Video "No soy de aquí, no soy de allá".
www.leriasdebea.blogspot.com
Translate
xoves, 8 de xullo de 2021
AQUELES MARABILLOSOS ANOS
venres, 2 de xullo de 2021
MY DEAREST HOME!
Home, sweet home!
You never let me
feel alone!
You are my heart,
My lonely star
that brights my nights
and makes my days
the joy of life.
Home, sweet home!
luns, 21 de xuño de 2021
MARMELADA DE FROITAS VERMELLAS
Hoxe entra o verán pero deberónse equivocar os ceos porque aquí o que chegóu foi mais inverno con todo o o que iso significa. Xente, animais, plantas... voltamos ao cubil.
Como non se podía sair, por mor da incesante chuvia, e logo de ter argallado no computador, feito a miña xinasia suave co tuturial de youtube, pensei que sería bo poñerse coa marmelada de froitas vermellas que recollín na horta, antes de que se pasen.
Mesturei amorodos, arandos e grosellas e púxenme mans á obra, pois é un traballo de pacencia e de saber esperar. Case leva un día enteiro !
Mentras se agarda, pódense facer outras cousas: ler un bo libro, como iste de José Luis Sampedro "La sonrisa etrusca", Mais me gustaría lelo en italiano, xa que é a historia dun vello campesiño calabrés, que pasa unha temporada no apartamento dos fillos en Milán, onde coñece ao seu netiño de poucos meses.
A marmelada, para que calle ben, hai que deixala enfriar e se non ten a textura desexada, voltar a poñela ao lume ata que vaia espesando. É un truco que me dixeron e parece que funciona. Como sempre lle poño menos azucre do indicado, tarda moito en coller firmeza pero, ao final, acaba por callar.
O libro tira de min. Un avó do rural italiano, que non se afai aos costumes da cidade, a onde vai para ser tratado dun cancro, rusca, como él lle chama, e que choca co refinamento e artificialidade dun mundo tan afastado da natureza, e das costumes e modo de vida do lugar do que procede, e ao que se vai adaptando pero sen esquecer a súas raíces, trata de educar ao seu netiño nesas costumes de toda a vida para facelo un calabrés de pes a cabeza. Para iso ten que sacrificar moitos dos seus hábitos, como o de fumar, comer e beber, aseo personal... todo para poder entrar en contacto co que mais quere neste mundo, o seu netiño Bruno.
A marmelada vai avanzando en cocción e xa case está para poñer nos tarros que logo se ferverán a baño maría para que se garden por un tempo. O que ocurre é que, despois dunhos meses, van perdendo a viveza de cor, como se fosen oxidándose, pero o sabor queda.
O día vai dando treguas pero eu non saín a camiñar. Agardo poder facelo, porque o día que non camiño, parece que me falta algo. Ainda que a xinasia de Termalia, axudóu a mover un pouco os músculos.
Recomendo ista xinasia suave, que está guiada por un rapaz moi xeitoso e cunha música de estilo tibetana que crea un ambiente moi agradable. Combina respiración e exercicios para fortalecer as pernas, o equilibrio... e inclue estiramentos ao final.
Deixo aquí o vídeo "Termalia gimnasia suave you tube"
martes, 15 de xuño de 2021
ALTURA DE MIRA
Aproveitei que facía un día de calor para darlle a Noa o seu ben merecido baño. Así, limpa, arrecendendo a champú e co pelo dun branco, branco... subina a hamaca comigo, cousa que poucas veces fago.
Sentímonos as duas tan ben que notei cómo apreciaba o meu xesto e a sua cariña cobrou unha serenidade que me contaxióu. Dende a altura, podía ver o mundo de diferente maneira e observaba todo con curiosidade e sorpresa. Cántas vistas se perdía cando, a un palmo e medio do chán, apenas podía ver o que tiña diante dos seus ollos. Non me decatara diso ata hoxe. Non é o mesmo ver o mundo deitados que de pé.
Despois do mal que o pasara ca tronada da noite anterior, que non sabía onde meterse e o único refuxo que atopaba mais seguro era debaixo do banco da cociña, tiña agora unha reconpensa, ainda que non fose moi duradeira, porque a media tarde, os seus ouvidos xa anunciaban outra tormenta e seguíame a todas partes, tal era o seu medo!
Acaricieina mentras escoitaba o latexo do seu corazón, perto do meu. Qué poucas veces temos un momento así! Será pola miña falta de tempo e tamén porque, cos anos, vai adquirindo un certo cheiro que non me agrada, empeorado polos seus revolcóns nos prados que teñen xurro ou bichos mortos.
Deixei que observase ben a paisaxe dende a hamaca e que arrecendese as flores e o aire. Estabamos as duas moi felices. Pensaba nas miñas netas, que darían algo por poder tela asi, como eu a tiña. Era o que mais lles gustaba facer cando viñan. Subirse as duas con Noa a hamaca e eu mexendoas.
Dez anos xuntas xa son toda unha vida de can. Agora ten trece. Recollina no monte da Marronda, crendo que estaba abandonada. Había outros cans con ela. Nunca pensara ter can. Sempre fun de gatos. Os cans dábanme un pouco de medo, sobre todo os grandes. Parei o coche, abrinlle a porta e ela entróu. En dous minutos xa dicidira chamarlle Noa.
Co tempo, souben que a cadela tiña dono.Un día dando o noso paseo un coche parou xunto a nós e o home chamóuna por outro nome e ela foi de contado xunto dél. Despois de aclarar a situación e asegurarme de que nona quería de volta, pois xa ía ter cachorros, sentínme aliviada dun cargo de concencia por terme apropiado dunha cadela alléa.
Agora durme tranquila, mentras isto escribo, nesta madrugada na que o sono colleu vacacións, logo de ter pasado a noite anterior entre lóstregos e tronos. Se non se durme hoxe, dúrmese mañá!
mércores, 9 de xuño de 2021
O TRÓQUEL BRANCO
Perdido en Troquelandia, onde abondaban os Digitalis purpurea, era como un milagre atopar iste exemplar, que eu denominei, albino, nas primeiras de cambio.
Estaba escondído entre a frondosidade da beira do camiño, case oculto á vista de transeuntes, pero non á de aqueles, que coma mín, escaneamos o mais recóndito da floresta, sempre na percura de algo raro, que chame a atención e me faga sentir descubridora de segredos que a natureza garda para sí.
Outra persona, alén de mín, puxo os ollos nél. Acordamos que o deixaríamos estar no seu sitio para que se reproducise na seguinte primavera. Cousa que ocurreo.
Pero, logo, veu a devastación masiva de toda aquela ramallada que medra ao borde dos camiños por onde transita maquinaria agrícola e que hai que manter libre para que pase sen dificultade. Mesmo veu o lume que arrasóu todo o hábital daquel inquilino raro.
De saber que iso ía acontecer, tería levado a planta para a miña horta para protexela. Pero, se morría? Por culpa miña? Non quería xogar con iso. Qué pasase o que tivera que pasar. Alí quedaría.
Xa pasaron varias primaveras sen velo. Hoxe escudriñei metro a metro toda a contorna para ver se os meus ollos daban con aquela brancura que me fascinara. Pero non atopei indicios de que a súa estirpe se salvara. E se era o único no mundo? Non tería eu que ter chamado a expertos na protección de prantas silvestres, igual que fago cando un xabarín se arrastra, ferido, por un prado? Sento moito pesar de non ter feito algo. E se o levóu a outra persoa que sabía da sua existencia? Case me alegraría, no caso de que lograra que sobrevivira. Prefiroo en cautiverio que desaparecido!
Agora, que se achega o San Xoán, que os seus irmáns de cor fucsia, van ser protagonistas, xunto coas flores de sabugueiro, no enramallado de portas en fiestras para protexer as nosas casas dos maleficios...él non poderá formar parte disa costume que temos pola Galiza interior. Porque pola costeira, alí sí que teñen outras maneiras de combater os meigallos, e que consiste en recoller as Herbas de San Xoán, que veñen sendo malva, romeu, fiuncho, mil en rama e muitas outras, dependendo da localidade e do tipo de herbas que medran nela. Déixanas a remollo na noite de San Xoán para lavarse con ela ao día seguinte pola mañá.
E falando da celebración, aquí xa se perdeu o costume de facer as fogueiras na noite máxica. Pero na franxa atlantica, zonas costeiras, aínda se seguen facendo acompañadas de comida e bebida, música e logo saltan as fogueiras e a noite segue a facer das súas e hai trasnadas que se materializan en mover cousas de sitio, ou sexa, gastan bromas de mal gusto para quen sofre as consecuencias.
Todo acaba así, con esta dedaleira branca desaparecida. Non podo facer nada mais que adicarlle iste post, e admirala na foto que gardo da súa louzanía
Música: Luar na Lubre " Pola Ponte de San Xoan ".
Refráns:Polo San Xoan, tanto queixo como pan.
Polo San Pedro, tanto queixo como un dedo.
domingo, 6 de xuño de 2021
CLAFOUTIS DE CEREIXAS
Os domingos, non son o meu día de repouso. Case sempre teño múltiples tarefas destinadas para ese día.
E, agora, cas novas tarifas eléctricas, os fins de semana e festivos nacionais, (habería que especificar, porque se consideran os festivos das comunidades autónómicas....) temos todo en tarifa "val", e é cando aproveito para fornear, lavar, planchar...
Así que hoxe, fixen un postre francés con cereixas que ademais están de tempada e eu fun buscalas a un mercado, onde sabía que as tiñan do Bierzo, case galegas, ou sen case, que son as que me gustan.
Eu son moi internacional nos gustos: gastronomía ,linguas, música, filmes....cultura en xeral, mesmo tiven que casar cun británico medio irlandés....
Así que, acumuláronse en min todas as experiencias francófonas, dende as vendimas na rexión de Bourdeaux e Cognac, aos seus queixos e patés, os creps bretóns, o cine francés, o son da lingua que me gosta tanto, a música de Èdith Piaf ,Mireille Mathieu, George Moustaki...(do que deixo vídeo)
Xa tiña experimentado con esta receita, que baixéi de Internet, e púxenme mans á masa. O resultado non ten mala pinta e vou a convidar tamén a amizades internacionais, unha parella de holandés e española, que tamén teñen horta e gostan da repostería.
Como aínda me quedan moitas cousas que facer hoxe, dende angazar a herba que cortei onte, cociñar o meu xantar e preparar o porche para recibir aos meus convidados... vou deixar aquí, esta curta entrada na que incluo a miña canción preferida do George Moustaki, "Le Meteque".
A tout à l´heure!
luns, 31 de maio de 2021
CONTIGO SEN TI
Hoxe está o mar para min
suave, maino, anxelical
e a túa ollada arrasa
percurándome dende o
fondo da túa ansiedade,
dende a escuridade de
mundos descoñecidos
que non quero perturbar.
Mar en repouso, sosegado,
que só se che asemella
no aloumiño,
na tibieza do teu corpo
na disposición de dar
sen recibir.
Hoxe está o mar para min,
que non tí
ainda que tí e o mar
se deixen seducir por min.
Hoxe o mar convidóume,
ofreceuse aos meus pés
como tí te ofreces
á miña resistencia
con ímpetu de atleta
percurando a meta.
Verde mar que relaxa
a vista e as paixóns,
mar que dosifica o
seu ímpetu e muda
cada instante.
Hai un mar no teu ollar,
un mar profundo,
impredicible, que garda
segredos dun pasado
amainando nas rochas
da miña incomprensión.
Se estiveras, se compartiras
este momento de contemplación
en comunión co mar,
co later do teu pulso
firme como firmes son
as tuas mans no abrazo
saberiamos que a
soidade é só unha ficción,
un invento dos sentidos
e eu, procurándote
nesa soidade. Poñendo
por testigo o mar que
rompe con forza
para deixarme ir sen tí.
Bea Pin
Vídeo: VIENTO DEL NORTE
luns, 24 de maio de 2021
MULLER DOS SETENTA
Anos setenta, filla única, estudante, moza do rural interior de Galiza, cidadana do mundo....
Cando quería irme a traballar a algún sitio, lonxe da casa, noutros lugares de España ou no estranxeiro, sempre tiña que sair ás agachadas. Apenas deixaba unha nota para tranquilizar a meus pais, cando ao levantarse, esa mañá, souberan que me fora.
Era duro despedirse cara a cara, sabendo que chorarían, berrarían comigo, non me deixarían marchar, eu, abrandaría e acabaría por acatar os seus desexos.
Así que, erguíame cedo, co pretexto de ir á cidade. Collía o autobús perto da casa e alá me ía ca miña equipaxe. Secadra para traballar na hostelería na Costa Brava catalana, para as vendimas en Francia, para Holanda ou para Suíza.
Nada mais chegar aos destiños, escribíalles, mandáballes unha postal, un enderezo e contáballes o ben que me ía no meu traballo.
A min coido que me viña de familia. Meu pai, con dezaoito anos, marchóuse ao País Basco, traballar nas minas e fixoo do mesmo xeito ca mín, sen dicir nada na casa.
Logo viñan as cartas de miña nai, sempre lamentando un pouco o que eu lles fixera, deixalos, así, daquela maneira... Pero como os chamaba, as veces, a un teléfono público que había na casa duns veciños, xa se tranquilizaban e así ía pasando o verán ata que volvía para empezar aulas en setembro.
Nunca me sentín culpable do que facía pois coido que era o correcto. Estudar ben todo o ano e logo buscarme un traballo nos veráns para ter algún carto e non ser tanta carga para meus pais, que sempre dicían que aquel era o último ano que me deixaban facer estudos e eu quería seguir e seguir estudando ata rematar unha carreira.
Eles non sabían que eu viaxaba en auto-stop a maioría das veces. Nono facía soa. Tiña amigas en Salamanca cas que viaxaba e traballabamos xuntas en fábricas, vendimas, hoteis...De térllelo dito, a cousa sería pior do que xa era.
Pero era a única maneira de viaxar sen gastar, de coñecer sitios, xentes, culturas, falas...
Xa sei que non era moi normal. Eu non coñecín a ninguén mais, na miña bisbarra que fixera o que eu facía. Meus pais deberon pasalo moi mal tendo unha filla así... Eu faría o mesmo, se son nai dalguén coma mín.
Hoxe, sego sendo a mesma: unha estrana entre a miña pouca vecindade, unha que non puxo a vacina, unha da que din que non é moi normal que faga ise tipo de cousas, que deixe medrar o pelo, co teña da cor natural que pola idade me corresponde e non pintado... Pois, hoxe, sego sendo a mesma, sí, e síntome orgulosa de selo.
Resúltame difícil saber quén está equivocado. O por qué temos ideas tan diferentes. O por qué eu non encaixo aquí. Son a ovella negra, e ata o seguirei sendo dende que xa non camiñe por estes camiños. Daquela serei a pantasma solitaria que xa non ten a quén espantar porque non quedará apenas xente da miña xeración.
Video:
The Voyager de Mike Oldfield ten que ver con Galiza. Música celta así como ca historia que conto aquí. El tamén foi outro viaxeiro.
"The Voyager, pieza musical que da nombre a este álbum, con el que nos recuerda la imagen de aquella persona que recorre los diferentes senderos que pueblan este mundo en busca de nuevas y emocionantes aventuras en un intento por conocerse más a sí mismo y a nuestro planeta a lo largo de su peregrinaje"
xoves, 20 de maio de 2021
POLO MUNDO CON AMOR
Despois de pasar dous días na compañía das miñas adorables netiñas, que correron ata o meu carro cun debuxo cada unha para recibirme, de dar paseos longos pola aldea, ata Silvaredonda, onde hai un parque infantil medio derruído, de xogar ca gatiña que elas xa viran noutra ocasión e que estaba alí para elas, dócil e con ganas de mecos, da volta á casa por un camiño do monte, con eucaliptos e outras árbores das que fomos falando todo o tempo, e do paseio da horta de Xosé, que fixo un espantallo que xira co vento e ten un parachuvas que é o que lle serve de veleta...e que intentei filmar facendo o xiro pero non deu. Despois de moitos abraços, de ver xuntas os debuxos animados en inglés, na tablet... despois de tudo iso tan bon, regreso ó meu lugar co corazón cheo de ledicia e coas baterías cargadas por moito tempo,
Hoxe, apareceu un día de sol que me levou sen demora a facer o meu paseo con Nóa, sentir cucar o cuco, ver a herba cortada en ringleiras simétricas, arrecender o seu cheiro, ver as terras sementadas e ollar ó ceu azul e limpo de fumes...
Din que as revolucións, por algo empezan. Eu noto, que dende que empezóu a pandemia, o ceo está mais limpo. E outras cousas boas están pasando, no medio de moitas menos boas. O mundo non pode estar ao gusto de todos pero o que sí está claro é que temos que salvar o planeta.
Onte foi o día mundial das abellas. Eu non son de días D que conviden a consumir mais da conta, pero sí os que axudan a coñecer e concenciar sobre temas que son importantes.
As abellas é unha especie amenazada como tantas outras. Sen elas, non teríamos algo tan bo como é a froita, o mel...
Por todo iso, é urxente que poñamos remédio ás ameazas que fan que desaparezan seres que nunca mais voltarán a existir.
xoves, 13 de maio de 2021
SE CHOVE, QUE CHOVA
C omo chove miudiño
miudiño como chove
pola banda de Laíño
pola banda de Lestrove
![]() |
| Dende a fiestra da miña cociña |
Refráns galegos:
"Chova para min abril e maio e para ti o resto do ano"
"Moitas augas en maio, traen mal ano"
"Ata o corenta de maio, non quites o saio"
"Auga de maio, trae pan para todo o ano"
Esta chuvia de maio
xoga comigo
ao aquí te pillo
aqui te mollo
mentras me conformo
con ver medrar o cebolo
Esta chuvia brincadora
chíscame un ollo agora
e eu, confiada
póñome á camiñada
Cantas veces empecei
e nunca o paseo acabei
senon de chuvia empapada
`Rain, rain, go away
and come back
another day`
Se chove, que chova,
a min non me amola.
Pan con poesía,
a fantasia aviva.sábado, 8 de maio de 2021
PAISAXES DAQUÍ
Cómo cada maña, dou o meu paseo polos arredores. Cada día hai algo diferente que me atrae. Estamos na estación dos cambios, das sorpresas... e non hai que perderse nada do que a natureza nos ofrece.
Onte, o prado que vestía de verde e nel pacían corenta vacas novas, é hoxe terra espida, para ser sementada con millo. Fíxome nos debuxos que as sementadoras deixan na superficie. Podían inspirar a calquer artista plástico.
Todo iso non me pasa desapercibido. As flores que se van alternando e das que non sei os nomes, son suficiente material de estudo e de observación se quixera tomarme ese interés. Pero hai tantas cousas das que non sabemos nada e que conviven con nós... paxaros, árbores, arbustos....Nono podemos abarcar todo.
É como o mundo. Ha tantos lugares que nos gostaría coñecer...que serían moitos para a nosa curta vida na Terra.
Eu teño viaxado, no tempo no que me gustaba facelo. Eran viaxes de traballo. Nunca me gustóu ir de turista aínda que acabei tamén facendoo cando tiven oportunidade. Pero o que temos onde vivimos, é suficiente para mín neste momento da miña vida. Cambia cada día. Está a un paseo dende a casa. Non da traballo. Non da gasto, (os bastóns de nordic walking precisan zapatiños de vez en cando, e as botas de camiñar non duran toda a vida).
Case sempre veño inspirada para escribir despois destes paseos. A natureza, o día solleiro de primavera, o respirar aire fresquiño e non demasiado contaminado, ainda que algo por mor dos xurros e químicas que votan na terra para que lles de froitos, pero non tanto como nas cidades e arredores.
Sentir os paxaros, observalos e ver a sua actividade para buscar comida e sacar a súa niñada adiante, os cans que me saen para darme os bos días e que me coñecen e me tratan como da familia. Sei os seus nomes e algúns acompáñan no paseo.
Eu, ás veces, ainda sinto desexos de votarme polo mundo adiante, coñecer lugares increíbles e fermosos como estes que o Google me pon cada día na páxina de entrada. Son tentadores a mais non poder. Pero, pensándoo ben, cánto inconveniente me supón emprender unha viaxe desas? Compensa? Definitivamente non me sinto con forza para esa aventura. Iría nunha viaxe de grupo, con todo organizado, se cadrara. Pero soa, como fixen no pasado, xa non me vexo.
As miñas viaxes foron en case todos os medios de transporte, empezándo polo auto-stop, nos primeiros tempos, cando tiña dezanove anos e mais, en tren, en autobús, en avión, en barco, ferri, hovercraft... e tamén, xa coa idade da xubilación, viaxei no bla bla car, coche compartido, moi usado entre a xuventude de hoxe e que ven sendo un auto-stop pagado e concertado.
E entre terras, prados, vacas e flores, vou concluíndo a miña experencia de hoxe, chea de lembranzas.
No meu blog hai de todas esas andainas polo mundo. Quedaron atrás, nas páxinas que estou relendo para poder editar esas historias nun pequeno libro que me ilusiona, despois de once anos escribindo no blog.
Deixo aquí un video do grupo portugués de Arronches, do que eu teño o Cd Verde Maio.
sábado, 1 de maio de 2021
DÍA DA NAI
Unha nai, tivemos todos, pero unha que nos durase ao longo da nosa vida, que estivera nos bos e nos malos momentos, que nos quixera, que nos trasmitira uns principios e uns coñecementos básicos para un bo vivir, non todos tiveron, ou non teñen a sorte de poder contar con ela.
Miña nai, que te fuches
anque te soñaba eterna,
deixáchesme un legado
ademais dun gran valeiro.
O que ti me ensinaches
cal tesouro, gardeino
e aflora nos momentos
nos que a vida me proba.
a confianza e a maña,
O teu sentir positivo,
o nunca estar cansada,
sempre disposta a todo,
nada que non poideras,
a fe que te guiaba,
todo eso e moito mais
agora me acompaña.
Herdei a tua casa,
a túa Sigma ben coidada,
a cociña e o cociñar,
e a horta sementada.
E mesmo a tua alcoba,
no mellor sitio da casa.
Son a tua continuidade
o teu remanecer na terra,
a tua memoria que pervive,
no lugar da tua historia,
onde a esencia permanece
sempre por min velada.
Miña nai, que en vida,
non souben dicirche tanto
porque so cando te fuches
sei atopar as palabras,
ainda que nono din todo
resumo nun epitafio:
"Traballadora no campo,
fermosa na romería!
domingo, 25 de abril de 2021
A MIÑA INFANCIA
LEMBRANZAS DA NENEZ
venres, 16 de abril de 2021
O FORMIGUEIRO
Hai días, que me entran tantas ganas de escribir, que non podo demorar mais. Mesmo deixo sem facer algunhas tarefas ou renuncio ao descanso ben merecido de despois de almorzar, como é o caso.
Dende que vin aquel formigueiro, arrasado polas lapas, sin teito, carbonizado, ennegrecido como o crater dun volcán, e lle fixem fotos, por se acaso as necesitase, non deixei de pensar en escribir algo sobre o tema, ainda que as fotos, mesmo parecen unha paisaje de Lanzarote e pode que non sexan do agrado de todo o mundo, eu sego pensando que teño que dicer algo sobre ese formigueiro.
Paso preto del todos os días e detenho-me a míralo, a ver se sobreviviron, se puideron refugiar-se no seu bunker antes de que o lume as carbonizara por completo.
Adianto que tiveron sorte. Que a día de hoxe, xa teñen construído mais dun centímetro de espesor no que é o recheo daquel cráter que eu vin despois do lume ter pegado nel.
Traballan arreo, sem perda de tempo. Centos de formigas carretan seu pauíño ou palla, ou comida para contribuir ao bem do formigueiro, a súa sociedade.
Estou tendo moita simpatía con estes animaliños. Aclaro que non gosto de telas perto. Mais, son tan laboriosas coma mín e iso faime sentir empatía hacia elas.
De aquí en diante xa me podo incluir e direi que todo se nos vai en prepararnos para o inverno. Aquí é inverno case todo o ano. Leña para o lume, comida...So que eu non dispoño de galerías subterráneas, nen teño obreiras que me fagan o labor, nen son unha raíña poñedora, nen unha zángana. Entón, qué clase de formiga son eu? Sen dúbida, unha obreira!
Hai xente que se dedica a molestar os formigueiros. Nona comprendo. Qué interese terán en coller un pau e poñerse a remexer como se fose arroz con leite?
Para algúns, as formigas tamén son algo que se come e se empaqueta como unha bolsa de chips e que van cruxindo entre os dentes, entre sorbo e sorbo dunha Indian Pale, ou algo así. Eu non gostaría dese snack nen que me pagaran por comelo. Pero para gostos....
Xa só me falta escribirlles un poema. Agardarei a que terminen de construir o seu pazo, e así loubaréi a súa obra e o seu exemplo de colectividade.
E como o prometido é deuda, e motivada polos versos que SOL de Esteva deixou no seu comentario ao meu post, atrévome cun poema rimado, seguindo o seu estilo.
"Incansáveis, as formigas,
Laboram o tempo inteiro,
Ajuntam muitas espigas
Para encheren o celeiro"
(SOL de Esteva)
A sua casa lles queimaron
Por limpar unha maleza
Elas ben se refuxaron
No fondo da fortaleza
Como son traballadoras,
Á superficie asomaron
Despois dunhas poucas horas
O formigueiro arranxaron
Tiveron unha xuntanza
Para poñerse de acordo
E como houbo concordo
Para facer a mudanza,
En menos que canta un galo
O formigueiro arranxado!
(Beatriz Pin)
sábado, 10 de abril de 2021
UN PROXECTO
Algúns dos poemas que publiquei aquí, no blog, ultimamente, son poemas que foron escritos fai moito tempo e ficaron medio inasequibles e descoñecidos para quén me visita na actualidade. Pensei que, mentras o tempo se me fai cada día mais curto, a horta me chama e a lentitude apoderouse de mín, sería unha maneira de manter o blog activo, traéndoos de novo á vida.
Pero o PROXECTO, é outro: estou preparando un libro con todos os textos do blog e cos poemas que tamén fun publicando no seu momento, cando os sentín.
É moi interesante ter proxectos que tiren de nós, que nos ilusionen, que nos comprometan con novas aprendizaxes. As miñas neuronas non paran de traballar. Síntoas! Tiven que facer e desfacer todo tantas veces e voltar a empezar de novo, buscar outras solucións....pero, por fin, está enfilado, vai para diante, e iso dame toda a enerxía que preciso e alegra os meus días.
Non quero deixar abandonado á sua sorte un traballo de case once anos, nas mans do internet, que en calqueira momento pode desaparecer e perderse para sempre.
E dito iso, vou deixar outro vello poema aquí, para que se airee e quite o pó.
Domingo, 18 de febreiro de 2018
O Pasatempo
Pasou o tempo
No Pasatempo
Pasoume un
Tempo pasado
Volvendo todo
Ao seu tempo
Atemporal
Pasatempo
Onde pasei un tempo
A destempo
Por non ter tido o tempo
No tempo de telo
Agardei un tempo
No que ter tempo
É un pasatempo
(Qén queira saber por qué escribín este poema, ten que ir a data no que foi escrito no blog.)
domingo, 4 de abril de 2021
O DOCE DE PÁSCOA
Respira o doce no forno
latexa, soña con deleitar
ten vida propia
faise por dentro
sincroniza co calor
déixase dourar
sen usar protector
muda a súa cor
faise maduro, feito
ready to eat
Sabe o seu punto
e arrecende
para avisar
BOA PÁSCOA
RECEITA
Pasta quebrada:
200 gr fariña/ pizca de sal/ 100gr. manteiga/ 1 ovo/ 50gr azucre/ cullerada sopeira de auga.
Mesturar fariña +sal / incorporar manteiga en dados/ mesturar cas xemas dos dedos ata textura pan relado/ burato no medio/ poñer o ovo lixeiramente batido/ mesturar con coidado (se a masa seca, engadir 1-2 culleradas auga/ facer bola ca masa pero sen amasar/ tapar con film e deixar neveira.
Despois de 1-2 horas dividir masa en 2 partes/ estirar ca axuda de film para que non se pegue ao rodillo/ forrar molde con esa masa/ rechear de cabelo de anxo con améndoa troceada (pode ser de mazáns tipo reineta parda madura, ou con outra cousa)/ cubrir ca segunda capa/ decorar con améndoa laminada/ facerlle unhas perforacións cun garfo para que a masa non se levante/ co forno prequentado fornear ata que se vexa dourada, no medio do forno, calor encima e abaixo, 150 graus +/-
xoves, 1 de abril de 2021
CONTIGO, PAN E CEBOLA





































