adaptados a todas as idades que dirixe a Agrupación Instrutiva de Caamouco.

Alí explicáronnos o seu proxecto e as funcións  desta fermosa casa construída ao estilo indiano e que destaca polas súas dimensións, con xardín e casa de baño para nenos e nenas no que sería o patio de recreo. 

Non faltaron uns deliciosos petiscos e refrescos que acougaron as ganas de comer despois dunha boa camiñada.

Dende alí emprendemos ruta a Ares atravesando a longa praia de area fina e ondas mainiñas que bicaban os nosos pes cando o sol se adonara do ceo e deixara atras a bretemosa e mesmo fría maña deste 30 de maio.

Chegamos a Ares sobre as 14:00 e dirixímonos de contadiño ao restaurante no que íamos xantar alomenos 116 comensais. No escenario tiñamos a un cantante e guitarrista, Geno Fernández que nos deleitóu con temas galegos coñecidos por todos.

O xantar consistíu en polbo con patacas cocidas e codillo con patacas fritas, bebidas variadas, tarta xeada de sobremesa, café e chupitos e logo a Rondalla do Concello de Ares, fíxonos bailar ao son de habaneiras, valses e outras.

Intercambio de agasallos entre asociacións e de volta no autobús a Lugo, O Corgo e por último Castroverde. 

Foi un gran día de convivencia entre xentes de diferentes sitios, unhos da costa e outros do interior que o celebramos como un irmanamento e co entusiasmo de seguir nestes grupos que xa van escaseando.

Deixo fotos comentadas.


                                        Chegada a Cabanas


                                        Camiñando pola praia da Madalena


                                                      Igrexa de San Martín do Porto 1788



                                    Foto de grupo na praia da Madalena



                                        Río Castro, desembocadura e resto de muíño maré



                            
                                                     Xunto ao vikingo, festa que se celebra en agosto e lembra o                                                                     desembarco dos vikingos nesta zona.



                                    Foto de grupo na desembocadura do Río Castro.


                                                        Entrando en Redes.


                                            O director da Agrupación Instrutiva de Redes e Camouco
                                            dándonos a benvida.


                                    Refrixerio no Centro Agrupación Instrutiva de Redes e Camouco.


                                                               Un calexón de Redes.

                                                       "O nordés no verán, levante na man"                                                                                                             (Refrán mariñeiro).



                                            Praia de Ares







Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.