www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

venres, 10 de abril de 2026

Costureiras Terras do Eo

 




Son camiñante pero non sempre vou polos mesmos camiños. As veces tardo en pasar por onde andiven.  E tampouco non me fixo en tódolos cambios que se dan nos lugares. 

Viña fotografando prantas en flor para saber o seu nome. Por ver se algún cadraba cos que nós lles tiñamos aquí e cando cheguéi á Casa da Fonte, (Centro de Interpretación do Eo e da Marronda), fixéime nuns cartaces novos que había nas xanelas. Achegueime a mirar e vin modelos de traxes expostos en maniquíes improvisados con perchas e cadeiras. A porta estaba aberta e achegueime a indagar.

Non agardaba atoparme cun obradoiro de costura e cunha parella de veciños de Cubilledo vindos de Cataunya e Andalucía que xa levan tempo morando en  Baleira pero que non coñecía personalmente. Xente emprendedora que se viñeron ao rural, mercando casa nunha aldea de Cubilledo, cultivando unha horta e facendo deseño e moda.


Recibíume Neli, quen logo me presentóu ao seu compañeiro Toni e puxéronme ao día no seu proxecto de utilizar a Casa da Fonte para levar a cabo actividades como obradoiros de costura, faladoiros, teatro de títeres, defensa persoal, ioga...e moita costura transformadora e creativa a partir de outras prendas usadas (ou sen uso) convertíndoas en modelos do máis actual que poidamos imaxinar. Tamén me falóu de facer un mercadiño aos domingos no exterior ou dentro, cousa coa que eu sempre soñei, mesmo a noite pasada, pensaba niso!



Foi a alegría do día! Aínda non estou enterada nin a medias pero teño que escribir sobre este novo uso da Casa da Fonte que xa leva anos sen apenas usarse máis dun par de veces ao ano. Agora vai ter actividade e espero que sexa todo un reclamo para xente de aquí e de acolá!.

Seguimos vendo modelos, a cal máis innovador. Ela mesma prepara os estampados con lenda que lles pon aos chaleques, chaquetas e demáis...



Atropeladamente falamos de miles de ideas a levar a cabo. Non sei como vai funcionar, nin horarios, nin prezos. Sabemos que tamén se van facer actividades culturais como presentación de libros, acompañadas de gastronomía, faltaría máis!



"Apostar polo rural, non está mal", un lema para a miña camiseta! 




Grazas, Neli, Tania, Toni e Tamara, socias deste emprendemento no rural.

A carón do Eo e da Marronda, todo é posible.

Contade comigo!



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.