Tiña que sair cedo por mor de coller o autobús que nos levaría de excursión pola Ribeira Sacra. Na radio soaba Eric Clapton traéndome lembranzas dos anos setenta en Ámsterdam. Pero eso é LERIA aparte. Non sabía se decidirme por esa viaxe de tanto percorrido en autobús e pouca andaina. Ademais, a predicción do tempo era de choivas fortes pola zona sur. O día, húmido ao principio, foi quedando soleado e quentiño por aquela zona. Despois de xuntarnos co grupo de Sarria, dirixímonos hacia a Rúa e Montefurado, facendo, antes, unha paradiña onde o río Lor se encontra co Sil. Era unha paraxe plácida e tranquila, con augas calmas que se unían en forma de V. Ali, unha ponla caída recentemente dunha gran figueira de brevas, ofrecíanos un "tente en pé" de media mañán. E xa
dispostos a facernos ricos coas pepitas de ouro que se lles esqueceron aos romanos, dirixímonos a Monte Furado onde tivemos que facer equilibrios para achegarnos ata os pasadizos que eles excavaron na montaña coa fin de obter tan preciado mineral. A veces sinto que debo admiralos por tanto inxenio! Dende alí, seguindo ríos e estradas que non sei ben nin por ónde ían, (falla dun mapa) coido que pasando pola Gudiña, encamiñámonos a Viana do Bolo onde visitamos o seu castelo medieval e tomamos o primeiro café da mañán, e para a miña sorpresa, o primeiro café de máquina que me soubo igualiño ao que fago eu na miña casa!!!!! Un dez á camareira simpática que nos atendeu e a que hai que pedirlle a chave do baño como en Portugal.
Todo se contaxia ao vivir tan perto. Despois, non sei se volta para atrás, ou para adiante, pero entre viñedos de todas cores, arrecendendo a viño novo no lagar, e cepas que medran ceibes na cunetas, e racimos que penduran das silveiras e ofrecen esquecidas uvas negras que teñen a dozura dun verán pasado por sol, descendemos a pé ata As Ermitas, seguindo os pasos do Viacrucis, ao revés, ata chegar ó Santuario do Rosario e admirando ao noso paso, as maravillas da paisaxe en tódolos ángulos así como o esmerado coidado que amosaba a aldeíña de aspecto turístico rural con un único hospedaxe e comedor decorado con galerías de cor vermello.
Xa a carón do río, non sei cál, había unha fervenza que de inverno debe estar no mellor momento, e tamén un muíño moi antigo, escondido baixo a ramaxe de difícil tránsito. Como se aproximaba a hora do xantar, encamiñámonos á seguinte parada que sería no mesmo Bolo onde tamén hai outro castelo de finais do século XV. O restaurante, único que alí podía verse, leva o nome antigo do lugar: Volobriga, de orixe romano. E qué dicir das espléndidas uvas que por alí andaban ainda a recoller e das que puidemos ter unha furtiva cata.
A comida, ben merecida, transcurreu nun ambiente festeiro, con troitas e tenreira e delicioso postre, acompañado do viño local da comarca de Valdeorras.
Xa de camiño a Castro Caldelas, atopamos a VIA NOVA que foi unha estrada romana dende Braga ata Astorga, 330 quilómetros e na que se atopa a famosa ponte sobre o río Bibei, que é moi interesante pola súa boa conservación, e debido á boa inxeneiría romana que hai que admitir que neso destacaron con verdadeiro éxito, entre outras cousas mais e a pesares de que a min non me chiste a romanización...
Alí detivémonos un bo intre para estudar o trazado da VIA A-18 no seu tramo Trives/Larouco (Ourense), e que ten unhas curvas moi pronunciadas en forma de codo que reciben ese nome Os Codos. A estrada actual semella estar na antiga vía a xulgar polas viravoltas que fai no seu trazado e que nos asoma a unhos precipicios de viñedos, eso sí, alomenos se caemos, podemos disfroitar dos acreditados froitos de Baco, se nos quedan folgos para eso. Eu, tiven que cambiar o meu posto na ventaniña para o do pasillo para non sufrir vértigo. E xa, camiño de Pobra de Trives, na falda de Manzaneda, coñecida pola Bica (bizcoito que se fai na zona) e que acabamos mercando na seguinte vila. Trives chama a atención polos seus balcóns floridos dende os que se derraman en cascada flores de todas as cores e que da a
sensación de que ninguén quere ser menos nese aspecto. Unha das balconadas levou premio pola súa vistosidade e da que incluo unha foto. Case facéndose noite ainda tiñamos plans para seguir facendo visitas e dende alí achegámonos a Castro Caldelas, onde xa a luz non daba para fotos sen flash. Impresiona a vista que ofrece, destacando alá na cima, a fortaleza medieval co seu castelo e barrio, eu diría xudeo, xa que houbo unha colonia xudea na zona.
Moi coidada e limpa esta vila, con mais afluencia turística que outras que visitamos, ou eso se desprende ao observar a cantidade de bares, restaurantes, hoteis.... e onde xa nos decidimos a mercar a famosa Bica. Dende alí, e seguindo os cañóns do Sil, e embarcadeiros, emprendemos retorno a Monforte, Sarria e Lugo. Mágoa que se nos fixese noite no camiño e non poideramos ver o río.
Todo é ben cando ben acaba e ainda que cansados de tanto autobús, hai que agradecer as moitas paradas que se fixeron para ver interesantes lugares e estirar as pernas. Temos un mundo que explorar ao pé de nós!!!!!