www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

mércores, 30 de abril de 2025

ENCONTRO EN PIORNEDO



 Piornedo é un lugar da montaña luguesa na que abondan os piornos, (Cytisus oromediterraneus), pranta arbustiva con flores amarelas, da mesma familia que a xesta, (Cytisus scoparius), chamada tamén vasoira por utilizarse para varrer os fornos do pan ou o cereal nas airas.

Está Piornedo nunha elevación con amplos vales de frente. Pertence á parróquia de San Fiz de Donís  e ao concello de Cervantes. Este asentamento formado por casas circulares e con cubertas de palla de centeo, é da época prerromana, ten monte de varas e os seus habitantes tiñan a condición de fidalgos/as, agás dúas ou tres familias, querendo esto dicir que son "señores/as de seu", sen mezcla de sangue,  e que non estaban aforados a ningún mosteiro ou a outra institución feudal.  Eran os donos/as das súas terras.



Levóunos a Piornedo, (a min por segunda vez), unha xuntanza de (CMMC) Comunidades de Montes en Man Común, para tratar temas de recuperación e conservación dos nosos montes, co fin de poñer en valor os seus recursos naturais, paisaxísticos, culturais... alén da prevención des lumes que tanto afectan a Galicia cada ano, destruíndo toda a súa biodiversidade.



Fixéronse rutas polo monte e traballos de limpeza, asambleas e video conferencias con expertos de outros países e desfrutamos, como non, da gastronomía da zona, do folclore, da visita ao seu muséo etnográfico nunha das pallozas que se conserva tal como se vivía  e que leva por nome Casa do Sesto, porque en Piornedo, como noutras zonas do rural galego, as casas teñen nome. Vimos que todas lucían con fachenda os seus nomes nas entradas principais ou nos hórreos.


Hai en Piornedo unha convivencia entre as que foron as antigas vivendas, pallozas, e as que se foron construíndo despois, casas novas, cadradas, de pedra tamén pero con cubertas de pizarra. O que sí nos causóu grande mágoa foi ver como bastantes pallozas foron recubertas con chapa para preservalas do seu paulatino deterioro, xa que non queda xente que as habiten, e a pouca que queda son xa maiores e ninguén quere seguir cultivando nas searas o centeo que produce a palla para cubrilas como antano e tampouco non hai moita man de obra que entenda e saiba cómo facer ese traballo artesanal que require coñecemento especial seguindo a tradición.


Piornedo foi un lugar de glaciares e transformacións. É abundante en auga que baixa dende todos os lados, ten tamén os seus ríos que discurren polo val, pero a auga é fría e fina, déixase beber e todo soa cando cae neses pilóns de granito ao longo dun camiño ou en calquera recuncho da aldea. 

Polos seus montes andan o oso pardo, os xabaríns, os zorros, lobos e outros animais salvaxes. Tamén habitaba o urugalo, águias, mouchos...



As vacas andan polo medio da empedrada aldea, soando as súas chocas cando veñen dos prados. E os gatos e cans pasan o día panza arriba ás portas das casas, menos ún, o de Isolina, que non lle perde paso e vai mesmo ás reunións que se fan na casa escola, hoxe centro cultural, e tanto entra na cociña como se mete na sá de baile e bota unha muiñeira comigo. Por certo, ten un parecido coa miña Nóa, que xa non está.


Deixamos Piornedo para voltarmos cada quén ao seu lugar de procedencia, algúns de extremo a extremo de Galiza, coa esperanza de que o que alí se falóu teña unha repercusión positiva no coidado do patrimonio que redunde na prevención de incendios forestais, e que sexa un exemplo a seguir polas novas xeracións. 






sábado, 12 de abril de 2025

O Lebre das Casarizas

 Hoxe, emprendemos unha viaxe co grupo Amigos do Patrimonio de Castroverde, a A Peroxa e a Os Peares, dous lugares fronteirizos entre Lugo e Ourense, no entorno da Ribeira Sacra.

O motivo era visitar o Museo do Lebre, ver os restos dun castelo, degustar un xantar no concello de A Peroxa e logo achegarnos ata a aldea de Os Peares, onde confluén tres ríos: o Miño, o Sil e o Bubal. 

Empezo polo museo adicado a un xenio, a un inventor, home creativo e de moitos oficios e todos lle deron pan, porque, como é sabido, se nos fiamos do refrán: "home de moitos oficios e ningún lle dá pan", non é o caso ao que se acolle o noso ata hoxe, iñorado por mín, de Manuel Fernández Fernández (1906 - 1997), alcumado O Lebre e contarei por qué ise alcume.



Súa nai, unha moza moi garrida, era un tanto acosada por múltiples pretendentes e a todos lles daba cabazas, fuxindo como unha lebre, que xa sabemos que as lebres tenden a escaparse con facilidade e velocidade.

 Tivo alomenos cinco fillos/as, sendo Manuel quen coidaba dos seus irmáns máis novos porque quedaran sen pai cando él contaba nove anos.

 Herdóu o alcume de súa nai e todo o mundo lle chamaba  O Lebre.

Xa dende moi novo deu mostras de ser un rapaz moi intelixente pero naqueles tempos e na situación del pouca escola recibira. Pero sí tivo contacto cun paisano que sendo enxeneiro, pasáballe libros que él lía e dos que sacaba moitas ideas. 

O Lebre tivo múltiples oficios: transportista, ferreiro, músico, dentista, inventor de máquinas e ferramentas que lle facilitaran o traballo , dados os poucos recursos que daquela tiña ao seu alcance e que mesmo artellaba a partir de outros en desuso, polo tanto xa practicaba a reciclaxe. 

Tiña unha mente inventiva, unha xenialidade que penso xa traía consigo cando veu ao mundo e unha facilidade para dar resposta as dificultades. Se non tiña, inventába.

Así pois inventóu unha máquina de mallar con limpadora integrada que se adaptaba a todo tipo de gran.

Chegóu a vender tres malladoras. Viñan de outras partes de Galiza para ver de copiarlle o modelo pero nunca dixóu que tomasen medidas. Só podían miralas.

Mesmo fabricaba escopetas coas súas municións. Esto valeulle ir ó cárcere nunh ocasión por ameazar a un crego e noutra por mallar nun ano que houbo prohibición de usar gasolina porque escaseaba e él artellóu usar carburo, e a garda civil foi buscalo pensando que estaba infrinxindo  a lei.

Pero na cárcere coincidíu cun dentista e tivo tempo de aprender del todo o referente a esa profesión que logo exercéu na súa casa e que mesmo compartíu coa súa dona quen tamén a practicaba.

O Concello de A Peroxa, decidíu valorar todo o traballo deste home e facer un museo na súa honra, no que se atopan todas as ferramentas, máquinas, etc... que ata hai pouco estaban en posesión da familia quen as cedeu todas ao museo. Un museo pequeno pero moi cheo de cencia, de invención, de arte...

Poño a continuación varias imaxes que amosan o que alí se encontra.


                                                            Moto coa que transportaba

                                                        A gaita e frauta que tocaba

                                                            Malladora, limpadora
                                                                        
                                                                        Sulfatadora

                                                                 Equipo de dentista


Logo de ver o museo, moi ben explicado pola guía do Concello de A Peroxa, fomos camiñando ata un castro no que se atopan as ruínas dun castelo dende o que hai unha vistas impresionantes de toda a redonda.





Voltamos á vila, na que se celebraba unha feira e que xa atopamos no seu final polo que non tivemos ocasión de vela, dirixímonos ao restaurante Fabas que estaba cheísimo de xente. No noso grupo eramos xa vinteséis. A comida resultóu ben e tocounos un comedor con boas vistas. Demoramos un bo anaco e, mentres, deixamos que a chuvia se desfogara despois de deixarnos facer os paseos sen amolarnos.

Tocaba ir a Os Peares, lugar onde conflúen tres ríos, como xa dixen, entre montañas e viñedos en socalcos polas ladeiras. Un lugar ribeirego e abrigado dos ventos. Cruzamos por unha ponte sobre o río e entre ríos, unha ponte de ferro, case colgante, pola que pasa o tren que vai de Ourense a Monforte. Teño que confesar que me sentín moi pouco segura sobre ela e menos mal que non pasaba o tren nese momento e pasóu un pouco máis tarde cando xa non estabamos nela.

A min soábame moito o do viño dos Peares, e razón tiña, porque foi un viño que se exportóu moito nunha época, ao estranxeiro e que deu moita riqueza ao lugar que chegóu a ter 5.000 habitantes, tendo agora só uns 200. Cando se construíu o encoro temán foi unha época que xeróu riqueza e aumentóu a poboación.

Non podía virme sen unha botella de viño que foi premiado en dúas ocasións. Tamén unha fermosa leituga que se comia cos ollos de fresca que estaba, como recén saída dunha daquelas hortas locais e que me servíu de cea.









luns, 24 de marzo de 2025

TRIGO MOURO


 Cando publiquei no Facebook a foto anterior e expliquei que se trataba do pan que acababa de fornear a partir do gran chamado trigo sarraceno, algúen me comentóu que fai moitos anos facíase un pan moi similar con trigo negro, ou trigo  mouro. Eu pensei que non se trataba do mesmo tipo de gran que eu denominaba sarraceno e quixen pesquisar.

Os resultados da miña pesquisa chegan á conclusión de que o trigo sarraceno, ven sendo ese trigo mouro galego, que é da familia das Polygonaceas, especie Fagopyrum esculentum, orixinario de Asia Central, concretamente de países como China, Rusia, Ucraína, ou Polonia pero que se coñecía aquí en Galiza como alforfón, aumentativo de alfarfa e que servía para o consumo humano e máis de forraxe para os animais. Tamén se lle coñece como alfalfa galega, ruda de cabra ou herba leiteira. 

Este gran, que non é un cereal como o trigo, non probén das gramíneas, considérase moi saudable e axeitado para personas que non toleran o gluten do trigo aínda que non se recomenda para aqueles que teñen alerxia a histamina.

É rico en proteína, fibra e antioxidantes. Considérase moi enerxético e axuda a combatir o estriñimento regulando o tránsito intestinal. Non contén graxas saturadas nin colesterol e cero azúcares.

Aclarado todo esto, direi que dende fai un tempo son consumidora do pan elaborado con este trigo mouro, que eu mesma fago na casa a partir do gran que merco a granel nunha tenda especializada.



Como non leveda por sí só hai que engadirlle Psyllium para que axude a alixeirar a masa que nunca vai levedar como outro tipo de pan normal.

A receita que mellores resultados me deu, foi a última que mirei e da que deixo aquí o link ou o vídeo.



Unha vez forneado, deixo arrefriar, corto en lonchas que separo cun papel de forno e conxelo para  logo ir sacando as que preciso no día.

Nada que mellor me sente que almorzar cunha base de pan feito con esta receita e poñerlle enriba o que me apeteza ese día. Neste caso, despois de torrar as rebanadas de pan sarraceno, engadir allo, aceite de oliva, aguacate, xamón deshidratado no microhondas, tofu e marmelada de mango... 



(O prato ten historia. Foi mercado en Chartres, Francia, cando viñamos de Bruxelas co noso grupo de Fuxan os Ventos)

sábado, 8 de marzo de 2025

A MULLER DA MIÑA VIDA

 


Día da Muller non é so hoxe, oito de marzo, senón cada día. Día do ser humano, sexa do xénero que sexa. 

Eu quero adicarlle unha lembranza á muller que non só me deu a vida con grandes dificultades, senón que me ensinóu a vivir, que me trasmitíu os seus saberes, o seu talante, a súa atitude.

Natalia, a muller que coñezo e entendo mellor hoxe que daquela, foi nai e mestra. 

Crieime ao lado dela, xuntas iamos lavar a roupa ao río, carretabamos a auga, ela na sella, eu nunha xerra ou balde. Cando chegabamos a casa, sen folgos, refrescabámonos cun vaso de cervexa mesturado con gaseosa. 

Dende que se casaron ela e Ramiro, (hai que dicir que foron emprendedores), puxeron unha cantina. Meu pai era carpinteiro e ela costureira. Tiñan oficios con que gañar algún cartiño para empezar a vida nunha casa de prestado compartida con outra familia. 

Axiña, miña nai soubo como compartir ser taberneira, costureira e, logo cociñeira de vodas e banquetes que se celebraban nas palleiras das casas das aldeas. Chamábana de moitos sitios. Ela atendía a todo.

Facía os asados nos fornos do pan. Levava equipo da súa casa para que non faltase detalle. Dábaselle a repostería e preparaba tortas nupciais de varios andares. 

Tiña un taller de costura e viñan moitas rapazas aprender con ela. 

Xa andado o tempo quedaron sos coa casa e daban xantares, ceas e mesmo aloxamento  a xente de paso ou que tiñan traballos pola zona. 

Colleu moita fama de boa cociñeira e chamábana dos restaurantes de Baleira para ir cociñar a caza, da que era unha experta, así como de fritir as troitas do río Eo. Viña xente de Lugo comer troitadas aquí na nosa taberna.

Ninguén chegóu aquí, fose a hora que fose, que non atopase un xantar. Tiña moita capacidade de improvisación e logo aparecía comida na mesa.  Ademáis era creativa. Facíanos a roupa a meu pai e a mín. Lembro o vestido de comunión que me preparóu, sen faltar detalle, cosendo aos poucos, entre tantas faenas das que se ocupaba pois tiñamos horta, animais, (porcos, coellos, galiñas, gato...).



Meu pai andaba traballando por fora. O negocio da taberna case o levaba ela soa. A xente non pagaba ao contado. Todo era "apunta aí". Ela tiña que poñer a cara para pedir os cartos a xente que se marchaba sen pagar. Valía para todo!

Cantas veces non tiña que sufrir comentários insultantes de meu pai, cando facía algo que a él non lle parecía ben. E tampouco se cohibía da xente, alí onde lle viña, alí lle chamaba cousas que non eran verdade, como chamarlle burra diante dun público. Él non era malo pero tiña mal xenio e non se contiña. Cánto ela non sufríu coas súas arrancadas que a foron minando ata que, chegada a menopausia, tivo un brote esquizofrénico que levou moitos anos medicándose, indo a psiquiatras... Causado tamén polo bulling de veciños que lle tiñan envexa.

Eo escoitaba todo aquelo e sentíame mal. Nada podía facer. No meu interior sempre me poñía do seu lado porque me parecía inxusto que a unha muller tan intelixente e activa se lle chamara burra. Doíame no meu adentro e agora doume conta de que aquelo era un tipo de maltrato psicolóxico. Pero naquela época, a muller tiña que aguantar, non se pensaba en separación e menos en divorcio porque non tiñan de que vivir se non era emparelladas e aínda así, pouco se conseguía, e tendo en conta que pagaban os meus estudos na cidade...

Agora, cando máis entro na idade que ela tiña cando eu xa era uha muller independente, voume dando conta de que herdei o seu xeito. Son unha persona activa, creativa, que gosto de facer de todo, traballar unha horta, escribir, facer doces e xantares para mín e para compartir...

Por eso, hoxe, Día da Muller, vou participar nunha iniciativa que temos na aldea, de xuntarnos as poucas mulleres que somos e algún home tamén, e celebrar cunhos doces e uns cafés e licores o estar vivas e vivos e aínda sendo pouca a xente que queda, sentirnos acompañados e en harmonía.




domingo, 9 de febreiro de 2025

Ribadeo deu de sí!

 


Ribadeo deu de sí.

Descubrir Ribadeo, de novo, e o que de novidade ten despois dun longo tempo sen ir...fixo a maxia da miña visita co gallo de presentar alí, Entre Nós e o Eo, o libro do que son coautora xunto con Antón Cando, na biblioteca que leva o nome dun famoso indiano, Vello Pancho, como se facía chamar este emigrante ribadense.

Situada nunha rúa empinada que mira cara o mar, nun patio con arco de pedra e casa tamén de pedra na que medran trepadoras, fíxome sentir nun pazo.



O que máis me sorprendeu, unha vez no seu interior, foi ver riba dunha mesa, un exemplar do semanario Las Riberas del Eo, que se editóu en Ribadeo dende 1884 ata 1971, ano no que se publicaba nel un dos meus primeiros poemas ao río Eo, o 16 de xaneiro, sendo nese mesmo mes cando deixóu de editarse ese semanario de case un século de existencia.

Dentro, aínda embalados en caixas, agromaba unha edición do libro sobre o Vello Pancho, noviños, recén editados, aínda por catalogar, gordos e pesados...atrouxeron os meus ollos e non puiden pasar sen coller un e poñerme a ler algúns dos seus poemas que el musicaba e acompañaba coa súa guitarra mentras amansaba cabalos ao son da música.



Chamóume a atención a súa escrita, medio criolla, medio galega, uruguaia, ao fin!

Tamén descubrín o noso libriño nunha imprenta, papeleiría, Bahía de nome. Estaba entre unha morea de libros, ben podía ser o de xogar a encontrar a Wally, porque se non fora pola súa tapa co hórreo, pasaríame desapercibido. Pero un hórreo, sexa como sexa, non se deixa iñorar.



Baixei e subín por calexóns nos que se amorean casiñas baixas que agardan ser devoltas á vida. Deixeime perder polos recunchos máis agochados e fixen fotos de todo o que chamaba a miña atención.

De contado, puxen os ollos nunha tenda de productos locais, pois quería mercar limóns ecolóxicos, do limoeiro de ao lado, para non ter que roubalos cando calexeaba. Fixeime no seu letreiro: A aldea de Manín, e lembrei que Manín chamábanlle a meu avó materno, despois de vir de Cuba, logo de terlle escoitado dicir esa palabra con moita frecuencia.



A presentación do libro resultóu moi ben e puiden coñecer personalmente a unha sobriña neta de Cándido Sanjurjo de San Tirso de Abres, autor do libro Entre Fonteo y el mar, que levei comigo para falar, precisamente del.

A experencia daría para tres páxinas alomenos. Pero a miña frugalidade lévame a ser breve, como frugal foi a miña cea no local de O Alén, onde ceei so coa tapa de albóndiga acompañada dalgunhas  das persoas que asistiron ao acto de presentación.

Á mañá seguinte agardábame un almorzo de chocolate con churros que tan ben preparan no hostal Linares, un sitio ao que penso voltar.









( Especial agradecemento á Agrupación Francisco Lanza, que nos facilitóu poder presentar o libro, facendo un oco na súa apretada axenda cultural. Moi especialmente a Farruco Graña que compartíu mesa conosco e levóu o fíu da presentación. Tamén á bibliotecaria, Mónica, pola súa disposición en colaborar e facer horas extra. Tamén a María Cando pola súa participación no tema da toponimia da comarca de Ribadeo).




luns, 3 de febreiro de 2025

DÍA DE SAN BRAIS

 


                                                          San Brais de Fonteo (Baleira)

                                  

                                    Sandador de gorxas

                                   Armenia deuche o ser

                                   Nunha cova ermitao fuches

                                   Bispo, médico, cristián mártir

                                   Romanos te torturaron

                                   As cadeas te cruzaron

                                   Inspiras festas galegas

                                   Santo patrón de Bembrive e Curuxeiras.


Hoxe celebramos a festa de inverno adicada ao San Brais. A pouca xente que quedamos na parroquia e que nacemos aquí, seguimos a vella tradición aínda que algo diferente porque xa nada é como ten sido. Case sempre había neve nesta época do ano pero non por iso nos arredabamos de celebralo coa comida típica de inverno que consistía nun bo cocido coa mellor tallada do porco e con botelo, chourizos, longaínzas, grelos, garabanzos, patacas...

Tampouco faltaba a música dos que andaban polas aldeas tocando nas casas e facendo ruadas ao pé das lareiras. Na miña casa, a taberna, facíase baile ao son do violín do Florencio, a gaita do Alledo ou do acordeón do Hedra.

Pero volvendo ao santo, que aquí é o segundo xa que a patroa é a Nosa Señora, o 15 de agosto, festa principal que tamén celebramos, o San Brais, aquí sempre chamado San Blás, apenas sabiamos de onde lle viñera a santidade. E é que este cristián, nado en Sebaste,  Armenia, na actual Turquía, fora bispo, médico, ermitán e logo mártir cristián, torturado e executado polos romanos na época do emperador Licinio. 

Fixo vida ermitá nunha cova na fraga do Monte Erciyes, que logo se convirtiría na súa sede episcopal. As cadeas cruzadas que aparecen na súa imaxen, simbolizan a tortura a que foi sometido.

Coñécese pola súa boa man na sandación de gorxas. Así que aquelas personas que teñen problemas con elas, encoméndanse a él. 

É curioso que en Galiza, so hai duas parroquias na que é santo patrón: a de Bembrives en Vigo e a de Curuxeiras en Ourense.

Refrans:

En chegando o San Brais pon pan e viño na alforxa que día non faltará.

San Brais da Barca que afoga e non mata.

Polo San Brais teñen os días dúas horas máis.





domingo, 5 de xaneiro de 2025

CONCERTO EN MEIRA


 Meira vístese con traxes de natal. Coa fachada da súa igrexa, recén restaurada, está lista para acoller un moi agardado concerto de Abraham Cupeiro, un artista en toda regla que non só toca os instrumentos senón que os construe e algúns con técnicas do século XVIII, como unha trompeta barroca, ou un cornu que se atopóu nas ruínas de Pompeya, e outras máis raras basadas nunha moeda romana. Así como tamén encargos que lle fixeron outros músicos como Carlos Núñez, unhas trompetas para o Pórtico da Groria en Compostela, ou un cornu para o aniversario da Muralla de Lugo no seu aniversario como Patrimonio da Humanidade, e tantos outros instrumentos, máis de cen que di non tocar ningún deles ben por ser moitos e que algúns nin os toca.

Eu, á igrexa de Meira, chámolle catedral porque formóu parte dun mosteiro cisterciense moi importante no que se estudaba filosofía como na universidade e aínda que non se conserva na súa totalidade, os seus restos que son a igrexa e a actual Casa do Concello, abondan como mostra do que ten sido.

Facer un concerto destas características, require esforzo por parte de todas as persoas que o organizaron. Nas dúas sesións, estivo a igrexa ao completo. Nin que dicir ten a calidade do son e da iluminación que transformóu o lugar dándolle a calidez acolledora que nos mantivo receptores de principio a fin. 

As persoas implicadas:

Sabela Caamaño:Acordeón

Antonio Cienfuegos:Contrabaixo

Alba Barreiro:Harpa

Cibrán Seixo: Violín

Davide Salvado: Voz

Matthew Ward : Voz , guitarra e acordeón diatónico

Son: Jose Antonio Vilas

Iluminación: Alberto Casas

Realización en Directo : Cidre Barco

Kachet e Escoitame

María Ruiz e Rodrigo Rodríguez : producción

Fotos: Joani Jartín







Como convidados de honra ou como sorpresa, participaron no concerto Mattew Ward, do norte de Irlanda, que cantóu en gaélico e tamén en inglés e que fala perfectamente en galego. Acompañóuse con acordeón diatónico e con guitarra. Por outra parte, levóunos ás cantigas de arrieiros Davide Salvado quen man a man co irlandés, ofrecéronnos varias pezas de tipo cantareiras e mesmo con aires flamencos, tocando David a pandeireta. 

Saín do concerto querendo volver á segunda sesión pero xa non había ningún sitio libre. 
Ben por Meira, por este concello que aposta pola cultura e por potenciar todo a súa valía como atracción cultural e turística.

domingo, 24 de novembro de 2024

FESTA DE ANIVERSARIO

 


Despois de ler este libro, non precisei pensar moito para darme conta de que os nenos e nenas de hoxe en día, sobre todo aqueles e aquelas que viven nas cidades, precisan urxentemente volver á Natureza e sentir que teñen os pes e as mans na terra, nas árbores, na auga e que poden e deben xogar cos elementos naturais que lles estan vedados, ás veces por ese costume imposto por unha sociedade onde o aséptico é unha regra de hixiene que hai que manter a toda consta.

Pois, onte, tiven a oportunidade de asistir a unha celebración  de aniversario das miñas netas, en plena natureza, na que viven, posto que viven no rural baleirado e onde apenas hai outros nenos ou nenas da súa edade. 

Coincidindo coa súa primeira inmersión na escola pública, (pois antes tiveron escola na casa onde pai e nai fixeron de mestres ata xa ben avanzados os estudos primarios), convidaron a todas as novas amizades que fixeron na escola do seu concello.

A festa tiña moitas partes. Un programa ben organizado que se levóu a cabo coa colaboración de pais, nais dos e das convidados. 

Foron chegando arredor das catro da tarde a aldea e no lugar indicado para a festa, explicouse o plan:

Primeiramente había que sair a percoller o lugar e ir seguindo as indicacións que os levarían a atopar un tesouro.

Metidos xa por unha corredoira, na fraga, atopamos a bruxa Pitoña que nos estaba agardando carregada de fardelos e outras quincallas.



Ela empezóu a darnos as súas explicacións para poder chegar felizmente ao agardado tesouro. Amosábase moi eisixente e poñíanolo un tanto complicado, a base de notiñas que os nenos e nenas tiñan que ir lendo porque ela non sabía nada de ler palabras escritas, só sabía ler nos garabullos que levaba na faldriqueira.



De seguida lle puxo catro trapos a unha voluntaria que faría de axudanta de bruxa e foi a que leu a primeira nota que nos mandaba ir ata a primeira volta do camiño e alí buscar algún dos bechos que se precisaban para facer unha pócema. Os bechos eran tres sapos, tres serpes, moco de murcego e fiuncho, (herba que se lle pon ás castañas cocidas para aromatizalas e que medra nas veiras dos camiños) pero non estaban todos nun sitio, había que ir e vir e facer sumas e restas e tirarlle das orellas á bruxa para sacarlle os paus que escondera e que ela interpretaba ou lía. Total, que nos fixo, ler, calcular, e tamén nos deu outros consellos para non caer en trampas, que hoxe está o mundo cheo delas. 

Había que consultar tamén cun zorro que vive na fraga e tivemos que chamalo o berros ata que nos escoitóu e logo veunos dar algunhas pistas que precisabamos. Era un zorriño moi amable e ben falado.

Logo de atopar os requeridos ingredintes escondidos nos sitios menos pensados: debaixo das follas, subidos nunha árbore...



Faltábanos ir buscar ao espantallo Froilán que estaba nunha horta da aldea coidando de que os paxaros non comeran o que era para a xente.  Uniuse á comitiva e encamiñámonos para o lugar da festa onde estaba o caldeiro da bruxa agardando para facermos a pócema. 



Fomos metendo nel todos os bechos, remexendo e remexendo e por se eso fose pouco tivemos que aprender as palabras máxicas que non nos saíron ben á primeira, nin a segunda, nin a terceira, e mesmo tivemos que ensaiar unha chea de veces ata que por fin, a cousa funcionóu e dalí saían cousas malas, ao primeiro, cousas que non había que probar así porque sí, xa que podían ser dañinas para a nosa saúde. Pero tamén saíron outras que viñan envasadas en tarriños de cristal e tiñan unha cor como de chocolate, e estaban quentes, e ulían ben, a chocolate...e entón SÍ, aquelo podía beberse! 

Aínda nos faltaba dar co tesouro e non sabiamos como seguiría aquela busca, pero, en principio servíunos para repoñer forzas despois da andaina e de tanto ler e calcular facendo sumas e restas para sacar sempre o resultado cero. Tiñamos xa dous ceros e quizá o terceiro nos levase ao tesouro.

Non sei ben como se chegóu a él pero apareceu alí na porta do garaxe unha gran maleta. Abrímola e dentro había tantos paquetes cos nomes dos e das asistentes, que mesmo parecía que eran os agasallos do apalpador. Colléu cada quen o seu e abrírono. Dentro viñan cousas para comer, libretiñas para escribir e outros enredos. 

Felices e contentos/as, pasamos xa a merendar a gran banquetada que nos tiñan preparada para toda a xente pequena e grande na que non faltóu de nada, bocatas, doces, froita, gominolas, patacas fritas, zumes, empanadas... e unha enorme torta de chocolate coas candeas enriba para que as agasalladas sopraran, coas luces apagadas e coa cantiga de parabéns de todos e todas nós.




Logo da fartura, veu o lecer. Abríronse os agasallos que trouxeran os e as convidadas. Sorpresas e máis sorpresas...

Despois organizóuse un taller de confección de bonecas nas que participaron  tanto as nenas, nenos, como pais e nais . Foron horas de traballo e con moi bos resultados.




Mentres, eu fíxenme amiga do espantallo e convideino a un baile. Primeiro bailamos un valse e logo unha bachata. Eu que sempre soñei con atopar un bailarín!



Non me quero despedir sen que saibades o reverso do libro que puxen de primeiro. Tal vez nos sexa de moita utilidade.