www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

martes, 4 de agosto de 2020

ROTEIRO POLA MARRONDA





Aproveitando que teño unhos hóspedes moi de roteiros, decidimos facer un pola Marronda. Deixamos un coche en Esgrade e outro arriba de A Braña, na pista de terra que percorre a Marronda. 
Dende alí, comezamos sobre as dez dunha mañá na que o sol tardóu en quentar. Fomos pasando por todo o longo da sua parte, non mais alta, pero sí da mais alta andable. Vendo como o cancereixo (Sorbus aucuparia), amosaba os seus froitos de boliñas vermellas, ricos en vitamina C, tres veces mais que a laranxa.
Fun facendo fotos da vexetación mais chamativa e da que iñoro os nomes.
As avelairas tamén están cargadas de froitos e abondan as arandeiras, ainda que eu case nunca puiden catar un arando. Deben estar moi solicitados.
Fomos facendo ese percorrido, por terreo chán, ata saír á pista que vai do Real de Martín, onde supostamente se perdeu fai uns días, un home que leva o meu conome, un lonxano parente, e que de boa gana o atoparía hoxe por alí. 
Collemos á dereita para dirixirnos a Esgrade, onde deixaramos un dos coches. Pasando Fórneas, A Espiña, onde naceu meu pai, Castrelo, aldea sen xente, (só no verán), e por fin Esgrade. 
Chamoume a atención a reforestación que se levou a cabo nestes montes con castañeiros, sobre todo, e que no futuro vai ser un bo recurso económico que dará vida a estas aldeas hoxe abandonadas ou con moi pouca xente. O futuro está no monte!
Fun fotografando plantas que medran exhuberantes nos bordes do camiño, onde tamén hai auga e rás. 
Tivemos unha empinada algo longa pero logo xa foi ir cara abaixo todo o tempo. 
Penso que o roteiro, que fixemos en duas horas e meia, non resulta cansado e lévase ben.
Eu teño moi bo ollo para esas medidas!
Os meus acompañantes tamén o atoparon ben e así, en boa compaña, puiden dar un paseo por estes paraxes que, ainda que están perto, non acostumo a facelo eu soa.
Ao pasar pola Espiña, lembreime da miña avóa paterna, a quen vin en contadas ocasións, xa que para que poideramos ir miña nai e mais eu a vela, tiñan que vir dende alí cun cabalo para levarnos por un carreiro de monte e penas, logo voltarnos traer, co que supoñía facer catro viaxes a persoa que se encargaba. Miña avóa estaba encamada. Miña nai leváballe un flan de ovo, que lle gustaba moito. Despois de tela visto tan pouco, gardo dela un recordo dunha boa muller, que vivíu unha vida difícil, xa que perdeu duas fillas e un fillo, quedándolle so tres.
Tamén Castrelo, esa aldeíña tan xeitosa, metida alá abaixo, con capela e festa de San Xoán.
Castrelo non ten casas habitadas todo o ano. Somentes no verán pasan alí unhos días xente que vive en Madrid ou noutros lugares.
Chegamos a Esgrade con ganas de chegar, pois o sol xa empezaba a ser molesto. 
En Esgrade houbo unha cantina, e o que herdóu a casa, fixo un pequeno museo cas cousas que había nela.
Este roteiro pódese facer así, como fixemos nós hoxe, e non resulta cansado por ir case sempre en terreo chán, sen grandes subidas ou baixadas, por pista de asfalto agás a de terra que vai pola parte alta. Por certo, os meus acompañantes non se atreveron a baixár á fervenza! Eu como xa a vira! 
A Marronda é moito mais que todo eso que fixemos. É unha Gran Ruta de 65 kms de andainas. Pódense facer moitos roteiros diferentes, dependendo do grao de dificultade ou do tempo que se teña ou dos medios. 
Perderse nos seus faiedos non debe ser moi alentador! Ogallá, o meu parente, poida estar vivo a estas horas!

6 comentarios:

Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.