www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

sábado, 7 de maio de 2022

UN DÍA CHAIREGO

 


Comezamos a andaina en Cela, Outeiro de Rei, chaira luguesa e terra do poeta Manuel María. Nesas primeiras horas da mañá, co orballo da noite, fomos percorrendo prados á veira do río Miño para ver os seus portos, que non son como os portos de mar, senón que son, pasaxes a través do río dun ao outro lado por diversas razóns como pesca, coidado das terras de labor, xa que quedaron divididas polo río.







Para cruzar o río, utilizaban esta especie de embarcación coñecida como batuxo que era mobilizada con un pau longo.


Orquídeas silvestres medran preto distes humidais, chamadas tamén linguas de gato.



A Terra Chá, é terra de cruceiros. Iste leva no mástil detalles de ferramentas usadas na Paixón de Cristo.



Deixamos atrás a ribeira do Miño para visitar unha oleiría que se encontra nesta zona. na aldea de Bonxe,  na que case todas as casas eran ceramistas noutra época. Na actualidade só hai unha,



O ceramista Manuel



Pola tarde, visitamos a Casa Museo do poeta chairego por excelencia, Manuel María, quen deixou alomenos un cento de libros de todos os xéneros, poesía, teatro, prosa... Manuel María, alén de ser un escritor moi prolífico, foi un loitador polos dereitos das persoas, pola lingua galega, pola nosa terra, e un home namorado dunha muller chamada Saleta. Formaban a parella perfecta. Saleta aínda vive. Un home que amou os seus lugares da infancia, as árbores e todo o que tiña que ver co seu pobo e a súa xente. Moitos poemas dél foron musicados por Fuxan os Ventos. Hoxe fomos lendo os seus poemas nos sitios mais emblemáticos do seu transcurso, e visitamos a casa dos seus ancestros que foi convertida en museo e lugar de encontro coa cultura galega e foránea. Ten unha extensa biblioteca, coleccións variadas de cousas que lle chamaban a atención, e moitos poemas seus polas paredes dos distintos cuartos que fomos visitando e admirando, da man do seu sobriño que pon todo o seu interese en explicar todos os detalles da súa vida.



Manuel María, unha foto que o difine.


Un poema que me chamóu a atención, como tantos outros, pero aquí fala do poema e abaixo, a súa máquina de escribir, parecida a miña.



Rematamos con un pequeno paseo na área recreativa de Santa Sabel, nome que lle dá a igrexa e lugar de romaxes e festas ás que o poeta asistía e loubaba nos seus poemas. Aí rematamos a viaxe cultural que nos fixo pasar un bo día primaveral, polas contornas da Terra Chá de Lugo, sempre á veira do río Miño.



Fuxan os Ventos musicaron, entre outros, o poema O Carro, de Manuel María



domingo, 24 de abril de 2022

XARDÍN POLINIZADOR







Os ceos aclarándose ao meu paso por terras de Fonsagrada (Lugo). Se fixera o día de onte, non emprendería hoxe esta viaxe. Pero todo estaba a favor!



Chegar a Negueira de Muñiz, na mañá de domingo non me resultóu inquedante. Escoitando Radio 3 e os avatares das guerras e dos éxodos que orixinan, na voz dunha xornalista gráfica, fixeron o camiño curto e entretido.


A aldea estaba deserta. Só este can axexaba con curiosidade meticulosa e atención máxima o que escondía a árbore. Non cheguéi a sabelo.



Mais, o sitio ao que me dirixía eu, non era en Negueira de Muñiz vila, senón nun lugar deste concello, chamado Penadanogueira, ao outro lado do río Návia. Con toda a sorte do mundo, saíu dun aloxamento un coñecido amigo que tamén ía ao mesmo sitio. Grazas a él, que me levóu, puiden chegar sen dificultade. 


Unha aldea abandonada e medio derruída na que algúen puxo os ollos, a ilusión e un proxecto. 


Con axudas oficiais, restauróu unha destas casas, con moito terreo arredor, enfocada a levar a cabo un estudo medioambiental para a preservación dos insectos polinizadores.

 
Case un cento de personas chegadas de León, Galiza, Asturias, Madrid...e otros lugares, asistimos á presentación da GUÍA DO XARDÍN DE POLINIZADORES, con ilustracións do famoso pintor internacional Fernando Fueyo.



O Xardín, está divido reutilizando as antigas madeiras da casa, facendo bancais con aromáticas, con comestibles, árbores froiteiras e forestais.


Ubicado na ladeira dunha das montañas por onde, ao fondo, se pode ver o río Návia, moi baixo nesta época por falta de chuvia.



Lugares aveirados e acolledores rodean a casa, onde non faltan pequenas lagoas artificiais e árbores de sombra.


Como en toda inauguración, non podía faltar o icono que presida este xardín, en homenaxe a Fernándo Fueyo, que pintóu bolboretas e outros insectos.



Como en todo evento, non podía faltar a música. Aquí temos a Míni Rivas, un ex de Fuxan os Ventos e da Quenlla, lembrándonos cantigas populares galegas.



E pola parte asturiana,  Paula e Xuacu Amieva, que nos ofreceron variadas interpretacións con distintos instrumentos, como gaita, pandeiretas, flauta e birimbao, sen esquecer a música irlandesa dos Chieftains.


Rematando cun delicioso xantar in situ, ao aire libre, onde non faltaron empanadas, tortillas, queixos e outros compangos, doces de sobremesa, todo de elaboración caseira, como o  viño autóctono de uva "branca lexístima"  que tivemos a oportunidade de degustar, que non de mercar, porque estaba esgotado debido a recente festa do viño que tivo lugar fai pouco.
A guía aínda nona encetei, pero promete amor, poesía, empeño, soño cumprido e moitas imaxes a toda cor, do artista Fueyo.




O RURAL ATRAE!
Návia é unha deusa
Návia é unha vila
Návia é un río
Návia é a miña neta
Návia é unha cantiga
 

Návia, canción sobre un poema de Toño Núñez interpretada por Asubío













 

martes, 19 de abril de 2022

POR ONDE NOA NOS LEVA




 Que o sitio sexa o mesmo de sempre non quer dicir que non cambie cada día. Se onte fixera o tempo que fai hoxe, Iria non podería ter feito as fotos do que nos foi saíndo ao paso. A luz non é a mesma, a chuvia murchóu as flores que ela tanto se emerou en fotografar, os ceos cambiaron a gris, apenas hai claros e o frío non deixa desfrutar do ambiente primaveral.

Antes de almorzar, emprendemos ruta polos sitios que Noa e mais eu transitamos a diario. Fomos pasando por lugares algo habitados, falando con algunha persoa que atopamos. Os nomes eu xa os tiña esquecidos pero lembraba os dos cans, dos cabalos... 

Fomos parando para que ela puidera saborearse nas paisaxes que ofrece o rural do interior, sendo da costa, hai moitas cousas que nos diferencian e lle chaman a atención: os prados cheos de flores, (dente de león) que os cubren de amarelo e branco, con esas boliñas algodonosas e fráxiles que hoxe están desfeitas pola chuvia, as árbores en flor, os castañeiros centenarios, o río ao seu paso pola acea de Cuenzas, un roteiro obstruido polo desleixo, cando podía ser un lugar de paseo como foi noutros tempos, as leiras de navos en flor como os campos de tulipáns holandeses, os cabalos e os cans, as casas e os seus corredores antigos...

Pola tarde, continuamos a andaina por sitios aos que eu xa non me atrevo a ir soa. Había boas costas que subir, e os piñeiros impedían a vista aérea do val que se estende por terras do Eo, dende ónde se perciben desdebuxadas as alturas do Caurel ao fondo.

Rematamos na fonte do Eo para "admirar" os leóns que adornan o lugar, porque non se lles ocurreu poñer vacas, que son as que debían ter posto xa que elas eran as que baixaban noutros tempos a beber ao río. Incongruencias habelas hainas!

E aquí deixo algunhas imaxes que Iria me autorizóu poñer neste post e que me gustaron tanto que decidín darlles o protagonismo que se merecen. Ela é boa fotógrafa e pon alma no que capta! 

Deixo aquí a reportaxe fotográfica da miña amiga Iria. Un desfrute para os sentidos!

















mércores, 13 de abril de 2022

NOTAS E COMPOTAS

 

Algo bó ten a cidade

natureza domesticada

estampido de cores

que a engalana

Algo bó ten a cidade

que te embelesa

que te engana

 









PUDIN DE QUEIXO

Seguindo unha receta que puxo Kasioles no seu blog, aquí deixo o meu resultado. Eu fíxeno reducindo á metade todos os ingredientes, pero as porcións que deixo aquí son as que ela utilizóu.

INGREDIENTES:

750 cc leite enteira  

 9 queixiños ou o seu peso en queixo crema tipo Philadelfia

110 g. azucre

2 sobres de callada en pó

1 paquete de sobaos  

Caramelo líquido

PREPARACIÓN:

1 Caramelizar base molde tipo cake

2 Nun bol amplio poñer leite, queixo, azucre, 2 sobres callada e 11 sobaos.

Cunha batidora triturar ata mistura homoxénea.

3  Poñer mistura  na cazola e levala a fogo medio, deixar uns minutos, removendo ata que acade consistencia de natilla.

4 Verter no molde caramelizado .

5 Cubrir a superficie con sobaos. Presionalos un pouco.

6 Deixar temperar, cubrir con film e poñer na neveira ata día seguinte.

7 Pasar coitelo arredor e volcar na fonte de servir.






sábado, 9 de abril de 2022

OS GROBOS

 










Os Grobos fanse de rogar,

non se deixan atopar.

O seu segredo escondido,

cousa é de admirar,

un paraíso perdido,

illa verde e mineral.

Un labirinto mulido,

de veludo revestido,

de especimes exóticas,

de rechouchíos variados,

de conversas de paxaros,

de camiños enleados

e xigantes lexendarios

que nos fixeeron soñar.

Agardemos que a follaxe

de sombra te vista,

de frescura e aloumiño

para andar o teu camiño.



Fotos de Jesús Trashorras

domingo, 3 de abril de 2022

ABRIL INSPIRA





A neve febreiriña
asomando por abril
comeuna xa a galiña
Agardamos augas mil

A terra a amolecer
e co soliño aquecer
para as patacas botar
e as cebolas agromar

Gosto tanto do rimado
do falar en pareado
e bailar ao són da radio
Amo o rap e o hip hop
e tamén adoro o rock

Son unha rapeira
que traballo a leira
paro cando quero
nada me da xeira

Rap para aprender INGLÉS
 


mércores, 30 de marzo de 2022

DICCIONARIOS


 A miña experiencia cos diccionarios empezóu na escola. Na casa só había un diccionario que trouxera meu pai da guerra. É o da foto. Mal que ben, aínda se conserva. Sempre me chamóu a atención que meu pai se fixara neste libriño tan vello e antigo e o trouxera como unha reliquia, quizais o único bó que trouxo despois de tres anos  na contenda. Eu sempre o conservei con cariño porque a mín tamén me gustan os diccionarios.

Na escola, era moi habitual buscar palabras no diccionario, escribir o seu significado no caderno. Facer un texto que as contivesen e aprender así a ir aumentando o noso vocabulario.

Lembro un veciño que falaba "de diccionario". Sorprendíanos cos seus termos tan inusuais ao resto da vecindade. Uns tíñano por moi "listo" e outros, secadra tíñano por algo "fachendoso". Ese home estudaba o diccionario e aplicábao no seu falar habitual. 

Eu noto que o meu saco das palabras vai a menos, en paga de ir a máis. Será que a idade vai eliminando o que non se utiliza e pode que ata termine por non lembrarme de ningúnha palabra, sobre todo, se nonas emprego ou se deixo de ler.

Falando de ler a outra xente, teño que recoñecer que me gusta mergullarme nese mundo de palabras que encontro nos libros e que só dun xeito casual adiviño o seu significado polo contexto pero que nin tan siquera busco no Google o que realmente expresan. Quédome co  aloumiño que deixan ao seu paso por un poema ou prosa poética, e que lle dan esa musicalidade, ese toque máxico que a poesía é capaz de transmitir cando está en boas mans ou mellor dito, en boas mentes.

Será que teño demasiados idiomas no meu saco, aínda que penso que nunca son demasiados, pero o feito de ter que saber vocabulario en varias linguas, prodúceme, mais que unha vantaxe, un colapso á hora de manexar a súa correcta ortografía. E o que consigo ven sendo unha "babelia" que me pon en apuros máis das veces.

Aprender unha lingua á miña idade, é bó para ter as neuronas ocupadas pero tamén é un escalar a montaña, caendo todo o tempo. O que aprendín hoxe, xa nono lembro mañá, e, a veces, mentres estou facendo cousas pola casa, véñenme palabras que non sei que significan, sobre todo en xaponés. E iso pásame por non estudar. Perdín a vontade de porme a estudalas despois da miña sesión online.

Dende logo, non penso presentarme ao programa da tele "Pasapalabra", non levaría o "Rosco" nos anos que me quedan de vida!



Fago referencia a Aníbal Otero, o lingüista de Ribeira de Piquín, non lonxe da miña aldea,  e ao seu libro "Vocabulario de San Jorge de Piquín" e "Contribución al diccionario gallego" 



xoves, 24 de marzo de 2022

AMIGO NUNCA AUSENTE










AGARIMO este libro branco

como un corcel

galopante

e atópome naquel tempo

compartido

nas tardes- noites das

rúas dos viños no

Lugo amurallado

onde todo era subversivo

e prohibido

e tí o amigo mais que

amigo  sentindo a

calidez da túa ollada

e o teu estar sempre

acompañante eras

o irmán que nunca tiven

e o amante que nunca

sería o meu amante

sábado, 19 de marzo de 2022

BACALAU CON FIGOS

 



Con figos de Turquía,

bacalau de Noruega

e fariña de Ucraína

fixen de miña cociña

un sitio internacional.

Todos temos algo bó

que partillar cos demais.

Aquí deixo a empanada,

cunha estrela decorada.

Un símbolo pola PAZ.


Dezanove de marzo, día de San Xosé. Antes, celebrabamos esta festividade, como Día do Pai tamén, andado o tempo. Eu so celebro estar viva, estar ben e gustaríame que todo o mundo estivera ben.

A empanada nona fixen por ser un día "especial". Nin seguera me decatara diso. Fíxena porque quería usar uns figos pasos que mercara polo nadal e, antes de que se puxeran duros, pensei en substituir as uvas pasas polos figos nunha empanada de bacalau. 

De todos os xeitos, eu son algo dada a experimentar e romper tendencias, ata na cociña. Venme de miña nai. Ela non facía os vestidos ollando os "figuríns", se non que creaba os seus propios modelos. O mesmo aplicaba á cociña. Decoraba as doces sempre de diferente maneira e gustáballe moito a presentación dos pratos. Por aquilo de que se come cos ollos.

Eu fun deixando caer, distraidamente esta aprendizaxe e velaquí cómo xorde andando os anos.

Empezarei por comer as patas da estrela, non vaia a ser que a combinación figos-bacalau non faga bo maridaxe. Acompañada dunha cervexa artesán, xa me estou vendo "celebrar". Mágoa que a convidada  me fallara! Outra vez será!


luns, 14 de marzo de 2022

O BRINCO TURQUESA

 



Antes, cando se perdía algún animal ou obxecto valioso, había por costume dicir os responsos a San Antonio.  Non vou escribilos aquí porque pódense atopar en internet pero debo advertir, que non dabonda con lelos. Para que fosen efectivos, había que memorizalos e dicilos sen equivocarse. A persoa que tiña por costume utilizalos, era unha persoa de moita fé relixiosa,  devota a San Antonio e confiada en obter os seus favores. 

Na miña casa, esa persoa  era miña nai. Cada vez que perdiamos algo,  o primeiro que facía era irse a un lugar tranquilo e dicir en voz alta os responsos. Se non se equivocaba, había moita esperanza de que o obxecto perdido, aparecese. Tamén se usaban para protexer ás persoas que tiñan que facer algo arriscado. Lembro que mesmo me responsaba nas viaxes  para que non me pasara nada malo.

Eu non aprendín os responsos e aínda que así fora, non tería aquela fé ou confianza en alto grao que ela tiña. Estaba convencida de que todo había sair ben. Era unha muller moi positiva. Eu, pola contra, optei por saber agardar, confiando, iso sí, que as cousas aparecen cando non as buscas e no sitio menos pensado.

Cándo cheguéi á casa, votei en falta un brinco (pendiente) de bisutería barata pero que me gustaba. Pensei que me debera caer polo camiño, de volta da cidade ao baixarme en algúns sitios. Preguntei nun deles se algúen o encontrara. 

Xa o dín por perdido e non me molestei mais en buscalo. Onte, cando remexía entre a leña, a ras de chán, vin algo de cor turquesa. O que menos pensei foi que podía ser o brinco perdido. Ata que o recollín e vin que o era. Fixo o meu día! 

Deixo aquí o poema que me inspiróu.


Eo non son de xoias

e menos a diário

pero cando cadra

sácoas do armario.

Aos brincos turquesa

chegoulles a hora.

Ao final do día,

un dentro, outro fóra?

O feito esquecín

non sen certa pena.

Pasaron os días,

e remexendo a leña,

dun brinco saltou

o brinco turquesa.