Hoxe cheguéi ao lugar que tiña ganas de coñecer porque aquí, nesta casa que foi dun familiar e no que estivera unha vez cando era unha mociña, é hoxe un aloxamento de uso turístico tras a súa restauración feita por Kike e Diana, os seus propietarios dende o ano 2011. As súas pegadas están en cada obxecto, en cada porta, fiestra, tellado, paredes... todo pasóu polas súas mans facendo das ruínas algo habitable e confortable con todo luxo de detalles que convidan ao desfrute deste lugar, anclado na cima dunha aldea na que só catro casas máis quedan con xente.
O primeiro que chama a atención son as súas impresionantes vistas á Marronda e a súa proximidade co río Eo ao seu paso pola Cortevella onde fai caprichosos meandros. Decidiron chamarlle Sons do Eo.
Consta de dous apartamentos con capacidade para sete personas. Están equipados con todo o necesario para desfrutar dun descanso ben merecido, do silenzo, da natureza, das zonas axardinadas con recantos para sentarse a degustar calquera especialidade da casa, para ler, para simplemente relaxarse e escoitar os paxaros que tamén dan nome aos apartamentos.
Tamén organizan actividades recreativas e talleres diversos, mesmo rutas en kayaks polo río.
Figueiras, limoeiros, plantas aromáticas, flores e mesmo especies tropicais, rodean a casa, perfumando e ofrecendo os seus froitos maduros aos visitantes.
Os anfitrións viven tamén noutra parte da casa co seu fillo Tomás de once anos que gusta das novas tecnoloxías, das árbores e das formigas. Con eles vive Roki, que te escanéa ao chegar!
Gustóume a decoración dos apartamentos nos que colgan teas pintadas por unha irmá de Diana que vive en Bogotá, as camas, as alfombras, as madeiras recicladas coas que Kike fixo mesas, andeis, lámpadas...
O hórreo servíulles de vivenda mentres restauraban a casa.
Están preparando outro apartamento e mesmo teñen en proxecto usar o hórreo para un cuarto habitáculo.
Ao lado da casa hai unha capela adicada á virxe dos Remédios.
Murias pertence á parroquia de Martín, Baleira e está moi preto da área recreativa da Cortevella, un lugar moi visitado na ruta da Marronda.
Antes de coñecer o lugar, eu xa lle fixen un poema que deixo aquí. É un acróstico coas palabras que dan nome ao seu aloxamento.
Sosegado lugar con vistas
O Eo cántalle ao seu paso
Na ribeira de Martín
Silenzo dalle a Marronda
Da montaña toma alento
Oénse cantar as aves
Enfeitiza a fermosura
Ofrece descanso e paz





Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.