www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

venres, 1 de novembro de 2024

ENTRE O MIÑO E O EO

 


Día de tódolos santos, venres, primeiro de novembro, temperatura agradable, día solleiro, morno, quente...Unha ruta programada por Iria, a miña amiga das rutas e das conversas e de todos os aconteceres que xuntas nos depara un día das nosas vidas.

Salimos de Meira onde quedaba o tren turístico carregado de xente que desfrutaría dunha visita guiada pola vila, dirixímonos polo Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do río Miño, ata unha aldea chamada Louseira que dista uns cinco quilómetros por estradas locais. Ata alí viaxamos en coche para dirixirnos a pé ata a fervenza da Mexadoira, outros cinco quilómetros con desniveis pronunciados.




Entre castiñeiros e outras frondosas, fomos baixando ata os regatos do Carballal e do Freixo que se xuntan no fondo da costa. A música do río dábanos a entender que a auga viaxaba leda para xuntarse co noso Eo, entre montañas impresionantes que a resgardan de todos os ventos.



O camiño ofrecíanos unha exuberante abundancia de fieitos, de prados dun verde penetrante debido ás últimas chuvias das que se nutriron as súas herbas, de castañas que relocían á veira do camiño



E fómonos achegando a unha gran subida, protexida por un pasamáns feito cunha corda ben tirante á que nos fomos agarrando pola empinada costa que nos levaría ata a fervenza.



Ao chegar, foi como unha sorpresa atoparse con algo que non se coñecía por foto, polo menos, ise era o meu caso, non o da miña amiga Iria que foi quen a localizara para podela realizar.

Sorprendente atoparse con aquel espectáculo duns fíus de auga baixando dende unha altura de máis de cincoenta metros coma  unha chuvieira caendo menuda, desfiañándose pola empinada baixante dende alá arriba no alto da muralla vexetal que a esconde e protexe.



Quedámonos alí, escoitando o seu son que nos falaba nunha linguaxe de auga, con notas ledas e acompasadas, deixándose admirar e sentir, trasmitindo algo que so se encontra no sitio máis escondido e descoñecido, puro e recatado dunhas fragas que a aloumiñan e gardan como a xoia que é.



Ben pagóu a pena o traballo de baixar e subir empinadas costas, descendo mesmo do revés para non amolar os xeónllos no descenso.

Soutando as últimas castañas deste outono que foron quedando no chán e que prometen ser sabidas a xulgar pola súa pel brillante e tersa que atraen os ollos ao pasar e das que daremos conta en calquer almorzo, asadas no forno.

De volta a Louseira, fixámonos en que é unha aldea entre montañas, na altura, con boas vistas, con moitos cans soltos que mesmo houbo que tornalos, con zonas axardinadas nas que había algunhas obras de arte, randeeira e bicicleta estática ao dispor dos veciños e veciñas, mesmo na parada do autobús escolar, algo así como un intento de parque infantil, con cisnes feitos de rodas de coches e macetas con aparencia de cogumelos. Víase que había artistas escondidos naquelas paraxes illadas da vila de Meira.



Chegamos de volta á vila na que vimos xusto como retornaba o tren turístico coa xente da mañá e non puidemos irnos sen entrar na igrexa do mosteiro para ver unhas pinturas que se atopan por detrás do prebisterio e das que eu non tiña idea que existisen. Son frescos que foron caleados noutro tempo e restaurados logo porque se lles deu a importancia que teñen. Son imáxens de santos que os frades, procedentes de Francia, puxeron alí, con nomes escritos noutras linguas e que forman un conxunto artístico con moito mérito e que nós puidemos admirar hoxe e saber máis calquera día xa que hai visitas guiadas de martes a domingo ás 11.30.



Fervenza Mexadoira (Louseira)


A experencia deste día cheo precisamente de experencias, non rematóu en Meira. Despois de xantar na casa as empanadas tanto caseiras, miñas, como as que mercamos nunha panadería que as fai moi saborosas, levóunos por outros vieiros que nos proporcionaron cantigas de coplas das feiras que levaban as cegas daqueles anos cincoenta e de antes, cantadas por un mozo de 92 anos, cunha memoria envexante e que nós recollemos para gardalas na nosa memoria máis fráxil e perecedeira.

Estaba caendo a tarde,  na que non se movía unha folla, a temperatura era ideal para estar fóra, algo insólito nesta época do ano. O silencio era un luxo a ter en conta na estrousida dun mundo tolo e algo afastado pero non esquecido. E así rematamos a nosa andaina, en boa compaña, con moito aprendido. Algo que eu nunca faría soa, polo que teño que agradecer a Iria que me convidara a pasar este Día de tódolos santos, entre tantos santos que ten a natureza e entre os da igrexa do convento de Meira.

7 comentarios:

  1. Un día luminoso e ben empregado, desfrutando da natureza. Os pequenos detalles alegran a alma. Bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Foi un día completo, na compañía dunha amiga con 30 anos menos ca min pero coa mentalidade da mesma quinta!
      Grazas por lerme. Intúo quen es!

      Eliminar
  2. Hoje é o dia de todos nós, Homens, 😁😁😁
    Olhares fotográficos deslumbrantes.
    .
    Feliz fim de semana
    .

    ResponderEliminar
  3. Querida amiga Beatriz,
    As datas religiosas sempre contribuem muito para manter vivas as narrativas históricas passadas dos pais para seus filhos. Mas, claro, isso vai depender muito dos ensinamentos religiosos que cada família segue.
    Tive mais uma ótima jornada com você neste post!
    Tenha um bom final de semana.
    Beijos!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Asim é, meu amigo. As celebraçoes são tradições trasmitidas e que não tudo o mundo as continúa máis estão aí para quem goste delas.
      O importante é ser felices.
      Um abraço e obrigada por vir sempre deijar seu comentàrio aquí.

      Eliminar

Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.