www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 14 de setembro de 2020

LENDO A PESSOA




 Pasei parte do verán lendo a Pessoa, despois de xantar, fora, na hamaca, no meu xardín horta e tamén antes de durmir, pola noite. Esta última lectura quitábame o sono. 

É a segunda vez que leo o Livro do desassossego. A primeira vez que o lin, fai mais de trinta e tantos anos, causóume un impacto moi positivo, tanto que para mín, daquela, era como o libro que eu quixera ter escrito. Tanto me identifiquei con él que fixen de Pessoa o meu gurú secreto.  Desta volta xa non teño aquel sentir. Estou mais crítica con algunhas cousas e chega a producirme o desasosego que él quere transmitir, ou non quere, pero faino. Tal vez, porque a certa idade, vemos as cousas doutra maneira e aféctanos mais todo aquelo que resulte pouco esperanzador.

Onte, vendo Horizonte, na tele, un programa de Cuarto Milenio, comparábase a crise sanitaria actual coa que houbo no 1918, a mal chamada Gripe española, e as imaxes gardadas daquela epidemia, son case iguais que as que se ven actualmente co do Covid 19. As mesmas protestas por ter que levar mascaras, os mesmos hospitais de campaña, as mesmas dúbidas de conspiración, o mesmo secretismo.... Chamóume moito a atención ainda que eu ben sei que a historia repítese. E cada século, segundo dicían alí, ten os primeiros 25 anos de crise que marcan o resto dese século. Que hai un cambio na vida social, na mentalidade das persoas. Algo así como os ciclos económicos, o de Kondrátiev, por citar algún. Que cada cen anos prodúcese un pico na economía e o resto é subir e baixar. 

Pero que ten esto que ver con Pessoa? Él tamén se adiantou ós tempos. Hai moitas cousas da súa época, que seguen vixentes hoxe en día, que son de actualidade. E o mesmo ocurre con outros escritores ainda mais antigos. O mundo non cambióu moito. Da voltas sobre sí mesmo. Pero quenes estamos pouco informados do pasado, pensamos que todo é novo. Novo para nós, que nunca sobrepasamos o século, e eso descontando o periodo de infancia e xuventude que estamos ainda cos ollos pechados, e logo os derradeiros anos que voltamos a ser infantes. Total, poden ser vintecinco anos de ollos abertos, se é que logramos coñecer algo.

A min preocúpame un pouco non ter lido aos clásicos. Sinto que teño un deber pendente para con eles e elas. (Case todos foron homes). Dante Alighieri, o que escribíu  a Divina Comedia e na que a protagonista se chama coma mín! E todos os rusos, españois, franceses, ingleses....poetas e novelistas. Lin ODecamerón de Boccaccio cando apenas tiña uns doce anos. E todos os libros que nos mandaban ler no bacharelato..... qué poucos lembro! Logo veu Victor Hugo, cos Miserables, un longo libro de dous tomos. Por suposto Cervantes. Lin o Quijote, saltando de cama en cama na residencia das monxas en Lugo. Cada libro que leo, cada libro que vivo e actúo, se podo!

Pero a veces, custiónome o das lecturas. Ao pouco tempo xa non lembro o que lín. Cando volto ler o mesmo libro, penso que é novo para min. De ahí, que apenas podo citar autores, títulos ou frases que me chamaron a atención. Todo quedou perdido nun saco sen fondo. Vale a pena ler?

É un pasatempo e tamén é unha maneira de conectar con outros tempos, con outras maneiras de entender o mundo. Pero nada me asegura que aquelo é o mellor ou o que pode darme ideas sobre o entendemento da vida, do mundo, das cousas..... 

Meu pai dicía que os libros teñen conta do que lles poñen. Él non lía ningún. Quén se paraba a ler daquela? Pero meu avó, sí que lía. Tiña libros. Un baúl cheo. Cos seus anteollos de arame, alí sentado diante da fiestra do seu cuarto, lía e lia....Lémbro que estivera en Cuba algún tempo.

De todos modos, Pessoa segue sendo o meu gurú. O escritor que mais admiro.A súa creatividade e orixinalidade á hora de expresarse. O seu xirar arredor de sí, todo o tempo, o pousarse no cotidiano como se pousa o pó nos móbeis, ou as folerpas nos prados, así, silandeiro pero co pensamento en ristre, vai pasando por todo, deixando un pouso filosófico que o cubre todo. Prometo lelo na sua/miña lingua a próxima vez!



venres, 7 de agosto de 2020

VISITA A MONDOÑEDO



 Este verán, lendo a Álvaro Cunqueiro, voltaron a espertarse en mín, desexos de visitar Mondoñedo de novo. Aproveitando de ter xente viaxeira na casa, non foi difícil tomar a decisión de irmos coñecer a Cova do Rei Cintolo, proxecto que fun deixando pasar por non saber se estaría aberta. Contactei ca Oficina de Turismo de Mondoñedo e xa me informaron de que facían visitas guiadas en grupos reducidos. 

Saímos con tempo dabondo para tomarnos a mañá con calma, sen apuros. A praza da Catedral estábase preparando para o mercado do xoves, e a figura de Cunqueiro, ollaba, con mirada escudriñadora todo o traxín que alí daba comezo a un día, dos que él tantas veces describíu con maestría.

Mentras agardabamos polo guía, sentámonos nunha terraciña elevada, con boas vistas sobre a catedral arrodillada, e deume a impresión de estar nunha vila medieval, co seu entramado de rúas estreitas e casas que non cambiaron moito de "look". 

Emprendemos a viaxe cara a Cova, pasando polo antigo seminario, un dos primeiros de España, hoxe hospedeiría levada por curas.

En caravana de coches fomos subindo polo Roteiro da Auga, ata chegar á entrada, onde gardan nunha caseta de madeira, o material que se necesita para entrar na Cova e que se trata dun mono branco, casco con lanterna e dous pares de  lubas. 

Unha pasarela facilita o acceso por aquelas alturas. A porta está ben fechada con cadea,

O guía foinos explicando que se trataba dunha cova do periodo Paleolítico, que se coñecen dela seis mil cincocentos metros. Que está composta por galerías de orixe cárstica, con estructura laberíntica, columnas de estalactitas e estalagmitas, ríos subterráneos, un pequeno lago interior e que é a mais grande de Galicia. Descuberta para o seu estudo por José Villaamil, que se atoparon restos na entrada da época medieval, e tamén algún resto prehistórico como unha punta de frecha en sílex. Que, por suposto, ten unha lenda na que o Rei Cintolo, rei daquel territorio, tiña unha filla moi guapa, chamada Xila e que xa ía casar cun pretendiente chamado Uxío cando apareceu por alí un feiticeiro que a quería e se o rei non lla daba, faría que desaparecese de forma violenta o seu reino. Uxío venceuno pero como o feitizo xa estaba feito, o reino, desapareceu e o pobre Uxío non atopou a sua namorada. Din que Xila aparrece na porta da Cova peiteando os seus cabelos a espera de que alguén desfaga o feitizo e volte todo a ser como antes.

Non pensabamos que a cova fose o que é. De telo pensado ou sabido, eu sería a primeira que non entraría. O bo humor do guía, que tamén parecía algo mago, foinos engaiolando pouco a pouco, distraéndonos coas figuras que se vían nas rochas, semellando  animais, obxectos.... xa se sabe!

O camiño empezóu a ofrecer dificultades cada vez mais difíciles. Xa non se podía voltar atrás. Había que afrontalas ou perderse nun labirinto sen saída. O guía xa nos puxera en aviso de que se algo lle acontecía a él, que non nos moveramos de onde estabamos. A Cova ten un sistema de alarma conectado coa policía e se se tarda mais da hora e meia que se emplea, salta e avisa para que vaian ao rescate.

Cada vez, pasadizos mais estreitos e difíciles de acceder. Unhas veces a gatas, outras de xoenllos.... pero veu o peor! Alí había que tomar unha de tres decisións, a cal mais mala. Escollemos a das cordas. Era como un tobogán de arxila no que se baixaba en plancha, agarrándonos a cordas con nos, e pode que tivese cinco ou mais metros de pendente. Mentras agardabamos turnos, como era a última, tiven tempo de facer estiramentos, despois de ter andado encolleita un bo treito de cova. Pensaba que eu soa nunca sairía dalí. Hai tantos pasadizos, que non sabes por cal seguir. Hai que coñecer a cova para poder atopar a saída. 


Logo viñeron mais estreiteces, co teito baixísimo, só cabiamos reptando, menos mal que era cara arriba. Chegamos a un sitio, no que había que meterse por un túnel completamente deitados cara abaixo. Tocoume de primeira. Intentar intenteino, por non perder a boa nota que levaba de boa escaladora, pero eso foi superior a min. Dixen: "antes de pasar por ahí, prefiro quedarme na cova". Outras probaron e non puideron. Pero un rapaz, aventuróuse! Apareceu dous metros mais adiante!. Fora unha proba que nos puxo o guía para ver quen era mais arroutado! Se nolo dixera! 

Xa estabamos perto da saída. Eu ben sabía que a saída era a mesma, non había outra diferente. Así que foi como un percorrido circular. Pero todo se mantiña en segredo! Cando nos vimos fora, sans e salvos, foi unha sensación increíble de ter feito unha aventura de alto nivel de dificultade e a ninguén nos pasóu nada malo. Foi como algo que estaba ahí pendente de facerse pero que, unha vez feito, nono repitiría, e non porque nono pasara ben, pois a persoa que nos guióu fíxonolo ben ameno, por certo, mesmo desaparecía e aparecía por outro lado por arte de maxia! Pero sair dalí sen romper ningún óso, xa foi boa sorte!

E xa que estabamos na Ruta da Auga, despois de xantar de campo no camiño que leva o Salto do Coro, outra fermosura de Mondoñedo. Un bo tramo de subida e logo con escaleiras que leva a un lugar idílico, no que a auga cae como cola de cabalo dende unha boa altura e forma unha poza de auga cristalina que vai discorrendo ladeira abaixo e regando toda aquela frondosidade refrescante.

Un sitio para vivir! 



 

martes, 4 de agosto de 2020

ROTEIRO POLA MARRONDA





Aproveitando que teño unhos hóspedes moi de roteiros, decidimos facer un pola Marronda. Deixamos un coche en Esgrade e outro arriba de A Braña, na pista de terra que percorre a Marronda. 
Dende alí, comezamos sobre as dez dunha mañá na que o sol tardóu en quentar. Fomos pasando por todo o longo da sua parte, non mais alta, pero sí da mais alta andable. Vendo como o cancereixo (Sorbus aucuparia), amosaba os seus froitos de boliñas vermellas, ricos en vitamina C, tres veces mais que a laranxa.
Fun facendo fotos da vexetación mais chamativa e da que iñoro os nomes.
As avelairas tamén están cargadas de froitos e abondan as arandeiras, ainda que eu case nunca puiden catar un arando. Deben estar moi solicitados.
Fomos facendo ese percorrido, por terreo chán, ata saír á pista que vai do Real de Martín, onde supostamente se perdeu fai uns días, un home que leva o meu conome, un lonxano parente, e que de boa gana o atoparía hoxe por alí. 
Collemos á dereita para dirixirnos a Esgrade, onde deixaramos un dos coches. Pasando Fórneas, A Espiña, onde naceu meu pai, Castrelo, aldea sen xente, (só no verán), e por fin Esgrade. 
Chamoume a atención a reforestación que se levou a cabo nestes montes con castañeiros, sobre todo, e que no futuro vai ser un bo recurso económico que dará vida a estas aldeas hoxe abandonadas ou con moi pouca xente. O futuro está no monte!
Fun fotografando plantas que medran exhuberantes nos bordes do camiño, onde tamén hai auga e rás. 
Tivemos unha empinada algo longa pero logo xa foi ir cara abaixo todo o tempo. 
Penso que o roteiro, que fixemos en duas horas e meia, non resulta cansado e lévase ben.
Eu teño moi bo ollo para esas medidas!
Os meus acompañantes tamén o atoparon ben e así, en boa compaña, puiden dar un paseo por estes paraxes que, ainda que están perto, non acostumo a facelo eu soa.
Ao pasar pola Espiña, lembreime da miña avóa paterna, a quen vin en contadas ocasións, xa que para que poideramos ir miña nai e mais eu a vela, tiñan que vir dende alí cun cabalo para levarnos por un carreiro de monte e penas, logo voltarnos traer, co que supoñía facer catro viaxes a persoa que se encargaba. Miña avóa estaba encamada. Miña nai leváballe un flan de ovo, que lle gustaba moito. Despois de tela visto tan pouco, gardo dela un recordo dunha boa muller, que vivíu unha vida difícil, xa que perdeu duas fillas e un fillo, quedándolle so tres.
Tamén Castrelo, esa aldeíña tan xeitosa, metida alá abaixo, con capela e festa de San Xoán.
Castrelo non ten casas habitadas todo o ano. Somentes no verán pasan alí unhos días xente que vive en Madrid ou noutros lugares.
Chegamos a Esgrade con ganas de chegar, pois o sol xa empezaba a ser molesto. 
En Esgrade houbo unha cantina, e o que herdóu a casa, fixo un pequeno museo cas cousas que había nela.
Este roteiro pódese facer así, como fixemos nós hoxe, e non resulta cansado por ir case sempre en terreo chán, sen grandes subidas ou baixadas, por pista de asfalto agás a de terra que vai pola parte alta. Por certo, os meus acompañantes non se atreveron a baixár á fervenza! Eu como xa a vira! 
A Marronda é moito mais que todo eso que fixemos. É unha Gran Ruta de 65 kms de andainas. Pódense facer moitos roteiros diferentes, dependendo do grao de dificultade ou do tempo que se teña ou dos medios. 
Perderse nos seus faiedos non debe ser moi alentador! Ogallá, o meu parente, poida estar vivo a estas horas!

luns, 27 de xullo de 2020

WILD FLOWERS


Cando entro nun cemiterio e vexo todas aquelas flores de plástico, decolorídas pola chuvia, sol e vento, pola xeada, pola neve.... penso que os mortos nonas aprecian. Dalles igual. Ainda que dín que a intención basta. Pero a min non me gustan. Prefiro non poñer ningunha. Agardo que o campo as ofreza, de xeito altruista e desinteresado. Xa sei que tampouco está ben collelas. Pero algúnhas nin se nota. Roubarllas aos insectos....á admiración de transeúntes.... é case cometer un pecado, que se non é para nós, sí para xente doutros países, como Finlandia, onde non se poden coller, solo fotografar....

Eu collo algunhas e lévollas aos meus seres queridos, en sinal de amor e lembranza, anque sei que non as reciben. É só unha satisfacción persoal para quenes quedamos atrás. Un sentirnos ben. Quén sabe?
Por eso, cando vou camiñando, fíxome nas flores silvestres, asilvestradas coma mín. Fermosas e diversas. Hoxe, déronme os ollos nun mato de cardos en flor. Parecían puñadiños de algodón dispostos a que os recollesen. O caer da tarde, cando o sol se esconde e se reflexa ainda na montaña de enfrente, hai unha luz indirecta que me gusta ollala. Quédome alí, pensando no bo que sería estar naquel lugar, onde o sol ainda quenta con esa tibieza da tarde.



O millo medra e fai murallas a ámbolos lados do camiño. Síntome ir por un túnel vexetal de simetrías perfectas que impide a fuxida en caso de ser necesaria. Case deixo de transitar por alí. Gosto de lugares abertos, de prados de herva cortada de días ou pacída polas vacas.

Ao borde do camiño hai flores de todas clases. Todas teñen o seu tempo para sair. Como se gardasen turnos. Agora están as brancas, que semellan de encaixe. Esas gustáronme para o cimiterio. Tamén as amarelas en ramilletes. Podo escoller cada semana unhas diferentes.

Cas bolsiñas cónicas dos chuches, fago o vaso onde as poño con auga e métoas na argola do nicho. Duran duas semanas alomenos. Ese é o meu sistema alternativo ás de plástico.
E aquí remato, que chega a hora de ir ver mais flores polos camiños da tarde.

luns, 22 de xuño de 2020

MICUCHI



Micuchi é o meu gato. Un gato negro, de ollos marelos verdosos. Leva xa anos comigo. Cousa rara, pois os gatos non acostuman durarme moito . Sempre acaban desaparecendo por causas que descoñezo. Pero Micuchi é diferente. Xa, de pequeno, cando o trouxen, xunto con outra gatiña, sentíu moito afecto por min. Gustáballe subirseme enriba cando estaba na hamaca e darme masaxiños de gato. Tivo moitos contratempos na súa época de mozo, cando tivo que facerse respetar polos gatos veciños que eran mais fortes que él. Viña cas patiñas feridas, coxeando, ca pel levantada en varios sitios, mordeduras das pelexas.... pero sempre ía curando él soliño, sen axuda. Sabía cándo había que gardar cama.
Agora está feito o rei da bisbarra. 
Moitas mañás, cando Noa e mais eu imos  camiñar, vémolo vir polo camiño, cara a nós, él soliño, sen medo a que lle salia ó paso un zorro, e ven de lonxe. Él, sorpréndese de atoparnos e mesmo lle da un pouco de vergoña porque tenta ocultarse un case nada. Eu dígolle: "ves do traballo?" Sí, algúnhas noites ten traballo, outras queda na casa a durmir e cando pola mañá nos sinte rebulir, enseguída escoitamos un salto alá no altillo e vémolo descer pola escada, con todo coidado. Sempre é puntual no almorzo e nas comidas, a non ser que esté de garda. 
Cando ven con carrachas, déixase tratar. Sabe que o cuido e me ocupo dél. Peitéo, pásolle un paniño húmido e poño de moi bo ver. É un bo mozo! Está no mellor da sua gatuna vida!
Este gato sempre me fai cavilar en meu pai. O seu xeito de ser, ten certa similitude. É serio, agarimoso, gústalle xogar a "volta e volta". É responsable, non me destraga nada, tampouco fai as suas necesidades no entorno da horta. Nunca atopei nada dél. É un gato limpo e aseado e lévase moi ben con Noa. Quérense e cóidanse mutuamente. Bueno, Noa coida mais de Micuchi que él dela.
Cando pasa días sen aparecer, tenme en vilo. Temo pola súa vida. Pero sempre gardo a esperanza do seu retorno. E celebrámolo!.
As miñas netiñas, tiveron ocasión de coidar dél cando estiveron a verme. Dábanlle de comer, e os premios tamén. Deixábase aloumiñar...A verdade que nunca me rabuñóu ou se enfadóu ata o punto de sacar unllas para mín. É un adorable peluche que disfruta cos meus concertos!
Micuchi é o da esquerda. Fai cinco anos.

luns, 1 de xuño de 2020

SOL E SOMBRA





Erguerse cedo, pola maña, empezar a rutina diaria. Tras un bo almorzo, poñer pés ó camiño con Noa, a miña inseparable compañeira.
O sol madrugador aloumiña a pél, sen mancala. Andamos a ruta de tódolos días, por non variar ainda que, as veces, escollemos outras.
Despois que o corpo recibíu o golpiño do sol nas costas, escollemos unha zona mais sombría para refrescarnos e descansar algo da xeira.
Entramos nun camiño rodeado de arboreda. Unha pequena fraga onde abondan árbores senlleiras, matogueiras, acivro, entre outras. O camiño  vai entre valados de terra e pedra cuberta por mofo.
Sentimos a frescura desta floresta atemperando a nosa camiñada. Detéñome a facer fotos mentras agardo por Noa, que sempre vai quedando atrás por mor de marcar o territorio. Está comezando o celo!
Demoramos ali ata retomar forzas para voltar. Ollo o interior do bosque mentras lembro aquel fotógrafo xaponés, Takeshi Shikama, que veu a Galicia para fotografar a alma dos bosques.
Sintome ben. Non estou soa. Todo esta beleza acompáñame e síntome agradecida de poder disfrutala. De tela tan perto. Non añoro outras paisaxes. 
Voltamos por onde viñemos, sempre a bo paso. Cos bastóns de marcha nórdica, dende fai case 15 anos. Ainda duran pero piden por outros. O caso é dar con eles!
A marmelada de amorodo agarda en repouso para voltar ao lume. Aprendín a facela dándolle pausas

para que salia mais espesa.
Avecíñase treboada. O ceu encapotouse, de súpeto. Eu, xa repasei un pouco a horta para que a chuvia lle entre. Falta acabar de cortar a herva. Todo ten o seu tempo aquí, onde a presa nunca foi o estilo de vida. Se non se fai hoxe, faráse mañá. Hai que agardar.
E remato este post no que deixo unhas imaxes do percorrido.

xoves, 28 de maio de 2020

CHAMADA DO MAR





Dous meses e meio sen facer unha viaxe de lecer. So pequenas saídas para mercar comida ou para ir á botica. Despois, sí, moitos paseos diarios polos arredores, acompañada de Nóa, a miña cadeliña.
Hoxe, déronse as circunstancias perfeitas para achegarme á costa a ver o mar: mes de confinamento interprovincial ainda, altas temperaturas, sol na Mariña... Un día ideal para pasear pola praia, sentir o bico do mar, arrecender a súa brisa mariña, escoitar o son das gueivotas.... Nono tiven que pensar! Ainda que me preguntaba se sabería levar o coche por esas paraxes. Pero unha vez que tomei a decisión, nada puido determe. Con música na radio, escoitando Anduriña de Xoán Pardo, era como emprender unha longa viaxe polo oeste pero con fondo verde, papaventos xigantes, altas cumes e moitas flores. De novo sorprendeume a vista das chamadas "casas coloniais". Non son o estilo de casas galegas, senón de alén mar, da América conquistada, á que emigraron as nosas xentes e que trouxeron eses modelos de arquitectura copiados dalí, porque lles gustaba, por destacar, por a saudade que sempre acompaña os/as galegos/as que andamos polo mundo, aprendendo, copiando, facendo nóso o que é alleo e levando tamén o de aquí para alá. Fusionando e globalizando.



A esas hora da mañá, apenas había xente na praia. A distancia podíase gardar sen problema. Con mascariña só atopei outras duas persoas. Fíxenlles un guiño de complicidade. Pareceume que o correcto sería levala, tal cómo a norma indica, pero aquí, sempre se fixo pouco caso ás normas, ainda que son para que se cumplan. O feito de seguir as normas, denota responsabilidade, disciplina, acatamento, respecto por ún/unha mesmo/a. Pois se non se cumplen, estamos faltándo ao respecto ás demais persoas e poñendonos en perigo. Eso é algo que non levo ben neste país. Cando andiven por outros, observei cómo se facía turno para todo, cando aquí non entendiamos deso. Levamos moito retraso na educación cívica!



Pero voltando ao mar.....pasei hora e media camiñando pola veiramar. As ondas chegaban con forza e explosionaban en milleiros de gotiñas, que espero estiveran exentas de coronavirus. Respirar o seu iodo era como ousixenarse por dentro, onde a ferruxe comezaba a facer estragos. O sol acompañaba e pegaba con ganas, como poucas veces pega neses lugares do norte de Lugo. Souben escoller o día apropiado! Case nunca atino, cando, nos veráns, fago outras escapadiñas de cando en vez. É pasar Lourenzá, e xa todo se volta grisallo coa névoa. Mesmo dan ganas de dar a volta.
Cando empezaba a vir mais xente, decidín deixar a praia. Non me apetecía bañarme ainda que a auga estaba boa para a época do ano.
A falla de costume xogoume malas pasadas. Cando xa arrancara, decateime que me faltaba a riñoneira onde tiña o teléfono, carteira.... Din a volta e mirei ben se me caéra onde tiña o coche pero nada vin. Ata que apareceu dentro debaixo dunha bolsa.
Aproveitei para ir ao supermercado e alí, con tanto xel, luvas e bolsas, levóume todo o dobre de tempo. As pegatinas dos prezos dalgúns produtos quedaban pegadas ás luvas, as bolsas....E non sabía a qué atender, se a manter distancias, ou poñer as pegatinas no seu sitio....
Logo de sair ben desta proba, xa enfilei cara o meu lugar de orixe, escoitando música de novo. Co aire acondicionado posto, cousa que nunca utilizo, pero era tanta a temperatura dentro do coche que case me asfisiaba. Fun chegando para xantar, á miña casiña de pedra, onde non se nota o calor. Case hai que poñer xersei dentro. Así rematóu esta escapadiña tan desexada que me fixo voltar un pouco a "nova normalidade" á que temos que ir afacéndonos.

domingo, 26 de abril de 2020

DIA GRIS




Un día perfecto para "quedar na casa". Ainda que moitos nenos e nenas estarán coa mochila preparada para sair á rúa. Unha rúa mollada, alomenos aquí, na Galiza, para atoparse cun mundo diferente ao que deixaron a derradeira vez que voltaron da escola ou do parque....Un mundo inhóspito, frío, distante, raro, perigoso..... do que só se quere fuxir canto antes, porque este non é o mundo que queremos para o futuro ainda que o ceo e o ár sexan mais limpos, ainda que polo ceu non surquen avións que marquen interminables liñas rectas de fume contaminante, ainda que o silenzo sexa o mellor fondo para escoitar os paxaros, ainda que os violadores e ladróns non anden soltos, ainda que non teñamos novas de accidentes nas estradas, ainda que tantas e tantas cousas pasen ou non pasen,  este non é certamente o mundo noso, o que nos faga felices pero tampouco nos facía felices aquel que deixamos atrás, non. 
Entón, teremos que ir construíndo un mundo mellor, onde as cousas boas que pasan agora se combinen coa liberdade, coa responsabilidade, co sentirnos mais segur@s, no que as  malas novas non sexan o día a día, onde poidamos falar dun mundo que esta mudando para ben, menos globalizado, mais local, mais de perto ó nóso. Onde sexamos quenes de apreciar o que temos arredor: as persoas, as paisaxes, a natureza que viñemos degradando a pasos xigantescos, sen miramentos, con tal de dar renda solta a tantos outros anceios, sen pensar nas consecuencias.
Agora, hoxe... é un día para sentir caer a choiva miudiña, que vai mollando as plantas para darlles pulo no seu crecemento e no seu esplendor primaveral, porque a vida, ainda que tocada, segue e explosiona cada primavera, a pesar de todo, e de todos, allea ao que pasa ahí fora, dentro.....
E eu plantéxome qué facer con cada ser vivo que me come as plantas.Quero saber cál é a sua misión. Como é a sua existencia. Unha familia de caracois, criando, manténdose agochad@s "na casa", unid@s, protexéndose, axudándose.... Non é para desfacerse deles sen mais. Eu recólloos e levos lonxe das miñas plantas. Non son mais nen menos ca nós! Qué pouco sabemos das suas vidas!
Mentras se cociña o caldo de castañas, mentras o día está gris e borrallento, mentras non se escoita nada arredor, mentras Noa durme e non quere paseo.... eu deixo aquí as miñas cavilacións.....






sábado, 14 de marzo de 2020

CORONA VIRUS


Cando o mundo estaba tan entretido noutros asuntos, xurde, inesperadamente, sen previo aviso, o que pode chamarse, según o meu criterio, a terceira guerra mundial, en pleno século XXI. Si, un virus contra a humanidade, e a humanidade contra un virus.
Foi ocupando territorios, sen mais armamento que a súa capacidade de contaxiar. Primeiramente China. Ai!, alí tiña que ser. Hai tanta xente na China que secadra é unha maneira natural de selección da especie. Ataca aos mais endebles!
Logo, para a nosa sorpresa, foise estendendo en menos dun mes, por todo o mundo. Tardamos en reaccionar, en darnos conta que nos tocaba a nós, a NOS!, si, sen distinción de clases nin idades. Incluso á clase política e quenes rexen o mundo. Tamén a quenes traballan na sanidade. Deus, cómo nos veremos se acaban con aqueles que nos sanan, que nos atenden na enfermidade!
Pois sí, e con él veu o pánico xeral. Primeiro un tanto sutilmente foise introducindo nas nosas vidas, facéndonos cambiar de rumbo. Xa non se fala de paro, de refuxiados, de terroristas, de seccesionistas, de violencia de xénero, do cambio climático, NADA!, so se fala de CORONAVIRUS!
A pé de radio, tele, xornais, agardamos as próximas consignas. Cada día mais contundentes. Hai que evitar por todos os medios que este nemigo se estenda e se explaie como lle veña en gana.
Estado de emerxencia, estado de alarma, estado de queda: QUÉDATE NA CASA. Para algunhas persoas esto supón un verdadeiro suplicio. Falla total de liberdades. Cando antes protestabamos polo da lei mordaza, pola falla de liberdade de expresión..... Agora, aceptamos todo o que nos digan dende arriba. Os que mandan, mandan! E mandan polo ben de tod@s. Aparece a picaresca, o afan desmedido de acaparar bens, ainda que sexa o papel hixiénico, o símbolo deste acaparamento por autonomasia. Aparecen o racionamento, o mercado negro ou estraperlo. Tamén é verdade que vai aparecendo a solidariedade. Mesmo a clase política nos da exemplo co seu comportamento de querer arrimar o hombro, de non criticar ao adversario mais que na xusta medida, de querer mesmo colaborar e seren útiles!
As cousas empezan a seren doutra maneira ben diferente do que eran. Xa se pode facer teletraballo, (non sei por qué antes non), pódense facer quendas nos traballos, (conciliación da vida familiar, por fin). Estudar dende a casa por videoconferencia, que os restaurantes che sirvan a domicilio, que poidas ver cine, concertos sen ter que sair da casa.... e un sinfín de alternativas.
Se algunha vez tivemos algunha ventaxa quenes vivimos sós, agora case é un previlexio. E se por riba tes a sorte de vivir en casa con horta, estás de sorte! Alomenos podes ir cavar a ela, cortar a herba, arranxar o xardín, tomar o soliño.....Pero quenes teñen que confinarse nun habitáculo pechado, toda a familia xunta, deben ser días duros de levar, a menos que formen un pequeno mundo ben organizado e planificado no que teña cabida o traballo compartido, o divertimento, as conversas.... e eso se non está cada quén enchufado no seu particular dispositivo que lle sirve de cordón umbilical co resto da especie humana.
Será esto unha revolución? Tería o mundo falta dela e non só os chineses?
Cómo será o día despois? Seremos iguais? Cambiaran formas de vida, de hábitos? Xa nonos bicaremos nen abrazaremos mais? Aumentará a natalidade?.....
Moitas custións que se aglutinan no miolo a un tempo.....
O que sí sei, é que hai maneiras de cambiarnos por moi duras que semellen e aquel Deus que castigóu a Exipto cas doce pragas, o que castigóu coa lepra, ca peste e con tantas catástrofes....estaba buscando facernos mellores!

luns, 9 de marzo de 2020

LEMBRANZAS









O paseo desta mañá tróuxome lembranzas. Ainda que o lugar non mudou de sitio, sí que cambiou a paisaxe e a distribución das fincas. O aparcelamento fixo daquel minifundio, un campo aberto, de praderío que non sabe de límites nin paredes de pedra ou chantos. Todo está aproveitado durante todo o ano alternando herva ou millo.
Pensaba que para ser un lugar pequeno e perdido en ningures, había duas casas con médico. As duas estaban emparentadas e viñan a ser as mais ricas, tendo caseiros e mandados e a axuda da xente do lugar cando a precisaban, que era case sempre.
A casa de Cuenzas, perto a miña, desapareceu debaixo da estrada. So fican a palleira, que tivo a función de garaxe para os autobuses e a casa do forno.
A casa de Escobar, no lugar de Abrairas, está íntegra, co seu xardín cheo de árbores froitales, as casas que ocupaban os caseiros e mesmo coido que tiña unha capela.
Daquela, poucas casas tiñan un xardín. O da casa de Cuenzas era con diseño xeométrico, e alí medraban as roseiras, e moitas outras flores  como os narcisos, os buxos e tamén marmeleiros.
D. Pepe, médico, tiña duas irmáns polo menos. Elas eran as que se ocupaban de que o xardín estivera de bo ver, pois dende a galería do despacho podíase contemplar no seu esplendor cando chegaba a primavera. 
Lémbrome que cando ía a ver as señoritas, os cuartos que eles ocupaban arrecendían a lexivia e dispuñan de cuarto de baño e tiñan luz eléctrica. Pero o que mais me levaba os ollos eran as enormes bonecas que parecian bebés. E eu, que nunca tivera unha, nin sequera pequerrecha!
Nesta casa estaba o correo porque ali durmían os autobuses que viñan de Lugo e que traían ós nosos familiares no verán cando viñan de vacacións e olían a Madríd. Eu acostumaba a ir cada tardiña a coller o correo. Ainda que so fosen os folletos que lle mandaban de propaganda ao médico e que os caseiros me daban para que xogase con eles.
Tamén comían algo que os demais non comíamos, croquetas! Eran feitas das sobras da carne de porco que se cocía no caldo. Como vivían en Madrid e viñan so nos veráns, traían estes costumes que aquí descoñecíamos. Por eso se lles chamaba dona Gloria....dona..... Os demais non tiñamos ese mérito.
Gustáballes estar asomadas polas fiestras e falar coa xente que pasaba pola estrada. Elas non participaban nos traballos, se acaso, algo na cociña para facer para elas cousas mais apetecibles que o caldo diario e as patacas con touciño que comían os seus caseiros. Tampouco ocupaban os mesmos espacios. A casa tiña a zona dos señores e a dos mandados pero vivían todos baixo o mesmo teito. Na planta baixa eran as cortes do gando que saían polo mesmo corredor que utilizaban as persoas.
Aqueles doutores ían polas casas cando os chamaban. Se o sitio era na montaña, tiñan que vir buscalos cun cabalo para levalos. Había que pagarlles en cartos ou en especies ou traballando para eles. Sempre me lembrarei do que D. Pepe de Cuenzas lle dixo a meu pai: "cada ún é médico de si mesmo" e aquela frase coido que me acompaña toda a vida pois se podo pasar sen ir aos médicos, moito mellor! e xunto con outra frase doutro médico mais do meu tempo que aqueles: " a persoa apropiada es tí" veñen a conformar un pouco a miña filosofía.
Deixo unhas fotos que fun facendo cando lembraba estas historias.




luns, 24 de febreiro de 2020

ENTROIDO VINTE VINTE




Un vintedous de febreiro, data moi siñificativa para mín, por ser o meu aniversario, madruguéi para unha viaxe a Chaves, Portugal, e baño de entroido por terras ourensáns.
Ainda que o día comezou un pouco mal para mín, tiven a sorte de poder continuar a viaxe. Dentro do malo, sempre hai algo que pode redimirnos.
Comezamos a nosa viaxe en Castro Verde, en autobús, cun grupo de xente do mais variopinto, acompañados/as de guía, de personal da axencia de viaxes... que fomos recollendo por Lugo e arredores.
A primeira parada que fixemos foi en Celanova, terra de escritores como Celso Emilio Ferreiro e Curros Enriquez. Alí visitamos o Convento de San Rosendo, fundador e inspirador de tanta riqueza artística. Unha igrexa con aires de catedral, sin lugar a dúbida e unha grandiosidade de edificio que hoxe está sendo útil no eido cultural e social dunha vila que ten, como Rianxo, o previlexio de ser cuna de escritores tan importantes para Galiza.
Dende alí,  dirixímonos a Chaves. Chegamos ao hotel á hora do almorzo e os que escollemos tarde de balneario, alí nos aventuramos e deixamos guiar pola bo facer do personal que nos atendeu en todo momento cunha profesionalidade poucas veces vista noutros lugares semellantes. Ata nos agardaban ca toalla quente ao final de cada sesión!
Quenes escolleron paseo pola vila, supoño que poderian  ver a sua ponte romana cas columnas de Trajano, o Castelo e outras cousas de interese, acompañados/as pola guía que sabía ben as historias dos lugares polos que fomos pasando.
Despois deste relax, o corpo pedía descanso, pero aveciñábase unha noite de Entroido a todo ritmo e xa comezamos a preparar os disfraces. Houbo quen os levabamos da casa e quen tivo que ir mercalos de última hora. Habería premios aos mellores!
O hotel, tivo a deferencia de ofrecernos unha sala para o noso grupo, decorada con motivos de festa de entroido, con escenario para actuacións e grupo de música que tocou sen pausa ata ben entrada a madrugada, ata que o corpo non aguantóu mais. 
A parella que levóu o premio, (unha noite de hotel con almorzo), ben o mereceron pois o contraste de garda civil/paiasa era algo que chamóu a atención de todo o mundo!
Ao día seguinte, despois do pequeno almorzo no hotel, onde había moita xente aloxada por mor das festas do Entroido, partimos hacia Verín, onde nos agardaba un desfile de cigarróns e comparsas do mais variado e retranqueiro. Nada como o noso Entroido! Penso que xa nacemos con él, pois a sátira acompaña sempre aos galegos e galegas onde queira que vaiamos. É o noso estilo de protesta por autonomasia!
Ao remate, ben entrada a hora do xantar, sobre as tres da tarde, fomos comer o cocido prometido a un restaurante local, onde disfroitamos da abundante comida ben preparada e na que no faltaron sorpresas! Pois estabamos tres de cumpleanos o día 22 e o 23, e alí se presentóu unha tarta, coas candeas accesas cos numeriños de cada quén, e que foi levada dende Lugo, aposta, e gardada en neveiras ata ese momento. Temos que agradecer esta xentileza a organizadora da viaxe, unha rapaza moi atenta que se ocupou do noso benestar todo o tempo. E non podía faltar un licor caseiro que trouxo unha parella e que foi a guinda dun xantar para lembrar!
Viaxe de volta, cunha tarde primaveral que aproveitamos para facer unha parada en Monforte de Lemos e xa entrada a noite fomos chegando de volta ós nosos fogares coa satisfacción de ter pasado dous días en boa compaña e disfroitado dun Entroido famoso como o de Verín, que xunto co de Xinzo de Limia e Laza, son xa os nosos clásicos!














domingo, 9 de febreiro de 2020

EXCURSIÓN A PANTÓN



Embarcadeiro

Cando unha viaxe ten un motivo para facela, non hai dúbidas! Con catarro ou sen él, con frío ou chuvia e esta vez con paraugas que non se usóu, alá me fun!
Chegamos a Ferreira de Pantón, terras de Monforte de Lemos, e alí agardábanos Rosana, a que faría de guía perante a nosa visita.
Comezamos polo Mosteiro de Ferreira, das Bernardas, que ten unha interesante historia e riqueza arquitectónica. Non vou entrar en detalles xa que toda a visita está chea de datas, de estilos arquitectónicos que se poden atopar noutros medios. Alí mercamos algunhas lambetadas elaboradas polas monxas.
Convento de Ferreira
Seguindo camiño, fixemos unha parada para ver o Castelo de Maside, por fora e no que residiron algún tempo os condes de Lemos. Chama a atención a ventana de estilo plateresco, do que poucos exemplos temos en Galiza, tales como a fachada do Hostal dos Reis Católicos en Compostela ou a porta do Castelo da Ponte en Viveiro.
Castelo Maside
Non podía faltar unha paradiña no balneario de Augas Santas, e moito mellor tería sido poder pasar un par de horas nas súas augas, pero o programa da viaxe non permitíu mais demora.
Balneario Augas Santas
Logo fomos visitar unha igrexa da época sueva, S.XII, en San Estevo de Atán onde a nosa guía fixo unha extensa descripción da sua arte. Está no fondo dunha ladeira de viñedos. Baixar en coche ata ali non é nada doado polo camiño estreito e cheo de curvas pechadas que apenas dan para xirar. Eu pasei medo e baixei andando!
Igrexa de Atán

Agardábanos un xantar exclusivo na casa do barqueiro, xunto ao embarcadeiro e que leva por nome o que parece ser o primeiro topónimo da península Ibérica: MAIORGA.
Casa Maiorga (restaurante)
Un xantar caseiro e acompañado do viño local de Riba do Miño que nos soubo a gloria bendita, despois de tanta visita por vales sagrados, chamados Ribeira Sacra, ainda que a nosa guía non está moito de acordo nesa denominación, que di que é unha marca e que inclue a sitios que, como Ferreira de Pantón, non estaban antes dentro dela.
Para despois de xantar tiñamos a visita ó mosteiro de San Miguel de Eiré, S.XII no que nos detivemos un tempo escoitando todo o que a guía nos ía comentaba sobre o seu interés artístico e que se atopa, como xa dixen antes, en calqueira outra fonte de información.

San Miguel de Eiré
Outra das igrexas visitadas foi a de Fión, con ábside románica e pinturas do S. XVI.
Xa ben caída a tarde, non podiamos partir sen ver antes o Cabo do Mundo. Pois eu que pensaba que aquí en Galiza, era Fisterra a que levaba ese nome, parece ser que hai mais cabos e que non teñen o mar de perto.  Arredor dun montículo no que se atopa o castro de Nogueiral, fai o noso pai Miño un meandro espectacular que é visible dende tódolos ángulos e que con posta de sol ao fondo, sería unha estampa para ficar na nosa memoria. Por sorte, e votei mau desa imaxe, mentalmente, xa que non puiden facer nin unha soa foto. As que incluo aquí non son, pois, da miña autoría.
Non lonxe deste lugar atópase a casa rural mais antiga de Galiza, a Casa Vilariño. Alí puidemos ver case un museo etnográfico dos apeiros antigos que se utilizaban en moitos traballos, aparte de degustar o viño da casa que nos ofreceron de valde e onde mercamos unhas Bicas recén saídas do forno.
Casa Torre Vilariño
Así acabóu a nosa excursión, case ao anoitecer, pero ca satisfación que dá coñecer o que temos perto sen necesidade de ir moi lonxe.
Eiré

Eiré
Atán
Fión (San Lourenzo)

luns, 13 de xaneiro de 2020

Por terras de Mondaríz




Empezar o ano 2020 cunha viaxe é unha boa decisión! Esta vez o madrugón foi algo mais grande debido a distancia que hai dende o meu lugar ata Mondaríz, en Pontevedra, pero pagóu a pena. Eran mais das once cando voltei á casa. Lua chea acompañando!
O primeiro que fixemos ao apearnos do autobús foi evitar que unha vaca, que campeaba polo medio da estrada, causara un accidente. Debe ser unha vaca algo orientalista,ou desorientada!
Alí comezamos a camiñada seguindo o río Tea, afluente do Miño que descorre pola comarca do Condado en Pontevedra. Un río de ampla cama e pouca fondura, que case pode ser atravesado sen que a auga chegue aos xeonllos, ainda que ten lugares nos que nos poderíamos incluso bañar. De feito, conta con varias praias ao longo do seu percorrido, algunhas das cales nada teñen que envexarlle as praias de auga salgada. Atopamos varias pontes, unha delas romana, a ponte de Cernadela, na que rematamos o cortiño percorrido e aproveitamos para facer fotos e pasear por ela, cos seus cantos irregulares no chán que a fai ainda mais interesante.
Algunhas personas do grupo, ían tan encantadas ca andaina que se pasaron moito da ponte na que acordaramos rematar. A verdade que co día solleiro que facía, despois dunha fría mañá de xélida paisaxe, apetecía camiñar pola veira do río, escoitar o seu pulso apurado, a veces, e vagariño outras.
Tivemos ocasión de ver fervenzas espectaculares no lugar da praia, con merendeiros, con area abundante e sombras que no verán fan do sitio un lugar de lecer con chiringuito e todo!
Dende alí, dirixímonos ao castelo de Sobroso,, que está nun lugar moi elevado. Chámase así porque alí había moitas sobreiras. É un castelo medieval, ben macizo e asegurado, ainda que tivo épocas de abandono e mesmo destrucción. Alí a raíña Dona Urraca foi cercada polos partidarios do seu fillo e tivo que buscar refuxio en Compostela. Di a lenda que foi polo pasadizo que comunicaba o castelo co río Tea.
Fomos benvidos con chocolate que elaboran artesalmente para este castelo, no que hoxe hai mostras de vestimenta de roupa interior de época e unha pequena tenda na que se poden mercar produtos da bisbarra.
Sentindo xa algo de fame, ainda que ben mitigada polo chocolate que acababamos de engulir, dirixímonos ao restaurante onde xantamos, perto a Mondariz.
Logo de ben xantados, con viño do Ribeiro e Mencía e café con gotas, xa só nos quedaba a visita estrela: unha inmersión de duas horas nas augas do Balneario, que foi dos primeiros de Galiza, pioneiro no termalismo, hoxe o mais grande da nosa terra e por onde pasaron persoeiros como Emilia Pardo Bazán, Castelao e  mesmo a raíña Isabel de Portugal. Algúns dos edificios que compoñen  este complexo foron, no seu día, hospital. Forma o concello de Mondaríz-Balneario e tivo moeda propia.
Dos poucos balnearios que coñezo, éste é un dos que mais me gustóu polas suas características de  saber combinar a antigüedade coa modernidade.


 Nunca estiven en Karlovi Bari pero , despois de ler a Milan Kundera, imaxineime un lugar así, como éste de Mondaríz.
Duas horas que combinei co disfrute das piscinas, dos jacuzzis, das correntes que te arrastran, das fervenzas e chorros, das pozas de auga quente e fría, das saunas turcas e das secas, e do relax das hamacas para darlle repouso ao corpo antes de sair do lugar.
Non podía faltar un chocolate quentiño acompañado de tarta de Santiago, na cafeteiría do hotel, cun camareiro ben atento, que ata non cobrou a tarta.
Haberá que voltar alí para unha estancia algo mais longa e deixarse levar polas correntes que nos levan arredor como a peixiños nun acuario!