www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 17 de abril de 2017

DOMINGO DE PASCUA

Respira o doce no forno,
latexa, soña con deleitar.
Ten vida propia,
faise por dentro.
Sincroniza co calor,
déixase dourar
sen usar protector,
Muda a súa cor,
faise maduro, feito,
ready to eat.
Sabe o seu punto
de cocción e arrecende
para avisar.
BOA PASCUA!!!!

mércores, 12 de abril de 2017

UN CÁRCERE CULTURAL





 Lembro que alá polo 1962, eu fora estudar a Lugo. Pasaba tódolos días por diante daquel Campo da Feira, que, os días de mercado, estaba cheo de xente que vendía e mercaba. Había autobuses de línea tamén e hoxe é onde se ubica a Estación de Autobuses de Lugo. Ao lado, o cárcere, con aqueles barrotes en tódalas ventanas e a veces algún preso asomado. Eu ollaba con tristura e vergoña de sentirme libre diante de outros que xa non podían sentir o mesmo. De todos modos, estarían pagando por algo que fixeran mal. Pero os cárceres non eran o lugar idóneo para pasar os mellores anos da vida de calquera. Hoxe, ese cárcere, tras unha reforma levada a cabo por un bo arquitecto, pasa a ser un centro cultural onde se van levar a cabo actividades teatrais, conferencias, exposicións de arte e cunha cafetería na cima de todo con vistas á Muralla que nada terá que ver con aquelo que foi no seu día, con celdas pequenas e mal acondicionadas, con patios estreitos e reixas nas xanelas e nas portas, con caravillas de ferreiro e con celosías e mirillas para ver sen ser visto.





Celdas, celdas, celdas
sepulcros blanqueados
tobogáns da memoria
gaiolas asépticas
do despilfarro humano
xa non tedes razón de ser

Un percorrido por todas as súas estancias, con escaleiras en torno a un patio interior central dende o que poden verse as celdas nas diferentes plantas e rematando cunha interesante cúpula que ilumina ese patio da a impresión de que alí pasábase moito frío. Os seus muros de pedra de canteiría, estarían espidos ou todo mais encalados. O chan, de madeiras vellas, e aquelas gaiolas sen nada onde durmir, desprovistas de todo o que un ser humano necesita minimamente, e días interminables, e noites de frío e soidade, penso que eran mais que suficiente para cobrarse o delito que un preso tiña que pagar por telo cometido, se ese fose o caso, que algunhas veces nono era.


Outro cárcere que me chamou moito a atención foi o de Cork, en Irlanda. Alí a xente morría de fame naquela época da peste na pataca. E as maquinarias torturadoras que por alí se exhibían tamén causaban pánico. A humanidade moito ten sufrido en tódalas épocas. Guerras, pestes, fame, cárceres, enfermidades....Non sei se Deus é xusto co que criou! Ou será culpa nosa non saber aproveitar as oportunidades que a vida nos ofrece. Pero hai quen xa nace sen elas.


venres, 31 de marzo de 2017

A GENOVEVA

A Genoveva era un personaxe itinerante. Vestía de cor marrón. O seu cabelo branco, a veces recollido nun descoidado moño asomaba por debaixo do pano que lle cubría a cabeza. Andaba polas aldeas, cando eu era unha rapaza nova, e chamaba ás portas para pedir algo de comida ou onde pasar a noite cando o tempo era inclemente. A maior parte das noites durmía fora en calqueira recuncho que atopara e non tiña medo ós lobos nen a persoa algunha. Tampouco ela se metía con ninguén. Era educada e agradecida. Á miña nai chamáballe Berta. Falaba sola. Tiña longas conversas consigo mesma que nos eran alleas. Vivía como noutro mundo diferente ao noso. So, de vez en cando, comentaba algo que viña ó caso pero logo voltaba á súa leria. Contábase que estivera en Cuba e que viñera dali coa razón perdida. Tiña familia por esta zona pero ela non paraba en casa algunha. A súa vida tornárase errante e deambulaba por corredoiras, montes e aldeas. Ela mesma cosía e lavaba a súa roupa. Despois xa non a volvín ver por aquí e pasaron moitos anos e eu teño un vivo recordo da súa presencia que nunca logrei entender e que, agora, quixen indagar para poder traela de novo entre nós. Genoveva fora para Cuba alá polo 1920 co seu home, de Ourense, e alí fixeran fortuna, que logo foi a súa perdición xa que a avaricia dunhos sobriños, levounos a querer desfacerse deles para quitarlles os seus bens. O home morreu novo e ela, salvouse da morte pero non da tolamia. O seu irmán, quixo repatriala e Genoveva chegóu de volta nun barco alá polo 1936 sen outra riqueza que un baúl e unha maleta que tiróu ao mar nada mais sair do barco. Ese xesto sería o que mellor describe o que foi a súa vida despois do seu retorno. Tiróu ca equipaxe e fíxose un ser libre, sen ataduras, sen bens que perder e co mundo ós seus pés para poder percorrelo incesantemente, sen casa, sen necesidades, somente feliz de non ter nada. Contábame a súa sobriña, que morreu con mais de noventa anos nun asilo de Lugo. Na sua etapa de cordura fora unha muller moi guapa, e moi educada. Facía toda a roupa que se ve nas fotos e que corresponde a unha dama elegante e de saber estar. Nada que ver con aquela outra que eu coñecín a non ser polas faccións da sua cara que son recoñecibles a pesares de que a indumentaria era outra ben diferente.
Alegreime de saber mais da sua vida e de poder lembrala neste blog onde deixo unha foto de xuventude..
A veces non é a riqueza, non son as posesións, non é ter casa, ter parella, ter fillos.... A veces é saber desprenderse de todo o que nos ata


venres, 24 de marzo de 2017

THE SNOW FLOWER


The snow came softly
asking me for you
It couldn´t hang longer
for you to play with
and make an snowman
with eyes, nose, mouth
and a big smile on it
The yellow little flower
poped out to see
if you were passing
holding hand with me
The wind mills arms
say hello to Mínia
and wink an eye to her
while the snow was melting
leaving our hands empty
The sleight was no working
taking you down hill
but the snow is fair
and will come again
to let Little Mínia
play with it all the way
making snowballs
and Fanny snowmans
that last three days.



mércores, 22 de marzo de 2017

O MEU ALMORZO






Dime qué almorzas e direiche quén es!!!!
Levantarse cedo e ir preparando o corpo, sen presa, para ese primeiro refrixerio matutino é todo un ritual. Primeiro ocúpome dos meus animais que me agardan e saúdan con agarimo. Saímos a fora e vemos a climatoloxía do día. Doulles o seu almorzo e voume preparando o vasiño de auga templada, coas semillas de lino que quedaron a remollo, e que tomo con mel, levadura de cervexa e zume de limón para que o organismo vaia limpándose media hora antes de almorzar. Mentras tanto lávome, vístome e xa lista para encarar o día, tomo a froita da mañá. Logo empezo os preparativos do almorzo que consisten en ir poñendo o fervedor de auga para facerme unha taza de té (case sempre xaponés), e que ten a súa maneira de prepararse, quentando antes a teteira con auga quente, e deixándoo os minutos precisos e ca auga ós graos que se debe facer o té. Logo poño o pan a torrar, (case sempre o meu propio pan, integral e de centeo) e poño na mesa o bo aceite, o queixo de cabra, a marmelada caseira, as noces, o allo, e o compango que pode ser salmón, sardiñas, pavo.....alén das sementes de sésamo, pipas de xirasol ou un mix de sementes.
Así comeza o meu delicioso momento que fará sentirme chea de enerxía o resto do día. Ademais, acompañada de Noa que está sempre agardando que caia algo ó chan ou que me camele para que comparta algo do meu con ela.
Cando traballaba de mestra, sempre lles preguntaba ó alumnado que almorzaran. Había sempre alguén que non tomara nada aínda, ata a hora do recreo. Como eu daba clase de inglés, practicabamos con eses temas cotidianos porque así sentían que lles concernía o que falabamos.
Ademáis de falar noutro idioma, estabamos a aprender sobre temas transversais como é este da comida, de saber coidar o noso corpo.
Nos hoteis, había o almorzo continental ou o tradicional do país, neste caso, Reino Unido, e eu sempre tomaba o deles porque o continental soábame como a moi fulero, un cáfé e pouco mais. 
Xa de nena, eu sempre fun acostumada a tomar un bo almorzo. Así era no campo, unha boa taza de sopas de pan da casa con café con leite non faltaba en ningunha casa. Logo a media mañá ainda tomabamos as once, que era algo mais consistente, como unha tortilla á francesa, pan con queixo, ou con manteiga e azúcar.
Na época dos meus pais, acostumaban almorzar caldo de rustrido que era un caldo de patacas picadiñas ao que se lle engadía un refrito con allo. Non estaba mal! Ou tamén as castañas que sobraran da noite anterior, e postas a quentar na plancha de ferro, así torradiñas, qué ben sabían, cunha cunca de café con leite!.
Pero eu lémbro o meu almorzo cando ía a escola aquí na aldea. Un paquete enteiro de galletas tostadas Fontaneda, e a taza de café con leite. Pero antes, miña nai, ainda me daba un ponche que levaba ovo e viño de misa. Por aquelo de que tiña que alimentarme que estaba medrando!!!
Así que, cómo non vou eu seguir apreciando ese tempo co que empezo o día, e ao que lle dedico media hora ou mais e deixo que me veñan as ideas e a planificación do día.
E eso é algo que pasa de pais a fillos/as porque ainda que a veces se desvíen, coido que eses principios de educación para a saúde, prevalecen o resto da túa vida.
BO ALMORZO!!!

luns, 20 de marzo de 2017

PRIMAVERA








Non son de días "D" nin de equinócios  que me indiquen  que é a hora, o momento xusto cando algo comeza ou acaba. Fai tempo que veño sentindo a primavera, cando apenas se nota, cando o corazón se alegra porque os días medran, porque brotan follas e flores, e cantan os paxaros e fan neais, e voltan as cigoñas e o sol aloumiña. Pero, hoxe, 21 de marzo, o calendario marca o reloxo do tempo igualando o día á noite en todo o planeta e eso pode ser importante. A miña andadura de hoxe, día tristeiro e grisallo, os meus pasos tropezan co vóo dunha cigoña que levanta mesmo diante de min para buscar outro prado un pouco mais lonxe. Vina tal cal é de grande e sorprendente. Quizais nunca a vira tan perto, mesmo me sorprendeu por un mínimo instante no que non sabía qué ave era esa xigante creatura. Logo, mais arriba, ao pasar por unha xesteira, un corzo ou unha corza, dispúñase a cruzar o camiño. Reparóu en min e olloume por un intre prolongado que me convidóu a chamala amablemente pero ao escoitarme, emprendeu fuxida cara á sua madrigueira. Estes encontros fixeron o meu día de comenzo de primavera. Os meus paseos sen Noa, xa non teñen igual siñificado.




Vótoa de menos. Ela queda na casa porque está co celo e xa leva así mais dun mes, encerrada, sen facer exercicio. Por eso se puxo un pouco mal das articulacións e tiven que levala á veterinaria, quen a atendeu moi ben e lle recetóu e xa lle fixo efecto. Noa xa ten a miña idade, mais ou menos. Somos moi parecidas en estilo de vida activo. Estou desexando que lle pase para que me acompañe nas andainas. Noa baila comigo, Noa gosta de ver a familia no Skype, Noa recibe as visitas, anúncia a chegada de xente, detecta ruídos na casa, encántalle a música na radio, a miña comida, subirse ao banco da cociña, acompañarme na horta cando sacho.....Noa é tranquila, sabe estar, non molesta....
acompaña, sinte, trasmite, le as emocións, sabe que algo non vai ben, mesmo sabe cando desafino co acordeón. Durme cos balses e esperta cas rumbas!
Hoxe non loce o sol a pesares de empezar a primavera!

domingo, 12 de marzo de 2017

O SILENCIO DO ORBALLO





Empezarei dicindo que o título deste post non é outro que o do poemario que onte foi presentado en Castro Verde e que o autor, Jesús María Trashorras Nogueira, foi compañeiro de estudos en Lugo alá polos anos setenta. Dende daquela, non voltei a saber del ata fai duas semanas que, nas clases de acordeón, déuseme a coñecer e souben que acababa de publicar o seu primeiro libro de poesía. Foi unha sorpresa atoparme con él e co seu poemario. Ningún dos dous me resultaba descoñecido e lino de un tirón tan pronto puxen pes na casa, porque alí sentíame reflexada como galega do rural, cunha infancia semellante, co mesmo contexto social e cultural, cas mesmas palabras que daquela escoitabamos falar no noso entorno, cos mesmos obxectos e vivencias e con intereses moi semellantes como o de conservar o Noso, darlle a importancia que tivo e que ten e non deixar que se perda no esquecemento. Sorprendeume que o galego que usa é o galego que falabamos daquela, cando ainda non estaba regulado, e que tiña unha boa porcentaxe de palabras en castelá. Pero era o noso galego da nosa zona concreta e penso que foi o que nos marcóu. Logo tivemos que adoptar un galego mais unificado que servira para nos entender en toda Galicia. A min sempre me gustou o galego falado cas suas variantes locais que lle dan esa identidade e sabes de onde é a persoa xa so pola fala. Era como a matrícula antiga dos coches. Agora xa non se sabe de que provincia veñen. Hai poemas que están escritos na fala das zonas fronteirizas con Asturias e que teñen un engado moi especial.
A concurrencia ao evento foi masiva e desbordante xa que o salón de actos do Colexio de Castro Verde fíxose pequeno para acomodar a tanta xente que enchía pasillos e escaleiras. Alí se foron lendo os seus poemas en boca da mais diversa participación xa que había persoas de Ucrania, Venezuela e doutros países por non dicir de diversos puntos de Galicia e de toda idade e condición. Os poemas quedaron moi ben nas voces dos mais novos e novas que ogallá prenda neles a semente do decir poético. Había poetas que tamén leron algo de seu. Pintoras que espuxeron as suas obras, e moita música entre lectura e lectura. Hai que dicir que estivo moi ben organizado e presentado. Nada que envidiar ós programas televisivos...Foi dinámico e sorprendente, sen tempo para sentirse nin cansados nin aburridos. Houbo de todo! Ata oubeos de lobos e poemas en ucraíno!
Aquí deixo o poema que eu lin, e que escollín eu mesma porque me impactou a primeira vista. Poema do autor do libro  O silencio do orballo.
Poema de Jesús María Trashorras Nogueira



Este poema fai referencia a palabras que quedaron en desuso e que ao perderse o obxecto do seu nome, foron caendo no esquecemento e xa non son coñecidas pola xente nova. O poeta quixo rendirlles  homenaxe e prendelas no seu libro para que sigan ahí para quenes queiran indagalas. Fíxome pensar nunha palabra que me gustou sempre: "cómaro", que eran os bordes dunha finca que se deixaban arredor dela para poder ter paso sen pisar o semiado, para que nela anidaran insectos e outros bichiños que favorecían a agricultura loitando contra as plagas.... Eso xa non existe! Pois a min lembroume tamén o camposanto das casas desaparecidas, casas galegas, cunha estructura típica de cada zona e que hoxe son asfalto de estradas. Tal é o caso de tres casas da miña aldea que levou por diante a ampliación da estrada antiga. A casa de Brañas, a casa de Cuenza e a casa de Benito. Eran casas fermosas e algunhas, das mellores da aldea. Así que decidín ler un poema meu que escribín fai unhos corenta e cinco anos e que deixo aquí:


A CASA DE BRAÑAS

Hai unha casa en Fonteo
toda vella e afumada
cunha escaleira por fora
e ca porta ben pechada.
Ten ó pé unha figueira
que da figos cada ano
e tamén ten unha horta
que ainda chora polo amo.
Esquecida alá nun curro
a cociña da lareira
durme entre as cinzas mortas.
Xa non ruxe a garmalleira.
Estarán alí ainda
o vello escano e a artesa
a lacena do touciño
o pataqueiro
e a mesa.


Ahí queda unha esperencia rica para un pobo, para o rural galego tan falto de xente e ao que chegan doutros sitios e se integran na nosa cultura para coñecernos e compartir con nós o deles e o noso que non teñen porque ser encontrados senón que é sempre un símbolo de riqueza cultural que nos favorece. Dende aquí, a miña acollida, o meu saúdo, a miña admiración a esas persoas que veñen de fora para acompañarnos no noso camiñar e que son tamén de países asoballados por outros, con lingua imposta  e con risco de perder o que foi deles dende sempre.
Lendo un poema do seu libro e outro meu



sábado, 25 de febreiro de 2017

AO SON DO ACORDEÓN


Facía tempo que non trasnoitaba. Sempre se interpoñía a orografía do meu lugar. Pero, onte, non tiven excusas. A clase de acordeón era en sesión única de oito a dez do serán para logo rematar  cunha cea de confraternidade onde eramos case cincuenta entre profesorado, alumnado, familiares e concellala de cultura da vila de Castro Verde, Lugo. Eu, que non son de xantares, e menos de ceas... logrei sair ben parada e aquí me encontro disposta a pasar parte da mañá escribindo sobre o tema.
Tamén foi onte cando lle tomei gusto ós baixos e me animei a tocar a duas voces con outra colega que tamén é principianta. Non soaba nada mal. Cada día, descubro algo novo sobre o acordeón. É para min un gran descoñecido que vou explorando pouco a pouco e colléndolle gusto! Tocar con outras persoas parecíame algo complicado pero vexo que eso é precisamente o mellor. Faite sentir en comunión cos demais e cando se ve o traballo que cada quen aporta para unirse nun resultado plural, é, sen dúbida, todo un logro. Traballar, tocar.... ou calquera actividade que se fai conxuntamente con outras persoas ten mais forza e cobra unha resonancia de espiritualidade compartida, mais aínda, se de música se trata, porque, como xa sabemos, a música une ós povos, as xentes. Non ten fronteiras nin cores. A música e a danza son linguaxes universais, duradeiras, que dan pé a rituais, a encontros e consecuentemente, a situacións de paz e concordia.
Estabamos alí, por un motivo que nos abranguía a todos/as e eso fai que se potencie a amizade, a conversa, o intercambio de impresións sobre o longo camiño a percorrer na aprendizaxe dun instrumento. Tamén se descubren outras cousas como o peso que pode ter nunha vocación o feito de ter antepasados que se dedicaran ao mesmo. Tal é o caso dunha rapaza, á que eu lle coñecín o seu bisavó, que tocaba a gaita, e que tocou moitas veces na nosa taberna, facendo rúas (bailes que se facían nas casas das aldeas polo entroido ou por outros motivos). Chamábase o Alledo. Tanto él como o Florencio, que tocaba o violín, ou o Hedra, que tocaba o acordeón, estiveran por aquí en moitas ocasións facendo esas ruadas. Había xuventude e con ganas de diversión. Eu tiven a sorte de coñecer aquela época e de bailar ao son daquela música. Tamén se facían poucas fotos. Mágoa. Esta rapaza daría un concerto ela soa por facerse cunha foto daquel bisavó e mais aínda se fose tocando na gaita. Pero será difícil dar con unha!  Ao remate da cea, agasalláronos cun concerto ao que os/as demais nos unimos poñéndolle voz á música. Espero que algún día poida eu sentarme na cadeira dos que saben sacarlle o bo a este instrumento. Parabéns por xuntar tres xeracións a unha mesma mesa!




Florencio e o seu violín.

mércores, 1 de febreiro de 2017

LOUREIRAS





Despois do meu paseo sen Noa, acabei convencéndome de que a mellor opción para plantar ao redor da leira eran as loureiras. Feminino de loureiros e tan diferentes....Eu sempre vin no loureiro como algo de proveito: servía para levar o ramo a eirexa no domingo de Ramos, logo de bendito, podíase queimar cando había treboada forte, alén do uso culinario para quitarlle ás tripas ese olor a fresquío, para dar bo gosto aos guisos, para por nos armarios como antipolilla..... Pero a loureira, para qué servía? Pois ademais de non ter arrecendo as suas follas, eran brillantes e de un verde mais vivo, medraba moitísimo e daba fror. Servía para amurallar calquer sitio que non tivese bo ver. Entón, eso era o meu! Quería poñela no pico da leira para evitar ver lixos alleos, construccións pouco estéticas ou en desacordo co entorno.... Lembreime que na casa onde naceu meu pai, había moitas loureiras. Xa trouxera unha a última vez que fora. Ademais, voltaría a ver o hórreo que él fixo, e a casa grande e abandoada a punto xa de caer. Todo aquelo fora o seu entorno, nun sitio solitario, no fondo da Marronda, con só outro veciño ao lado, que ainda fixo por conservar a casa e pasan alí as vacacións. Despois de xantar iría no coche coa Noa, porque así podería ela sair algo da casa, que como está co celo, non lle deixo asomarse para non encher esto de cans. Así que púxena diante ao meu carón, nunhos sacos para que non soltase pelo, que lle está caendo a feixes, e ainda que algo sorprendida ao primeiro, axiña lle colleu gusto ó meu conducir tranquilo para que non se marease e para ir vendo por onde íamos, seguindo o curso do Eo. Pasamos por Sampaio. Ali vin a casa dun señor que tiven en moita estima cando era unha rapaza. Viña á nosa taberna con frecuencia e ensinábame moitas adiviñas e rompecabezas e sempre me preguntaba cousas para ver se aprendía algo na escola pois él era das escolas de a ferrado e cubicaba leiras e facía moitos cálculos e documentos como un notario. Sempre comía unha latiña de pementos. Encantábanlle! Para él, era a mellor lambetada da taberna e non perdía gota. Bebíalle tamén o zume. A súa casa agora ten unha placa: Os Saavedra. Él, para min, era o señor Saavedra con duas as. Non se fartaba de preguntarme e eu de respostarlle ata que me daba o visto bó, ata a próxima!


De Sampaio, subín por Esgrade. Pouca xente queda nestas aldeas. Todo mais, dous veciños e varias casas pechadas. O mesmo en Castrelo, onde xa non queda mais que un veciño. Se é que queda! Fun moi amodiño para ver ben toda a paisaxe que se divisaba dende a ladeira este da Marronda. Víase Cabreira alá no fondo, Villauriz no alto e aquelas rochas encadeadas que sempre podía ver dende a porta da miña casa e que me chamaron sempre a atención por estaren como unha serra de cortar a madeira, estendídas oblicuamente polo pico da montaña cara a Villauriz.
Xa na Espiña, que así se chama o lugar onde naceu meu pai, fun dereitiña ás loureiras que medraran descomunalmente dende a derradeira visita. Cómo ía eu levar esta especie á miña leira. Taparía as postas de sol e estenderíase por todo como unha plaga, porque eso é o que é.
Entón, deixei a Noa explorar o terreo novo para ela e apañei unha loureira pequena, doada de arrincar, para cumprir co meu cometido pero sen moito interés en plantala.
De volta á casa, sempre amodiño e atenta a ámbolos lados do camiño, ainda con risco de sairme fora  dél, fixemos a ruta por outro lado que pasa polo Real, onde hai duas casas e só unha con xente. Non saíron os cans. Seguro que se fose a pé, tiñan saído. Os piñeirais medraran tanto que xa non se podía ver nada dende o camiño. E así acabóu un fermoso percorrido polo fondo da Marronda, en coche, con Noa e cun día de sol e vento que deu un alento aos de choiva que tivemos ultimamente. Sentínme satisfesita da viaxe e pensei que é doado votarse fora da casa, en coche ou a pé, para disfroitar dos arredores e dos lugares que nos traen lembranzas. O bó, está ao pé de nós!

venres, 20 de xaneiro de 2017

AS BOTAS ROSA

Podería parecer un conto, pero nono é. Eu apenas teño imaxinación para inventalos, así que teño que conformarme con sacarlle chispa ao cotidiano, aos acontecementos sen importancia, porque, ademais, son os que prefiro. Nunha xélida mañá, a menos seis graos de temperatura, auga na billa conxelada e frío ata a médula, nada mellor que sentarse a escribir sobre algo que cambióu o meu día, onte, xoves, e fixo que o balance fose positivo e con final feliz ainda que con certos inconvintes.
Un día enteiro na cidade deu pé para moitas cousas. Entre elas, o cómo estas botas chegaron a min. Indo pola rúa San Pedro, camiñaba diante de min unha señora moi elegante e estilosa que levaba unhas botas como as da foto. Tiven un flechazo con elas, (cas botas) e aprecei o conxunto en sí, dende logo, pois chámame a atención cando alguén ten bo gosto. Dubidei se lle preguntaría ou non ónde as mercara. Ao final puido a curiosidade. Ela deixouse preguntar e eu con amabilidade abordeina. Díxome que as mercara nunha outlet facía dous anos nunha zapateiría na que eu xa tiña estado e da que non me levara moi boa impresión en canto á calidade do calzado. Alí me encamiñéi e despois dun escaneo pormenorizado polo local, non atopaba nada interesante e menos as botas que buscaba. Así que pregunteille a unha dependenta polas botas rosa e levoume de contadiño frente á que se expoñía mesmo na entrada. Cómo non fun quén de vela? Era o número corenta, dous mais do que eu calzo. Probei a compañeira que me trouxo nunha caixa e vin que era ao tal. Perfeita! Así que decidín levalas e ademais tiñan un prezo de risa! Apenas vinte euros! Alá me fun cas botas toda feliz e matinando mil combinacións posibles con vestimenta que tiña pola casa. Dende logo, non ía ser tan ben axeitada como a que levaba a señora, que por certo, chamóulles ás botas, zapatillas de avóa! Pero nela lucían como mocasins dunha marquesa. Cando cheguéi á casa decidín probalas e miralas por debaixo. Xa non era a primeira vez que levaba un par impar! Pero coa emoción do momento, non se me ocurrira facelo na tenda. Así que, comprobei, para a miña sorpresa que eran de distinto número. E so quedaban esas! Quén levaría outro par impar coma min? A diferencia, a simple vista, non era moita, pero de postas, sentía que non calzaban igual. Pasei a noite pensando nas botas e decidín chamar á tenda pola mañá para dicírllelo! Alegreime de novo ao saber que había solución, que terían outro par para poder cambialas ainda que era a do número mais grande! Pe grande, ande ou non ande! E ahí acaba a historia das botas e que me fixo pensar nun libro que lera na miña primeira xuventude, (pois estou comezando a segunda), e que se titulaba "Enterradme con las botas puestas". De non incinerarme, case me gustaría que me puxesen as botas para poder camiñar con pes de rosa polo outro mundo!