Tanto de inverno como no verán, a cociña dunha casa rural é sempre o corazón da casa.
Paredes de case un metro de ancho, feitas de pedra, fan que no verán, o interior das casas sexan como bodegas e a temperatura do máis agradable en comparación dos case corenta graus que pode haber fóra algúns días.
E de inverno, co lume na cociña de leña, tamén é o sitio ideal para sentirnos alleos ao frío que vai fora.
Así que, nada mellor que adicarnos a crear receitas que podamos degustar e compartir mentres o forno fai o seu e ordenador pon o traballo teórico de escribir sobre o que se cociña.
Hoxe, ocurréuseme mesturar dúas fariñas: trigo e millo. Non tiña nin idea de cómo ía resultar.
A miña receita preferida para elaborar a masa é usar unha boa cervexa, aceite de oliva, pizca de sal e as fariñas que decida poñer.
O recheo, esta vez, leva cebola, mexillóns frescos feitos ao vapor e uns figos pasos que me sobraran do inverno.
Non é unha empanada para comela no mesmo día. Aproveito para conxelala en racións e ila consumindo ao longo do verán.
A asociación Amig@s do Patrimonio de Castroverde, fomos convidados a facer unha ruta xunto co alumnado, profesorado, pais e nais do Colexio Uxío Novo Neira de Pedrafita do Cebreiro.
Xúntámonos diante do Concello sobre as dez da mañá e mentres agardabamos, cun pouco de frío e algo de chuvia, repartíronse bebidas para levar, e empezou a aparecer xente a cabalo, bebés en carros de bebé, xente en sandalias de verán...
Eu fíxenme unha foto xunto a unha escultura con base de xeixos cristalizados, xa que hai unha mina na contorna diste mineral.
O traxecto era de algo máis de catro quilómetros costa arriba, con algo de camiño chán para logo descer abruptamente por un cortalumes. A volta a Pedrafita fíxose polo mesmo sitio.
Cos paraugas, capas ou o que tiveramos, fómonos protexendo da fina chuvia que caía, a carón de piñeiros rubios ( Pinus sylvestris) coas súas ramas curvadas ata o chán e dos que hai en abondancia formando piñeirais ao longo de toda a ruta xunto con outras especies diversas: aveleiras, teixos, bidueiros, acivros e outros moitos.
Vistas espectaculares diste grandioso paraxe, por onde descorre o Camiño Francés, comezo de peregrinaxe dende o Cebreiro ou de tránsito daqueles que veñen de máis lonxe.
Como se pode ouservar, non hai presencia de parques eólicos, a deus grazas, nesta zona protexida e na que, polo de agora, non houbo debastación a causa dos lumes que son tan frecuentes en Galiza. Cruzo os dedos por iso!.
Os cabalos, que fixeron a ruta cos seus respectivos xinetes, un adulto e un rapaz, descansan satisfeitos neste mirador do Cebreiro como seres nobles, obedientes e submisos pero tamén felices de ser capaces de subidas ben atrevidas e baixadas de vértigo.
Monumento aos peregríns que por aquí pasan e teñen o privilexio de desfrutar destas paisaxes tan fermosas, logo do seu esforzo e empeño para chegar a carón delas.
A foto de confraternidade na que se pode ver o grupo enteiro, diante da igrexa do Cebreiro, coñecida polo seu Santo Milagre a onde concorren devotos e devotas de todos os lugares o día da súa festa a primeiros de setembro, días nos que se acostumaba a levar a merenda e comer por alí a carón da aldea de pallozas, pouco turismo e sen apenas establecementos hosteleiros.
Aínda me lembro da primeira vez que visitara o Cebreiro xunto cunha amiga de Salamanca e durmimos nunha palleira. Hoxe, outro galo canta e O Cebreiro xa non é o que era, senón un lugar preparado para o turismo e a grande afluencia de peregríns do Camiño Francés a Santiago de Compostela.
No Centro Cultural de Pedrafita ofrecéronnos uns petiscos fin de ruta e poidemos degustar, entre outras cousas, o famoso queixo do Cebreiro, empanadas, tortilla, doces... e bebidas.
O grupo de Castro Verde, paramos a xantar nun restaurante da zona no que continuamos coa parte gastronómica da nosa viaxe.
Como nos cadraba de camiño, decidimos facer unha pequena incursión nos Grobos, bosque de rochas que se casaron coa exótica vexatación do lugar, non sendo quen de diferenciar a parte inerte da parte viva destes pedroulos xigantescos que semella foron caídos do ceo. Débese á erosión da rocha que é de orixe caliza e forma pasadizos labirínticos que dan pé a perderse por entre eles.
Deixo algunhas imaxes deste lugar.
Vídeo realizado polo alumnado e profesorado de Secundaria do CEIP Uxío Novo Neira de Pedrafita do Cebreiro (Lugo)
La historia de Lindt & Sprüngli se remonta al año 1845, cuando David Sprüngli-Schwarz y su hijo elaboraron el primer chocolate sólido en su pequeña confitería ubicada en Zúrich. Unos años más tarde, en 1899, el hijo, el pastelero Johann Rudolf Sprüngli-Schifferli, decidió construir una moderna fábrica de chocolate en Kilchberg (Suiza) y adquirió la pequeña, pero famosa fábrica de chocolate de Rodolphe Lindt con el objetivo de seguir expandiendo el negocio familiar. De esa unión nació el grupo Lindt & Sprüngli.
Aquí empeza a miña aventura como emigrante en Suiza, a primeiros dos anos setenta do S.XX.
Eramos estudantes, eu de COU e as miñas amigas de Salamanca, coas que viaxei, estaban comezando a universidade. O ano anterior coñecéramonos traballando na hostalaría en Calella (Barcelona), nas vacacións de verán. Fixemos boa amizade e decidimos ir traballar a Suíza no verán seguinte. Conseguimos que nos contrataran por dous meses na fábrica de chocolate Lindt & Sprüngly situada en Kilchberg (Zurich), cantón alemán, no que se falaba alén doutras linguas, o alemán. Pero o personal co que a fábrica se provía nas vacacións dos e das traballadores permanentes, eramos maioritariamente de Italia e de España.
Lembro que fixeramos a viaxe en tren ata Suiza e agardábannos na estación, uns compañeiros que chegaran nos días anteriores e xa estaban un pouco ao loro de cómo encontrar o sitio de destino.
Dábannos aloxamento, primeiro fora nunha casa rexentada por monxas. A min tocárame cunha moza da antiga Yugoslavia e molestáballe que me quedara coa luz accesa para ler antes de durmir. Polo que pedín traslado coas miñas compañeiras que estaban nunha casa, sen monxas, un pouco máis lonxe da fábrica. Era unha casa con cuartos para duas personas, cociña, baño e lavandeiría compartidas co resto de personal que eran case todos dos Balcáns actuais. Lembro que eran moi eisixentes coa limpeza e non se andaban con rodeos á hora de chamar a inspección para que viñeran a poñernos en orde.
Tiña un xardín que é ónde me saquei esta foto, cun vestido que me comprei co meu primeiro soldo.
Os primeiros días na fábrica foron agotadores. Traballabamos en turnos de mañá ou tarde pero acabamos facendo horas extra que nolas pagaban ben e aínda conseguín outro emprego limpando unhas oficinas que non tiñan que limpar.
Había que levantarse moi cedo e ir un par de quilómetros a pé ata a fábrica. Nos descansos faciamos bocadillos cos bombós desbotados que ían parar a unhas caixóns para logo ser reciclados. Se algún bombón se saía da cadea xa non podía continuar viaxe.
O noso traballo consistía en supervisar as bandexas que pasaban e nas que cada máquina se encargaba de poñer o bombón correspondente. Todos tiñan nome: sultana, carioca, napolitana... e tiñamos que coñecelos polo nome porque se faltaba un diles, había que avisar que faltaba o dito bombón para que todo o mundo se preparara para poñelo á man na bandexiña e así funcionase a cadea como tiña que ser e sen demora porque se algo nos cansaba era estar de pé todo o tempo vendo pasar bandexas de bombóns e mirando que fosen completas.
Outras veces levábannos a outro departamento onde tiñamos que facer traballo sentadas e era algo máis descansado.
Cando rematabamos de traballar íamos en autobús ata Zurich, comer unhas salchichas con pan de centeo e unha cervexa nun chiringuito perto as escaleiras do lago nas que había moita xente hippy ou non hippy. Tocában a guitarra, compartíanse porros e coñecíase xente. Nós levabamos unhos bombóns para agasallar a quen se arrimara para falar ou compartir algo.
Alí coñecín a Hermes, un colombiano que me conquistóu sen moito traballo porque era escoitalo falar con aquel sotaque e as cousas que me dicía, que xa non houbo volta atrás. Conseguinlle traballo na fábrica e facíaselle algo duro, acostumado como estaba a non dar golpe. Quén me ía a dicir que aquel mozo engaiolante ía acabando ser un coñecido pintor en Meta, Villavicencio, Colombia, cando moitos anos máis tarde tratei de seguirlle a pista que lle perdera, despois de estar case media vida lembrándome dél.
Aquí está coa chaqueta branca da fábrica, no xardín que a rodea. Hermes Miranda. Pódense ver as súas obras en Internet como ista que se titula El encierro.
Despois dos bocadillos de bombóns dos primeiros días, esquecínme do chocolate. Nos descansos, tomabamos leite fresca riquísima que vendían en embases de a cuarto ou de medio litro nunha tendiña perto da fábrica.
Nos días nos que non traballabamos, íamos de viaxe en auto stop por outros recunchos de Suizá e mesmo do norte de Italia. Así foi como visitamos Milán e Venecia, cruzando os Alpes baixo túneis longuísimos con conductores cada cal máis temerariios pero como eramos novas non tiñamos medo á velocidade. As aventuras vividas nunha noite en Venecia dan para outra historia pois pasamos a noite dun lado para outro intentando atopar un sitio para durmir baixo as estrelas pero, ou ben a policía nos largaba dalí ou eran os tronos mais fortes que sentín na miña vida que nos acompañaron de vaporeto en vaporeto buscando un acubillo.
E así se pasaron os meses de verán, pero tamén desfrutando duns bos baños no lago e piscina xunto a él, ou escoitando tocar a gaita no Centro Galego e coñecendo un pouco a vida real dos e das emigrantes que non era igual ca nosa senón moito peor. Durmían en barracóns, pero moi hixiénicos, iso sí, en Suiza todo tiña que estar limpo ou pasábache factura.
A viaxe de volta a Lugo foi en auto stop. Viñen soia a maior parte do tempo, durmindo en estacións de tren no meu saco de durmir, durmindo fóra nun xardín en San Sebastián, con todo o lío de ETA por alí. Pero non tiña medo. Era nova. E cando se é nova non se ten medo.
Xunto ao lago cantabamos cancións prohibidas sobre o Che Guevara. Cantabamos mesmo en italiano, xa que á forza, aprendemos o idioma nos dous meses que traballamos coa rapazada de Lecce, sur de Italia, que nos querían namorar todo o tempo e xa se sabe que a mellor maneira de aprender un idioma é namorándose dun ou dunha nativo.
Qué a gusto me houbera quedado na cama esta mañá se lle fixera caso á miña pereza cando se trata de ter que madrugar para sair de viaxe. Houbera inventado calquera excusa con tal de non verme medio perdida polas estradas, pois o GPS non ven sendo o meu forte.
Houbérame perdido unha mañá chea de paisaxes primaverais e sobre todo o coñecemento dun camiño alternativo ao Camiño francés que pasaba por Lugo para logo unirse ao anterior, unha vez visitada ista cidade coa súa Catedral onde hai culto á Virxe dos Ollos Grandes, as vintecatro horas do día, atractivo para aqueles peregríns medievais que viñan dende lonxe, atravesando Galiza, seguindo a Vía XIX construída polos romanos.
Non quero explicar algo que se pode atopar en Internet no link: htpp://viakunig.eu ou simplemente buscando Vía Künig, que debe o seu nome a un monxe alemán chamado Hermann Künig quen fixo a primeira guía desta ruta alternativa.
Xuntámonos nun hotel restaurante situado entre Lugo e O Corgo, concretamente no hotel restaurante Torre de Núñez, famoso polos seus enbutidos e no que posteriormente se pararía a xantar e escoitar un contacontos.
Empezamos a ruta en Castrillón, unha parroquia que xa se integróu noutras veciñas pero que o foi outrora onde se encontra un interesante castro, nunha carballeira circular, na que tamén hai unha igrexa románica que forma conxunto con outras moitas dese estilo conservadas naquela zona. Alí celebrábase unha festa en honor a San Bernabé e por este lugar do Corgo pasaba a Vía Künig da que se estan a facer pesquisas para darlle visibilidade e considerala un Camiño máis a Santiago de Compostela.
Para isto, falóunos unha investigadora arqueóloga que está traballando sobre este tema. O castro, aínda sen escavar, conserva un amurallado perfecto e nese castro está a igrexa.
Seguimos camiñando unhas veces por estrada e outras por camiños de terra. A paisaxe é espectacular e ao ser todo chán, levabamos moi ben a mañá, que foi dividida por unha pausa para degustar, empanadas, queixos e doces caseiros, froita... así como licores de chocolate, café, limón... e refrescos variados.
Esta vez, organizado por unha asociación das varias coas que formamos grupo de irmandade e cada ano sempre é unha a que se encarga de organizar un roteiro e de ofrecer ese tentenpé de media mañán, así como de buscar o mellor sitio para un xantar fin de xornada. Esta vez tocóulle á Asociación do Corgo.
Seguindo o roteiro, collemos unha desviación para ver uns sartegos da época medieval que se encontran nunha zona apartada chamada Pedrafita, a carón dunhas penas e que son só dous e moi igualiños e xuntos.
Pasamos pola Ponte Galiñeiros, feita en pedra e tamén da época medieval. Mantense moi ben conservada e está sobre o río Chamoso. En algunhas destas pontes había que pagar unha peaxe para poder pasar aquelas persoas que se adicaban ao comercio. O correo tamén se repartía nelas, intercambiándoo seguramente para non ter que pagar peaxes.
Aproximábase a hora do xantar no coñecido restaurante e aínda que non todo o grupo participóu nél, agradecemos ter chegado de volta en autobús que nos libróu do último tramo de tres quilómetros cando xa o sol areciaba e os corpos se negaban a camiñar.
A natureza sempre nos sorprende con algo exquisito que alimenta os nosos sentidos.
Fai anos que plantei algún espárrago e naceron e asomaron cada ano, sorprendéndome coa súa rama xa ben lucida que serve para acompañar un ramo de rosas pero nunca vira o espárrago que é o que vale para comer. Por iso me emocionei tanto ao ver iste tan louzán e nono quixen cortar. Espero que cada ano nazan máis e así poder comelos.
Vese que a chuvia ten as súas bondades coas plantas. Outros anos non conseguía unhas alcachofas tan grandes e sans. De seguida collían pulgón porque sobra dicir que non utilizo químicos na miña horta.
Xa non me da por plantar cousas novas como facía antes. Cada vez planto menos pero como as plantas son sabias, elas mesmas se perpetúan. Así nacen soas as espinacas, as acelgas, o apio, mesmo as patacas cando quedan na terra de un ano para outlro, e as leitugas tamén, nacen pero so as de folla de carballo que non collen ningún becho e son moi sans.
Ó pasar o meu dedo pola túa pel
podo esclarecer a fermosura que
gardas do outro lado de ti.
Sonia Melón
Esta mañá, ao levantarme e dirixirme á cociña, atopei a fiestra algo abafada pola diferenza de temperatura interior/exterior. Pasei un dedo para ver e saíu unha figura que me lembróu algo un tanto erótico.
Publiqueina no Facebook para dar os bos días e sorprendeume o comentario dunha amiga que sabe ben de xanelas e de falar coas cousas e deixo o que escribíu, debaixo da foto. Igual, se continúo, sae un poema!
Na miña horta, non so hai flores e plantas comestibles, tamén hai amor. Moito amor e tolerancia. Moito amor e amizade. Moito amor e fidelidade. Compartir é posible!
Nestas III xornadas da Cencia na Aldea, dirixínme a Negueira de Muñiz, o concello máis pequeno de Lugo, onde se atopa o lugar de Penadenogueira. Alí, nunha casa restaurada para ser aula da natureza con xardín polinizador incluído, aproveitando o desnivel da leira que foi no seu día e que hoxe está repoboada con plantas aromáticas e tamén coas que medran libremente, dando o néctar e o pólen a milleiros de insectos e outros animais que estan encantados de formar unha colonia permanente no entorno do encoro do río Návia, cun microclima que propicia o confort que necesitan.
Houbo tres días de experencias compartidas con xente que veu dende diferentes puntos do país, e hoxe, domingo, puiden atender á ponencia do botánico Bernabé Moya, que nos falóu ampliamente das fragas (bosques), que para poder ser chamados así, é preciso que teñan cando menos dez tipos de árbores diferentes. Tamén nos aconsellóu non andar por aí abrazando as árbores que nós non plantamos. Pois o turismo de masas fai que se deterioren as árbores con tanto contacto continuado. Polo tanto, deberiamos abrazar só aos que plantamos. Tamén: árbore cortado, árbore plantado. Imos camiño da deforestación que provoca cambio climático e falta de auga. Sen auga, non hai nada.
Visitamos a Fraga de Humboldt, con máis de duascentas hectáreas entre as vintesete mil de toda Europa.
Esta fraga estivo cincoenta anos abandonada, despois de que os habitantes destas aldeas tiveran que buscarse a subsistencia lonxe, nas cidades. Agora, algúns deles volveron e ponse en valor o interese medioambiental daquelo que non apreciaran antes pero que lles daba a comida, sobre todo castañas, e o pastoreo que as mantiña limpas. Fíxonos de guía Floreal Uría, un antigo habitante da aldea que nos foi contando cómo era a vida alí na súa xuventude.
Houbo actuacións musicais como non podían faltar nun día de confraternidade:
Davide Salvado e a súa compañeira de vida e musical, Fransy González ( ver vídeo)
Alonso y los ojazos, (un rapaciño que toca a batería divinamente)
Natalia Ruíz e Manuel González, cun chotis moi novedoso.
O xantar de comida caseira agardaba xa por nós, alí mesmo non xardín e demoramos tanto nas conversas de sobremesa que, eu, non asistín ao roteiro pola fraga porque non me quería ver soa por esas estradas a carón de encoro no caso de facerse tarde.
Un sendeiro circular bastante accidentado xa que dende a zona outa da Fonsagrada, tivemos que descer ata o cauce dos ríos Covas e Valdobarreiro, case sempre por carreiros en zig zag que nos foron levando por interesantes paisaxes e construccións antigas, algunhas do século I a.C, como é o Castelón de Castañoso, un impresionante castro do que se dí que foi máis que iso, pois ten elementos propios dunha cidade antiga.
Hai unha boa parte recuperada pero a que aínda está soterrada podería desvelar novos vestíxios. Como indica o panel, hai unha sauna comunal que se atribúe aos castrexos pero algúns estudos sobre o tema consideran que debeu ser construída polos romanos que viñeron despois na percura do ouro que abondaba na provincia de Lugo.
Tamén se poden apreciar un forno comunal, varias vivendas e murallas que aproveitan o entorno natural rochoso para continuar con pedra os seus muros así como "calles" entre medio das construccións.
O lugar é abrupto e picudo que fai difícil o acceso a él dende calquera punto, tendo así unhas funcións defensivas axeitadas pero non exentas de visitas de ursos que, atraídos polo mel, mereodeaban pola zona, con numerosos soutos e "cortíns" (en dialecto fonsagradino), corrizos, nos que se gardaban tamén de forma comunal as castañas para consumir ao longo do ano tanto os animais como a xente.
Atravesamos os ríos en varios sitios grazas as pontes de nova construcción, facendo nunha delas unha paradiña para o café de media mañán, a pé dun muíño e que nos deu pulo para seguir coa subida que tiñamos que facer pola outra ladeira que nos levaría a Silvachá. Pero, antes, pasamos pola capela de Santiago, en desuso, na que se celebraba unha romaría con merendas. Tamén por fervenzas que nos fixeron sentir un pouco de son no medio dun silenzo absoluto. Só interrumpido polo cuco que foi quen de escoitar Sanse.
Baixamos para logo subir a ladeira e ter que baixala de novo para voltar ao río, no que decidimos parar a xantar e meter os pes na auga. Eu aínda me tumbei na ponte de madeira a repousar media hora porque nos agardaba un longo ascenso. O xantar a pé de río foi refrescante, sereno, sen conversa, cos nosos pensamentos e sensacións en repouso, saboreando, observando a danza dos enormes mosquitoides na auga do río como se estiveran adicándonos o seu espectáculo ou lles chamase a nosa comida.
Foi no regreso que atopamos o Castro de Castañoso despois de atravesar por fragas coas árbores feridas de morte e nas que outras renaceron dentro dos seus troncos. E foi alí, cando Sanse dixo "- A morte é vida" e eu xa lera algo así nun libro fai pouco tempo e sentín que podía ser certo. Un bidueiro xove e louzan emerxía do tronco dun vello castiñeiro que fora exterminado por un lume ou por outras causas, como tantas outras árbores arredor. Así é a simbiose e a irmandade das árbores e de toda a natureza en xeral que se axuda e cambia o entorno. Chamóume a atención cómo unha hedra revestíu a desnudez dunha árbore e fixo que fose sempre verde todo o ano.
Todo é ben cando ben acaba, e aínda que cansad@s e sedent@s, sentímonos como se houberamos feito nosa unha experencia singular de coñecemento do lugar que se atopa nas miñas proximidades e que non tivera ocasión de coñecer.
Quero agradecer a Iria e Sanse terme convidado a esta andaina e rematala cunha sorpresa que me tiñan agochada dende fai tempo e que deixo aquí para poñer un final a un día inesquecible.
Vídeo sobre a sauna castrexa de Castañoso, Fonsagrada, Lugo