"Quentiño como un roxón", Cántas veces non escoitei esta expresión na miña nenez e cántas non asociaba o dito ca calor que desprenden os roxóns cando se están elaborando. Este proceso, que leva varias horas de constante supervisión, remexido, extracción de graxa....ten un resultado final moi diferente ao qué son cando se comeza, partindo de distintas graxas sólidas do porco que se van retirando das partes que logo se lles darán outro uso. Teño a sorte de que me agasallan tódolos anos cunha potada de roxóns para que eu os prepare ao meu xeito. Lembro a figura de meu pai, diante da cociña de leña, facéndoos durante horas, atendendo ao lume e mais aos roxóns que el preparaba tan ben que non lles quedaba nada de graxa e desprendían un aroma ben diferente ao que tiñan cando se poñía a pota ao lume. Dél aprendín, non so a preparalos senón tamén unha receita que se facía moito onde el nacera, na montaña e que irei deixando aquí paso a paso para que se conserve e para que quenes queiran probala, se animen.
Primeiro direi cómo preparaba meu pai os roxóns. Poñía unha pouca auga con sal no fondo da pota e logo os roxóns. Facíanse sobre a cociña económica de leña coas arandelas postas para que a calor non fora moi intensa e os queimase por baixo. Tiñan que remexerse moi a miudo. Chegado un momento, adquirían velocidade e calor e aquela mesma graxa ía cociñándoos e reducindo o seu volume. Cando a graxa collía unha cor transparente, estaban xa collendo a textura de roxóns. Había que seguir e seguir e ir retirando aquela graxa para un recipiente e preméndoos para que a soltasen toda. A cor cambiaba xa a dourado, marrón e o característico bo cheiro estendíase pola cociña. Eu ainda os aplasto mais para que solten toda aquela graxa e deixoos escurrir nun colador grande cunha pesa daquelas de dous kilos enriba dun platiño que os cubre. Á mañá seguinte están dunha peza e con forma de queixo. Logo, para conservalos, envasoos ao valeiro en trozos pequenos para poder ser consumidos dunha vez na receita que agora explicarei.
Coa graxa farei xabón mais adiante, por eso a gardo nunhas garrafas de plástico. Esta pode usarse en receitas para polvoróns ou mesmo nos asados de outras carnes mais secas.
Roxóns con mazáns
Unha porción de roxóns según comensais. Cebola. Duas mazáns tipo golden. Pizca de sal. Azucar para espolvorear por enriba.
Corto os roxóns en lonchiñas miúdas e póñoos nun cazo que teña o fondo antiaderente. Xa eles van soltando algo de graxa pero se estivesen moi secos, compre poñer un pouco de aceite no recipiente antes de engadilos. Logo que van derreténdose, ponse a cebola (non moita) picadiña para que sexa invisible (por se a alguén non lle gustara), e déixase que se faga remexendo con frecuencia. Logo engádense as mazáns peladas e picadas. Esto vaise fundindo case como unha compota. Mentras, bátese un ovo grande, engádese algo de auga e fariña (tamén vale miga de pan), e faise unha masa como para chulas. Vótase aos roxóns coa mazá e agora sí que hai que estar sempre remecendo ata que esa masa vaia tomando cor tostado e se vexa que está cociñada. A min gústame moi feita, cando a cor é marrón. Logo sírvese con patacas cocidas e aos roxóns pónselles azúcar por enriba. Fai moi boa mezcla comer o doce co salgado. Que aproveite!


































