www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 30 de abril de 2023

EL PAÍS DEL ABEYEIRO

 


E un xardín polinizador

Leva nome Fernándo Fueyo.

Proxecto de emprendedor@s.

Aldeas abandonadas.

Inventan alternativas,

Son hoxe ben visitadas,

De todos puntos de España.

Escola de Natureza,

Leccións de vida son.

As plantas e os insectos

Buligan a seu carón

En harmonía e simbiose

Yos sapiños, porta adentro,

Encantados están, ou non.

Imos pola montaña

Rumo á fraga abandonada:

O Souto de Humbaldt

(Acróstico)












Nestas III xornadas da Cencia na Aldea, dirixínme a Negueira de Muñiz, o concello máis pequeno de Lugo, onde se atopa o lugar de Penadenogueira. Alí, nunha casa restaurada para ser aula da natureza con xardín polinizador incluído, aproveitando o desnivel da leira que foi no seu día e que hoxe está repoboada con plantas aromáticas e tamén coas que medran libremente, dando o néctar e o pólen a milleiros de insectos e outros animais que estan encantados de formar unha colonia permanente no entorno do encoro do río Návia, cun microclima que propicia o confort que necesitan.


Houbo tres días de experencias compartidas con xente que veu dende diferentes puntos do país, e hoxe, domingo, puiden atender á ponencia do botánico Bernabé Moya, que nos falóu ampliamente das fragas (bosques), que para poder ser chamados así, é preciso que teñan cando menos dez tipos de árbores diferentes. Tamén nos aconsellóu non andar por aí abrazando as árbores que nós non plantamos. Pois o turismo de masas fai que se deterioren as árbores con tanto contacto continuado. Polo tanto, deberiamos abrazar só aos que plantamos. Tamén: árbore cortado, árbore plantado. Imos camiño da deforestación que provoca cambio climático e falta de auga. Sen auga, non hai nada.


Visitamos a Fraga de Humboldt, con máis de duascentas hectáreas entre as vintesete mil de toda Europa.

Esta fraga estivo cincoenta anos abandonada, despois de que os habitantes destas aldeas tiveran que buscarse a subsistencia lonxe, nas cidades. Agora, algúns deles volveron e ponse en valor o interese medioambiental daquelo que non apreciaran antes pero que lles daba a comida, sobre todo castañas, e o pastoreo que as mantiña limpas. Fíxonos de guía Floreal Uría,  un antigo habitante da aldea que nos foi contando cómo era a vida alí na súa xuventude.

Houbo actuacións musicais como non podían faltar nun día de confraternidade:


Davide Salvado e a súa compañeira de vida e musical, Fransy González ( ver vídeo)

Alonso y los ojazos, (un rapaciño que toca a batería divinamente)

Natalia Ruíz e Manuel González, cun chotis moi novedoso.


O xantar de comida caseira agardaba xa por nós, alí mesmo non xardín e demoramos tanto  nas conversas de sobremesa que, eu, non asistín ao roteiro pola fraga porque non me quería ver soa por esas estradas a carón de encoro no caso de facerse tarde.




Unha colmea para abellas silvestres.


Vídeo: 





martes, 18 de abril de 2023

SAUNA CASTREXA?

 



Un sendeiro circular bastante accidentado xa que dende a zona outa da Fonsagrada, tivemos que descer ata o cauce dos ríos Covas e Valdobarreiro, case sempre por carreiros en zig zag que nos foron levando por interesantes paisaxes e construccións antigas, algunhas do século I a.C, como é o Castelón de Castañoso, un impresionante castro do que se dí que foi máis que iso, pois ten elementos propios dunha cidade antiga.




 Hai unha boa parte recuperada pero a que aínda está soterrada podería desvelar novos vestíxios. Como indica o panel, hai unha sauna comunal que se atribúe aos castrexos pero algúns estudos sobre o tema consideran que debeu ser construída polos romanos que viñeron despois na percura do ouro que abondaba na provincia de Lugo.



Tamén se poden apreciar un forno comunal, varias vivendas e murallas que aproveitan o entorno natural rochoso para continuar con pedra os seus muros así como "calles" entre medio das construccións. 

O lugar é abrupto e picudo que fai difícil o acceso a él dende calquera punto, tendo así unhas funcións defensivas axeitadas pero non exentas de visitas de ursos que, atraídos polo mel, mereodeaban pola zona, con numerosos soutos e "cortíns" (en dialecto fonsagradino), corrizos, nos que se gardaban tamén de forma comunal as castañas para consumir ao longo do ano tanto os animais como a xente.


Atravesamos os ríos en varios sitios grazas as pontes de nova construcción, facendo nunha delas unha paradiña para o café de media mañán, a pé dun muíño  e que nos deu pulo para seguir coa subida que tiñamos que facer pola outra ladeira que nos levaría a Silvachá. Pero, antes, pasamos pola capela de Santiago, en desuso, na que se celebraba unha romaría con merendas. Tamén por fervenzas que nos fixeron sentir un pouco de son no medio dun silenzo absoluto. Só interrumpido polo cuco que foi quen de escoitar Sanse.



Baixamos para logo subir a ladeira e ter que baixala de novo para voltar ao río, no que decidimos parar a xantar e meter os pes na auga. Eu aínda me tumbei na ponte de madeira a repousar media hora porque nos agardaba un longo ascenso. O xantar a pé de río foi refrescante, sereno, sen conversa, cos nosos pensamentos e sensacións en repouso, saboreando, observando a danza dos enormes mosquitoides na auga do río como se estiveran adicándonos o seu espectáculo ou lles chamase a nosa comida.



Foi no regreso que atopamos o Castro de Castañoso despois de atravesar por fragas coas árbores feridas de morte e nas que outras renaceron dentro dos seus troncos. E foi alí, cando Sanse dixo "- A morte é vida" e eu xa lera algo así nun libro fai pouco tempo e sentín que podía ser certo. Un bidueiro xove e louzan emerxía do tronco dun vello castiñeiro que fora exterminado por un lume ou por outras causas, como tantas outras árbores arredor. Así é a simbiose e a irmandade das árbores e de toda a natureza en xeral que se axuda e cambia o entorno. Chamóume a atención cómo unha hedra revestíu a desnudez dunha árbore e fixo que fose sempre verde todo o ano. 



Todo é ben cando ben acaba, e aínda que cansad@s e sedent@s, sentímonos como se houberamos feito nosa unha experencia singular de coñecemento do lugar que se atopa nas miñas proximidades e que non tivera ocasión de coñecer.




Quero agradecer a Iria e Sanse terme convidado a esta andaina e rematala cunha sorpresa que me tiñan agochada dende fai tempo e que deixo aquí para poñer un final a un día inesquecible.




Vídeo sobre a sauna castrexa de Castañoso, Fonsagrada, Lugo




sábado, 1 de abril de 2023

DAR CABAZOS

 


Cando alguén era rexeitado no amor, dicíase que lle deran cabazos. En castelán: "dar calabazas".

Tamén, cando se sacaba unha mala nota nun exame, dicíase que levaras cabazos (calabazas).

Pois ben, se alguén me dá calabazas ou cabazos, o que fago é cabelo de anxo ou chamado tamén doce de cidra.

E iso, precisamente é o que fixen onte.

A cabaza (Cucurbita ficifolia), da familia das cucurbitáceas din que foron orixinarias de México ou de Perú. Trátase dunha planta da que se poden aprobeitar as flores, as follas e os froitos e alén de ter moita fibra, é rica en potasio, betacarotenos e moitas vitaminas.

Despois de recollela no seu tempo, outono, no meu caso, hai que deixala nun sitio fresco e seco unhos seis meses ou un ano antes de elaborar o cabelo de anxo. 


É unha planta que se dá moi ben na miña horta. Gardo as sementes dun ano para outro, que tamén se poden comer unha vez secas, e gústame velas medrar e coller ese volume e peso que as fai as mais resistentes entre as da súa especie.


Estas son as que eu gardo para elaborar o doce de cidra, mais adiante, e co que recheo doces ou adorno tartas por enriba ou para tomar como marmelada, aínda que iso é o que menos uso pola súa textura en forma de cabelos.

Primeiro hai que deixálas caer co seu propio peso dende unha altura para que escache a dura cáscara que as recobre e sexa máis doado partilas antes de poñelas a cocer en auga para que se desprenda ben todo o que vai ser usado.

Escórrense e esmiúzanse coas mans ata que as fibras estén soltas. Logo ponse a cocer outra vez, co zucre que lle queiramos engadir, no meu caso moito menos do que recomendan as receitas, e cun pouco zume de limón, unhas duas longas horas revolvendo cada pouco para que non se queime. Pódese engadir canela, se se quere.


Pasado un tempo, cando xa comeza a dar un olor agradable, pódese retirar e embasar en tarros, facéndolles o vacío.

Consérvase moi ben, mesmo varios anos. 


Gustaríame atopar unha foto da tarta que acostumo a facer con elas. Simplemente elaboro unha masa quebrada, porque a min gústame todo caseiro, a poder ser, e simplemente rechéase co cabelo de anxo.

As veces gústame poñer améndoa en cachiños ou laminada para decorar por enriba pero iso é optativo.

A estas alturas xa non me importa "levar cabazos" nin nos exames nin no amor.

Cando teño visitas, acostumo preparar esta tarta. (A ver se atopo foto ou cando volva facela)



Respira o doce no forno,

latexa, soña con deleitar.

Ten vida propia,

faise por dentro.

Sincroniza co calor,

déixase dourar

sen usar protector.

Muda a súa cor,

faise maduro, feito,

ready to eat.

Sabe o séu punto

de cocción e recende

para avisar.



mércores, 22 de marzo de 2023

MONTESCOLA

 



Montescola é unha fundación que ten como labor preservar o monte e difundir as boas prácticas para un entorno ecolóxico e sostible. Recuperar terreos que foran expropiados pola mineiría e convertilos en aula da natureza na que participan escolares e familias plantando e apadriñando árbores que se ocupan de coidar ao longo dos anos. Ao mesmo tempo, é un entorno para xuntarse e festexar ou asistir a actividades de ocio e aprendizaxe que son levadas a cabo por personas expertas en algunha materia: monólogos, uso das plantas silvestres...e tamén é un lugar ao que acuden con frecuencia as brigadas deseucaliptizadoras para desfacerse desta especie incendiaria e repoboar os montes con especies autóctonas. O que non cabe dúbida é que Montescola, en Froxán, (Lousame) A Coruña, é un lugar para aprender e pasalo ben.




Deixo aquí un acróstico adicado a Montescola.


Medran as árbores plantadas.

O nome de quén as amadriñóu

Na lapela loce como un sol.

Tempos de mineiría idos,

Escola da natureza son.

Sementes novas xermolan,

Convivencia de xeracións

Onde traballo e lecer suman

Loitando polo meioambiente.

Aula aberta, dinamiza o rural.


Beatriz Pin Díaz

domingo, 12 de marzo de 2023

A FURGOTECA




 Hoxe, domingo, feira en Baleira, estreamos Furgoteca.

A Furgoteca é unha biblioteca ambulante, iniciativa promovida pola Xunta de Galiza a través das bibliotecas de Lugo e Ourense, para levar "cultura" ás zonas máis afastadas destas dúas provincias, aquelas especialmente de montaña, que non dispoñen de bibliotecas na súa proximidade.

Non só atopamos libros, revistas, cómics, xornais, música ou películas senón que ofrece tamén a posibilidade de usar tecnoloxías como ordenador, impresora...

Esta idea non é nova. Aquí na nosa contorna houbo, no seu día, unha muller republicana, chamada Enriqueta Otero, mestra e polifacética, moi adiantada aos tempos, que tamén pensóu que había que levar a cultura a todos e todas para que tiveran a oportunidade de instruirse, e non só aprendendo a ler e escribir, senón, moito máis. O seu Carriño, co que ía de aldea en aldea, achegaba estudos universitarios. Era como unha universidade ambulante. 







No parque Rosalía de Castro, en Lugo, estaba a sede de O Carriño. Unha palloza que facía de teatrillo e divertimento ao tempo que promocionaba a cultura.

Algo así foron tamén as Mochilas viaxeiras que, nos anos en que exercín como mestra en Baleira e tamén encargada da biblioteca no seu centro escolar, acolleramos este sistema de poder levar libros, vídeos, música, revistas... á casa perante un tempo para que toda a familia se beneficiara da oportunidade de ler ou de coñecer outras cousas. Acompañaba un  caderniño onde anotaban as súas impresións ou comentarios.






Hoxe, chegóu a Fonteo, xunto a fonte do Eo, esta fermosa Furgoteca, coa súa bibliotecaria e animadora que nos ofreceu o seu contacontos a modo de presentación. Mesmo poderíamos degustar algunha bebida ou unhas galletas durante o tempo que pasamos alí escollendo libros, xa que vai equipada con todo ese tipo de agasallos.

Para ser o primeiro día, asistiron varias veciñas e veciños, xente nova, que se interesaron moito polo que alí se atopaba.  Eu saín con tres libros pero había moitísimos máis que me gustaban. 
Como diría unha amiga moi aficionada a ler: "Eu quedaría ata a dormir na Furgoteca".




Esta foi a miña escolla! A poesía que non falte!


E, para terminar, deixo un enlace ao vídeo sobre Enriqueta Otero, nada en Miranda, Castroverde, Lugo, veciña a que tiven ocasión de coñecer persoalmente en Lugo cando eu era estudante de maxisterio e ela retomaba a súa profesión de mestra, despois de ter padecido a persecución, o cárcere e privada dos seus dereitos de exercer como mestra, cousa que logróu ao final, un ano antes da súa xubilación.






LIBROS VIAXEIROS

A furgoneta de Paula
Fai un grande percorrido
Uso aos libros lle van dar
Rinconciños da montaña.
Gustaremos das historias,
O son de cantigas ledas
Traeránnos a ledicia
E coñecementos novos
Cun surriso na faciana
Andaremos na montaña.

Beatriz Pin Díaz





sábado, 4 de marzo de 2023

TEMPOS

 


Así apareceu o día

coa neve nas serras,

co frío ás portas

e na casa, lumes.

Filloas non faltan

nin caldo de castañas,

tempo para ler, pensar,

escribir tamén.

Así pasa o inverno

deixándose acariñar.

Todos os tempos son

tempos para soñar e amar.




O día merece a foto.

Nós merecemos o día.

Entre prados e montes

as casiñas respiran.

martes, 21 de febreiro de 2023

NOIA



Noia en cor cinsenta,
nin frío nin calor.
As gaivotas, indecisas
agardan non sei qué.
Calma na ría de Noia,
nin un barquiño se ve.
Cheiro a marea baixa.
Dentro da vila, bulen,
eu, na quietude, amaino.






Agora as gaivotas nadan,
o sol deitou unha raiola,
a auga en marea chea,
ondea acompasada
cos chios das aves mariñas
e, eu, cumprín anos en Noia
a carón de quén máis quero.





 


domingo, 12 de febreiro de 2023

UN RÍO QUE NAMORA



 Iria escolleu para hoxe o Roteiro de Pena Guímara, A Fonsagrada, Lugo, Reserva da Biosfera pola UNESCO. Un roteiro que segue o curso do río Logares pola Veiga de Logares e que é un sendeiro moi natural que vai pola veira do río, subindo e baixando e con espazo so para unha persoa á vez.

Deixamos os coches en Vilardíaz, xunto a antiga escola, hoxe en desuso por teren concentrado o pouco alumnado que habería na zona, en centros da vila de A Fonsagrada. 

Salímos por ese carreiro que se ve na foto e pasamos polas covas de Vilardíaz ricas en ouro.



Como podemos ver, tiñamos que ir en fila india e con moito coidado de non esbarar pois aínda había xeo nas pedras molladas por un regato que vai a carón do roteiro.





Pasamos por San Martín de Robledo, cunha igrexa que foi importante noutros tempos e agora está tamén en desuso, xunto á casa rectoral que está ao lado e que é típica desta zona por ter un segundo andar con fiestras mais pequenas. Pode que servise para gardar as colleitas e outros alimentos.





Nesta foto podemos ver unha aldea chamada Romeán, das moitas aldeas abandonadas que están derrubándose e que non teñen accesos para vehículos e por iso foron quedando en desuso como as escolas, igrexas...

Neste lugar houbo, no seu día, cantina, muíño e ferrería. Hoxe, so as pedras falan.

Os que se manteñen en bó estado son os hórreos. Construccións feitas con intelixencia artesanal para gardar o substento dos habitantes tanto das personas como do gando.




Aquí nos atopamos co río Logares que nos agasallóu con sorpresas durante o seu curso. Fervenzas, rápidos, descensos oblícuos sobre rochas lisas e longas no que o río se amoldóu ao leito seguindo a súa inclinación. Eu, que nun principio aseguréi que non lle faría fotos porque todos os ríos son iguais...tiven que retractarme do dito e deixarme conquistar polo seu encanto que me namoróu tanto que xa o declarei meu namorado para este San Valentlín.


E aquí pouso co meu recen namorado, cautivada pola súa beleza, ímpetu, perseverancia, e acrobacias coas que nos foi embelesando durante o noso camiñar á seu carón, con música nas súas transparentes augas ben batidas, nas que as troitas estarían felices, caso de que quedara algunha.



Iria, sempre atopa pequenas belezas que aos demais nos pasan inadvertidas. Istes cogumelos son como botóns, ou flores. A alegría do camiño que poñen notas de cor sobre fondo verde e violáceo. 



E aquí, neste tronco, encontrou cola de pavo, outro cogumelo moi vistoso que amosa a súa simetría armoniosa en simbiose co entorno.

Unha ruta de 10,500 kms que nos levóu varias horas por ternos demorado moito na súa contemplación e estudo e que nos aportóu coñecementos, pracer e unha maneira de vivir o que nos rodea sen ter que ir demasiado lonxe de onde habitamos.

Grazas por convidarme. Por compartirmos dende un café con pastas variadas e chamativas para empezar a ruta con forza, e polas fotos aportadas e, como nón, por servirme de guía e de compañía.

mércores, 1 de febreiro de 2023

HISTORIA DUNHA LECTURA

 Retomando o libro de Joyce que deixara aparcado e que so me servía para coller sono, non importaba por onde o encetara, érame inintelixible.

Agora, despois de rematar, felizmente, "A Portrait of the Artist as a Young Man" agardo non ter que usar iste como somnífero!.


Nos andeis de libros que teño na galería con vistas ao campo, aparecen, de vez en cando, libros que eu non merquei e que intúo que me chegarón pola vía da familia inglesa/irlandesa a través do meu fillo.

Así, foi como atopei fai unhas semanas o Portrait de Joyce, un libriño de peto que non debeu ser  aberto e que seguramente o conseguirían en tendas de segunda man ou en boot fairs e que lle viñeron de agasallo nalgún paquete polo Nadal.

Pensei que podería lelo sen problema. E así foi. Gustóume moito e puiden entendelo e admiralo. 

Pero eu tíñame visto co Finnegans Wake, por algunha razón, porque me deron os ollos nel e porque non tiña lido nunca a Joyce e parecía case un pecado, como non teño lido a tantos outros autores e autoras de prestixio universal.

Así foi, que empecei a ler o Wake, directamente, sen pararme a ler a introducción que o acompaña e que serve de moito cara a enfrentarse cunha lectura difícil, insólita, e que se considera so asequible medianamente a expertos no autor. 

Eu vía que as persoas coas que me relaciono falaban a miúdo de Joyce, do Ulisses... e sentía non poder participar do seu coñecemento, así que, sen pensalo moito, empecei o Wake. Non sei se fun capaz de ler dez páxinas dunha vez. So me iluminaba a luz dalgunha frase, e non completa, nun inglés que me soaba de algo. O resto era pasear a ollada por enriba, detectando xogos de palabras, vellas cancións de berce ou rimas das que se lles contan e cantan as crianzas para ir inxeríndolles na amígdala os coñecimentos antergos. Así fixen eu co alumnado nas aulas de inglés, así fixen co meu fillo e cas miñas netas.

Logo pasei a ler saltando páxinas, por ver se aquelo tiña sentido mais adiante pero so conseguía durmir á primeira de cambio. Polo que usei o libro para durmir.

Agora, despois de ler o Portrait e ver que o comprendía, peguei de novo co Wake pero, esta vez, lendo a introducción de Seamus Deane,1952, e que son unhas vinte páxinas que serven de aclaración e guía a lectura da obra.

Con esta axuda en man, dirixínme, esperanzada, ás primeiras páxinas que noutrora xa percorrera sen éxito, e que me encontrei?, pois que nada mudara. Todo estaba alí tal cal o deixei, sen mais luz, sen mais claridade e sen ánimo de intentalo.

Non acostumo darme por vencida nos retos que me marco, e sei que aínda nono devolveréi ao andel onde estaba. Gústanme as linguas e os xogos de palabras... e seguirei anque sexa polo pracer visual de atoparme con algo nunca visto nin nunca imaxinado que poidera escribirse desta maneira e que poidera ser considerada unha obra universal.

Wake, en inglés, siñifica acordar, espertar... Será que eu teño que acordar para poder entender algo que as miñas neuronas, xa gastadas, non son capaces de descifrar, ou será que o señor Joyce se deixóu levar por unha tolura inédita conxugada cunha capacidade creativa e excéntrica sen límites?


mércores, 18 de xaneiro de 2023

PRIMEIRA NEVADA

 




Abro de par en par

a xanela da cociña.

Entra un frío saudable

con especial arrecendo

que gosto respirar.

A neve alegra a xente,

os animais, as plantas...

Cambia a cor da terra,

acouga os sentidos,

detén todo o que molla

nesa súa espesura

de maná merengado.

Na súa fraxilidade

garda o magnetismo

que nos atrae e atrapa.

Xira o día a carón dela,

ata na cociña se sente

no bulir das potas ao lume

cociñando caldos quentes,

fillóas e roxóns con mazá

seran menú preferente.

Nóa saíu disparada

ulindo cada pegada

dos animais da noite

que, antes que nós,

a brancura enlodaron.

Xa o sol derrete a neve,

Unha visita agardada.