A Central Térmica de As Pontes de García Rodríguez ( A Coruña), propiedade de Endesa, foi un dos complexos enerxéticos máis importantes de España e Europa. Comezou a construirse en 1972 e entrou en funionamento no 1972. Pechou no 2019. A súa chimenea coñecida por Endesa Termic, mide 356,50 metros de altura con un diámetro de 36,4 metros na base e 18,9 metros na cima. A chimenea máis alta de Europa e unha das maiores do mundo.
No local da antiga escola de A Capela, hoxe de uso social e museo, reprodúcese unha aula antiga amoblada cos pupitres que foron recollidos de diversas escolas da zona ou donados por particulares que os tiñan gardados. Nela hai toda clase de libros, cadernos e material escolar e pode coñecerse a evolución da escola dende finais do século XIX, primeiros anos do XX, das Repúblicas, do Franquismo, ata os anos oitenta. O proxecto partíu dun mestre que hoxe nos fixo de guía, e que se lle ocurreu facer un pequeno traballo co alumnado do centro que consistíu en traer aquelas cousas antigas que tiveran pola casa para facer unha mostra permanente que ocupaba pouco máis dun moble expositor.
O mestre, de nome Secundino, da miña idade, tamén coñece ben estes utensilios: a pizarra e o pizarrín.
O primeiro silabario, as enciclopedias Álvarez de primeiro, segundo e terceiro grado nas que había todos os coñecementos que se precisaban para facer a proba de Ingreso para acceder ao bacharelato.
O ensino era obrigatorio ata os 12 anos nesa época nosa, pero antes era de 6 a 9 anos porque logo había que traballar.
Non vou poñer todas as fotos que fixen porque non acabaría nunca este post pero todo me lembrou o meu paso polas escolas de postguerra cando tiña 6 ou 7 anos ata que cumprín os 14 porque me deixaron estar dous anos máis.
Esta é a antiga reitoral, coñecida hoxe por O Pazo, foi donada polo párroco para reproducir nela unha casa de labranza galega para o que foi necesaria unha remodelación interior de todo o edificio co fin de adaptala a museo etnográfico. Conta con diversas salas na planta baixa na que está a cociña lareira e ten dúas plantas máis adicadas aos distintos oficios. Alén diso, ten un soto que dá o que sería unha horta, con aparellos de oficios relacionados co carbón, cos telares, carpinteiría, albanelería, gando vacún e cabalar, telares, xastreiría...
Nesta foto vemos un lavadoiro de man, os xabóns, tinas, vertedeiro...
Non podía faltar a cantina que facía as veces de bar e tenda de comestibles e bebidas.
Un cuarto de matrimonio con sabas de liño e mantas trapeiras tecidas en telares. O canastillo do bebé coa súa roupa que en tempos do franquismo se nos eisixía ás mestras a elaboración destas prendas para pasar o que se chamaba o campamento, que viña sendo o noso servizo militar pero en feminino e do que se ocupaba a Sección Feminina.
Curioso este cesto chamado jabuco, que se empregaba para encher os sacos de carbón para que éste non se desfixera ao ser tan delicado e lles chegase ás casas enteiro.
Máquinas de coser moi antigas, ferro para pasar o ferro de moitas clases, a máis antiga ía a carbón, logo as de quentar na cociña de leña, as primeiras eléctricas...
E seguiría falando máis deste museo porque ten moito que ver e no que aprender. Recibe visitas escolares ao longo do ano e de turistas que visitan a zona. Secundino é un excelente guía, que non se cansa de explicar e de que non quede nada por coñecer e saber para que servía, como funcionaba...
Como sempre, fixemos unha foto de grupo no que é o patio ou antiga horta do museo. Nela estamos algúns compoñentes da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde. E despois da visita dirixímonos ao restaurante O Pazo que está a escasos metros do museo.
Pola tarde visitamos o centro histórico de Pontedeume onde nos agardaba Carla, unha guía do Concello que nos explicóu un pouco a historia dos Andrade, de como era o lugar antes de ter derrubado o Pazo para facer unha vía pública, do Castelo, do escudo, das igrexas, prazas...
Abaixo a Praza Real de Pontedeume.
Praza de San Roque, coas súas casas estilo mariñeiro, moitas delas restauradas pero non todas.
Xardín do convento dos Agustinos no que podemos ver a estátua de Alfonso X e o símbolo dos Andrade, o xabarín. A ponte construída polos Andrade tiña máis de setenta arcos e estaba decorada cos xabaríns. Hai unha rúa que ten a figura deste animal polo centro do seu pavimento de principio a fin.
Hoxe non faría falla deseñalo posto que veñen personalmente a visitarnos.
Igrexa de Santiago. De tres plantas. Fachada barroca. Escudo dos Andrade sobre a entrada principal.
Vista interior da igrexa na que se encontra enterrao o Conde de Andrade.
Outra das tres igrexas de Pontedeume, con cruceiro.
E xa, para rematar, a foto que fixemos neste lugar e na que se ve, ao fondo, a nosa guía, Carla, cun amplo sorriso logo de explicarnos con todo detalle o seu lugar histórico. Lembremos que Pontedeume, no seu día tivo unha muralla da que apenas quedan restos.
O Arcebispo de Santiago de Compostela, S. XVII, Bartolomé de Rajoy naceu en Pontedeume, coñecido polo seu labor de constructor e restaurador.
Así rematou o día, cunha viaxe a que en principio non tiña pensado ir pero da que qudei moi satisfeita por todo o que aprendín e compartín co grupo e que me levou por tempos pasados e presentes que forman parte da miña propia historia. Houbo un momento moi emotivo dentro do museo cando un dos asistentes leulle ao guía unha lembranza: fora alumno del cando tiña entre oito ou nove anos e grazas a contactos familiares que tiñan en común, puido saber que hoxe, ía estar recibindo outra lección do que fora o seu mestre nunha escola da zona ferrolán. O mundo é un pano! E fai ben e non mires a quén!






















Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.