O orballo da noite apenas rociou os prados e as terras sedentas. Pousouse lenemente nelas para poñelas tréfegas. Eu aproveitei a primeira raiolada para facer o meu paseo outonal. Motivada por unha seguidora do blog, que me suxeríu escribir algo sobre o noso outono, deixei de lado a miña perguiza e puxen pés ao camiño que me levóu polos lugares que eu desfruto decotío e que cambian segundo o día ou época do ano. Sempre ofrecen algo diferente no que fixarse.
A aldea semella aínda durmida e a quietude fai que todo permaneza inalterable e sempiterno. O Carballal e Reigadas tenden o seu manto dourado sobre o Eo que vai lixeiro polo val que lle tenden.
No lugar dos meus ancestros aínda queda a vida que lle deron e que repousa a carón para renderlles honores e lembranzas.
Unha cabana de madeira fai as veces de casa mentres non se arranxan as antigas casonas que se conservan para perdurar na memoria de quen as vimos con vida noutros tempos.
A congostra que ofrece castañas e guía os meus pés entre muros de pedras postas de unha en unha por mans afeitas aos duros traballos lémbranme que nos precederon xentes con amor polo noso, polo de cada casa. Así somos: xenerosos pero moi gardadores do que temos.
O interior das fragas chamóu a atención de fotógrafos xaponeses que viñeron adrede para levar con eles as nosas estampas. Nese mundo interior de fadas, cogumelos e arrecendos.
Todo depende do punto de vista no que se mire e eu, hoxe, mirei esta aldea con ollos de querer perpetuala no tempo que outrora foi lugar de médicos e comadroas que axudaron a que nacésemos e perpetuaramos a nosa estirpe.
Ao fondo as árbores que non deberían formar parte da nosa paisaxe, fano mesturándose coas nosas de sempre que saben cambiar con cada época do ano, teñen porte e vístense para a ocasión.
E as vacas, as primeiras persoas coas que falo, saben escoitarme e agradecen o meu agarimo. Vacas e bois comparten o mesmo prado sen leas nen abusos. Dannons leccións!
Quedo marabillada con estas dúas que sempre forman un dúo e me fan pensar nun clon, nun twing ou nunha casualidade amorosa.
Deixo quedar aquí esta mañán, na que tamén recollín champiñóns no prado que os dá; mazáns xugosas para facer zume e letras que fan do meu paseo unha historia.