www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

venres, 20 de marzo de 2015

ECLIPSE









Brétema costeira envolve
as lindes rianxeiras.
Camiño na praia da Torre.
As pegadas identifícanme.
Deixan círculos na area húmida.
Un can, como Noa, corretea
perto da súa dona.
A praia viu medrar o meu fillo.
Crieino soa.
Daquela era industria.
Agora turismo.
Mañá...?
Mariscadores na marea baixa.
Despois pleamar desmesurada.
Por mor da eclipse.
Síntome ben neste lugar.
Vou lendo fragmentos
dos poetas rianxeiros.
No paseo están os versos
medio deteriorados.
Alguén quixo aniquilalos.
A cultura ten aristas
que mancan a certos transeuntes.
Pode agonizar pero non morre.
A eclipse é culpable da bruma.
Notaba algo raro neso ata
que me decatei. Presentía.
Disfroitei esta mañá
lentamente.




xoves, 5 de marzo de 2015

REGATOS E FONTES / STREAMS AND FOUNTAINS

Fonte do Eo
Lémbrome da ilusión que me facía ver as "crecidas", como nós lles chamabamos aos desbordamentos producidos pola moita chuvia nos meses de inverno e que facían xurdir fontes e ríos alí onde non os había. Aproveitabamos para facer muíños e navegar diversos obxectos. Tamén para descubrir fontes que o resto do ano estaban secas, como a fonte Peideira que estaba no alto dun prado, nas Lagas, e que a min me metía respeto polo nome que tiña pois pensaba que a sua auga sería fedorenta e que non se podería beber. Pero esa fonte tiña unha auga que sabía a gloria cando, cansadas de xogar e corretear, nos achegabamos ata alí para nos resfrescar. Penso que o nome poidera virlle por certas burbullas que botaba ao sair, como lle ocurre a fonte do Eo, moi posiblemente irmá xemelga, senón a mesma fonte, que aparece medio quilómetro mais abaixo.
Pois hoxe, e moitos outros días de moitos outros anos, cando paso por ao pé destes regatos que baixan rápidos da montaña e fan un ruído moi especial que cambia en cada tramo asegún con que obxectos se atope ou polo desnivel do terreo. Eo vou escoitando esta música que só podo disfroitar nesta época do ano, e so por eso, xa valería a pena ter inverno, e sinto a necesidade de recoller ese son e gardalo para escoitalo logo ou para que outros o escoiten. Pero todo o que conseguín foi facer unha soa foto medianamente representativa porque a min a tecnoloxía chegóume tarde, pero ainda o intentarei co video do móbil mañá ou pasado, antes, eso sí, de que o son desapareza e o cuco poña a súa propia música nas carballeiras.
E como que as montañas se escurrisen e se puxeran a secar ao primeiro sol da primavera. Toda esa auga vai con presa, con velocidade do diaño para xuntarse con outra que tamén verte ao río e logo ao mar e logo ao ceo e así este ciclo pechado que se repite e repite mentras o planeta dure. É como se todo fose un traballo organizado en equipo para que a vida flúa e se perpetúe. Sabia natureza, na que os mais analfabetos somos os humanos!. Non me estrañaría nada que nos invadisen os alieníxenas e nos fixeran auga pasada porque a verdade é que a pesares de tantas cousas boas que sabemos facer, tamén facemos outras moi malas, pero bueno, xa todo se encargará de que as cousas vaian por onde teñen que ir.
Eu, de momento, quédome con ese son que comparo ao das fontes dos xardíns árabes, como o Xeneralife, e que deleitaba aos que alí moraban e que por algo o poñerían, quizá porque disfroitaban da beleza das cousas mais sinxelas.

Regato entre prados

venres, 20 de febreiro de 2015

VIAXE EN BLA,BLA CAR / BLA, BLA CAR TRIP

Comparsa dos leóns
Atrás quedaba a neve febreiriña mentras poñía rumbo a Badajoz. Unha viaxe que me xurdíu a punto de comezar o Entroido. Destino pouco comunicado en autobús dende a miña procedencia. Recurrín ao Bla, bla car para ver se había unha posibilidade de ir directamente en pouco tempo. Alí estaba agardándome! Nin que fose por encargo! Dubidei de tanta coincidencia, sería para ben ou para mal? Eso tívome indecisa todo o tempo ata que, por fín, tomei a decisión de atreverme por primeira vez a utilizar este medio de transporte, que eu xa practicara de nova en viaxes moito mais longos polo estranxeiro e de balde! Ía eu agora a temer o que non temín antes???? Xa se sabe, o antídoto do medo é atreverse. Pois adiante!
O tempo era propicio. Unha vez deixada Galicia atrás, todo foi melloría en canto ao tempo, a estrada...
Por autovías cómodas e rápidas chegamos á noitiña a esa cidade pasando por aldeas de adobe, co aspecto de estaren deshabitadas. As aciñeiras e oliveiras ían deixando atrás paisaxes desertos de interminables dimensións. Entramos por arredor da Alcazaba e xa poiden ir afacéndome a esa monumentalidade mezcla de musulmán, romano, mudéxar.... que  conforma a panorámica dunha cidade antiga, a pouca distancia de Portugal e da que a Guerra das Laranxas,(La Guerra de las Naranjas recibe este nombre debido al ramo de naranjas que Godoy hizo llegar a la reina María Luisacuando sitiaba la ciudad de Elvas.1)entre outras moitas, me deixóu co ánimo de averigüar un pouco mais a fondo.
Tras un percorrido polas rúas nas que se percibía o Entroido, rematóu o día primeiro da viaxe.
En Mérida degustando
O segundo día foi para Mérida ao completo. Alí non debeu quedar nada que non viramos. Ainda que eu xa coñecía unha pequena cousa, non sabía que había moito mais que ver. Chamóume a atención saber que Mérida era a cidade  de turismo das élites  romanas, dos grandes xefes e ricos daquela época. Podía imaxinar aqueles gladiadores que loitaban en desigualdade de condicións co adversario para conquerir a súa liberdade. Pensado ao milímetro para ser un espectáculo macabro do que aquelas xentes gostaban e co que se adivertían. Pero tamén de admirar é a súa organización, o seu coñecemento arquitectónico, a fermosura coa que se rodeaban, as comodidades e sentido práctico en todo o que deseñeban tanto ecuaductos como outras construccións, como enterramentos, icineración.... Penso que estaban moi adiantados para os tempos que eran. Tiñan bos enxeneiros ainda que o traballo se fixese con esclavos.
Unha degustación do bo xamón ibérico con rulo de queixo de cabra e unha especie de gazpacho, salmorejo, fixeron da xornada un día memorable.
Co Bárcenas de Badajoz!
O domingo de Entroido en Badajoz foi un contínuo desfile de comparsas, estilo Brasil ou Canarias, moi imaxinativo e ben performado que nos sorprendía coa interminable variedade de temas, vestimentas, música de percusión alén de outra, dependendo do número e que é o resultado dun traballo ao longo do ano e ano tras ano. Parabéns por tanto esforzo! Non me faltóu unha foto co Bárcenas de Badajoz que pasaba discretamente pola beirarúa e que moi amablemente me pasóu unha bolsa cos cartos!
Placiña en Elvas
Porta do Concello de Olivenza
O seguinte día foi para Olivenza, que me sorprendeu pola súa estratéxica situación sendo de Portugal unhas veces e outras de España. Ten a aparencia dunha vila portuguesa coas casas brancas e non de cor adobe tan común en Badajoz. Alí poidemos visitar un excepcional museo experimental onde todo está feito de papel. So se coñece outro en Chequia. De momento non cobran por velo, so admiten a vontade pero é a pacencia dun rapaz que elabora todas as maquetas e que agarda unha oportunidade, difícil nos tempos que corren. Merece que se lle valore. Parabéns!
Despois viría Elvas, que ainda que semella extremeña, é unha vila portuguesa. Alí degustamos o bacallao dourado, que eu nunca tiña probado. Atopamos un xardín moi oculto, todo de laranxeiras e apañamos as que estaban polo chán. Eran un refresco naquel día seco e soleado pero frío.
O derradeiro día, que por certo comezamos cun prato das famosas migas, foi para o Enterro da Sardiña no bairro de San Roque, por certo que predominan os nomes de santos en todo. Era unha festa popular de restaurantes votados para a rúa, con moita xente, día luminoso e frío a mais non poder pero lucía o sol con forza.
Museo do papel en Olivenza
Despois desa mañá decidimos tomar un descanso e atravesamos rúas desertas en pleno mediodía para facer un alto na Praza Alta toda rodeada de monumentos pintados en cores de contrastes que chaman a atención do visitante.
De volta a Galicia, co mesmo conductor, compartimos coche con un par de estudantes que se dirixían a Salamanca. Entramos alí para deixalos e seguimos ruta. Achegarme outra vez á terriña non facía mais que encherme de emoción e pensaba nesas tazas do xornal que levan inscripcións tales como: OS GALEGOS SOMOS MORRIÑENTOS.

Palmeiras nun xardín en Badajoz
Porta de Palmas en Badajoz




xoves, 5 de febreiro de 2015

DENDE A FIESTRA / FROM THE WINDOW

Boneco de neve á miña porta /Snowman by my door.






















Asomarme á fiestra ao levantarme pola mañá , atraída polo resplandor da nevarada, é unha sensación que se repite e que me fai  a mesma ilusión que cando nena e ao longo dos anos sucesivos. Ese cambio na paisaxe, a  virxinidade da superficie cuberta de neve, por onde ainda ninguén transitóu, as flores de neve vestindo as camelias ainda sen flor, o relevo que adorna e da profundidade a canto estivo exposto á ventisca da noite onde a neve se foi acumulando dun xeito xeométrico dando esa sensación de solidez aos obxectos, antes apenas perceptibles, a filigrana nas árbores e plantas que cobran formas aproximadas á flores inventadas.... todo eso a traves do cortinaxe animado das folerpas caendo sen cesar de xeito oblícuo cunha levedade semellante á das volvoretas, faime a mesma novidade qué ver o mundo por vez primeira e admírome de todo, e fago fotos panorámicas que logo non saen, e vou de fiestra en fiestra na percura dunha imaxe inédita que poida captar e conservar, mesmo envasar e enviar con papel de regalo e adornos dourados ás miñas amizades e coñecidos. Despois todo empezará a derreterse e o engado primeiro irá desaparecendo á medida que o día transcorre e a neve febreiriña se deixe comer pola galiña e eu, ainda na casa, con música clásica na radio, cas miñas compañeiras durmindo ou ivernando na mesma cesta, pasando do almorzo (elas), tomo o café de media mañá e fago reconto do pouco que fixen neste día, no que outras rutinas me agardaban, e penso que é bo momento para escribir, para non ter presa, para amainar a actividade e ivernar un pouco como Noa e a gatiña mentras os ratos roen as miñas sementes e deixan os sobres feitos biruta miuda con arrecendo a ratume.
Camelia nevada / Snowed camelia
Despois virá a tarde, e con sorte, o sol pode iluminar esta brancura e facer que as montañas cobren nitidez fotografable e levarei a cámara comigo no paseo con Noa para non perderme o que onte perdín por non ter precavido dabondo sobre o que podía sair ao paso.
Pero a mañá está gris,ameaza con chuvia e o vento sacude a neve das árbores e limpará as estradas e camiños abrandando a superficie nevada ata deixala chea de buratiños que se afunden ao paso.
Non hai boneco de neve na miña horta como antano! Pero no paseo de onte puiden ver ún que fixeron unhos nenos e alegreime de velo, non sen algo de nostalxia e pensando que tal vez, un día, volverá a haber ún ao pe da miña casa, e poñeremoslle sombreiro, bufanda e manoplas e mesmo unha rebeca para que non teña frío e aguante ben as xeadas.
Carballo nevado / Snowed oak tree.
Case media mañá, e o corpo parado, sen movimento, vaise quedando frío e pide un pouco de actividade física. Haberá que sair a camiñar a bo ritmo e deixar as primeiras pegadas, ou non!, nesta superficie inmaculada.
Despois dunha marcha a bo paso pola neve, coa Noa escollendo o mellor derroteiro, decidín facer o boneco de neve coa que me atrancaba as portas da casa e sen dedicarlle moito tempo, conseguín unha figura que resultóu á  miña imaxe e semellanza alomenos na vestimenta. Con eso quedei satisfeita por esta vez.Que nunca nos falten ganas de adivirtirnos coa neve!
Tuyas en reverencia!


mércores, 28 de xaneiro de 2015

MOMENTOS.... / MOMENTS....


Os momentos da nosa vida quedan fixados a unha imaxe, a unha vivencia, a un acontecimento....Repasando os álbuns e saltándome etapas anteriores a esta foto, na que comeza a miña vida laboral e o compromiso familiar, penso que foi  unha época de asentamento, de fixación de un lugar, de unha parella e de ilusión por empezar unha familia.






Os meus primeiros pasos no esquí  en Manzaneda.
Polas pintas, non parece que saise ben parada! 
Disfrazada de hawaiana no cole, entrando polo aro do Entroido.

Un brindis polo ático que sempre desexei e puiden conseguir e desde o que poido ver o mar.



Etapa serena, de obxectivos cumplidos. 
Por fin FISTERRA de novo!
En pleno apoxeo profesional.



Terminada a etapa "laboral" e comenzando a vida contemplativa.

venres, 23 de xaneiro de 2015

DE PAPAS E MAMALIGAS......

Todo me xurdíu de súpeto cando me convidou unha amiga a probar o seu arroz con leite feito na termomix. Estaba tan ben feitiño e tan mol e apetitoso que evocóu en min todas as papas da miña infancia, a mamaliga de Rumanía, o porridge inglés e a polenta e semolina preparada por unha colega bretona que vivira na Sicilia. Entón decidín que vou adicarlle este post a eses alimentos tan antigos que serviron de comida básica en tempos difíciles sobre todo no rural onde a fariña de trigo, centeo ou millo combinado co leite, facían o substento de tantas familias numerosas naquela época.
Mamaliga
Empezarei polas nosas papas. Os galegos e galegas que nos criamos no campo, sabemos ben como eran. Cociñábanse mesturando leite e auga e fariña da que houbera, trigo, centeo, millo e había que remexer e remexer constantemente para que non se pegaran. Ainda me lembro cando empezaban a ferver a borbotóns espesos e facían un ruidiño ameno que anticipaba a bonanza daquel prato a rebosar de unha masa branca e mol, quentiña e saciante que se tomaba ou ben ao almorzo pola mañán ou ben pola noite.
Escoitei contar, non hai moito, de como as mulleres cando se aproximaba o momento de parir, na casa, como era costume, preparaban un bo prato de papas e un bo lume na lareira para facilitar a dilatación con toda aquela quentura por dentro e por fora e que así era todo moito mais doado no trance de dar a luz.
Cando visitei Rumanía, descubrín a mamaliga, (pulicka, en húngaro), que é unha variedade da polenta, fariña de millo ou semola, que se cociña tamén como as papas e que viña a substituir o pan en zonas rurais sendo alimento das clases humildes. Agora utilízase para acompañar pratos tradicionais á base de queixo e para dietas de adelgazamento xa que ten moita fibra e facilita o tránsito intestinal.
Outra irmán xemelga é a polenta, moi empregada no sur de Europa e en Suramérica nas súas variedades de fariña de centeo ou farro ( antigo antecedente do trigo e de ahí o nome de fariña que ven de far-farris). Os gregos preparaban algo así coa cebada. A polenta era o prato principal das lexións romanas.
Papas de millo
Tamén o porridge é tradicional na Europa nórdica  e en Rusia, usada noutros tempos, como comida dos presos en Gran Bretaña. Eu coñecino nos almorzos ingleses tradicionais e seguín lembrándome del cando nono tiña ao meu alcance. Tamén alí foi onde compartín pratos de semolina coa miña amiga e compañeira de apartamento en Londres.
Gardo unha especial lembranza destas cremas quentes ou frías, por eso, cando o outro día degustei o arroz feito na termomix, viñeron de golpe todas as mamaligas que poboan a miña mente e que, como sempre, me voltan aos sabores  do pasado, de cando non había tanta abundancia de alimentos pero sí riqueza de recursos tan sinxelos como nutritivos. E, cómo non!, ao conto de Godilocks e os tres osos coas suas respectivas cuncas pequena, mediana e grande, que eu lle contei o meu fillo de pequeno e lle contarei en inglés á miña netiña.


Godilocks went to the house of the bears, lets go in and see!


luns, 12 de xaneiro de 2015

UN DÍA CHAIREGO!

Domingo, once de xaneiro de 2015. Xeada. Poucas ganas de madrugar. Tempo xusto para emprender a marcha cos Amigos do Patrimonio de Castro Verde a Vilalba. Obxectivo: visitar unha mostra de árbores senlleiras chairegas, que Polín recompilou con tanta maestría e arte.
Antes de chegar a Vilalba, paramos a ver no lugar algúnhas destas árbores que mais tarde teríamos tempo de apreciar na mostra. Como a ruta non ía lonxe de Penas de Rodas, paramos  alí. Eu tiña verdadeiro interés en ver de perto este fenómeno que para min é inexplicable e do que non hai moita información. Cómo unhas moles de penedos redondos, de toneladas de peso, poden pousarse en equilibrio constante sobre outras de base, sen pasar dalí, soplen os ventos de  onde veñan. E quén as puxo alí?
No Auditorio de Vilalba agardábanos unha sorpresa, froito dun traballo de investigación ben levado e moi ben exposto en paneis a toda cor, mesturando historia, literatura, lendas en torno a esas árbores monumentais que perduran na comarca chairega grazas a loitas persoales por mantelas, grazas a súa valoración por poetas, escritores, artistas  e xente do pobo que as convertiron en símbolo e raigaño da nosa cultura, como persoeiros que habitaron e habitan o noso entorno formando parte da vida diaria.
Chamóume especial atención un mapa das municipalidades da comarca chairega, con copa de árbore, e na que se pode apreciar que naquelas na que a concentración parcelaria tivo lugar, apenas quedan árbores senlleiras que merezan ser tidas en conta xa que foron aniquiladas  en pro do aparcelamento. Pola contra, alí onde este fenómeno non se deu, abundan as árbores e consérvanse tanto que estean sans como se estan ocas por dentro.
A mostra non sería igual vela pola nosa conta que guiada polo propio autor, que vive e conta o que fixo coa emoción do artista que se sinte en comunión espiritual coa sua obra. Obra que ten intención de ser itinerante e poder verse noutros lugares de Galicia, xa que o seu didactismo é digno de ser tido en conta para as futuras xeracións a quenes se pretende concienciar e sensibilizar no aprezo das nosas árbores.
Falaba da parte aérea da árbore, como unha musa inspiradora de tantos persoeiros da nosa literatura que froitificaron nesa bisbarra. Cómo a parte que nos eleva e nos une ao espiritual, ao intanxible, ao sublime.
Moi interesante e extensa. O seu percorrido pola mostra levounos un par de horas que se pasaron inadvertidas a pesares de ser moita hora de xantar.
Completamos a xornada cunha visita ao Parador que nos foi amosado con moita disponibilidade. A súa torre de forma octogonal, coido que é unha das poucas que se conservan. Corenta e oito cuartos son o resultado do aproveitamento deste edificio ao que se engadíu unha parte nova e está situado no Camiño do Norte ao seu paso pola vila que é capitalidade desta comarca.
Rematamos cun paseo de unhos dous quilómetros pola veira do río Magdalena, no que hai unha praia fluvial e un muíño restaurado alén de varias pontes de madeira que o cruzan de tanto en tanto.
Fíxose de noite cando iniciamos a viaxe de volta. Decateime que non probaramos o queixo de San Simón da Costa pero queda para outra visita por conta propia calquer día xa que non é tanta a distancia e ainda non vimos todo o que hai que ver en Vilalba.
Gustoume a parte histórica do lugar que non tiña visitado antes, por ser so un lugar de paso de camiño a...
pero achegareime, sin dúbida, cando haxa unha feira ainda que non sexa a do capón.


martes, 6 de xaneiro de 2015

A NENA QUE FUN

Eu cando tiña 4/5 anos???
Conservo aínda as primeiras fotos. Naqueles tempos non había cámaras nas casas. Ocasionalmente, con motivo dalgún acontecimento, viñan fotógrafos a retratarnos. Sempre me gustóu gardar as reliquias do pasado co tesón dunha coleccionista. Moitas cousas desapareceron ainda que eu as tiña destinadas a supervivencia, tales como a roca de fiar, as cardas da lá, a devanadoira, as miñas primeiras zoquiñas feitas por un zoqueiro artesán, a radio que tanto me axudóu a aprender cousas do mundo, as planchas de carbón e mais de quentar...... Todo se foi perdendo pola casa sen deixar rastro.
Do que podo lembrarme, non  sei os anos que tería, tal vez catro, é daquel "manguillo" de escribir,nacarado,  polo que podía ver diferentes paisaxes da cidade de A Coruña. Eu nunca alá fora, claro está, pero cheguei a ir andado un tempo, e montar no "tio vivo", ver unha película no cinema e xirar un aro na cintura na casa dun familiar onde tamén me agasallaron cun boneco chinés de porcelana que conservei moito tempo. Xa dende nena me gustaban as diferentes etnias do mundo. Lembro cómo sentía interés por ter unha boneca preta e apadriñara dous cativos africáns, na escola, levando os cartos ás agachadas, do caixón da taberna e polo que tiven que "dar contas" aos meus pais.
Tempos aqueles, cando o mellor agasallo que podía ter por reises eran unhas zocas de zapatilla, que tiñan tres pes, e coas que nos sentiamos como agora cos mellores zapatos do mercado.
Eu, con miña nai na festa dos Remedios no Castro
Nas berzas e con tirabuzóns!
A xuzgar polas fotos que gardo, eu debín ser unha nena moi seria. O cal non quere dicir que non estivese leda e mesmo feliz, pois tiña unhos pais que me coidaban moito, que se desvivían por min, que me daban todo o mellor. Todo aquelo que eles non tiveran. Miña nai facíame toda a roupa, mesmo os sombreiriños e tamén me fixo o traxe da comunión. Meu pai tíñame sempre no colo cando viña de traballar de carpinteiro. Eu lémbrome que o peiteaba e a él gustáballe. Era moi neneiro e sempre me defendía cando miña nai me rifaba por algo. Sempre contaba que me tivera no colo para comer ata os doce ou trece anos!
No curral e con vento.
E durmir, durmín sempre coa miña nai ata unha edade na que xa se ten noivo. Non sei se esto foi cousa miña, cousa das duas ou qué foi! Ela facíao para que eu durmira ben tapadiña e non collese frio na cama porque estaba sempre acatarrada, (polo menos servía de excusa.....)
Agora xa son avóa e revivo a infancia por terceira vez. Pero a un netiño observaselle mais porque quén realmente se ocupan son os pais. Aos avós quédanos mais tempo para disfroitar visualmente deles.
Unha taberneira moi seria
Cando atopei aquela personiña a carón da súa nai, tan pequerrechiña ela, e tan durmidiña, tan indefensa.... sentín unha emoción tan grande que dende daquela acompáñame sempre no pensamento, no recordo, nos soños....Cada vez que a vexo, observo todas as súas reaccións, as expresións do seu corpo, da súa cariña. O que mais me conmove son os sorrisos amplos, case gargalladas, que a veces nos regala. E vexoa vir cando chora, e sei cando atende ao que lle canto, e comunicámonos penso que con unha boa sintonía.
Na Coruña con miña nae
Na feira de Castro Verde coa mamá
e unha prima de Madrid.
Hoxe é día dos Reises ainda que eu vexo neste día como unha liberación do torbellino de finais dedecembro, primcipio de  xaneiro que cada vez me resulta mais difícil de levar e xa estou pensando facer como unha coñecida miña que se foi a Indonesia a disfroitar do sol e da praia. Tampouco aquí nos faltóu sol  e o inverno empeza moi ben e da gusto disfroitar de portas a fora pero hai que aguantar as frias noites a carón  dun bo lume do de verdade.
Como non estou inspirada, deixo aquí as miñas impresións para quenes gosten de lelas. Eu paseino ben mentras as escribín e deso se trata.
Non fixen demasiados propósitos para este ano ainda que pensaba facer o blog bilingüe: inglés-galego. Tamén debería retomar o xaponés e a calceta. O que sí,, que me da pola cociña e por receitas novas.
A horta está reclamando a miña atención neste soleado día de xaneiro 2015.
FELIZ ANO (ainda que hai que axudarlle!)
Así era eu de pequena






luns, 15 de decembro de 2014

ROTEIRO DOS ÉRBEDOS

Ao comezo da andaina
De feito, o roteiro non se chama así, senón ROTEIRO ESTRADA DA REPÚBLICA e que se estende dende Liñares de Bedul ata Ponte Vilabol, polo encoro de Saíme, perto da Fonsagrada, entre Asturias e Galicia. As montañas impresionantes, formando un val en pendente por onde fluen diversos ríos que verten as augas ao encoro. Pódense ver ainda as bocas de minas de ferro, agromando na montaña e que datan de séculos pasados onde o ferro estaba moi presente nesta zona, abastecendo astaleiros da Mariña e sendo transportado con arrieiros e carros. O impacto medioambiental non foi moi agresivo con esta natureza virxe e deixou pegadas mínimas, apenas perceptibles.
Igrexa
Érbedo ou albedro

O roteiro percorre unha antiga estrada feita á man entre os anos 30-40, utilizando a pedra da zona, e para poder levar a cabo un trazado do encoro diferente ao actual. Incluso poidemos ver a casa que se construíu para a empresa que ía levala a cabo, e que hoxe está abandoada, e, mágoa,  porque podía convertirse nun albergue xa que a zona ten un microclima mediterráneo e nada que ver a temperatura de alí abaixo coa da Fonsagrada, que está na cima. Por ende, medran os erbedeiros, (madroños en castelán), nome que aprendín onte, xa que non sabía cómo se dicía en galego. Ao longo do roteiro, moi chan e de doado camiñar, atópanse éstas fermosas árbores de bagas encarnadas que cubren o chán nesta época e que sirven de alimento aos animais que por alí se atopan. Eu apañei unhas cantas para facer marmelada, e neso estou mentras escribo e lembro a xornada de onte, de mais de un cento de sendeiristas chegados dende Burela, Lourenzá e Castroverde, e camiñando en irmandade, por este rinconciño tan próximo e ao mesmo tempo, tan descoñecido para min, que deixei sempre o da casa para explorar terras mais lonxanas.
Río que vai ao encoro de Saíme
A estrada era suficientemente ancha na maior parte do seu traxecto ata que empezóu a empequenecerse, dando a sensación do cansazo ou desmoralización, ou falta de recursos, ou tamén pola dificultade do terreo, desembocando así, nun carreiro estreito e valado con madeira para evitar o precipicio da ladeira que descende ata o río. Atópanse fervenzas e regatos que van ao encontro do río e a vexetación vai cambiando segundo nos achegamos á zona mais fría e desprotexida dos ventos, onde abondan os castiñeiros e carballos e van diminuindo os érbedos. Alí, o río, fai meandros que dan lugar a praias fluviais como a de Pena do Inferno.

Unha paraxe apenas poboada. Unha casa alá ao lonxe, na ladeira dunha montaña e outra  oculta entre a vexetación de outra ladeira, é todo o que se podía ver. E eu pensaba que sendo un clima cuase mediterráneo, ben poideramos vir aquí  pasar o inverno en paga de irnos a Benidor, Canarias ou Cancún.
Praia fluvial de Pena do Inferno
Entón xa non sería esto o que é pero o turismo que aquí viñese, penso que ía compartir moitas experencias de supervivencia e vida na natureza. Algo así pasóu coa Comuna do Vilar, a poucos quilómetros deste roteiro, ao outro lado do embalse, onde xente xove fíxose con aldeas abandoadas par levar unha vida silvestre e resistiron unhos cantos anos ata que se cansaron de tanto illamento, penso eu. E porque os seus descendentes soñaban cun mundo diferente, como sempre pasa entre xeracións. Non é doado permanecer no rural tendo mentalidade urbanita e agora que andamos un tanto sensíbeis co noso idioma en vias de desaparición, teño que engadir, que a maior parte da xente dos grupos expresábase en castelán e non en galego. Dá mágoa que todo o que somos, o que siñificamos e nos da razón de ser galegos e diferentes de outros pobos, corra este gravísimo risco de desaparecer para sempre. Virán tempos nos que xa nada se poida facer por recuperar o noso, e sentiremonos responsables, ao menos,  de telo perdido xa que non culpábles directos??? Votémoslle un cable a nosa lingua e a nosa cultura porque se ben nos sensibilizamos antes o feito da desaparición de especies animais ou vexetais, por qué non da lingua????












venres, 14 de novembro de 2014

UN DÍA ESPECIAL

Despertei entre as sabas polares, con manta de lá maragata por debaixo para non sentir a baixada da temperatura que se aproxima. Acostumeime ao frio e por iso tardo en prender a calefacción este ano. Nada como a calor do lume na cociña e que se estende por toda a casa. Acabaréi por dormir na cociña, algo que sempre quixen facer dende que naceu o meu fillo, pois era o sitio mais quentiño.
Asomeime á fiestra e vin que o chan non estaba mollado. Facía moito vento pero non chovía. Bo día para cortar a herba da horta. Como o xantar estaba resolto, (convidada ou magosto na escola), podía adicarme a esa faena que non me gusta nada empezar pero que unha vez metida, mesmo a disfroito.
Entre chuviñadas e paróns na vella desbrozadora por mor do fio que se enredaba, fun despexando a zona de mais tránsito.
A eso da unha menos cuarto, prepareime para ir almorzar cos meus colegas e ex alumn@s. Gustoume ver a decoración que fixeron para esta celebración, a partires dunha obra de Munch, " O Grito", e por qué non, "O Berro", xa que non sabemos cómo se diría en noruego. A idea era orixinal: un mural representando o cadro de Munch e fotos dos nenos e nenas e d@s profes imitando O Berro e cunha frase, neste caso, referente ao magosto, que explicara as súas caras sorprendidas. Fíxen unhas fotos que poñerei neste post.
Fíxome lembrar a casiña do autor noruego, que eu visitei, no sur de Oslo. Unha casiña humilde, con so dous cuartos e o mínimo imprescindible para sobreviver. Mais tarde, puiden ademirar a súa obra no Museo de Munch en Oslo.
Pensei no curto que fixera o meu fillo cando estudaba xornalismo en Compostela. Era esta mesma obra, escenificada e imaxinada dun xeito moi orixinal. A min gustárame e penso que estaría ben voltar a vela e dárllela a coñecer a esta pequena comunidade escolar que se esforzóu por adentrarse nun autor tan lonxano e do que apenas tiñan sentido falar.
Tamén eu voto de menos os meus anos como ensinante. Penso que me sinto satisfeita do que fixemos, sobre todo dos intercambios con outras escolas europeas que nos abriron unha fiestra ao mundo e un pretexto para a aprendizaxe das linguas estranxeiras que adquirían razón de ser aprendidas para algo, para nos comunicar con outras persoas de diferentes linguas e culturas.
Sorte que teñen estes nen@s de teren unha profesora de inglés, nativa, escocesa e tan disposta a facer da tarefa escolar unha fonte de ensino sen fronteiras.
Logo dun xantar saudable, variado e tan caseiro, con tarta de galletas de sobremesa e as castañas tan ben asadiñas e doces, saín dalí mais que contenta de ter compartido con eles esta celebración tan nosa como é o magosto, ainda que nolas deran a asadiñas e na mesa, sen ter que preparar o braseiro e asalas nos mesmos.
Rematamos con bombóns belgas que me fixeron lembrar a miña etapa como empregada de fábrica de chocolate en Suiza, cando facía bocadillos de bombóns, cos que caían fora da bandexa da cadea de embasado, que eran desbotados  e ían parar a unha caixa común que logo reciclarían, ainda que eu  levase algúns para regalárllelos aos hippies do lago de Zurich. Tempos aqueles, cando podía quedarche o bolso esquecido nun banco e voltar mais tarde e atopalo, non como as miñas botas que me levaron na piscina a onde vou, tendo que ir para a casa en chanclas. Por eso non quero viaxar de novo a eses lugares nos que estiven noutra época, por temor a non recoñecerme neles.
Eso ven a confirmar aquelo de que "calqueira tempo pasado foi mellor" ? Penso que non. Pero, dende logo, eran outros tempos ben diferentes!
Agora remata o día. Música clásica na radio, para min e para Noa e a gata, que disfroitan escoitandoa e reláxanse tanto coma min. Agora, co tempo pola miña man, escribo sen presa pero sen pausa ata atopar un punto final que me concilie co día vivido e disfroitado.
http://www.youtube.com/watch?v=3N6uJNT8i1M