www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 16 de xaneiro de 2017

REGUEIFA VISUAL

O pouco que eu sei da regueifa é que se presta a canalizar os enfrontamentos entre duas ou mais persoas sen ter que chegar a males maiores e ao mesmo tempo, deixándo aos contrincantes satisfeitos de expresar as súas diferencias. É un método pacifista de resolver os problemas que poden ter dous veciños, dous grupos como mozos versus mozas dun xeito irónico, valéndose de cantigas que con moita sutileza van atacando e contraatacando sobre un tema conflictivo. Eu non son a mais indicada para falar deste asunto se ben, o meu fillo podería sorrir ao ler esto que eu escribo xa que el está facendo o seu doutoramento  sobre a regueifa en Vaasa, Finlandia, ao tempo que da aulas de estudos para a paz nesa mesma universidade, (discúlpeseme presumir de fillo, pero é o típico das nais, e non sempre teño moita ocasión de facelo). Pois nas miñas andainas aquí pola aldea, sempre se descubren cousas que non fai falla buscalas moi lonxe. É ben sabido que en tempos antigos, a regueifa estaba á orde do día en todo trato personal, por exemplo nesta cantiga dos reis:
A:  Cantamosche os reises
      guedellos de cabra,
      cantámosche os reises
      nonos deche nada.

B:  Se nada vos dín, 
      nada vos debía,
      ide dahí larpeiros
      viñerais de día.

Pasando por un camiño onde dous veciños non se levan alá moi ben e tendo as casas frente por frente, xa teño ficado sorprendida da exhibición que, as veces, cando hai banquetes, fan do consumido para que o outro senta envexa. Este Nadal, fixeime nas botellas de albariño e de champán que xunto cunha lata de coca cola e restos de mariscada, había na parede xunto á pista. Eso por unha banda. No outro lado da pista, na casa do outro, había un saco de pienso de cans pendurado, baldeiro, nun pau ben outo. E eu pensei que esto se trataba dunha clase de regueifa visual, na que as imaxes valían mais ca mil palabras. Ocurríuseme poñerlle eu a letra e aquí temos o resultado:

A: Na miña casa a familia
     ven celebrar o Nadal.
    Tomamos a mariscada
    viño albariño e champán.

B: Na miña polo Nadal
    estamos eu mais o can
   él come pienso do bo
   o voso as sobras lle dais.

Quedei satisfeita con este texto e paréceme que é xusto o que eles estaban tratando de dicirse sen mediar palabra. Agora so precisaría dun debuxiño tipo viñeta que vou pedirlle a un amigo artista se podería facermo para ilustrar este post xa que as fotos que tomei non me gusta poñelas pola evidencia que fai do terreo de estudo e que poidera ferir sensibilidades.


Ilustración de LO MARTI


Lembro, na miña crianza, como grupos de segadores  tamén se tiraban os trapos sucios dende unha ladeira do monte á outra, quedando o val no medio. Ben con aturuxos, con algún tipo de burla por iren mais atrasados na laboura que facían, por seren mais perguiceiros, por estar mais tempo descansando ca traballando, en fin, había moito polo que mofarse dos demais e afianzarse no propio. É ben curiosa esta forma de desfacer "entuertos" sen chegar a maiores males. Se o mundo aprendera estas técnicas de discusión e confrontación, estariamos mais humanizados e menos asilvestrados, que en paga de ir para diante, imos para atrás, e dúbido que atras, neste caso, siñifique peor, xa que no caso da regueifa, é algo ben saudable para quedarse agusto, descargado de tensións e divertido ao mesmo tempo.



sábado, 14 de xaneiro de 2017

TEMPO DE ROXÓNS


"Quentiño como un roxón", Cántas veces non escoitei esta expresión na miña nenez e cántas non asociaba o dito ca calor que desprenden os roxóns cando se están elaborando. Este proceso, que leva varias horas de constante supervisión, remexido, extracción de graxa....ten un resultado final moi diferente ao qué son cando se comeza, partindo de distintas graxas sólidas do porco que se van retirando das partes que logo se lles darán outro uso. Teño a sorte de que me agasallan tódolos anos cunha potada de roxóns para que eu os prepare ao meu xeito. Lembro a figura de meu pai, diante da cociña de leña, facéndoos durante horas, atendendo ao lume e mais aos roxóns que el preparaba tan ben que non lles quedaba nada de graxa e desprendían un aroma ben diferente ao que tiñan cando se poñía a pota ao lume. Dél aprendín, non so a preparalos senón tamén unha receita que se facía moito onde el nacera, na montaña e que irei deixando aquí paso a paso para que se conserve e para que quenes queiran probala, se animen.
Primeiro direi cómo preparaba meu pai os roxóns. Poñía unha pouca auga con sal no fondo da pota e logo os roxóns. Facíanse sobre a cociña económica de leña coas arandelas postas para que a calor non fora moi intensa e os queimase por baixo. Tiñan que remexerse moi a miudo. Chegado un momento, adquirían velocidade e calor e aquela mesma graxa ía cociñándoos e reducindo o seu volume. Cando a graxa collía unha cor transparente, estaban xa collendo a textura de roxóns. Había que seguir e seguir e ir retirando aquela graxa para un recipiente e preméndoos para que a soltasen toda. A cor cambiaba xa a dourado, marrón e o característico bo cheiro estendíase pola cociña. Eu ainda os aplasto mais para que solten toda aquela graxa e deixoos escurrir nun colador grande cunha pesa daquelas de dous kilos enriba dun platiño que os cubre. Á mañá seguinte están dunha peza e con forma de queixo. Logo, para conservalos, envasoos ao valeiro en trozos pequenos para poder ser consumidos dunha vez na receita que agora explicarei.
Coa graxa farei xabón mais adiante, por eso a gardo nunhas garrafas de plástico. Esta pode usarse en receitas para polvoróns ou mesmo nos asados de outras carnes mais secas.
Roxóns con mazáns
Unha porción de roxóns según comensais. Cebola. Duas mazáns tipo golden. Pizca de sal. Azucar para espolvorear por enriba.
Corto os roxóns en lonchiñas miúdas e póñoos nun cazo que teña o fondo antiaderente. Xa eles van soltando algo de graxa pero se estivesen moi secos, compre poñer un pouco de aceite no recipiente antes de engadilos. Logo que van derreténdose, ponse a cebola (non moita) picadiña para que sexa invisible (por se a alguén non lle gustara), e déixase que se faga remexendo con frecuencia. Logo engádense as mazáns peladas e picadas. Esto vaise fundindo case como unha compota. Mentras, bátese un ovo grande, engádese algo de auga e fariña (tamén vale miga de pan), e faise unha masa como para chulas. Vótase aos roxóns coa mazá e agora sí que hai que estar sempre remecendo ata que esa masa vaia tomando cor tostado e se vexa que está cociñada. A min gústame moi feita, cando a cor é marrón. Logo sírvese con patacas cocidas e aos roxóns pónselles azúcar por enriba. Fai moi boa mezcla comer o doce co salgado. Que aproveite!




t

mércores, 4 de xaneiro de 2017

ANINOVO 2017


Resultado de imagen de foto cigueñasAínda non fai moito que despedía as cigoñas neste blog, agardando velas de novo á principios da primavera, como mais cedo, cando, para sorpresa miña, o día de aninovo, nunha paisaxe conxelada, atopei a primeira cigoña do 2017, ao meu paso por estradas fantasmagóricas, desertas que de contado me fixeron imaxinar un mundo postpetróleo. Estaba de pe no seu antigo neal onde xa medrara un prado dentro del e comprobaba tristemente unha ruína onde todo era inóspito e desamparado. Pensaría na súa familia, que deixaba na residencia de inverno (enténdase verán para elas) ao amparo de mellor calidez e na súa arriscada viaxe para adiantarse a preparar a súa casa que acollería amorosamente á súa parella de anos. Cánto nos enseñan estes compañeiros de camiño! Pero, de feito, elas son o mellor cronómetro do tempo atmosférico e dous días despois xa sería mais benigno e propicio para emprender labores de reconstrucción do neal. O día tres, a terra voltouse mol e as árbores ainda locen enaguas outoñais nas suas ponlas cando xa agroman neles indicios primaverais sen ter pasado polo inverno. A esto debe chamárselle xa polo seu nome, que ata xente miúda coñece: CAMBIO CLIMÁTICO.







Eran as tres da madrugada cando me asaltóu este pensamento, que logo de espertarme, faise teimoso e apremiante, polo que xa sempre teño á  man algo onde escribir as ideas que logo pola mañá esfúmanse e dilúense na néboa e mestúranse ca cotidianeidade automática das labores caseiras e de  portas afora e xa non son quén de traelas a rego!
Como dicía, as estradas dende a miña casa á costa atlántica, nesa mañá xélida, eran de película. Apenas atopei carros por elas. Era toda para min, ainda que non tiven malas tentacións de ocupala por completo! Ao deixar a A 6 para dirixirme á Santiago, despois de Guitiriz, a estampa que ofrecían as árbores, prados, veiras da cuneta e arbustos mais pequenos era para fotografar e sabía que ou o facía daquela ou tería que conformarme con perdelo. Non parei porque me deu preguiza, porque xusto onde emerxía esa imaxe non había onde parar.... Logo arrepentiríame ben porque esas imaxes eran xusto as que debía poñer aquí neste post! Verei de atopar algunhas que outras persoas fixeron pero xa non é o mesmo por aquelo de que penso que o que ven os ollos de cada ún, é o que queren ver e o que lle da siñificado a todo o conxunto, porque non é so a foto, é o día, a hora, o lugar xusto polo que ti pasabas, o motivo da túa viaxe, o teu estado de ánimo!. É por iso que non me valen fotos alleas por moi boas que sexan. Cada vez mais esixente con todo!
A miña reflexión sobre a importancia que lle damos ao calendario e cómo marca a nosa vida, de maneira que parece que o primeiro día de xaneiro todo cambia, todo é diferente, empezamos un novo ano do que daremos resumo o 31 de decembro e avaliaremos cómo foi para o mundo, para os nosos achegados, para nós mesmos..... e así sucesivamente. Non nos decatamos de que outras xentes se rixen por calendarios diferentes e para eles non é o mesmo que para nós.... E considerámonos únicos e certeiros e ben afincados na nosa realidade, que non é tal, senón ficticia... Así que ainda que temos que seguir a corriente porque senón corremos o risco de desbordarnos, cada vez síntome menos involucrada neste tipo de celebracións que sobre todo baseanse no consumismo, nunha sociedade capitalista que nos devora ao tempo que se encamiña á súa propia destrucción. Non existen eses marcadores numéricos como non existe o tempo contado en horas e minutos. É unha continuidade sempre, marcada, eso sí, por outro tipo de cambios mais imperceptibles, ou mais sutiles dentro dun conxunto de infinitismos non controlados aínda polos humanos. Deixémonos fluir!!!!!



mércores, 14 de decembro de 2016

VOAR PARA VIVIR




Voar sen límites, como voan as aves,
percurando novos destiños,
sen importar fronteiras
nen liñas divisorias,
sen atarse a nada, sen xustificar
seguindo o instinto ,
as necesidades básicas,
deixando atras lugares e neais,
sen calendarios, mapas ou satélites
que guien a sua marcha,
so un cambio no ceo, un sinal
e un punto no hourizonte
un bater de ás, sen equipaxe
que levar, todas a unha,
poñen rumbo á felicidade, sen mais.






domingo, 4 de decembro de 2016

ROTEIRO DAS SEIMEIRAS



Un fermoso día para un roteiro espectacular e nas proximidades! Qué gusto descubrir esta natureza en estado puro onde o son da auga faise sentir por toda a fraga repleta de castiñeiros centenarios e de frondosidade variada. Fixemos este roteiro con dous grupos chegados da Mariña e de terras de Lourenzá. Era un roteiro circular con baixadas impresionantes pero con valado de madeira para evitar caídas ao precipicio. Ben sinalizada e con pontes e pasamáns en bo mantemento.
A primeira seimeira (fervenza) lembra a típica cola de cabalo que me fai pensar na manzanilla leonesa que viña nunhas caixiñas que tiñan unha fervenza semellante. Era a granel e facía efecto inmediato!!!
Por aquí hai un descenso moi en picado e resbaladizo nesta época do ano debido á follaxe que alfombra o chán pero que con coidado fomos pouco a pouco baixando sen maiores tropezos para atoparnos con esta fermosura natural ben escondida e para min descoñecida ata o día de hoxe.
Forma unha poza grande  na que me imaxino que se poderá tomar un baño no verán. As augas parecen limpas e sen contaminar. Un convite a deixarse masaxear por este chorro poderoso. Tentacións habelas hainas!!!



Este castiñeiro ben merece unha foto. Gustaríame que o vise Rinat, unha artista que transforma a natureza en algo moi suxerente, con oquedades que desentrañan a alma dos nosos compañeiros vexetais. Seguro que lle gustará facer algo con esta imaxe. Atopamos moitos polo estilo, que parecen feridos de morte pero sobreviven e manteñen o tipo e mesmo dan castañas que cubrían o chán. Un tronco de árbore atravesando o río de lado a lado en forma de ponte e do que medraban ben enerxéticas cara o ceo, ponlas que perpetúan a súa estirpe e que se farán grandes e nos convencerán de que non de toda árbore caída se fai leña.
O río, que eu diría regato, e non por facelo de menos, senón porque non ten moito caudal, é sen embargo, ben cantareiro e xoguetón e déixase escoitar dende as alturas, como se o seu eco enchese a fraga e fose música de fondo para outras voces de paxaros e animais que por alí circulan. Vai facendo fervenzas pequenas ao seu paso onde navegan rápidas as follas e ramas que se desprenden.

Llaneando, a pé de río, atopamos a seguinte seimeira, mais
pequena pero co engado de formar unha praia de moi doado
acceso na que debe ser unha delicia bañarse en pleno verán.


E despois deste paraíso, comenzamos o ascenso ata a estrada, levando un frescor de espíritu que nos daba pulo para acabar o roteiro e sentir que nos adentraramos  no corazón mesmo dunha fraga que pasa inadvertida aos que non saben dela. Agradecimentos a quenes nos facilitaron o seu descubrimento, pois é un sitio ao que hai que voltar.

domingo, 27 de novembro de 2016

UN DÍA DE CRUCEIROS

Un domingo de indulxencias! A primeira: non atopar apenas coches na estrada a esas horas da mañá. Logo, percorrer a zona histórica de Lugo na mais absoluta tranquilidade, sen xente, sen comercio. So o arte en exclusiva para quenes nos pasara desapercebido tantas veces de incursións apuradas no mundanal ruído sen reparar na beleza dos obxectos que vinculan o humano co divino. Pois sí, con espesa névoa na zona de Lugo e sol radiante onde eu moro, así deu comezo este percorrido polas cruces de pedra cun simbolismo relixioso para min un pouco descoñecido tamén, que invocan o pecado e a  maneira de ser perdoado. Nestas excursións Terras de Auga e Cultura, hoxe estaba previsto o roteiro dos cruceiros. Comezando polos de Lugo cidade e logo polos arredores da capital.
 Este é a parte de arriba na que se poden observar unhos anxos moi ben esculpidos. O fuste ten os símbolos da paixón. O Capitel amosa os principais atributos para a salvación: deus e a sabiduría simbolizada por esa especie de pergamino que se enrola nos extremos e a figura central, a divinidade. Foi mandado construir pola familia da casa que se ve ao fondo e non se sabe ben se foron os canteiros carboeiros, dado que a marca deses canteiros é o rombo cas catro boliñas a cada lado, ou se foi un carpinteiro que tamén se supón que fixo o San Antonio co Neno que se atopa dentro da igrexa. 
 Cantas veces non aparquei na Praza Dinán, frente ao Cuartel da Garda Civil e non reparei neste cruceiro que foi realizado por un arquitecto que fixo outras obras en Lugo, Manuel Mayo e ten simboloxía bretona nos escudos situados na base.
Estes cruceiros acostuman ter a imaxe da Virxen na parte posterior e de santos nos laterais. A Virxe empezóu a ter protagonismo a partires do século XIV xa que antes estaba totalmente ausente. Pero ahí cobra importancia como intercesora ante Deus para que se nos perdoen os pecados. O Cristo dos cruceiros simboliza a morte pola salvación da humanidade pero como voltamos a pecar unha e outra vez, están ahí para que reflexionemos, recemos, nos arrepintamos e de ahí que rezando diante deles gánanse indulxencias para sair do purgatorio no que deben atoparse a maioría dos humanos, porque hai que ver, que somos pésimos no comportamento e erre que erre.....
Co Gadis, ao lado,
Coa biblioteca a un paso, e nunca reparei nél, ca presa que sempre levo. Pódese dicir que hoxe redescubrín Lugo noutro  nivel, no relixioso e artístico tamén. Éste é do memo autor que o anterior. Ao seu Cristo fáiselle a cruz algo cativa. Caracterízase pola barba, o pelo rizado e tamén polas bases que teñen tres escalóns

sábado, 12 de novembro de 2016

TEMPO DE CAMBIAR DE LERIA






Tempo de pasar páxina, de cambiar de leria, de cancelar roteiro, de voltar ao interior, de protexerse do temporal, de sacarlle o mellor á cociña....Despois dunha mañá chuviosa, cos cristais da ventana empañados de gotas, de vento húmido que molla xa con velo, nada mellor que refuxiarse no corazón da casa e empezar a conservar froitos de outono e cociñar deliciosos pratos que ningún restaurante podería ofrecer. Así foi cómo empreguei a mañán confitando castañas e recheando unha berenxena
con shitaki, cherries e outros ingredientes caseiros de colleita propia. Todo eso puiden degustar á hora do xantar que non tiña previsto xa que hoxe tocaba saída co grupo de sendeirismo e rematar cun magosto e foliada alá pola noitiña. O magosto xa o almorcei de máñá cedo, que é cando mellor prestan as castañas e dan enerxía para o resto do día. Non me parece ben tomalas pola noite, xa que son algo pesadas. Pero vivimos nun mundo contra natura e non respectamos o noso organismo que nos paga con enfermidades e a veces coa morte. Pero non quixera asustar a ninguén, menos aínda, despois desta xornada de laborioso traballo culinario que culmina cunha excelente dixestión e benestar e cada cousa no seu sitio despois de todo o que foi movilizado para ver tan pouco producto, porque non so é a producción senón o aprobeitamento en tódalas ordes de satisfacción personal, de agradable terapia de entretemento nun día de portas adentro, de saber que o que recollemos perdurará por un tempo para seguir agasallándonos co sabor orixinal destes froitos outonais que logo se esfuman e apodrecen. Castañas en almibar! Qué delicia velas agora nos tarros de cristal, transparéntes en nítidas, no seu grosor e enteireza, mesmo sirven para decorar unha estantería na despensa. E logo serán a sorpresa na mesa en calqueira ocasión do ano, non importa a estación. Mentras todo esto facía, soába a  música na radio e mesmo daba para bailar ao tempo que laboreaba. Noa, privada do seu paseo diario, dormitaba e soñaba coas castañas que comería despois, se sobraba algunha. Encántanlle! E eu non sei, se polo doce, debería tomalas! Comer sen pan é outro pracer para a dixestión. Agora entendo por qué os ingleses apenas proban o pan coa comida. E xa teño lido nalgures que o pan non vai ben con todo. Mellor tomalo separado a outra hora, como as torradas do almorzo ou as tostas da cea. Ten cada cousa o seu sitio.... incluso no noso organismo. Agora, a tarde segue como a mañá, non se vai poder votar pé fora pero ainda me quedan os deberes do acordión.... Teño que practicar cos botóns da esquerda que fan o acompañamento. Cousa difícil pero secadra non é imposible de todo. Así que aquí termino a leria para que me rinda a tarde noutras tareas e se mañá ven día solleiro, ainda teño outro roteiro!!!!!

;




TEMPO DE CAMBIAR DE LERIA






Tempo de pasar páxina, de cambiar de leria, de cancelar roteiro, de voltar ao interior, de protexerse do temporal, de sacarlle o mellor á cociña....Despois dunha mañá chuviosa, cos cristais da ventana empañados de gotas, de vento húmido que molla xa con velo, nada mellor que refuxiarse no corazón da casa e empezar a conservar froitos de outono e cociñar deliciosos pratos que ningún restaurante podería ofrecer. Así foi cómo empreguei a mañán confitando castañas e recheando unha berenxena


con shitaki, cherries e outros ingredientes caseiros de colleita propia. Todo eso puiden degustar á hora do xantar que non tiña previsto xa que hoxe tocaba saída co grupo de sendeirismo e rematar cun magosto e foliada alá pola noitiña. O magosto xa o almorcei de máñá cedo, que é cando mellor prestan as castañas e dan enerxía para o resto do día. Non me parece ben tomalas pola noite, xa que son algo pesadas. Pero vivimos nun mundo contra natura e non respectamos o noso organismo que nos paga con enfermidades e a veces coa morte. Pero non quixera asustar a ninguén, menos aínda, despois desta xornada de laborioso traballo culinario que culmina cunha excelente dixestión e benestar e cada cousa no seu sitio despois de todo o que foi movilizado para ver tan pouco producto, porque non so é a producción senón o aprobeitamento en tódalas ordes de satisfacción personal, de agradable terapia de entretemento nun día de portas adentro, de saber que o que recollemos perdurará por un tempo para seguir agasallándonos co sabor orixinal destes froitos outonais que logo se esfuman e apodrecen. Castañas en almibar! Qué delicia velas agora nos tarros de cristal, transparéntes en nítidas, no seu grosor e enteireza, mesmo sirven para decorar unha estantería na despensa. E logo serán a sorpresa na mesa en calqueira ocasión do ano, non importa a estación. Mentras todo esto facía, soába a  música na radio e mesmo daba para bailar ao tempo que laboreaba. Noa, privada do seu paseo diario, dormitaba e soñaba coas castañas que comería despois, se sobraba algunha. Encántanlle! E eu non sei, se polo doce, debería tomalas! Comer sen pan é outro pracer para a dixestión. Agora entendo por qué os ingleses apenas proban o pan coa comida. E xa teño lido nalgures que o pan non vai ben con todo. Mellor tomalo separado a outra hora, como as torradas do almorzo ou as tostas da cea. Ten cada cousa o seu sitio.... incluso no noso organismo. Agora, a tarde segue como a mañá, non se vai poder votar pé fora pero ainda me quedan os deberes do acordión.... Teño que practicar cos botóns da esquerda que fan o acompañamento. Cousa difícil pero secadra non é imposible de todo. Así que aquí termino a leria para que me rinda a tarde noutras tareas e se mañá ven día solleiro, ainda teño outro roteiro!!!!!

;



venres, 28 de outubro de 2016

SPOOKY, SCARY SCHOOL!

Convidada a un xantar de Halloween no cole onde pasei os derradeiros anos de mestra, e onde o Halloween non existía ata que cheguei eu, todo hai que dicilo, sinto emoción de poder participar nesta celebración, que na súa versión anglófona, non deixa de ser a mesma festa do noso Samaín pero que é de obrigada mención no ensino da lingua inglesa nas escolas. Impresionóume o traballo que realizan mestres, familia e alumnos/as para convertir unha cabazaiña da sua horta nestas inocentes caras que parecen dispostas a expresar o seu sentir e de interactuar co mundo dos vivos e dos mortos.
Imaxinación non falta e eso é importante no desenrolo infantil. E se así aprenden outras linguas e culturas, mellor que mellor. A festa estivo animada con actuacións por parte da rapazada que cantaron en inglés, con acento escocés! (a profe é escocesa!) e mesmo fixeron con moita soltura unha pequena escenificación na que tiñan que expresarse nesa lingua.
Tamén os mais pequenos se disfrazaron cos esqueletes e cantaron unha canción en galego que repasaba os números ao tempo que contaban cómo os esqueletes pasan o seu día.
A witch (meiga) dábase os derradeiros retoques diante do espello antes de emprender a viaxe en vasoira polo comedor para demostrar que  "habelas hainas". Ainda que os contos falan moito delas, algúns nunca viron unha de verdade. Pero houbo quen choróu co medo!

A ver quén come este postre cheu de gusanos, dedos esquecidos dentro da xelatina, aagggg!
Pero o caso é que estaba ben bo. Claro que tratándose dunha cociñeira como a da foto, todo pode agardarse!


Todo estivo moi ben e doulles os meus parabéns a tod@s  por facelo posible unha vez mais, por convidarme a compartir e sobre todo por esas apertas que recibín dalgunhas ex alumnas que ainda me teñen no seu corazón.  HAPPY HALLOWEEN!!!!!!

martes, 25 de outubro de 2016

OUTRAS ANDAINAS

Un domingo polos arredores de Lugo, co grupo de excursións que organiza o Concello  baixo o lema Tierras de Agua y Cultura 2016, que ben podía estar en galego, ademais de outras linguas, xa que a éstas apúntanse xentes doutras falas.  A de hoxe é un roteiro de  carácter antropolóxico e etnográfico. Titúlase: Cuentos, Puentes y Posadas: la vida al lado del Camino Real.  Fomos no autobús ata Laxosa e alí puidemos ver unha pousada que nos tempos do Camiño Real facía as veces de albergue para os viaxeiros e viaxeiras ainda que adoecía de todo confor e asegundo o noso guía, as pousadas galegas tiñan a peor sona de toda a península por estaren descoidadas. O Camiño Real construíuse sobre o trazado da Via Romana 19 de Astorga á Coruña e foi no reinado de Carlos III que impulsóu un bo número de camiños ou estradas para que tivese  saída o comercio entre cidades. Ten carácter radial, como a moderna rede de estradas que se fixo posteriormente e marcábanse as distancias en leguas, de ahí os leguarios que se atopan  nesta zona e que tiñan forma rectangular acabando nun sombreiro redondo e  indicaban as leguas que faltaban para chegar a determinada cidade, neste caso, A Coruña.
Xa os romanos puxeran as distancias en millas, de ahí os miliarios que eran como colunas redondas e tiñan ademais inscripcións do emperador que gobernaba naquela época.


Seguindo polo Corgo, puidemos ir vendo pontes construídas en camiños medievais e nas que os comerciantes pagaban unha especie de peaxe. Claro que, sempre había quen buscaba a maneira de burlar a norma e pasaban por sitios alternativos.
Despois de xantar, cada quén por onde puido, fomos ver unhas casas importantes da zona, chamadas casas grandes, xa que non son precisamente pazos, senón casas ricas, con escudos e fachadas decoradas en pedra de canteiría, e nas que puidemos ver tamén chemineas moi grandes ou moi ben elaboradas. Esas casas tiñan pombais e algúnhas tamén tiñan capela.
Xantamos, como digo, en Gomeán e logo seguimos hacia Chamoso. Este sitio sempre me trae lembranzas de cando os meus pasados conveciños ían a facer a sega a ese lugar.  En Chamoso hai un río con este nome no que se encontra un mazo moi curioso e no que se elaboraban os fouciños para os segadores que ían a Castela. Agora é un restaurante pero aínda conserva en funcionamento estes artiluxios do pasado. Por certo, neste restaurante caro, atrevínme a pedir un euro de cervexa, por ser o único que me quedaba despois de sair co peto en mínimos xa que coidaba que o roteiro era pola cidade e que iría xantar á casa.

Nunha das igrexas de Chamoso, que está ao carón dunha destas casas grandes, atópanse sartegos ( tumbas labradas na rocha) moi ben conservados. Dicía o noso guía, que os mais pudientes, querían ser enterrados nestes sepulcros e o mais perto posible do altar da igrexa, porque así terian mais posibilidades no outro mundo.

Logo deste percorrído, andivemos por outro camiño  que sería unha variante do Camiño Francés para quenes quixeran pasar pola cidade de Lugo e visitar a Catedral. Ainda non está sinalizado nen recoñecido oficialmente.
Despois dun longo día, no que a chuvia nonos molestóu, e a natureza amosábase co esplendor do outono ofrecéndonos froitas de todas clases, chegamos ao remate, deixando algo no tinteiro e algo mais que descubrir noutra ocasión.

domingo, 16 de outubro de 2016

POLA RIBEIRA SACRA



Tiña que sair cedo por mor de coller o autobús que nos levaría de excursión pola Ribeira Sacra. Na radio soaba Eric Clapton traéndome lembranzas dos anos setenta en Ámsterdam. Pero eso é LERIA aparte. Non sabía se decidirme por esa viaxe de tanto percorrido en autobús e pouca andaina. Ademais, a predicción do tempo era de choivas fortes pola zona sur. O día, húmido ao principio, foi quedando soleado e quentiño por aquela zona. Despois de xuntarnos co grupo de Sarria, dirixímonos hacia a Rúa e Montefurado, facendo, antes, unha paradiña onde o río Lor se encontra co Sil. Era unha paraxe plácida e tranquila, con augas calmas que se unían en forma de V. Ali, unha ponla caída recentemente dunha gran figueira de brevas, ofrecíanos un "tente en pé" de media mañán. E xa
dispostos a facernos ricos coas pepitas de ouro que se lles esqueceron aos romanos, dirixímonos a Monte Furado onde tivemos que facer equilibrios para achegarnos ata os pasadizos que eles excavaron na montaña coa fin de obter tan preciado mineral. A veces sinto que debo admiralos por tanto inxenio! Dende alí, seguindo ríos e estradas que non sei ben nin por ónde ían, (falla dun mapa) coido que pasando pola Gudiña, encamiñámonos a Viana do Bolo onde visitamos o seu castelo medieval e tomamos o primeiro café da mañán, e para a miña sorpresa, o primeiro café de máquina que me soubo igualiño ao que fago eu na miña casa!!!!! Un dez á camareira simpática que nos atendeu e a que hai que pedirlle a chave do baño como en Portugal.




 Todo se contaxia ao vivir tan perto.  Despois, non sei se volta para atrás, ou para adiante, pero entre viñedos de todas cores, arrecendendo a viño novo no lagar, e cepas que medran ceibes na cunetas, e racimos que penduran das silveiras e ofrecen esquecidas uvas negras que teñen a dozura dun verán pasado por sol, descendemos a pé ata As Ermitas, seguindo os pasos do Viacrucis, ao revés, ata chegar ó Santuario do Rosario e admirando ao noso paso, as maravillas da paisaxe en tódolos ángulos así como o esmerado coidado que amosaba a aldeíña de aspecto turístico rural con un único hospedaxe e comedor decorado con galerías de cor vermello.

Xa a carón do río, non sei cál, había unha fervenza que de inverno debe estar no mellor momento, e tamén un muíño moi antigo, escondido baixo a ramaxe de difícil tránsito. Como se aproximaba a hora do xantar, encamiñámonos á seguinte parada que sería no mesmo Bolo onde tamén hai outro castelo de finais do século XV. O restaurante, único que alí podía verse, leva o nome antigo do lugar: Volobriga, de orixe romano. E qué dicir das espléndidas uvas que por alí andaban ainda a recoller e das que puidemos ter unha furtiva cata.
A comida, ben merecida, transcurreu nun ambiente festeiro, con troitas e tenreira e delicioso postre, acompañado do viño local da comarca de Valdeorras.
Xa de camiño a Castro Caldelas, atopamos a VIA NOVA  que foi unha estrada romana dende Braga ata Astorga, 330 quilómetros e na que se atopa a famosa ponte sobre o río Bibei, que é moi interesante pola súa boa conservación, e debido á boa inxeneiría romana que hai que admitir que neso destacaron con verdadeiro éxito, entre outras cousas mais e a pesares de que a min non me chiste a romanización...
 Alí detivémonos un bo intre para estudar o trazado da VIA A-18 no seu tramo Trives/Larouco (Ourense), e que ten unhas curvas moi pronunciadas en forma de codo que reciben ese nome Os Codos. A estrada actual semella estar na antiga vía a xulgar polas viravoltas que fai no seu trazado e que nos asoma a unhos precipicios de viñedos, eso sí, alomenos se caemos, podemos disfroitar dos acreditados froitos de Baco, se nos quedan folgos para eso. Eu, tiven que cambiar o meu posto na ventaniña para o do pasillo para non sufrir vértigo. E xa, camiño de Pobra de Trives, na falda de Manzaneda, coñecida pola Bica (bizcoito que se fai na zona) e que acabamos mercando na seguinte vila. Trives chama a atención polos seus balcóns floridos dende os que se derraman en cascada flores de todas as cores e que da a
sensación de que ninguén quere ser menos nese aspecto. Unha das balconadas levou premio pola súa vistosidade e da que incluo unha foto. Case facéndose noite ainda tiñamos plans para seguir facendo visitas e dende alí achegámonos a Castro Caldelas, onde xa a luz non daba para fotos sen flash. Impresiona a vista que ofrece, destacando alá na cima, a fortaleza medieval co seu castelo e barrio, eu diría xudeo, xa que houbo unha colonia xudea na zona.

Moi coidada e limpa esta vila, con mais afluencia turística que outras que visitamos, ou eso se desprende ao observar a cantidade de bares, restaurantes, hoteis.... e onde xa nos decidimos a mercar a famosa Bica. Dende alí, e seguindo os cañóns do Sil, e embarcadeiros, emprendemos retorno a Monforte, Sarria e Lugo. Mágoa que se nos fixese noite no camiño e non poideramos ver o río.
Todo é ben cando ben acaba e ainda que cansados de tanto autobús, hai que agradecer as moitas paradas que se fixeron para ver interesantes lugares e estirar as pernas. Temos un mundo que explorar ao pé de nós!!!!!






























luns, 19 de setembro de 2016

ROTEIRO POLA MARRONDA


Apunteime a unha das excursións que organiza o Concello de Lugo. Era á Marronda e como vivo perto dela e apenas a coñezo, só de vista, pois non me quedaba outra que animarme e aproveitar a oportunidade que se me ofrecía. A Marronda ten un percorrido de unhos sesenta quilómetros e consideráse GR. Esta vez, uninme a un grupo de xente que, en principio, non coñecía pero nada mais subir ao autobús, xa atopei caras coñecidas e compañeiras de outras actividades. Foi moi emocionante atoparme con elas despois dun longo verán sen vernos. Así que, xa tiña compañía para todo o traxecto. Un autobús dos grandes subíunos ata as antenas por unha estradiña sen asfaltar e chea de baches. Parecía un jeep xigante polo medio do monte costa arriba ata o pico mais alto dende onde podiamos divisar os montes dos Ancares e terras da Fonsagrada, nunha mañanciña de domingo con sol abundante e ceos despexados, un dezaoito de setembro.
 Como era domingo e temporada de caza, atopamos un equipo de cazadores que se dirixían ao mesmo sitio e esto non estaba previsto, polo que lles pedimos que nonos confundisen cos xabaríns.
O tramo polo que eu non pasara, chegaba ladeira abaixo ata unha fervenza moi escondida e de difícil acceso á que so nos atrevemos seis ou sete persoas, entre elas, dous cativos que apañaron os derradeiros arandos que había nas abundantes arandeiras que por alí nacen de forma espontanea, así como tamén acivro. Cando nestas estabamos, cruzóu diante de nós un xabarín a toda mecha. Xa olisqueara o perigo e sabía que o andaban a percurar. Logo empezaron os cans a ladrar e seguramente acorralalo. Espero que tivera a habilidade de esquivalos a tempo e deixarse vivir por algún tempo mais nesta fraga, a mais occidental de Europa que ten un considerable número de faias cubrindo a sua ladeira norte dun verdor espeso e profundo que sorprende á vista e recrea os sentidos e a imaxinación polo impenetrable das suas entrañas onde quén sabe o que se esconde.
Logo de percorrer camiños de cabras e pasar algunha aldea perdida, e subidas interminables e baixadas de vértigo, polas que tiven que camiñar do revés para non molestar os xeonllos, fomos descendo ata a estrada da Corte Vella, xunto á área recreativa, onde o río Eo fai un meandro perfecto, deixando no medio un  illote elevado como unha pequena montaña picuda.

Debían ser perto das catro do serán cando nos sentamos baixo un castañeiro a comer o bocadillo. A min prestoume comelo alí, ao carón do río, sentindo o seu son cantareiro e alegre, entre sol e sombra, devagariño, mastigando ben e sen presa mentras degustaba unha cervexa fría que tiven a sorte de levar na mochila. Despois dese xantar, e sen moverme do sitio, entrei en paz comigo mesma e dispúxenme ao descanso ben merecido despois da andaina. Nesas estaba cando me sorprendeu unha voz que me avisaba de que había que irse para o autobús. Interrumpir así un descansiño que me redimía de malos durmires anteriores era case sacrílego pero non quedaba outra.

 O malo foi atoparme conque o noso guía estaba a meternos noutra andaina de sobremesa por outro roteiro que ía ata Cabreira, Sampaio.... Eu accedín por cortesía e despois de un quilómetro voltei para atrás porque eu xa fixera ese camiño noutra ocasión e non era o mellor momento de repetilo. Así que, o resto foron horas de espera polos que se retrasaron na volta e demoraron a saída do autobús nunha hora polo menos. Pero todo é ben se ben acaba, e cheguei á casa algo cansada pero satisfeita de atoparme con xente que coñecía superficialmente e chegamos a coñecernos mellor e repasar tempos pasados da nosa vida de estudantes en Lugo, con amizades en común, e algunhas ben especiais e sorprendentes.
Grazas por este día, que sen ir a longas distancias, me fixo feliz no lugar no que vivo. Non hai que ir moi lonxe para sentirnos ben. Levámolo con nós a onde queira que vaiamos.



sábado, 10 de setembro de 2016

FISTERRA DA DE SÍ




A tua silueta, que sempre me sorprende ao pasar unha curva da estrada, e apareces maxestuosa, tendida, como unha serea que barase neses cantís, déixame, por un momento, incapaz de avanzar sin parar a recrearme na vista que ofreces a cantos a ti nos diriximos.
E non podía faltar a empanada/torta de mazá, feita nunha das mais antigas paderías de Fisterra, de forma artesanal e que é propiedade dunha exalumna.
 E apareciches ti, haski agarimoso, en semiabandono, para encherme de humanidade e desvivirme por ti, sentir os teus choros e laios, por estar prisioneiro xunto a unha casa desabitada, sen comida e apenas auga.... Chegáchesme a alma....Houbérame gustado poder traerte comigo pero non estaría ben que seguise roubando cans que me parecen abandonados sen estalo de todo, pois teñen dono. Polo menos síntome satisfeita de terte alimentado durante ese tempo que pasei frente a ti, asomando a túa cabeza por enriba do muro de ladrillo cada vez que abríamos a porta da casa. Apareciches como un milagre, despois de ter lido o libro sobre os lobos árticos e os haskis dos esquimos. Alí estabas ti, para lembrarme os teus conxéneres e deixarme recrear na fermosura desa cara expresiva, deses ollos azuis que namoran. Espero que o teu castigo non sexa longo e que voltes axiña onde os que deben cuidar de ti, e nono fan, teñan un momento de dulzura para un ser tan perfecto.




Sempre un brindis por esa Fisterra que deixa en min lembranzas de tempos vividos alí e hoxe píntase de cosmopolita con tanta afluencia de camiñantes que acaban alí o Camiño ou empezan un retorno despois de teren chegado ao punto mais occidental de Europa.
 

Voltar cada ano a Fisterra, sentir o sol da fin de verán; mergullarse nas suas augas cristalinas e algo frescas; recoller cunchas mentras se pasea pola veira da praia; degustar o bo peixe e marisco nos restaurantes do porto e compartir coas amigas de fai tempo momentos de encontro, de poñerse ao día nas nosas vidas, de rir como tolas diante dunha carta de tés para acabar pedindo unha manzanilla, ten o seu engado, non se pode negar.


domingo, 4 de setembro de 2016

FEIREANDO EN DONCOS (Os Ancares)




Qué mellor cousa se pode facer nun domingo de sol e calor, xa entrado setembro, que irse de feira?
E sobre todo, se non coñezo o lugar, mesmo estando tan perto. Ai, o que son as fobias! A min non se me dá circular por eses precipicios de pontes que sosteñen a autovía. Con todo, atrevínme e como a esa hora da mañá está todo dormido, apenas atopei coches e menos ainda camións. Deixei a autovía a altura de As Nogais para non aventurarme por mais pontes e fun pola estrada normal ata Doncos. Estaban empezando a organizar os postos e había sitio de sobra para aparcar á sombra dos espesos castañeiros. Era unha feira de artesanía, de oficios e de productos da zona. Había doces, mel, queixos e pan alén de outras larpeiradas caseiras. Toda a semana tiveran diversos talleres para aprender a traballar a lá, a madeira, a cerámica, os enredos e xoias pero eu quixen ir o domingo e así poder visitar unha antiga compañeira de instituto, que, por certo, non estaba pero o que sí vin foi a casa de turismo rural da súa propiedade. Mágoa que non atopase a ninguén coñecido ainda que falei con moita xente que estaba por alí. O arrecendo a polbo e churrasco xa empezaba a quentar os motores para un delecioso xantar que eu non esperei a degustar, entre outras cousas, porque acabei moi axiña de ver a feiriña e perderme por algúns camiños e decidín ir comer a miña merenda á casa. Eso sí, antes de irme dinme o meu gusto dun cafetiño levado da casa co chiculate e as améndoas. Case me avergoño de non facer nada de gasto como se supón que fagan a persoas que alí van. Pero merquei queixo do Cebreiro, mel de As Nogais e dous libros de libreiro vello que atopei interesantes.




O regreso fíxeno amodiño pola antiga Nacional VI que vai pasando por todas a pequenas aldeas nas que sempre hai algo que ver e non por esa vía rápida onde todo o mundo corre como se non chegara a tempo e eu, qué presa tiña? Ainda me pesóu por non tomar a estrada mais antiga de todas, aquela de tantas curvas e estreitiña que había antes da Nacional VI, pero déixoa para outra ocasión. Polo menos van perto dun río e pódese parar en áreas recreativas ou dar un paseo por algún sendeiro dos que sempre hai agora en calqueira sitio. Así, de vagariño, sen presa, fun chegando a Becerreá, sen apurarme a montarme na autovía ata o último momento cando xa non me quedaba outro remedio para dirixirme á miña casa. E como era domingo, e a xente agarda visitas e prepara churrasco , decidín parar na aldea dunha coñecida miña do baile e alí estaba toda a familia disposta a cociñar un bo xantar. Fíxenme unha foto cos seus canciños pequenos porque quería que constara que hoxe me vestín toda de branco, como sempre quixen facelo e poucas veces o consigo, debido ao tempo que temos en Galiza, pero que é moi normal levar esa cor nas illas Baleares, nas Canarias..... e a min ben que me gusta ir alí por eso, polo branco con algo de azul.
E bo aventurarse algúnha vez e facer unha incursión en territorio alleo, pero nada me dá mais seguridade e confianza que a miña casiña, a miña horta e os meus animaliños. Qué bonito é pasar a tarde na horta, con esa calorciña tan infrecuente nestes lares, calcetando xa para o inverno e recollendo os productos da terra. Meus pais tamén eran unhos disfrutadores destas pequenas cousas e nunca se lles dera por viaxar. A mellor viaxe é a dentro dun mesmo, cun bo libro nas mans xa se viaxa e co pensamento non existen fronteiras. Eu ando cos lobos árticos a voltas e mesmo lles tomei agarimo, tanto que xa quixera atoparme con algún dos nosos, se é que quedan. Como carapuchiña xa teño atopado con algún e logrei sair sá e salva. Haber hainos!!!!






xoves, 4 de agosto de 2016

AS CIGOÑAS DE MARCA GALEGA


Polo verán, os días son interminables e cantas mais horas teñen, mais ocupados estamos. Xa non queda tempo para escribir porque a vida vólcase cara a fora e cando chegamos á casa, xa o corpo está cansado e chégase a votar en falta o inverno, a chuvia e todo aquelo do que renegamos cando nos toca vivilo, porque sempre queremos o que non temos e de todo chegamos a cansarnos. Abandonado o blog e a punto xa de emigrar a cigoñas, eses persoeiros novos en Galicia, case paso por alto deixar aquí as miñas observacións que veño facendo destas aves que tanto chaman a miña atención dende que andan por estes lares. Case sempre van en parella e a veces tamén se ve unha soa, chegando eu a pensar se quedaría viuva/o, porque seica son parella de por vida e conservan o seu neal como propiedade  e votan fora a calqueira intrusa que intente facer "ocupa".  Pois un día destes, quedei sorprendida ao ver unha bandada de cigoñas nun prado. Eran unhas vinte polo menos. Non sabía se tiñan unha xuntanza veciñal, unha asamblea ou, se, coma nós, se manifestaban por algo co que non estaban de acordo. Esto fixo que empezara a indagar mais sobre os seus costumes e averigüei que as cigoñas, xúntanse antes de emigrar, con toda a súa prole. Será para discutir sobre o tema da emigración, non sexa que non teñan os papeis en regra. Alí están as familias da zona cos seus poliños, que son dunha cor mais branca. Parece ser que en agosto inician a sua marcha para zonas mais cálidas onde invernan. Estas poden ser en África ou mesmo no sur de España. Alí permanecen ata pasado decembro. Os machos son os primeiros que veñen e, unha vez aquí, arranxan o neal facéndoo mais grande cada vez.
Logo chegarán as femias, e xa, pola primavera, como as demais aves, terán os seus retoños aos que non deixan sos nen un so instante. A min chámame a atención velos asomar as cabezas nos seus niños, sempre de pé, e doulles os meus parabéns, dende o coche, ao pasar, por seren unhos pais tan protectores e responsables. Votareinas de menos todos estes meses que seguen, porque xa forman parte da nosa fauna e alégrame velas tan concentradas buscando nos prados o seu sustento que consiste en insectos, pequenos mamíferos, culebras, sapos, rás....
Preguntaba eu a un rapaz, se sabía a ónde emigraban e contestoume que a París. Por qué, pregunteille inocentemente. Pois non me decatara daquelo de que os nenos viñan de París nun pañuelo pendurado do pico dunha cigoña!

martes, 5 de xullo de 2016

FLOR DE CACTUS


Adoro os cáctus. Onde queira que vaia, sempre van chamar a miña atención. Onte vinos nunhas caixas de madeira, daquelas que se usaban antes nas tendas de ultramarinos e que hoxe se utilizan para decorar. Gustóume a idea desas xardineiras para poñer cáctus porque como non utilizan moita auga, poden conservarse ben. A min gustaríame ter moitos e que me sorprenderan con esas flores exóticas que aparecen dun día para outro. O seu sentido de simetría é algo sorprendente. En realidade, todas as plantas, árbores, arbustos, todos eles teñen esa tendencia á harmonía, que a veces, os humanos xa perdemos. Podería falar de flores interminablemente. Esas que nacen nos bordes dos camiños, nas leiras, nos prados, no monte, nas dunas.....Se quixera transplantalas, sacalas do seu hábitat, o que farían sería murcharse e desaparecer. Por eso me gusta admiralas alí onde brotan e coller a esencia visual, o aroma que desprenden , a embriaguez que cautiva os sentidos. As flores non cultivadas teñen un engado especial. A súa fraxilidade e curta vida, fainas únicas. Están ahí para alegrar ou camiñante, para alimento de insectos, aves e outros animais, para ser polinizadas, para froitificar, para simbolizar a época do ano, o clima, o terreno que as nutre. Teñen a súa misión secreta como tódolos seres e son importantes tamén para nós, alegrando a nosa existencia, simbolizando o noso estado de ánimo. E tamén as flores durmen pola noite. Pechan os seus ollos e buscan o regazo dos seus pétalos nun autoabrazo que as mantén seguras e resgardadas do frío da noite.
Así son as flores.



luns, 20 de xuño de 2016

POLO SAN XOÁN......

.....TANTO QUEIXO COMO PAN.
Chegada esta época do ano, cando todo florece seguindo unha orde, respetando turnos, como un proceso ben organizado de antemán, as aldeas énchense de viouteiros e tróqueles (estalos) e o aire arrecende, non só a purín, que tamén a veces, pero a ese aroma tan intenso e dulzón que desprenden os viouteiros (sabugueiros) en flor. Polo San Xoán, enramallábanse as casas poñendo nas portas, nas ventás e nas paredes exteriores estas variedades de flores. Dicíase que era para atraer a sorte, tal vez para librarse dos meigallos tamén. Os rapaces e rapazas carretabamos leña para facer o lume novo na víspera de San Xoán. Era un traballo que faciamos en equipe como o das alfombras de Corpus noutros lugares de Galicia.  Todo se foi perdendo ao non quedar xente nova no rural e así iren desaparecendo as tradicións e a ilusión por estas cousas. Polas zonas de costa, onde hai mais xente, séguense practicando estas celebracións. Alí, recollen as herbas  de San Xoán e déixanas toda a noite en auga para lavarse con ela ao día seguinte. E ainda se fan fogueiras e asan sardiñas e festexan esa noite máxica facendo trasnadas como mudar cousas do sitio onde están e logo ter que ir buscalas lonxe.
Pero falando de natureza e deste planeta no que a vida é posible e onde todo se rexe por un misterioso milagre, sinto que non sabemos aprecialo e que teimamos por destruílo coas nosas accións equivocadas e por falta de amor e de agradecimento hacia o que nos foi dado para que o cuidaramos. Este é o noso Paraíso Terrenal, o que coñecemos, o que depende de nós que dure en boas condicións para servirnos.... Qué insensibles somos! Cómo pode haber tanta "tentación", tanto "demo", tanta "serpe" engañosa ?
E remato coa man chea de flores, apañadas de mañanciña para admiralas de perto e agradecer que ainda volten  cada primavera.

domingo, 29 de maio de 2016

SURFING CORUÑA

Viaxar é sempre unha experiencia. Non importa se a viaxe é mais longa ou mais curta. E, sobre todo, usando transporte público, da a oportunidade de interactuar con outra xente, de observar e pode que ata de relacionarse.
Collín o autobús ás nove da mañá. Era un luns e a esa hora moitos estudantes retornaban aos seus estudos. Senteime no asento de diante, xusto detrás do conductor. Enfrente ía un xaponés mais o menos da miña idade. Souben que era xaponés e non chinés ou coreano porque na súa sahariana poñía: Soy japonés. Levaba á vista unha cámara grande e unha botella de auga da que bebía de cando en vez. Eu tamén levaba auga pero non cámara. Dormitaba case todo o tempo e eu, así, podía observalo sen que se decatara. Qué boa oportunidade para practicar o meu xaponés. Pouco podería dicirlle. Todo mais, bos días.....Si, podería dicirlle, disculpe, bos dias...(sumimasen, ohayo gozaimasu) (すみません、おはよ ございます)  e ahí acabaría a miña conversa seguramente porque como pensase que eu podía seguirlle a corriente en xaponés, sí que ía verme en apuros. Ao chegar a Coruña, apeámonos do autobús e recolleu a súa mochila. Seguramente  iría percorrela un pouco mais de vagar.
Co tempo contado, atravesei rúas principais e descubrín atallos que me levaron a sitios polos que non tiña pasado antes e detívenme ante cousas que me chamaron a atención, como unha pequena tenda de productos artesanais aberta o mesmo ano en que eu nacín, ou unha cafetería que tiña todos os rótulos en galego e unha decoración a base de pallets pintados de branco. Entrei tomar un café porque o sitio estaba animado a aquela hora, e quedei moi sorprendida tamén coa decoración do baño. Non faltaba detalle!
A grandes zancadas, pero sen perderme nada, atravesei a cidade de lado a lado en busca dunha exposición dun pintor amigo e como non abría ata as doce, xustifiquei o meu "surfing" entrando nunha tenda de productos ao granel onde merquei xenxibre confitado, dáctiles de Israel e kinoa.....
Pero o que mais me chamou a atención foi atopar tanta xente sen teito, durmindo na rúa, coa súa manta, espertando dun sono dubidoso, sostendo unha taza que non sei se contiña un café quente, rodeados de enseres minúsculos e facilmente transportables onde non faltaba un tarro con flores. Aquela panorámica repetíase  ao longo do meu percorrido deixándome totalmente conxelada e sentíndome incapaz ante a miseria dos demais. Hoxe, ollando xornais en Internet, atopei unha daquelas imaxes, ilustrando un texto que falaba de que España ocupa o undécimo lugar no índice de pobreza, non sei se de toda Europa. Gardei a foto para incluíla aquí, xa que nin por un momento se me pasou pola mente facer unha dos meus conveciños de Coruña.
E todo o demais, xa non ten importancia.

mércores, 4 de maio de 2016

DIA PRIMAVERAL


Hoxe, 4 de maio de 2016, mércores, fai un fermoso día en toda Galicia. É un pracer poder disfroitalo desde aquí, a aldea onde nacín. Fixen un percorrido, como tódolos días, coa miña cadela, baixo un ceo absolutamente azul e un val que se estende, todo verde, ata a mesma raíz da serra do Caurel. O silencio, o soliño quentando morno a esta primeira hora da mañá, o arrecendo a herba recén cortada, as árbores froiteiras en flor e o borde do camiño vestido de festa con flores variadas, fan que se o paraíso existe, podería ser así. Atopamos ainda regatos que levan auga presta e debuxan fervenzas nas que Noa podería darse un baño, pero non. Eu convídoa a que beba no rego porque sei que leva sede todo o tempo e que se molle, que se despida desta oportunidade que a natureza lle brinda e que no verán xa non teremos.
Pensaba no fermoso que é sentirse integrado nun lugar, formar parte desa paisaxe e descubrila cada día dun xeito diferente. É unha fonte de inspiración. Todos os problemas, dúbidas, indecisións, incertezas que o día me pon de deberes, vanse resolvendo nestas andanzas, xa que a mente está libre, despexada, e é capaz de pensar as mellores solucións. Tamén lembraba o luns pasado nunha cidade galega a onde fun por motivos de saúde, e despois de pasar a mañá, deixándome radiografar, fotografar, diagnosticar......decidín darme un bo refrixerio antes de voltar no autobús. Fun camiñando pola cidade, atopando cousas que me chamaban a atención, entre elas, una panadería de "boutique" que amosaba pans de todo tipo na súa fiestra e na que dentro se vía unha longa cola para mercar.  Aquelo seduciume. Xa non xantaría de restaurante, como en principio tiña pensado. Non. Ía facerme un "picnic gourmet" e tomalo en calque
ra xardín ou na terraza dalgún bar. Entón merquei o mellor queixo de ovella e o mellor pavo natural e, de volta, entrei na panadería. Había que coller número para mercar. Escollín un pan de cereais, que lle gustaba á que tiña ao lado, e cortáronmo en rebanadas, como nas panaderías inglesas. Parece que agora veu esa moda para aquí e non está nada mal porque levas o pan cortado e  a cantidade que vas comer.
Entón xa só me faltaba escoller o sitio onde serviran unha boa cervexa. Xa estaba!. Iría a antiga fábrica, na que xa estivera sendo nena, nunha visita que fixera con miña nai para ver aos meus padriños. Agora xa non me lembraba cómo era. Tiven que preguntar, ainda que sabía mais ou menos por onde quedaba. Cando entrei, estaba chea de xente, mais ben homes case todos por non dicir todos. Achegueime á barra. So servían canas grandes así que preguntei se podía tomar o meu bocadillo alí. Dixéronme que non, que so se podía comer o que eles tiñan, non fose a pasarme algo coa miña comida e......
Quedei un pouco pasmada e púxenme a buscar solucións porque era imposible beber todo aquelo sen comer. Busquei un lugar medio escondido, detrás do enorme alambique doutros tempos, e dende alí, podía ver se algún camareiro viña e podía sorprenderme metendo as mans na bolsa ás agachadas.
Unhos homes de pé, xunto a un barril, facían o camuflaxe perfecto para a miña picaresca. E así, puiden darme o xantar mais apetecible dende facía tempo.
Son cousas así de pequenas que poden facer que a túa vida sinta os aleteos da felicidade de cando en cando, do xeito mais insólito, sinxelo e pouco común.
O día segue a ser espléndido e sentarme ao ordenador é case un sacrilexio neste caso porque mañá xa volta a chuvia. Pero foi este paseo o que me deu pulo para deixar aquí esta vivencia que marque un día feliz na miña vida cotidiana.