www.leriasdebea.blogspot.com
Translate
domingo, 26 de xuño de 2022
O VAL QUE HABITO
martes, 21 de xuño de 2022
RÍO ADENTRO
Río adentro é a colleita gardada dende a adolescencia. Gardouse en carpetas nas que xa non cabía nada mais. Estiveron moito tempo no faiado, agardando. Houberon perderse cando se restauróu a casa. Mais de unha vez intentei escribilas na miña Olivetti. Logo no ordenador. Empezara a tarefa e deixeina a medias. Tivo que pasar tempo ata que atopei o tempo e as ganas de poñer en orden o contido que se deixa levar pola corrente deste río de tres treitos, como ten que ter un río: treito alto, treito medio e treito baixo. Son treitos ben diferentes.
O primeiro nace alí onde o Eo nace, onde nacen as inquedanzas dunha rapaza que ve o mundo con poesía pero que sufre o desleixo dunha época de penurias, de asoballamentos, de falta de liberdade... e quere arranxar ise mundo levantando a súa voz entre outras que tamén o fan e que van ser quen a leven polo camiño da protesta, do inconformismo, da reivindicación, do emprego da lingua nai...
Aqueles primeiros poemas foron incluso queimados pola súa proxenitora, porque, na casa, paraba xentel a comer e a durmir e tiña medo que todo aquilo que escribira puidera caer en mans alleas. Fun quén de reescribilos de memoria. Non eran moitos. Daquela, a memoria non estaba gastada, xogaba ao meu favor.
Algúns dos poemas deste treito foron publicados en xornais locais, de Lugo e de Ribadeo. Outros forman parte dun libriño "Seis novas voces das letras galegas" que sacóu a editorial Celta de Lugo e que comparten páxinas cos de outros autores, todos eles homes, que tamén comezaban a escribir por aquel tempo.
O segundo treito contén poemas escritos en Ortigueira, froito dunha experencia músico-amorosa e tamén algo turbulenta, participando por vez primeira no festival de música celta que alí se celebraba cada ano. Nesa mesma etapa aparecen poemas escritos en Londres a ónde o destiño levou os meus pasos sempre aventureiros, coa excusa de pasar alí un curso escolar de auxiliar de español en dous colexios do leste de Londres. Poemas, mais deles, escritos nun inglés precario e simple. Tamén en castelán porque, lonxe da Terra, parecía que o galego non tiña sentido. Había que entenderme noutras linguas xa que, aínda que os galegos e galegas abondamos por todo o mundo, non tiñan presencia no meu día a día.
A partir dos anos oitenta, deixei de lado a poesía. Sempre achaquei iso á falta de tempo. Acabar cansada ate mais non poder, cada día, non me cadraba coa poesía. Mesmo nona lía tampouco. Teño que dicir que poesía lera máis nos primeiros tempos, na época de estudante, qué lin pasada esa etapa. Daquela gustábanme mais os libros en prosa, ( ensaio, novela...). A pesares de non escribir poesía, eu nunca deixei de escribir cartas, moitas cartas. Eran, incluso, cartas poéticas, que me foron encamiñando máis cara á prosa. Se por cartas era, ate ao meu alumnado puxen a escribir cartas en inglés dirixidas aos seus colegas estranxeiros. Iso deu bons resultados que se materializaron en intercambios, visitas, viaxes e moita participación de toda a comunidade educativa dos países implicados.
Xa no cambio de milenio, e volvendo ás miñas raíces, comecei a escribir un blog de experencias persoais ao longo do vivido; feito con retazos de lembranzas, de saberes aprendidos, de camiños percorridos, de rutinas diarias... fun enchendo páxinas e páxinas durante trece anos ata o día de hoxe, e funas enchendo con textos en prosa, con poemas que volvían a aflorar cando algo os motivaba.
Así viron a luz nun libro gordo, de cincocentas páxinas e que me fixo moita ilusión, pois aínda que todo estaba publicado no blog, con ilustracións, vídeos e outros adornos, eu sentín algo especial ao telo nas miñas mans e poder compartilo con outra xente. Foi unha presentación inesquecible, xunto a mesma fonte do Eo, como unha festa medio improvisada, nun lugar emblemático e familiar de toda a vida.
Só que nese libro non estaban os poemas. Por iso, decidín reunir todos os que tiña de antes e de agora e facer este libriño que quedóu precioso e que quixen que levara o río no título e na tapa.
Pero Río adentro, non só é o río físico, que me acompañóu dende nena, senón que é un río espiritual, un transcurso vital, como dicía, Jorge Manrique " Nuestras vidas son los ríos que van a dar a la mar"
E, Río adentro, é tamén ese lugar onde, a veces, van parar as nosas penas, as nosas bágoas, os nosos sentimentos feridos.
Río adentro é un río subterráneo que vai erosionando.
Nota:
As persoas que queiran pedir o libro á editorial directamente. Envían gratis a toda España e ao estranxeiro con un pequeno coste,
luns, 13 de xuño de 2022
AS ROSAS DO MEU XARDÍN
As rosas do meu xardín
compiten en fermosura.
De cores vanse vestindo
amosando a súa frescura.
As brancas tráenme paz.
Son sinxelas e atraíntes,
Rompen coa monotonía
e manteñen a harmonía.
As rosiñas olorosas
de cando eu era cativa.
Nacen soas, medran soas.
Alegraron a miña vida.
Plantadas foron de poda,
regaladas, non roubadas,
medraron canto puideron.
A miña casa engalanan.
Co seu perfume me alagan,
locen como o sol na auga,
beben da noite o rocío,
tórnanse na mañá, bágoas.
sábado, 4 de xuño de 2022
REFRESCO DE BIEITEIRO
Bieiteiro, sabugueiro... son algúns nomes para denominar unha árbore que medra moi ben en Galiza, (Sambucus nigra) que florece nesta época do ano e os seus ramalletes brancos deixan perfumado o ambiente onde se atopen.
Parece ser que esta bebida que se prepara mediante unha fermentación á base de auga, zucre, flores da árbore, limón e algún que outro ingrediente, ten sido moi popular en Europa xa no tempo dos romanos.
Por iso, cando fun visitar Rumanía e vin que medraba alí, chamóume a atención. Contáronme que elaboraban coas flores unha bebida moi refrescante para o verán.
Pasóu tempo e non me deu por probar a facela ata estes días. Volvín pedir a receita ás amigas rumenas e, hoxe mesmo, me dispuxen a preparala, en menos proporción para probar.
Ésta árbore é medicinal. As flores son diuréticas e emolientes. Coas bagas, cando están xa ben negras, pódese facer viño, compotas...
As flores sempre me resultaron un pouco cargantes cando as tiña na casa para adornar. Non soportaba o seu cheiro tan intenso e dulzón. Agora saberéi como aromatizan unha bebida e se resulta tan sabedora como dín.
Foto da miña preparación
INGREDIENTES:
3 litros de auga / 60 gr. de flores (5/6 flores grandes) / 300 gr de azucre (eu puxen panela) /
2 ou 3 limóns / xerra de cristal de 4 litros
PREPARACIÓN:
Cortar cunhas tesouras os ramalletes das flores. Cortar algún limón en rodaxas e os outros espremer xugo nun bol. Poñer o azucre, Remexer e engadir algo de auga dos tres litros.
Verter na xerra, engadir as flores e as rodaxas de limón. Tapar con algo, plato, tapa da xerra ou tarro. Compre que todo sexa cristal. Poñer nun sitio soleado 2/3 días. Remexer a mestura todos os días. Se fai mal día, tardará mais en fermentar. Tampouco é necesario que acade a fermentación depende do gasificada que a prefiramos.
Deixo un video que me envióu esta amiga de Rumanía, así sabemos mellor os pasos a seguir e cómo servila. Paga a pena ver o video.