www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

sábado, 27 de febreiro de 2021

DOCE DE CENOURA E COCO

 


Como houbo xente que me preguntóu cómo se facía o doce de cenoura, e ainda que nun post ben antigo, do 2009 eu deixara unha receita (tamén en inglés),  vin que perdera as fotos e por iso vou deixar aquí esa receita.

Ingredintes.

3-4 cenouras grandes, mellor se son de horta.

Un paquete de coco relado

Bolos de leite, mellor se son artesáns, de pastalería.

2-3 (ou nada) de coulleradas de zucre.

Auga de cocción das cenouras.

Molde tipo bol de pudding.

Preparación:

Cocer as cenouras ca pel, mellor ao vapor. Reservar a auga.

Pelalas unha vez que enfríen e poñelas nun vaso para trituralas xunto co zucre  (eu non lle poño) e unhas culleradas de auga de cocción.

Engadir menos da metade da bolsa de coco, como tres culleradas grandes. Mexer todo ca espátula.

Forramos un molde con rebanadas de bolo de leite. Eu poño a primeira capa toda aproveitando a parte mais vistosa do bolo que é a que vai ser o exterior do doce.

As capas do medio do bolo van polo medio e as do fondo do bolo, poden cerrar a base do pastel.

Vou alternando capa de recheo con capas de bolo.

Ao terminar, presionar moito,  poñer unha tapa ou prato e sobre éste un peso. Eu poño unha pesa de dous quilos e meter no frigorífico de dous a tres días. Logo desmoldear e se se quere decorar con coco ou deixar tal cal, estará igual de bó.



venres, 19 de febreiro de 2021

DE ANIVERSARIO

 





Cumprir anos, sempre foi algo emocionante na miña vida. Xa, dende nena, lembro que celebrabamos os nosos aniversarios. O meu, sempre acompañado das riquísimas canas que me facía miña nai. Levaban un recheo de crema pasteleira e, recén feitas, eran unha auténtica delicia. Ainda as recibía, cando estudaba na cidade. Un paquetiño enviado polo autobús de línea, facía o recado.

O tempo pasóu, e, hoxe, sínto que o tempo non pasóu como se espera que pase. A idade vai por dentro e non sempre é a mesma. Ten días, horas, minutos e segundos. Depende cómo nos sintamos.

O envoltorio pode tomar as mais diversas sinais do paso do tempo en nós. Eso é inevitable, pero a nosa idade, como nas árbores, parte do corazón en aneis que se espanden hacia o exterior e que se refrexan nunha ollada, nunha palabra, nun sentimento que gardan a xuventude que nunca perdemos se fomos capaces de conservala.

Nada en febreiro, cando o inverno neste lugar ainda persiste, e a neve febreiriña pode asomarse, camiño hacia a primavera cos días medrando e a esperanza dun sol que me quente.

Pisceana ata a médula, compórtome como os astros me ordean. Gobérnanme Neptuno e Xúpiter e estoulles moi agradecida.

Pasei polo camiño e vin a árbore cortada pola metade. Ca súa idade ao aire, deixando ver o segredo mais gardado. Ainda estaba no mellor da súa vida! A miña man percorreo o seu calendario e sentín que agradecía que me fixase nela e que, tal vez, así, puidera seguir viva moito tempo, como o gatiño do super e como tantas lembranzas que a vida nos vai causando.

Celebrareino! Non podo deixar indiferente este número tan redondiño, sen aristas, tan amoroso. Só pasa unha vez na vida, se pasa! E xa só por eso, paga a pena celebralo. Por estar viva, por estar san, por ter familia, amig@s, por sentir amor, paixón, desexos de vivir. Por ser capaz de correr, saltar, bailar, como nón! Por estar contenta co que teño e non desexar mais.

(A quén lle pique a curiosidade, que busque o número no meu blog!)





Moro na casa onde nacín

Ten case douscentos anos

Despois de recorrer mundo

deixei todo e vinme aquí

Empecei unha vida nova

que me ocupa e da prazer

Este é o meu santuario

que xa non quero perder

Unha casa con  engado

que atrae xente de todo o mundo

Gosto de ser anfitriona,

guía local se se tercia,

comer aquelo que produzo,

amar os meus animais,

e ver dende aquí, o mundo.


https://www.airbnb.es

Apartamento rural en Casa Vita



                                                                  






sábado, 13 de febreiro de 2021

UN LIBRO, CON AMOR

 



Dende 1988 non voltei a ler este libro. Estaba na miña estantería, onde están os libros que verdadeiramente me gustaron, os demais, descansan noutros lugares.

Agora que o leo de novo, descubro cousas que xa non lembraba.  

Alén de estar escrito maxistralmente por Stephen Vizinczey, un autor úngaro nado no 1933, da a impresión de ser un libro autobiográfico, escrito nos tempos da invasión nazi e narra como un neno, criado entre mulleres, tivo que  ganarse a vida moi novo, entre as tropas dos sitios ocupados. E a sua curiosidade de adolescente, levouno a ter que  satisfacela con mulleres maiores que foron as suas mestras e aliadas para o resto dos seus días. Deixando clara a opción de poder relacionarse de xeito igualitario e non conflictivo entre homes e mulleres.

A raíz desta relectura, ocurréuseme un poema, inspirado nas mulleres maduras que transcorren polas súas páxinas e ainda que non teño experencia na temática, vouno deixar aquí, para facerlles honor a esas mulleres, que enseñan aos homes a selo!




Era hora da sesta

A porta entreaberta

agardábate

Luz ténue de candeas

e aromas mentolados

No corredor

prendas íntimas no chán

guiaban teus pasos

Soaba unha canción

romántica

no meu cuarto

Sobre o leito

EU

agardándote

Sen quitar a tua roupa

achegácheste

Os teus beizos percorréronme

Fun espindo o teu corpo

"con mans de fada"

ata que a nudez

cubriunos aos dous por igual

Os nosos corpos mexéndose

encontrándose

mentras as mans acariciaban

os sitios desexados

e as nosas bocas fundíanse

en beixos apaixoados

In crescendo

nosos corpos navegaban

acompasados

Xa estabas en mín

e as ondas ían e viñan

envolvéndonos, levándonos

lonxe

mentras a canción seguía

e a respiración apuraba

ata perdernos na explosión final

sen saber ainda

qúen eras tí, quén era eu



Ver canción en YouTube

JE TÀIME MOI NON PLUS COM TRADUÇAO




venres, 5 de febreiro de 2021

O GATIÑO DO SUPER

 


Vinte alí, aquela mañán, á porta do supermercado. Estabas aniñado sobre un taco de poliespán blanco mais pequeno ca tí. Non sei cómo podías acomodarte nél. Con tal de illar o teu corpiño do frío chán, calqueira cousa valía. 

Lembráchesme a personas que tamén se poñen nas portas dos supermercados da cidade, agardando a esmola que lles faga o día levadeiro.

Dende ese día, xa te quedaches no meu pensamento.

Quería escribir sobre tí. Facerche a foto que ilustrase a miña historia. Non sabía se voltaría atoparte así, na mesma posición, alí mesmo.

Hoxe, cando voltei por alí, atopeite na mesma postura, no mesmo bloque, ainda que me pareceu que medraras, que xa che quedaba, cada vez, mais pequeno. 

Antes de entrar, fíxenche a foto. O teu pelaxe non estaba moi lucido. Tiña aspecto de falta de comida, de falta de cariño. Os teus olliños tristes, lánguidos, miráronme. Díxenche algunhas palabriñas amorosas e tí implorabas sem apenas inmutarte, como resignado á túa sorte. A túa mala sorte de estar só e triste e con fame e sen un fogar no que sentirte un mais da casa, cas atencións da túa ama que te coidase.

Os repartidores nen reparaban en tí cando entraban, dándoche ca porta sen miramentos. Eu puiden evitalo esta vez. Pero non sempre poderei facelo.

Preguntei se che daban algo de comer. Secadra algún resto, unha puntiña de algo que sobróu, o que caiga. Haberá días que tes algo para levar á boca e outras que non teñas mais remedio que buscarte a vida como sexa, nos contedores de lixo, cazar algo, ainda que non sabes porque eres noviño e tua nai deixoute moi cedo á túa sorte.

Queiras que non, ti xa pertences a ese lugar. Ao teu bloque illante que che sirve de pedestal. E seguirás alí ata que alguén te leve para unha casa e te queira. Eu, faríao se non tivera mais gatos. 

Ata agora sempre lles busquei un fogar aos que atopei abandonados. Anunciabaos en internet e mesmo llos levaba no trasportín ás persoas que se interesaban. 

Seguro que @s do super non te deixan morrer de fame.

Non sei onde pasas as frias noites de inverno, cando neva, vai frío e chove todo o tempo. 

Só, sen amigos ou amigas non é doada a vida nen para os gatos e gatas. 


 


sábado, 30 de xaneiro de 2021

BOMBÓN CON PELO

 


Se eu non tivese traballado nunha fábrica de chocolate, non sabería que un bombón con pelo, non só pode causar un desprestixio para a firma senón que detectalo a tempo é recompensado.

Na sá de profesores raro era o día que non houbese unha caixa de bombóns ou calqueira outra lamboada á hora do café. Aniversarios, agasallos, visitas.... sempre había algo que celebrar, non como agora, que toda celebración está contraindicada.

Eu collín un bombóm e achegueime a fiestra para degustalo ollando a paisaxe natural que rodeaba a escola. Antes de levalo á boca, teño por costume miralo, ver a súa forma, decoración e mesmo adiviñarlle o nome. Eu na cadea de bombóns tiña que saber o nome de todos: carioca, sultana, napolitana.....

Déronme os ollos nun pelo que o atravesaba polo medio. _Un pelo nun bombóm! debín de deixar escapar. Loxicamente nono comín. Gardeino ben gardadiño e limiteime a averiguar a procedencia da caixa.

Ao día seguinte dirixinme ao sitio onde os venderan co ánimo de facer unha reclamación. Mellor dito, que a fixeran eles ao seu proveedor. Pouco lles faltóu para votarse a rir e tomarme por tola. Ante a súa negativa, decidín actuar pola miña conta, que é case sempre a mellor opción.

Así que, merquei sobre acolchado e escribín a miña experencia co bombóm da mellor maneira que puiden e envieino por correo ao enderezo da fábrica que figuraba na caixa.

Xa case nos esqueceramos do asunto cando unha mañá aparece un paquete contendo unha caixa de bombóns igualiña á outra e un lote de produtos da casa, acompañando cunha carta na que se pedían disculpas, se agradecía que lle lo fixeramos saber e tamén unha súplica: que non espallaramos o incidente.

Ninguén daba creto a aquilo. Endexamais lles acontecera tal cousa!

Eu, ainda non satisfeita de todo, paseime pola tenda onde non quixeran tramitar a reclamación, e contéilles o sucedido, non por nada, senón para que soubesen que hai cousas que ainda que parezan de tolos, son plausibles. 

Dende daquela, sempre miro o que levo á boca. Xa me ten acontecido ter atopado un resto de estropallo metálico no pack do lunch que oferecían gratis nos avións, e mesmo en hoteis turísticos de catro estrelas, o mesmo tipo de obxecto estrano na comida.

Eu sempre o fago saber a quén concerna, non por amolar, senón para que teñan mais coidado no futuro, pois un ferriño deses no noso dixestivo.....non sei eu o que podería causar. E ante todo a nosa saúde. 

Un pelo ou unha mosca, pódelle caer a calqueira!


xoves, 21 de xaneiro de 2021

BLOG SURFING


 


Xa lonxe quedóu unha imaxe como ésta. Tardaría anos ou toda unha vida en atopar un destinatario casual que, logo de ler a mensaxe, se decidira a contactar.

Logo viñeron os "anuncios por palabras" en xornais e revistas. Eu teño feito amizades por aquel medio. Eran cartas que ían e viñan. Longas cartas. A veces, acompañadas de foto que podía cambiar o rumo das cousas iniciadas.

Lembro unha sección da TNT televisión, un canal en lingua inglesa, na que había un espazo para "penpals". Alí collera eu algúns enderezos de profesores de inglés, para por ao noso alumnado en contacto e así poder escribirse no idioma que estudaban. Deu resultado. Dese contacto, xurdiría, mais adiante, un proxecto educativo dentro do programa Sócrates, con escolas de Finlandia, República Checa, Italia, Rumanía e Galiza que contemplóu intercambio de profesorado, alumnado e mesmo algúns pais/nais que quixeron participar. Proxecto que duróu mais de catro anos escolares e durante os cales se fixeron intercambios de estadías nos distintos países.                                                                               

Agora, co uso de internet en tódolos fogares do mundo, xa non hai distancias nen atrancos. Os blogs, o Facebook, Instagrán....están á orde do día e do minuto a minuto. Nen tempo a respirar!

Pois, ao que ía, veño observando que dende que comezóu a pandémia, a xente ten mais tempo para surfear por internet. Blogueiros e blogueiras asoman, cada día, nesta nube de entradas que nos abren moitas posibilidades de contactar con outras persoas, dende calqueira lugar do mundo. 

Basta con ler os seus contidos, facer un click, deixar un comentario, pois os blogs aliméntanse deles, e xa podes pasar a seguir ese blog e asegurarte un/ha novo/a lector/ra que te fará sentir como mais importante ahí dentro da túa illa na que o virus acabóu por confinarte. 

Alén diso, poden xurdir motivacións non só para seguir publicando o que escribes, sexa ou non interesante, senón que podes interesarte por aprender idiomas para así poder chegar a todo o mundo sen barreiras idiomáticas, ou podes facer amizades duradeiras, ou podes ampliar os teus coñecimentos sobre outras culturas, países..... Un sinfín de posibilidades dá esto!

A min, personalmente, alén de servirme para todo o mencionado, tamén me fai mergullarme nas tecnoloxías que tanto quebradeiro de cabeza me causan. Remexo por todo ata dar ca solución ao problema. Non me desanimo facilmente, ata que o consigo. E ahí, apúntome un tanto a favor!

Dende que todo este mal mundial empezóu, parece que estamos mais sensibilizad@s coa fraternidade, coa amizade, e con todos eses valores que antes non tiñamos tempo de por en práctica.

Ogallá que saibamos entender as mensaxes que se nos envían!





venres, 8 de xaneiro de 2021

UN DÍA NA NEVE


 Coñecín a Iria nas excursións e roteiros por algúns dos lugares mais emblemáticos de Galiza. Ela era a guía da viaxe ainda que logo sempre había unha guía local para explicar os sitios con mais coñecimento de causa.


Iria é unha rapaza da Mariña de Lugo, da nosa costa, e ademáis de ser unha apaixoada da natureza, das viaxes e roteiros e de facer unhas fotos que merecen ir a concurso, díxome que quería vir pasar un día por aquí, na neve, e que lle dixera cómo estaba a situación.



Eu, ainda non pasara polo punto no que a neve se queda mais tempo, pero prometín, que de camiño a Lugo, ao día seguinte, cotexaría cómo se atopaba o lugar de A Baqueriza, entre o Cádavo e Castroverde.


Cando cheguéi ao alto da Baqueriza, aparquei, como puiden nun camiño cuberto de xeo, e tomei unhas fotos da xélidez da paisaxe que alí se vía. Estaba alucinada! Semellaba estar noutra galaxia! Tiña que chamala, sen demora, e dicirlle que se votara pés para aquí. 


Leveime un pouco de desilusión cando me dixo que xa tiña outros plans para o día.

 _ Pero, Iria, esto está divino! Nono podes perder!


Seguín a  miña viaxe, sen problema algún na estrada e pasei toda a mañá por Lugo.

Cando cheguéi á casa, sobre as tres do serán, recibín unha mensaxe de Iria.

 " Ao final, viñemos!"


E seguidamente empezaron a chegar vídeos, fotos..... Quedei entusiasmada cas fotos.  Nun dos videos, víaselle cun traxe de neve, vermello, baixando no trineo dende a cima dun prado con neve xa pisada polos que viñeran na fin de semana. Estaba feliz como unha rapariga! E eu tamén me sentín ben leda de que se decidira trocar os outros plans para vir aquí.


Como as suas fotos falan por sí soas, aquí deixo unhas cantas, co seu permiso. Aclaroume que non todas son de A Baqueriza, que fixeron algunha andaina pola Fontaneira, polo nacemento do Návia, e agardo que non se esquecera de ver tamén o Eo!


Remato dicindo que temos un paraíso de lugar no que habitamos os poucos que quedamos por estas aldeas. Que todos eses sitios que menciono son de Baleira. Que estamos orgullosos de ser daquí, de ter estas paisaxes  e respirar este aire limpo e frío que alonxa tódolos males.


                                                                               Iria



domingo, 3 de xaneiro de 2021

FEIRA SEN FEIRA






 Empeza o 2021 con neve e frío. Hoxe día de feira en Castroverde. Decido sair de compras. Primeiro collo no Cádavo as cousas do Cádavo, (a Deus o que é de Deus e ao César o que é do César). Cada lugar ten aquelas cousas que se diferencian das doutro lugar e non podo atopar todo o que quero no mesmo sitio.

De alí, decido acabar de mercar en Castroverde, porque preciso fariña de panadería para facer, esta tarde, as fillóas. 

Atopo a Baqueriza conxelada e neve por doquier. Vou con coidadiño sen tocar o freo. Chego a Castroverde e o forno no que eu sempre merco o pan ou fariña, estaba pechado. 

O mesmo as outras tendas e supermercados

Vexo o coche dun panadeiro, Agapito, e penso que quizáis él teña aberto. Alí me dirixo. Na porta un gran letreiro en catro idiomas: galego, castelán, inglés e xaponés. Poñía que se agardase á porta. Non se podía entrar, polo tema do Coronavirus. Sorprendeume ver o letreiro en xaponés. Non hai que esquecer que por alí pasa o Camiño Primitivo. Agardei a que me atenderan e, por fín, xa teño a fariña. Ata pedín mais da que pensaba levar e menos da que él pensaba que levaría!

Aproveitei para dar unha volta polo Campo da Feira. Apenas había nada. Quería algúns allos para plantar pero xa non me fixo falla parar o coche. E pensar que pasei a Baqueriza con certa dificultade para vir pola fariña a Castroverde!

 De volta había xente vendo a neve e aproveitando para disfrutar das costas nevadas. Pensei nas miñas netas. Cómo lles gustaría baixar por aqueles prados no trineo que gardo dende que o meu fillo era pequeno e a min velas!

Así, acaban as feiras no rural. Non queda nada. Unha tristura non poder comer unha ración de polbo como é debido nestas ocasións, e que fan que o día sexa diferente, atoparse con coñecid@s, falar catro cousas, e virse para a casa content@s para o resto do día. 

Agora terei que poñerme cas fillóas antes de que se me quiten as ganas de facelas. Non sen antes sair a facer unha andaina polas corrredoiras da aldea para entrar en calor, en euforia...!

Ainda penso no letreiro de Agapito! Co que a min me gustan as linguas! Sobre todo o xaponés!




                                               

xoves, 17 de decembro de 2020

AS MIÑAS RAÍCES

 


Un día para non quedar na casa. O sol xa se deixou sentir de mañanciña. Collín os meus bastóns de marcha nórdica, aclaro, e fun polos mesmos sitios de sempre pero con outros ollos. Esta vez, como tantas outras, reparei con mais interés nas casas das miñas raíces. So distan apenas medio quilómetro unha da outra. Nelas viviron os meus bisavós, pero non xuntos. Meu bisavó, quen namorou miña bisavoa materna, posiblemente no monte, mentras atendían as facendas. Ela de bo ver e con voz moi cantareira, foi engaiolada por aquel mozo, de casa rica, quén xa tiña compromiso noutro sitio, e así, aconteceu que miña avóa fora filla de nai solteira. As familias sempre se mantiveron en boa relación. Netos e netas do bisavó apadriñáronnos a min e mais unha prima. Eran de nai mexicana.

Hoxe, ao pasar por xunto a estas casas, a de meu bisavó, deshabitada dende case medio século, ainda se mantén en pé. A da miña bisavóa está habitada e ben coidada.

Síntome ben entre as miñas raíces. Cando paso polo cemiterio podo ver alí as lápidas cos seus nomes e datas. Todo isto por parte de miña nai. Meu pai foi nado noutra aldea da montaña, un pouco mais alonxada pero non moito. Tamén a casa co hórreo se conservan ainda en pé pero ninguén vive alí. 

Eu  tardei moito tempo en saber estas historias. Daquela non se contaban porque eran como algo deshonroso para a familia, a pesares de ser tan común. Cando me enterei, non lle din apenas importancia pero, hoxe, sinto que me gusta saber quén foi meu bisavó, ainda que se portara algo mal non casándose ca miña bisavóa pero tamén, se ben o penso, igual foi mellor así.  Secadra non eran a parella desexada un do outro. 

É un previlexio vivir onde se nace. Formas parte da paisaxe, da historia e eso da forza. Saber que irás parar o mesmo sitio onde os teus devanceiros están soterrados. É como reunirse a familia outra vez.

Cando camiño por estes vieiros, é como se me acompañasen as almas daqueles seres queridos. Non poden terse ido de todo, sen mais. Pensar eso, é un recurso para non sentirse só, para ir sempre na compaña dos teus. 

Espero que a casa na que eu nacín, non caia en saco roto e saiban conservala con todos os recordos do pasado que nela hai, porque a historia continúa e da sentido ás nosas vidas. Saber de ónde viñemos ainda que non saibamos ben a ónde imos.




martes, 15 de decembro de 2020

LECTURAS






 Despois dun tempo ausente do ordenador, por estar a reparar nunha tenda en Lugo, e non poder ir buscalo por mor do confinamento perimetral que sufre a cidade, tiven que deixar de escribir e adicarme mais a ler. 

Ultimamente deume por Saramago. Levo lido dous libros e a metade doutro. Inicieime co Ensayo de la ceguera, en castelán todos, ao meu pesar. Houbérame gustado lelo en portugúes, e ainda o farei cando teña ocasión de facerme cos libros. Quedei moi impresionada con esa primeira incursión neste autor e dende daquela, quixen seguir lendoo. Logo veu El año de la muerte de Ricardo Reis, que me engaiolóu dende o prinpicipio ata o fin. Será porque nél aparece Pessoa, a quen admiro moito, e porque me lembraba a maneira de escribir pessoniana. Penso que Saramago fíxoo aposta, xa que se trataba dun heterónimo dos moitos que usaba Pessoa. 

Teño unha amiga que é a que me aprovisiona de lecturas e ofreceume Cuadernos de Lanzarote, e sendo que tiven ocasión de coñecer esta illa canaria, a primeira que visitei, sentín interés por ver qué nos conta Saramago, pois él pasóu os derradeiros anos da súa vida alí, e dende onde viaxóu a moitos lugares do mundo, acompañado da súa dona Pilar, moito mais xove ca él, e que me lembra o caso doutro escritor, galego él, tamén, Camilo José Cela.

Cando lin de que se trataba o libro, case estiven a punto de nono ler. Ven sendo un diario, e se ben non teño nada contra eles, dende que lin o de Ana Frank, xa non voltara a ler outro, mais que o meu, este, Lerias, que non é precisamente un diario senón un mensuario, de existir esa palabra.

Teño que dicir, que sinto curiosidade por saber quén é  a persoa que hai detras dos libros que escribe. Ainda que xa fun entrevendo un pouco no de Ricardo Reis, pero nos Cadernos, estou descubrindo a persona real, que se amosa tal cal é, unhas veces enravexado, outras farto de historias, outras moi receptivo, amable e disposto a dar explicacións, disposto a compartir con outras xentes do mundo as suas experiencias, opinións de todo tipo, tanto políticas, económicas, literarias, relixiosas....

Pero, ante todo, descubro que o autor deses libros que nos fascinan, non sempre é o ser que agardamos que sexa. Pode que non fose doado telo cerca, convivir con él e menos ainda, caerlle ben. 

Noto como aqueles que triunfan e destacan en algo e son tan requeridos en todas partes, van configurando un ego moi extremo, ata o punto que xiran arredor de sí todo o tempo e o mundo que os rodea semella ser o seu satélite. 

Outra das cousas que me pasa con este tipo de escritores tan documentados, é, precisamente, a súa erudición. Moitísimas citas de persoeiros de difícil pronunciación, sacados dos rincóns mais escondidos, e que apenas podo lembralos, ou  ver que enriquecen o meu lixeiro equipaxe cognitivo. Resúltanme, incluso, molestos e dame por cavilar que están ahí xusto para demostrarnos cánto sabe ese autor, canto manexa mais ca min,  que  non me soan de nada a maioiría e sería traballo  demorar en descubrilos, averiguar deles. Non acabaría nunca de ler o libro en curso. Así que todo eso, para deixar constancia que se sabe, que se está no mundo cos ollos ben abertos.

Eso mesmo me aconteceu ao ler  a Álvaro Cunqueiro. Non daba lido, con tantas e tantas citas.... É realmente necesario ese desplegue para impresionarnos?  Adoro o sinxelo!


mércores, 21 de outubro de 2020

DENDE A COCIÑA




 O corazón das casas galegas, é, sen dúbida, a cociña. Cánta historia encerra este lugar no que me encontro. Se dou un repaso no tempo, dende a miña infancia, podo dicir que aquí, antes de haber o que agora hai, pasaron  moitas cousas, e houbo moitos cambios. Dende ser unha lareira, co lume a rás de chán, a xente sentada a carón do lume, pouca luz, pois eran de gas, de carburo mais adiante....Eu, moi pequena, vía a unha familia que compartía casa con nós,(meus pais e mais eu). Había vacas noutra parte do baixo e a manxadoira daba á cociña. Así que se podían ver as cabezas das vacas asomando por alí.

Cando a casa pasou enteira a meus pais, despois de mercala, a cociña dividiuse en duas partes. Nunha delas estaba a cociña económica, ou vasca, qué é a que ainda se mantén, pero  reformada, e outro habítáculo onde se almacenaba o sal para vender no tempo da matanza. Meus pais puxeran unha cantina no que foi a corte das vacas e comunicaba ca cociña, un pouco mais alta. 

Sempre tivo unha xanela. Non era moi grande. Por eso non había moita luz. A xanela daba á horta, ao sul, ao mediodía, como eles dicían. Así que había soliño nas horas centrais do día e pola tarde.

Nesta cociña ten comido moita xente. Miña nai alén de atender a cantina, tamén daba xantares e ceas e mesmo aloxamento completo. Pero polas tardes dos domingos, e polas noites cando cadraba, xogábanse partidas de cartas. Lémbro ben haber dous bandos xogando. Non se cabía xa, porque ademais dos que xogaban, todos eles homes, sempre estaban os miróns, que axudaban un pouco e animaban aos xogadores, como se fai no futbole. 



Pero non xogaban de balde. Xogaban caixas de figos, litros e litros de viño, secadra mesmo a cea! Tiñan que pagar quenes perdían. 

Tamén se contaban historias para non durmir. Eu, do medo que tiña, non era quén de subir soa aos cuartos da casa pola noite. Tiña que ir miña nai comigo. Contos de lobos, de aparecidos, de mortos, de cousas non identificables como animais xigantescos que non se asemellaban a nada coñecido....

Tamén houbo, quen, de borracho, tivo que quedar a durmir nela. Houbo quen perdeu a carteira cheíña de cartos....


Nesta cociña bailóuse ao son do violín de Florencio, nas longas noites de inverno. Toda a xuventude daquele tempos, contándome eu, faciamos bailes aquí na taberna e tamén había rúas en casas particulares.

Cando esto da taberna se foi acabando, a cociña pasóu ser para nós, algo privado e mais acalado. Pero ainda seguiron vindo algúns veciños xogar unha partida de vez en cando cos meus pais e comigo, que de tanto mirar, aprendín a xogar como calquera deles.

Cando meus pais finaron, e eu decidín reformar esta casa, voltei a poñer a cociña enteira, sen divisións e conservei o banco de madeira, e o moble, chinero, que fixera meu pai, carpinteiro que era. 

A xanela seguíu sendo a mesma, pequena, para o espacio que ten a cociña, pero quixen conservala así.

Hoxe, estou aquí, porque é, como dixen, o corazón da casa. Onde cociño, como, escribo, leo, descanso, bailo, fago xinasia, toco o acordeón, quéntome e ollo o meu xardín que ainda conserva algunhas rosas que alegran a vista. 

Cántas veces, na crudeza do inverno, non se me ocurríu poñer tamén aquí a cama! Ainda nono fixen, pero é unha posibilidade. Na cociña, hai bo lume, comida.....A mesa está chea de catañas a secarse, mazáns.....e tamén moitas veces, roupa a secar. 

Nada como un bo lume que vai quentando toda a casa! 

Outono e inverno, é unha paisaxe de portas adentro! Só a xanela me abre ao mundo! Un mundo natural

xoves, 8 de outubro de 2020

PAISAXES DE OUTONO

A fraga espida do supérfluo.



O camiño que me leva a nostalxia.

Sentin o abrazo da árbore amiga.


A veira do camiño un tres de fento.


Percorrín o longo camiño inédito.


Desenrolo dunha lección de cogumelos.



 

sábado, 3 de outubro de 2020

OUTONEANDO




 Lémbrome que de pequena,  miña nai, dicíame moito,  a palabra outonear, como querendo dicir, que me ía pola miña conta por ahí sen o seu consentimento.  _ "Onde andiveches outoneando?"

Así que saín moi outoneadora! 

Hoxe, pódese dicir que empecei a outonear. Día de chuvia miúda. Traxe parachuvas, botas, bastóns, unha bolsiña, navalla, e Noa. Prados arriba e abaixo na percura de cogumelos. Cando xa daba por perdida a busca, empecei a ver sendeiriña en varios prados. Logo había que seguir buscando sen importar a chuvia que empezaba a mollarme o traxe.

Chegar á casa con semellante manxar, cambióu o rumbo do meu menú do día. Xa non sería un salmón ao pil-pil senón acompañado de sendeiriña cociñada con viño de Porto e patacas estilo canario, "papas arrugás". Eso fará o meu xantar de hoxe.

Sair con chuvia, con tempo mais frío, apañar cogumelos, limpalos e preparalos para poder comelos ou gardalos, da o seu traballo e non todo o mundo está disposto a pasar ese traballo pero o resultado compensa e sempre é unha novidade que fai que esta época do ano teña o seu encanto. Alén de coller estes manxares que nos ofrece a natureza de xeito altruista, sen pedirnos nada a cambio, é un pracer poder agradecerlle tal detalle. 

As primeiras castañas son outro motivo de saídas outonais. Xa apañei as primeiras baixo o meu único castiñeiro e aseinas na cociña de leña mentras quentaba a casa e preparaba o ambiente propicio para unha sobremesa cun libro nunha hamaca ao quentiño e coa mantiña por riba. 

Música na radio mentras esto escribo. Hai cousas que espertan as ganas de escribir cando non hai nada do que escribir, cando todo está dito e de mellor xeito. Ler aos demais tamén é un pracer que nos dan servido. 

Estes días estiven lendo o único libro de Manuel Antonio, un rianxeiro pioneiro na poesía vangardista en Galicia. Facía tempo que nono lía pero atopeino entre os libros que vou gardando en caixas, e un día buscando, atopeino. Pásame a miudo, con algúns libros de poesía ou prosa, que me resultan difíciles de ler. Precisaría usar un diccionario todo o tempo. De ónde sacaría él esas palabras tan difíciles. Teñen moito que ver co vocabulario mariño, pois él era navegante, e eu son de terra adentro! Pero ainda así, sen acabar de entendelo todo, doulle o seu mérito por escribir así, nunha época  na que non se escribía dese xeito por aquí. Él tiña moito mundo! Adiantouse aos tempos! E iso hai que recoñecelo! "De catro a catro", xa o dí todo o mesmo tíduo. E ainda mais, xa que finou moi novo, con trinta e tantos, pero había como unha premonición desa morte prematura nos seus versos.

Está saindo o sol dentres as nubes que o tapaban e ilumina as rosas que están cabizbaixas pola chuvia, e outras empezando a abrir nesta primavera de outono. É a súa derradeira oportunidade. Logo xa será un longo inverno para elas e para nós.

Remato aquí porque agárdanme as perolas  e non hai tempo que perder se quero xantar en hora.

Benvido este outono!



luns, 14 de setembro de 2020

LENDO A PESSOA




 Pasei parte do verán lendo a Pessoa, despois de xantar, fora, na hamaca, no meu xardín horta e tamén antes de durmir, pola noite. Esta última lectura quitábame o sono. 

É a segunda vez que leo o Livro do desassossego. A primeira vez que o lin, fai mais de trinta e tantos anos, causóume un impacto moi positivo, tanto que para mín, daquela, era como o libro que eu quixera ter escrito. Tanto me identifiquei con él que fixen de Pessoa o meu gurú secreto.  Desta volta xa non teño aquel sentir. Estou mais crítica con algunhas cousas e chega a producirme o desasosego que él quere transmitir, ou non quere, pero faino. Tal vez, porque a certa idade, vemos as cousas doutra maneira e aféctanos mais todo aquelo que resulte pouco esperanzador.

Onte, vendo Horizonte, na tele, un programa de Cuarto Milenio, comparábase a crise sanitaria actual coa que houbo no 1918, a mal chamada Gripe española, e as imaxes gardadas daquela epidemia, son case iguais que as que se ven actualmente co do Covid 19. As mesmas protestas por ter que levar mascaras, os mesmos hospitais de campaña, as mesmas dúbidas de conspiración, o mesmo secretismo.... Chamóume moito a atención ainda que eu ben sei que a historia repítese. E cada século, segundo dicían alí, ten os primeiros 25 anos de crise que marcan o resto dese século. Que hai un cambio na vida social, na mentalidade das persoas. Algo así como os ciclos económicos, o de Kondrátiev, por citar algún. Que cada cen anos prodúcese un pico na economía e o resto é subir e baixar. 

Pero que ten esto que ver con Pessoa? Él tamén se adiantou ós tempos. Hai moitas cousas da súa época, que seguen vixentes hoxe en día, que son de actualidade. E o mesmo ocurre con outros escritores ainda mais antigos. O mundo non cambióu moito. Da voltas sobre sí mesmo. Pero quenes estamos pouco informados do pasado, pensamos que todo é novo. Novo para nós, que nunca sobrepasamos o século, e eso descontando o periodo de infancia e xuventude que estamos ainda cos ollos pechados, e logo os derradeiros anos que voltamos a ser infantes. Total, poden ser vintecinco anos de ollos abertos, se é que logramos coñecer algo.

A min preocúpame un pouco non ter lido aos clásicos. Sinto que teño un deber pendente para con eles e elas. (Case todos foron homes). Dante Alighieri, o que escribíu  a Divina Comedia e na que a protagonista se chama coma mín! E todos os rusos, españois, franceses, ingleses....poetas e novelistas. Lin ODecamerón de Boccaccio cando apenas tiña uns doce anos. E todos os libros que nos mandaban ler no bacharelato..... qué poucos lembro! Logo veu Victor Hugo, cos Miserables, un longo libro de dous tomos. Por suposto Cervantes. Lin o Quijote, saltando de cama en cama na residencia das monxas en Lugo. Cada libro que leo, cada libro que vivo e actúo, se podo!

Pero a veces, custiónome o das lecturas. Ao pouco tempo xa non lembro o que lín. Cando volto ler o mesmo libro, penso que é novo para min. De ahí, que apenas podo citar autores, títulos ou frases que me chamaron a atención. Todo quedou perdido nun saco sen fondo. Vale a pena ler?

É un pasatempo e tamén é unha maneira de conectar con outros tempos, con outras maneiras de entender o mundo. Pero nada me asegura que aquelo é o mellor ou o que pode darme ideas sobre o entendemento da vida, do mundo, das cousas..... 

Meu pai dicía que os libros teñen conta do que lles poñen. Él non lía ningún. Quén se paraba a ler daquela? Pero meu avó, sí que lía. Tiña libros. Un baúl cheo. Cos seus anteollos de arame, alí sentado diante da fiestra do seu cuarto, lía e lia....Lémbro que estivera en Cuba algún tempo.

De todos modos, Pessoa segue sendo o meu gurú. O escritor que mais admiro.A súa creatividade e orixinalidade á hora de expresarse. O seu xirar arredor de sí, todo o tempo, o pousarse no cotidiano como se pousa o pó nos móbeis, ou as folerpas nos prados, así, silandeiro pero co pensamento en ristre, vai pasando por todo, deixando un pouso filosófico que o cubre todo. Prometo lelo na sua/miña lingua a próxima vez!



venres, 7 de agosto de 2020

VISITA A MONDOÑEDO



 Este verán, lendo a Álvaro Cunqueiro, voltaron a espertarse en mín, desexos de visitar Mondoñedo de novo. Aproveitando de ter xente viaxeira na casa, non foi difícil tomar a decisión de irmos coñecer a Cova do Rei Cintolo, proxecto que fun deixando pasar por non saber se estaría aberta. Contactei ca Oficina de Turismo de Mondoñedo e xa me informaron de que facían visitas guiadas en grupos reducidos. 

Saímos con tempo dabondo para tomarnos a mañá con calma, sen apuros. A praza da Catedral estábase preparando para o mercado do xoves, e a figura de Cunqueiro, ollaba, con mirada escudriñadora todo o traxín que alí daba comezo a un día, dos que él tantas veces describíu con maestría.

Mentras agardabamos polo guía, sentámonos nunha terraciña elevada, con boas vistas sobre a catedral arrodillada, e deume a impresión de estar nunha vila medieval, co seu entramado de rúas estreitas e casas que non cambiaron moito de "look". 

Emprendemos a viaxe cara a Cova, pasando polo antigo seminario, un dos primeiros de España, hoxe hospedeiría levada por curas.

En caravana de coches fomos subindo polo Roteiro da Auga, ata chegar á entrada, onde gardan nunha caseta de madeira, o material que se necesita para entrar na Cova e que se trata dun mono branco, casco con lanterna e dous pares de  lubas. 

Unha pasarela facilita o acceso por aquelas alturas. A porta está ben fechada con cadea,

O guía foinos explicando que se trataba dunha cova do periodo Paleolítico, que se coñecen dela seis mil cincocentos metros. Que está composta por galerías de orixe cárstica, con estructura laberíntica, columnas de estalactitas e estalagmitas, ríos subterráneos, un pequeno lago interior e que é a mais grande de Galicia. Descuberta para o seu estudo por José Villaamil, que se atoparon restos na entrada da época medieval, e tamén algún resto prehistórico como unha punta de frecha en sílex. Que, por suposto, ten unha lenda na que o Rei Cintolo, rei daquel territorio, tiña unha filla moi guapa, chamada Xila e que xa ía casar cun pretendiente chamado Uxío cando apareceu por alí un feiticeiro que a quería e se o rei non lla daba, faría que desaparecese de forma violenta o seu reino. Uxío venceuno pero como o feitizo xa estaba feito, o reino, desapareceu e o pobre Uxío non atopou a sua namorada. Din que Xila aparrece na porta da Cova peiteando os seus cabelos a espera de que alguén desfaga o feitizo e volte todo a ser como antes.

Non pensabamos que a cova fose o que é. De telo pensado ou sabido, eu sería a primeira que non entraría. O bo humor do guía, que tamén parecía algo mago, foinos engaiolando pouco a pouco, distraéndonos coas figuras que se vían nas rochas, semellando  animais, obxectos.... xa se sabe!

O camiño empezóu a ofrecer dificultades cada vez mais difíciles. Xa non se podía voltar atrás. Había que afrontalas ou perderse nun labirinto sen saída. O guía xa nos puxera en aviso de que se algo lle acontecía a él, que non nos moveramos de onde estabamos. A Cova ten un sistema de alarma conectado coa policía e se se tarda mais da hora e meia que se emplea, salta e avisa para que vaian ao rescate.

Cada vez, pasadizos mais estreitos e difíciles de acceder. Unhas veces a gatas, outras de xoenllos.... pero veu o peor! Alí había que tomar unha de tres decisións, a cal mais mala. Escollemos a das cordas. Era como un tobogán de arxila no que se baixaba en plancha, agarrándonos a cordas con nos, e pode que tivese cinco ou mais metros de pendente. Mentras agardabamos turnos, como era a última, tiven tempo de facer estiramentos, despois de ter andado encolleita un bo treito de cova. Pensaba que eu soa nunca sairía dalí. Hai tantos pasadizos, que non sabes por cal seguir. Hai que coñecer a cova para poder atopar a saída. 


Logo viñeron mais estreiteces, co teito baixísimo, só cabiamos reptando, menos mal que era cara arriba. Chegamos a un sitio, no que había que meterse por un túnel completamente deitados cara abaixo. Tocoume de primeira. Intentar intenteino, por non perder a boa nota que levaba de boa escaladora, pero eso foi superior a min. Dixen: "antes de pasar por ahí, prefiro quedarme na cova". Outras probaron e non puideron. Pero un rapaz, aventuróuse! Apareceu dous metros mais adiante!. Fora unha proba que nos puxo o guía para ver quen era mais arroutado! Se nolo dixera! 

Xa estabamos perto da saída. Eu ben sabía que a saída era a mesma, non había outra diferente. Así que foi como un percorrido circular. Pero todo se mantiña en segredo! Cando nos vimos fora, sans e salvos, foi unha sensación increíble de ter feito unha aventura de alto nivel de dificultade e a ninguén nos pasóu nada malo. Foi como algo que estaba ahí pendente de facerse pero que, unha vez feito, nono repitiría, e non porque nono pasara ben, pois a persoa que nos guióu fíxonolo ben ameno, por certo, mesmo desaparecía e aparecía por outro lado por arte de maxia! Pero sair dalí sen romper ningún óso, xa foi boa sorte!

E xa que estabamos na Ruta da Auga, despois de xantar de campo no camiño que leva o Salto do Coro, outra fermosura de Mondoñedo. Un bo tramo de subida e logo con escaleiras que leva a un lugar idílico, no que a auga cae como cola de cabalo dende unha boa altura e forma unha poza de auga cristalina que vai discorrendo ladeira abaixo e regando toda aquela frondosidade refrescante.

Un sitio para vivir! 



 

martes, 4 de agosto de 2020

ROTEIRO POLA MARRONDA





Aproveitando que teño unhos hóspedes moi de roteiros, decidimos facer un pola Marronda. Deixamos un coche en Esgrade e outro arriba de A Braña, na pista de terra que percorre a Marronda. 
Dende alí, comezamos sobre as dez dunha mañá na que o sol tardóu en quentar. Fomos pasando por todo o longo da sua parte, non mais alta, pero sí da mais alta andable. Vendo como o cancereixo (Sorbus aucuparia), amosaba os seus froitos de boliñas vermellas, ricos en vitamina C, tres veces mais que a laranxa.
Fun facendo fotos da vexetación mais chamativa e da que iñoro os nomes.
As avelairas tamén están cargadas de froitos e abondan as arandeiras, ainda que eu case nunca puiden catar un arando. Deben estar moi solicitados.
Fomos facendo ese percorrido, por terreo chán, ata saír á pista que vai do Real de Martín, onde supostamente se perdeu fai uns días, un home que leva o meu conome, un lonxano parente, e que de boa gana o atoparía hoxe por alí. 
Collemos á dereita para dirixirnos a Esgrade, onde deixaramos un dos coches. Pasando Fórneas, A Espiña, onde naceu meu pai, Castrelo, aldea sen xente, (só no verán), e por fin Esgrade. 
Chamoume a atención a reforestación que se levou a cabo nestes montes con castañeiros, sobre todo, e que no futuro vai ser un bo recurso económico que dará vida a estas aldeas hoxe abandonadas ou con moi pouca xente. O futuro está no monte!
Fun fotografando plantas que medran exhuberantes nos bordes do camiño, onde tamén hai auga e rás. 
Tivemos unha empinada algo longa pero logo xa foi ir cara abaixo todo o tempo. 
Penso que o roteiro, que fixemos en duas horas e meia, non resulta cansado e lévase ben.
Eu teño moi bo ollo para esas medidas!
Os meus acompañantes tamén o atoparon ben e así, en boa compaña, puiden dar un paseo por estes paraxes que, ainda que están perto, non acostumo a facelo eu soa.
Ao pasar pola Espiña, lembreime da miña avóa paterna, a quen vin en contadas ocasións, xa que para que poideramos ir miña nai e mais eu a vela, tiñan que vir dende alí cun cabalo para levarnos por un carreiro de monte e penas, logo voltarnos traer, co que supoñía facer catro viaxes a persoa que se encargaba. Miña avóa estaba encamada. Miña nai leváballe un flan de ovo, que lle gustaba moito. Despois de tela visto tan pouco, gardo dela un recordo dunha boa muller, que vivíu unha vida difícil, xa que perdeu duas fillas e un fillo, quedándolle so tres.
Tamén Castrelo, esa aldeíña tan xeitosa, metida alá abaixo, con capela e festa de San Xoán.
Castrelo non ten casas habitadas todo o ano. Somentes no verán pasan alí unhos días xente que vive en Madrid ou noutros lugares.
Chegamos a Esgrade con ganas de chegar, pois o sol xa empezaba a ser molesto. 
En Esgrade houbo unha cantina, e o que herdóu a casa, fixo un pequeno museo cas cousas que había nela.
Este roteiro pódese facer así, como fixemos nós hoxe, e non resulta cansado por ir case sempre en terreo chán, sen grandes subidas ou baixadas, por pista de asfalto agás a de terra que vai pola parte alta. Por certo, os meus acompañantes non se atreveron a baixár á fervenza! Eu como xa a vira! 
A Marronda é moito mais que todo eso que fixemos. É unha Gran Ruta de 65 kms de andainas. Pódense facer moitos roteiros diferentes, dependendo do grao de dificultade ou do tempo que se teña ou dos medios. 
Perderse nos seus faiedos non debe ser moi alentador! Ogallá, o meu parente, poida estar vivo a estas horas!

luns, 27 de xullo de 2020

WILD FLOWERS


Cando entro nun cemiterio e vexo todas aquelas flores de plástico, decolorídas pola chuvia, sol e vento, pola xeada, pola neve.... penso que os mortos nonas aprecian. Dalles igual. Ainda que dín que a intención basta. Pero a min non me gustan. Prefiro non poñer ningunha. Agardo que o campo as ofreza, de xeito altruista e desinteresado. Xa sei que tampouco está ben collelas. Pero algúnhas nin se nota. Roubarllas aos insectos....á admiración de transeúntes.... é case cometer un pecado, que se non é para nós, sí para xente doutros países, como Finlandia, onde non se poden coller, solo fotografar....

Eu collo algunhas e lévollas aos meus seres queridos, en sinal de amor e lembranza, anque sei que non as reciben. É só unha satisfacción persoal para quenes quedamos atrás. Un sentirnos ben. Quén sabe?
Por eso, cando vou camiñando, fíxome nas flores silvestres, asilvestradas coma mín. Fermosas e diversas. Hoxe, déronme os ollos nun mato de cardos en flor. Parecían puñadiños de algodón dispostos a que os recollesen. O caer da tarde, cando o sol se esconde e se reflexa ainda na montaña de enfrente, hai unha luz indirecta que me gusta ollala. Quédome alí, pensando no bo que sería estar naquel lugar, onde o sol ainda quenta con esa tibieza da tarde.



O millo medra e fai murallas a ámbolos lados do camiño. Síntome ir por un túnel vexetal de simetrías perfectas que impide a fuxida en caso de ser necesaria. Case deixo de transitar por alí. Gosto de lugares abertos, de prados de herva cortada de días ou pacída polas vacas.

Ao borde do camiño hai flores de todas clases. Todas teñen o seu tempo para sair. Como se gardasen turnos. Agora están as brancas, que semellan de encaixe. Esas gustáronme para o cimiterio. Tamén as amarelas en ramilletes. Podo escoller cada semana unhas diferentes.

Cas bolsiñas cónicas dos chuches, fago o vaso onde as poño con auga e métoas na argola do nicho. Duran duas semanas alomenos. Ese é o meu sistema alternativo ás de plástico.
E aquí remato, que chega a hora de ir ver mais flores polos camiños da tarde.