Un bo almorzo da enerxía para todo o día. Un repaso polos almorzos da miña vida.
No rural galego, a xente traballaba de sol a sol. Comezaba cedo o día para atender a súa facenda. Primeiro os animais e logo a xente.
Algún comezaba cunha copiña de caña (augardente) para quentar o corpo nas frías mañáns de inverno.
Cando os animais estaban atendidos, sentábanse a comer un almorzo que podía consistir, segundo os días, os hábitos de cada casa, nun caldo de rustrido feito con patacas picadas, cebola e un refrito de allo con pementón doce.
Outra xente almorzaban unha boa taza de café con leite e sopas de pan remolladas nél. Ese era o que mais se mantivo no tempo, pasando de xeración a xeración e aínda hai quen o toma.
Cando había tempo, facíanse as sopas de allo. Había que poñer rafas de pan de centeo nunha taza. Cubrir con auga ben quente. Deixar que remollaran ben e logo, se fose necerario, escurrir a sobrante. Preparar un refrito con allo e pemento doce que se poñía por enriba das sopas. Engadir azucar e, sen remexer nada, deixar a taza sobre a plancha de ferro na cociña de leña ata que se torrase un pouco por abaixo. Unha delicia que lembro con nostalxia.
No tempo dos traballos no monte, como cavar, segar, preparar a terra etc. acostumábase a levarlles ous homes as once. Unha ringleira de mulleres con cestas na cabeza subían polos carreiros que as levaban xunto aos seus. Era como unha merenda na que non faltaban chourizos, touciño, pan, queixo , chulas... e o viño xa o tiñan eles nas botas de pel das que se acanillaba separando a bota e deixando que un chorro contínuo fose gorxa abaixo. Esto era como un festexo porque, polo xeral, traballábase en rogas, coa axuda de veciños.
Ao almorzo tamén se lle chamaba a parva. Non sei ben o por qué deste nome.
Pasando ao meu desaiuno de nena, cando xa ía á escola, direi que, como na nosa casa tiñamos taberna e había de todo, dábanme un paquete de galletas tostadas que eu mollaba no leite collendo de seis en seis para que pareceran un bizcoito e me rendiran na boca. Un paquete ao día era moito! De vez en cando, un ponche que se facía cun ovo batido, engadindo viño de Sanson, ou café con leite.
Aos domingos, antes de ir á misa, tomabamos algo lixeiro pero ao volver, miña nai sempre facía unha tortilla á francesa que levaba cebola, ou quentabamos os cachelos que sobraran da noite, cortados en cachos pequenos e con cebola e, cando os había, algúns roxóns...
Outras veces, a xente facía papas para o almorzo. Estaban moi boas, quentiñas e espesas. Feitas con leite e fariña da que había na casa. Nalgúns lugares facíanas de millo. Unha amiga, contóume que as mulleres que estaban para parir, preparaban un bo lume na lareira e un bo pote de papas, e alí tiña lugar o parto.
Contáronme que pola zona da montaña luguesa, Caurel, Ancares, a xente almorzaba a base de pan con chourizo, xamón, ovos, queixo remasado que levaba augardente na súa preparación e picaba un pouco. Coñecín ese queixo! Cun trinco de queixo e unha copiña de augardente, xa ía o corpo disposto para o traballo.
Os meus almorzos foron cambiando ao longo da miña vida. Cando estiven noutros países, fun adoitando os que a xente facía. Un dos que mais me chamóu a atención foi o English breakfast, do que aínda uso algunhas receitas como os scrambled eggs ou os three minutes boild egg ou o seu delicioso almorzo a base de bacon, egg, baked beens, toast, cup of tea...Ou tamén o porridge ou os cereais con leite, torradas con manteiga e marmelada...
Deixo, a modo de anécdota, o que me contaron de cómo dous irlandeses que compartían aloxamento nunha pequena vila dos Apeninos, almorzaban ovos fritidos cada mañá, incluso cando tiveron que levantarse ás 5 am para ir ver os ursos.
Sen despreciar os cruasans con unha taza de café con leite cando me tocóu pasar por París.
Tamén nas vendimas, en Francia, souben apreciar os bos almorzos a base de foie gras, queixo de camenbert, salami...etc.
Para min, o almorzo, segue a ser a comida mais importante do día. Por eso, é case un ritual de mañá, na que vou dividindo o tempo entre o primeiro vaso de auga con limón, sementes de lino en remollo, levadura de cervexa, pasada media hora, a froita, e logo as torradas con diferentes tops ( marmelo, pavo, queixo) ou ( aguacate, sardiñas, sementes varias, tofu ou queixo de cabra), sempre poño nas torradas aceite de oliva e allo, logo todo o que se me ocurra. Acompañado dun té verde xaponés ou café con leite.
Lembro que nas clases de inglés que impartía e para propiciar unha conversa nese idioma, preguntaba ao alumnado qué tomaran de almorzo. Había de todo pero predominaban os almorzos "pobres" e non porque non tiveran con qué, senón, por falta de hábitos, por falta de tempo, por ignorancia... Pero notábase no rendimento e predisposición ante o traballo escolar.
Non son quén para dar consellos pero quixera, dende aquí, convidar á xente a mellorar o seu almorzo. Verán a vitalidade que gañan!.
Un dos meus favoritos: All bran, flocos de aveia e trigo sarraceno, con noces, froitos secos, froitas frescas e kéfir caseiro.
Outro dos meus habituais. Montadiños torrados con diferentes tops.