www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 12 de decembro de 2022

AVENTURA NA MONTAÑA


 Tres persoas, dous coches e moita enerxía para acometer unha ruta de mais de 15 kms.

Tratábase do sendeiro  Quintá - Donsal. 

Deixamos un coche nas Cabanas e subimos ao Couso no outro coche para comezar o roteiro dende alí.


As vistas eran espectaculares. Podíanse ver Os Ancares con picos nevados e toda a paisaxe era de elevacións considerables, con pastizais e moito arboredo autóctono aínda que, desafortunadamente, invadida pola especie  trabucada: os eucaliptos.


O día non  era solleiro pero tampouco chovía. Había unha lixeira neblina que lle daba ese encanto soñodar e misterioso que caracteriza á nosa paisaxe na que destacaban comunidades de árbores ben diferentes.


Fixámonos nestas uriceiras de forma cuadrangular, sendo as máis habituais as de forma redonda.



Estabamos seguindo o curso do río Donsal, cos seus muíños semicaídos, algunha acea en bo estado de conservación, moitas fervenzas e pontes de reciente construcción que sustitúen ás de antes feitas de algunhas táboas e travesas e sen barandas.


Unha mini central eléctrica, con un pequeno encoro e presa para desviar a auga do río, pasala pola turbina e volvela ao río despois, era un sistema de producir electricidade para o alumeado nas casas antes de que viñeran a electrificación por estes lugares do rural. A veces só se beneficiaba unha casa e era da súa propiedade.



Os patriarcas da fraga, deixábanse ver no seu estado ruinoso pero vivo, os castiñeiros de mais de 1200 anos deixaban constancia da súa lonxevidade e resistencia ás inclemencias do tempo.





Un alto no camiño, aproveitando o patio dunha antiga escola, acondicionada para asuntos comunais agora, tiña unha mesa con fregadeiro e alí decidimos facer a degustación do meu licor de noces e uns confites de laranxa bañada en chocolate. 




Os carreiros eran estreitos, pedregosos e algo esbaradizos polo que nos viñan moi ben as barandas, colocadas dun xeito artístico e orixinal que nos chamóu a atención.



Compartindo conversas e silenzos, a ruta parecía  interminable. Eu perdín unha luba, recollida por quen nos seguía atrás e así seguimos ata a hora de xantar, noutra mesa con asentos de tronco, húmidos, pero que cubertos ca miña capa de plástico, utilizamos de bo grado.



Cánto non se tería moído nesta acea! Unha construcción das mellores conservadas que fomos atopando a carón do río Donsal que rega terras de Quintá.



Dende este mirador, pódense ver os Ancares, ao fondo e outras serras con moitas penas que gardan as aldeíñas case despoboadas desta Galiza interior, de montaña, onde todo é costo e difícil para a vida que queremos hoxe. Apenas vimos xente. Un señor maior que afalaba a unhas cinco ou seis vacas co seu cencerro e o can axudándolle, garuleiro.

Mais adiante, tamén fariamos trato cun mastín que nos acompañóu un bo treito e foise sen despedirse, de volta para a súa confortable casa, unha das mellores que vimos na contorna.



Algo fixemos mal que nos saímos do roteiro e atopámonos nunha estrada, sen saber que sentido tomar. 

Non ía ser este o único percance que nos acontecese, alén de perder xa a miña mesma luba de novo e sen retorno. Quedei sen ela e ben que lle quería! Mais iso pouco ía importar, logo de horas e horas subindo empinadas costas e baixando, eu, de cú para non molestar os xeónllos que xa non querían seguir.


Camiñamos un bo treito a carón do río Návia. Lembreime da miña netiña que así se chama e tamén como o lugar Navia de Suarna, que non ficaba lonxe dalí.

O río ía ben medrado e algo desbordado a carón dos prados e pasando xa unha ponte atopámonos no final da ruta: en Cabana. Ai! pero un dos coches estaba en As Cabanas! E non era o mesmo un nome que outro, como se puidera pensar antes de coñecer os lugares. Así que, ao non atopar o coche onde o deixaramos... Estabamos totalmente indefesos. Fixemos cálculos dos cartos que podiamos xuntar entre os tres e chamamos o taxi que estivera mais preto para que nos levase onde deixamos o coche, que estaba a uns 30 kms. 

A aventura foi completa. Arrimados a duas casas restauradas, a carón da estrada. Sen un alma a quén pedir axuda, case raiando na oscuridade da noite, entre montañas e montañas sen xente, aínda puxen o dedo para facer auto-stop a un coche de cazadores que por alí pasaba, pero nada.

Ao cabo de pouco, chegóu o taxi dende Becerreá e moi atentamente nos levóu ao sitio mais próximo onde tiñamos un dos coches e servíunos de guía para ir ata o outro.

No medio dunha néboa espesa que apenas deixaba ver a estrada, fomos chegando á de Baralla - Baleira, onde cada ún de nós tomóu rumbo á casa, sen mais demoras.

All  is well if ends well!



Degustando os níscalos e lingua de vaca recollidos onte no camiño.

martes, 6 de decembro de 2022

RETAZOS OUTONAIS

 


Coniaster que estas na miña horta

engalanando un nadal inexistente,

ilumina cas túas cores a miña mente

que todo o demáis xa non me importa.



Un roce de gato

Un bico de can

Agarimo me dan



Limpido ceo azul

Sen trazas de nubes

Novembro cumple



Pacen placidamente

As vacas de Menán

Alleas a todo mal

Soias na parroquia están



O verde que relaxa

So cunha ollada

Préndeme os sentidos

Réndeme aos seus pés

Anímame a querelo

Devota me fai del

Os ollos deixo vagar

Sentindo benestar


(Acróstico de Beatriz Pin)


Ondas de nube

Suben ríos e vales

Prefiren ser herba

Remanso do verde

Altivas espigas

Dominan a terra

O lobo que soña

Ser amo do prado


(Acróstico de Juán José Lomarti)



Música: Vals dos vellos, por Carlos Alonso








mércores, 23 de novembro de 2022

CALDO DE CASTAÑAS

 




Cun trinco de touciño

Algo de unto de porco

Liscos de cebola picada

Descascadas as castañas

O caldiño imos facer

De primeiro os tres primeiros

E cando xa estan cocidos

Castañas, logo, engadimos

As patacas canda elas

Se tes unha ola expres

Telo doado de facer

Após dunha meia hora

Ñan, ñan no pensamento

Arrecemde que da pracer

Sal ao gosto e a comer.


(Acróstico)

Beatriz Pin Díaz



Receita de bombóns de castaña. (Vídeo)



sábado, 12 de novembro de 2022

CABREIRA

 


Un martes de novembro. Día de tódolos santos, acompañada por unha parella amiga, diriximos os nosos pasos hacia Cabreira.

Deixamos o coche en Sampaio, fixemos unha paradiña para ver as fervenzas e seguimos, a carón do Eo, polo camiño vestido xa de outono e ofrecéndonos  os seus preciados froitos: as castañas.


Facía un día solleiro, case de verán. Pois polo San Martiño, volve sempre un veránciño que pode ser duradeiro ou non. Este ano parece que é xeneroso e oferece días con temperaturas moi agradables que xa quixera para todo o ano!

Entre conversas, recollemos castañas para facer un magosto. 


Xa era case a hora do xantar cando chegamos a Cabreira. Aldea agochada entre montañas, protexida dos ventos e pola que pasa o río Eo no que se teñen pescado boas troitas noutros tempos.

Esta aldea de unhas dez casas, mais delas en ruína, outras aínda manteñen o tipo e duas delas están habitadas.

Petamos á porta dos meus parentes e ninguén aparecéu por alí. Entón, a veciña, Felicitas, convidóunos a entrar na súa casa e ofrecéunos unhos cafeciños. Era o día do seu oitenta e seis aniversario e movíase  pola cociña como unha moza. 

Foi un recibimento moi agradable e pasamos alí un tempo que se nos fixo curto pero no que repasamos lembranzas de outrora e lembramos persoas que hoxe xa non están pero que foron coñecidas nosas, mais que nada, dela e miñas.


Cabreira está nunha costa que vai ata o río. As casas, como descolgadas por unha ladeira, semellan unha fervenza de pedra.

Algunhas delas foron casas pudentes. Aínda se conservan en bo estado. Por exemplo a casa que está xunto á capela da Pastora onde se celebra misa unha vez ao ano pola Pascoa e a que tiñamos por costume acudir para logo xantar cos nosos parentes e parentas.

A casa de Mingos, no fondo, xunto ao río, cun hórreo tamén e con outras dependencias nas que houbo escola nunha delas. Conserva aínda os apeiros de labranza, o carro, a leña xunto ao forno de cocer o pan...


Seguimos río arriba para tomar o camiño de volta por outro lugar que nos levaría ata Esgrade, outra aldeíña de poucas casas, só unha habitada e con gando. Tamén alí nos ofrecían un prato de caldo. Era xa boa hora do xantar.

Fixemos algunhas fotos de cousas que nos chamaron a atención, como o aldabón dunha porta.


Logo continuamos ata Sanpaio, onde empezamos a ruta. Alegróume saber que viven bastantes veciños e veciñas alí. Duas casas foron mercadas fai pouco por xente de fóra e viven e cultivan hortas. 

Pasamos polo, que no seu día, servíu para poñer escola e na que estiven unhos días substituíndo á mestra cando aínda estaba facendo os meus estudos de maxisterio.

Detívémonos a vela por dentro e fixemos unha foto dun monolito que está a seu carón.


Así, fomos chegando ata o coche que deixaramos no comezo da ruta e acabamos xantando na miña casa. O día anterior, cando me avisaron de facer este roteiro, penséi en ter un caldo de castañas feito para cando chegaramos. 

Xunto cun bo viño e unhos "ósos de santo" de sobremesa, puxemos fin a este día tan cheo de boas experencias.




(Acróstico)

Camiñando ao pé do Eo

A Cabreira imos chegando

Baixiño o rio vai cantando

Rise o sol nos castiñeiros

E apañamos as castañas

Imos visitar a Pastora

Rezar para que algún día

Aldea habitada se volva.


(Agradecer a Iria e Sanse polas fotos que fixeron. Eu perdín todas as miñas)

sábado, 29 de outubro de 2022

ENCONTRO

 


Dous chocolates con nata

sobre mesa de mármore

nun lugar no que o tempo

se detivo a endozarnos.

Mais de corenta anos

sen saber unha da outra.

Ela novelista histórica,

eu,  sùa admiradora.

Pasóu unha hora curta

falando do cotidiano,

dende a India até a Habana,

dende marajás a escravos.

Andivemos polo mundo

e en Lugo nos atopamos.

Neste Lugo que partillamos

aló polos anos setenta.

En castelán e en galego

rolaron as  nosas conversas.




xoves, 20 de outubro de 2022

NUBE DE ACRÓSTICOS


 Fonte que non seca

Onde o Eo agroma

Nacín no teu leito

Tecíchesme a infancia

En ti arrolo os soños

Onde quero adormecelos



Fica medio esquecido

O hórreo dos de Benito

Nin rastro da casa queda

Todo baixo a estrada reza

E o hórreo coa porta aberta

O acubillo é dos paxaros



Chamada de Canónigo

Agora Casa Vita é

Saqueille todo o mellor

Acollín o seu valor

Viaxeir@s visitaron

Internacional ficou

Ten o meu fogar fixado

Ancorado na ilusión




Aspiro á felicidade

Vivo nas pequenas cousas
Interésome no Eo
Tamén no Nós e no Téu
Ando por camiños pequenos

Dende o Eo a Ribadeo
Onde me levan as musas

Pouso o pé devagariño 
Indo con fé no destiño
Vou deixando atras Fonteo
Illado no esquecemento
Doído despoboamento
Aldea que xa non ten
Lume acceso nin fé nel



 

Viña unha galiña
Impaciente, viña
Do galo quería
A súa atención

Revolcón do galo
Urxencia tomóu
Roéndolle a cresta
A galiña quedóu
"Lista, next, please!"




Vinvos medrar amodiño
Imaxinando a colleita
Días de contínua seca
Auguraban mal final

Recei ao ceo por chuvia
Un mes e outro mes tamén
Regaleivos os meus ollos
Aprendín daquel pintor
 Luz en vos quixo pintar

(Inspirado en "O sol do marmelo" pintura de Antonio López)



sábado, 15 de outubro de 2022

CARTA A PACO PESTANA


 Querido Paco,

Hoxe, como ti non estabas, decidimos visitar os teus lugares mais queridos. Empezamos na túa casa de Peredo, na que colgaches algunhas esculturas. Unha casa que debería ser a Casa Museo de Paco Pestana.

En honra a tí, inauguramos un roteiro que leva o teu nome e que parte de Peredo para acabar en Castro Verde. O camiño fíxosenos moi levadeiro e atopamos fragas, regatos, muíños... alén de castañas e cogumelos. 

Eramos un grupiño de unhas trinta personas. As nosas conversas xiraban en torno a tí. Todos e todas nos sentiamos ledos e ledas de terte coñecido. 


Os cans, teus compañeiros, quixeron formar parte do cortexo e viñeron canda nós un bo treito do camiño; como se entenderan que era o seu deber participar.

Fomos pasando polas aldeas que che eran ben coñecidas e por onde, seguramente, transitaches tantas veces, mesmo cando me escribías aquelas cartas dende Peredo e que hoxe agardaba ofrecerchas feitas libro para que puideran coñecerte naqueles anos nos que comenzabas a despuntar como home libre e a contracorrente.


Qué fermoso é o outono nestes paraxes castroverdenses onde naciches no 1949. Vinte anos despois, atopámonos e nunca deixamos de ser amig@s dende daquela. Pero quixo o destino que te foses algo cedo demais, deixando unha obra intensa que gobernar e coidar. Destacaches tanto na escultura como na escrita. O teu arte non ten límites porque todo en tí era iso. Mesmo os teus discursos improvisados eran arte impactante para os ouvidos e para a vista, porque tí vestíaste para actuar a vida.


Gustóume o roteiro que, dende hoxe, estará adicado a tí. Sentímoste con nós. Pode que o teu espíritu nos ouserve e nos acompañe e saibas que te queremos. 

Despois de subir ao monte da Lomba dende o que se ofrece unha fermosa panorámica das terras de Castro Verde, eran xa horas do almorzo de confraternidade que nos agardaba nun restaurante da vila.

Pola tarde, aínda que ti non eras moito de igrexas, iamos ter un concerto e unhas lecturas  na igrexa parroquial de Castro Verde. Zanfoña, violín, acordeón e piano, xunto coas voces case celestiais que acompañaban facían do lugar algo sublime que de haber ceo, chegarían ás mesmísimas portas dél.


A igrexa estaba chea. Moita xente que non acompañóu no roteiro, viñeron pola tarde para poñer fin a unha xornada que agardamos se continúe cada ano para que o teu recordo, o teu nome, e todo o que ti fuches e fixeches non caiga no esquecemento.

Unha aperta, Paco

martes, 11 de outubro de 2022

A RADIO E EU

 

Así era, mais ou menos, a primeira radio que houbo na miña casa. O primeiro medio que eu tiven para comunicarme co resto do mundo aínda que fose so receptora e non emisora.

Lembro como pegaba a orella para escoitar as radionovelas da tarde, ou os discos adicados, ou algún programa de mulleres como aquel de Elena Francis, que daba consellos para todo.

As radionovelas nas que Matilde Conesa e Pedro Pablo Ayuso, poñían as suas voces de actor@s radiofónicos. Radionovelas como La Orquídea ou Los Incas...

Polas noites, como había taberna e xuntábase xente, escoitabamos A Perinaica, na que saían novas que estaban prohibidas polo rexímen franquista. A emisora emitía dende Andorra, segundo me dicían os que a escoitaban.

Sempre fun medrando a pé de rádio. No coche, cando vou conducindo levo a radio posta. Prefíroa aos CD´s. Na casa, acostumo poñer a radio para bailar ao son  que me toquen, así non teño que escoller eu as cancións.

Ultimamente, as radios que teño estan todas vellas e funcionan mal. Hora ía sendo de mercar unha nova.

Mirei en moitos sitios e non atopaba a que buscaba. Pero para iso está o Internet! Hoxe chegóu a que pedín fai uns días. Xa a puxen a funcionar aínda que non entendo ben cómo funciona. É de carga solar, ten para MP3, tarxetiñas para baixar música do móbil ou do computador, función de linterna, altofalantes incorporados de moita potencia, que é o que non tiñan as outras; así podo escoitar ben sobre todo cando a poño para bailar.

Estou encantada con este aparello de cor azúl. Con razón lera nun comentario que se afastaba dunha radio "de vella". Eu non son vella nin o quero ser! Así que unha radio destas características darálle un toque de xuvenil ao meu fogar.





domingo, 2 de outubro de 2022

RUTA DO MUIÑEIRO NAMORADO

 


Domingo, 2 de outubro, un mes que leva cinco luns e cinco sábados, cousa que so sucede de cada oitocentos e pico de anos! Por tanto, un mes máxico, que empeza quentiño e anima a facer rutas por paraxes case inéditos.



Atopeime coas compañeiras de andaina na Pontenova, lugar emblemático no transporte de ferro ata a saída ao mar en Ribadeo e que conserva a antiga via do tren e os fornos que se aprecian na foto.



O río Eo ao seu paso pola Pontenova faime sentir fachendosa porque é o río que me víu nacer onde él nace, a 36 kms deste lugar.



O carreiro, vai a carón dun regato cantareiro que nos aleda co seu son e no que aparecen fervenzas de todo tipo. Temos que ir unha detras de outra. É unha ruta de muíños, e un deles ten unha lenda curiosa que se pode atopar no internet co título "O muiñeiro namorado".



Trátase dun roteiro catalogado fai pouco e que é un dos últimos que ofrece o concello de A Pontenova, e que destaca `polo seu interese en facer do seu concello unha zona turística e moi visitada. De feito, está ben sinalizado e coas infraestructuras necesarias e en harmonía co entorno natural.



Esta curiosa fervenza preto dun muiño en ruínas, chamóu a nosa atención pola súa estética.



Tamén dispuxeron algunhas zonas con mesas e bancos para comer, descansar, quedarse de sobremesa, catro mulleres, tres xóves e unha que podía ser nai delas, na que nos contamos historias das nosas vidas de mulleres e que tan ben nos sentan esas tertulias, aínda que sen café que acompañe.



Como podemos apreciar, son os muiños do Cairo os que fomos atopando por todo o camiño.



Despois da sobremesa, dirixímonos á mina do Cairo que nos estaba lonxe pero que tiña unhas empinadas costas que subir e logo baixar. Mereceu a pena explorar un pouco o túnel da mina e facer unhas fotos na súa entrada.




Esa son eu, aínda que nona pareza pois as fotos en boca de mina non sempre saen coa nitidez desexada.



Feita dende o interior do túnel con ese contraste de luz-escuridade serve para poñer punto e final o que foi o percorrido de ida. Logo tivemos que desandar o camiño que se me fixo moito mais corto

Rematamos facéndonos unha selfie das catro componentes da expedición pero nona colgo aquí porque non pedín permiso para facelo. 

O que sí, acabamos nunha terraza do que foi a antiga estación de tren na Pontenova tomando unhos xeados de chocolate que nos reconfortaron do esforzo realizado e que nos levóu dende as once da mañá ata as cinco do serán.

Coñocer xente e compartir un roteiro penso que é un exercicio de socialización que senta ben de vez en cando.

Grazas, compañeiras!