www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

venres, 2 de febreiro de 2018

UN PASEO POR CORUÑA

Despois dun xantar en boa compañía, no sitio menos esperado, e moi perto da Torre de Hércules, o mellor que puiden facer foi ir visitala e camiñar a partir dela, ou pola esquerda ou pola dereita. Eso xa era imprevisible. Escollín ir polo Este. Facía tempo que non pasaba por aquela zona, e resultábame case irrecoñecible.
Onde antigamente había leiras, agora hai prados con camiños de terra para camiñar ou ir na bici. As vistas son impresionantes e cando hai temporal, ainda mais. Aquí naufragaron barcos como o  Mar Egeo e o Urquiola fai unhos cantos anos.



Os monolitos, esculturas mirando ao mar, semellan un grupo de persoas que teñen saudade do mar e fican para sempre ollando para él. (Interpretación miña)
Un pouco mais adiante, aparece este monumento con poemas, un de García Lorca.

Este panel, explica un pouco o que eu deixo sen comentar, pois non me lembro de todo e indo ó paso que ía.....
Cemiterio dos Musulmáns, construído durante a guerra, no 1937.
Praia ou cala das Adurmideiras (Amapolas) Lugar inédito para mín. Gustoume descubrir outras praias de Coruña que non sexa a de Riazor.
Uha praia, que ademais, é bandeira azul! Ten o seu engado. Chamoume a atención!!!!
Praia de San Amaro, pequena península cunha urbanización con vistas ó mar por todas partes. Tampouco sabía desta praia. O cemiterio de San Amaro, ubicado aquí, é o mais antigo.
Praias que son do meu agrado xa que non teñen apenas ondas fortes e están abrigadas do nordés.
Farolas deseñadas con gusto artístico, ao longo do paseo que leva ó náutico e Castelo de San Antón. Motivos marítimos dunha artista, muller, da que non me quedei co nome!!!
Pasei de longo polo xardín de San Carlos, sen entrar nel e virei á direita para pasar xa polas rúas e prazas da cidade vella, atopando esta igrexa, adicada a Santiago, que está nunha praza que eu non tiña visitado antes.
Sabía que me podía estar metendo na boca do lobo e apurei o paso. Rúas pouco transitadas e sempre algo sospeitosas para espíritus solitarios.

E xa, na amplitude da Marina, que agora é peatonal e so poden entrar buses e taxis, sentínme algo mais segura.


Sentíndome algo cansada do paseo, estiven a punto de coller un autobús para dirixirme á casa da miña amiga e anfitriona, en Catro Camiños, pero optei por facer o pequeno tramo a pé, así podía ir descubrindo mais cousas, entre elas, a Fábrica de Tabaco, hoxe convertida en vivendas de protección oficial, ainda aparcadas polas moitas trifulcas que causou no seu día a pugna por elas. Non sabía que estaba alí, perto da Fábrica de Cervexa.
Deixo aquí a reportaxe do meu paseo por se alguén se anima a seguir os meus pasos!!!!!








venres, 19 de xaneiro de 2018

DEUS APRETA PERO NON AFOGA

Despois da tempestá ven a calma! Quen poucas veces está  enferm@, leva mal a enfermidade, por benigna que ésta sexa, tal foi o meu caso: unha simple gripe sen mais complicacións que as que conleva e o periodo de convalecencia que se alonga mais do debido e a desgana por todo invade a nosa vida, facéndonos débiles, dependentes e todo iso sumado á pouca pacencia ante a inclemencia, fai que sintamos que algo mermóu en nós, mesmo as ganas de escribir, de facer cousas que antes eran a rutina de cada día. Pero hai que vencer, hai que seguir, hai que fotalecerse e verse xa na normalidade, empezando por tirar para adiante, insistir en voltar a todo o que deixamos aparcado. O café non sabe, os doces non saben a doce, nada sabe.... pero tes que comer e beber o mesmo para recuperar a enerxía perdida, e ves como o corpo o agradece e paga con xenerosidade, permitindo que cada día poidas acometer algo que tiñas en stand by. A lectura foi algo que me mantivo entretida e alonxada de pensamentos negativos, a música, o baile, a xinasia, a natación....sachar e facer limpeza na casa.....e sobre todo, durmir! Pero as amizades foron decisivas nese intre! Sentir que a xente se preocupa por ti, que te chama, que se ofrece.....que che aconsella.....Eso non ten prezo!!!!! Polo que deixo aquí as miñas GRAZAS,  con maiúscula!
Hoxe é un día no que o sol agroma, os paxaros pían na miña horta. Tamén tiven un amigo paxaro, un papo roibo que viña frente á fiestra da cociña, á tódalas horas do día, sosiño....non sei se non tiña parella ainda, andaría buscando, ou se turnaría no neal para levar comida ós seus filliños, ainda que me parece cedo para que teña xa familia. Era fermoso poder observalo sen que se decatase. Un paxaro da miña infancia, tal vez o primeiro que souben identificar, polo seu papo roibo tan chamativo.
Os meus animaliños facíanme deixar o leito ao ter que coidalos, darlles a comida, estar algo con eles. Tiraron de min! Noa sabía que algo raro me pasaba pero soubo acomodarse a non ter paseo. Eu compenseina con outros mimos que as dúas nos facían ben. O gato deulle pola comida. Púxose tan obeso que tiven que telo a dieta, e ainda segue porque mesmo parecía un globo negro con patas e ollos de faro de coche entre tanta negrura. So facía pedir comida cando, en realidade, quería mimos. Hai que ver cómo nos parecemos os seres vivos!
Ainda que non teña nada importante que contar, gústame estar de novo no blog, que tiña aparcado nun post que xa me resultaba incómodo, pois é sobre un libro moi duro que lin e que me deixóu un pouso pesimista, que é xusto o que non me convén.
Estou lista para saborear a miña nova modalidade de café descafeinado con tila e melisa! (Polo de non durmir). Con todo, xa me sabe a café de meia mañá que acompaño con torta imperial de améndoa de Alicante. Sabores case esquecidos e aparcados, xa que nono tomei no Nadal, cándo se supón que se debe de tomar. Pero a mín gústame todo o ano.
Hoxe paso a mañá cociñando e mentras se fai o xantar, aproveito para pasar polo blog e deixar algo, ainda que sexa pouco e gastado, pero, cando menos, dou sinais de vida e de ter intencións de continuar cas miñas lerias, que son eso, lerias, cousas reais, a pé de rutina, de vida sen demasiado interés literario, pero chego a conclusións un tanto estranas, as veces, non sei, a literatura por sí soa non acaba de tirar de min! Aprecio o bon escribir de moita xente, a súa imaxinación, a sua arte de saber comunicar..... pero aquelo que se comunica.... non sempre me seduce. Por eso, é moi difícil atopar un libro, un escrito que tire de min!!!! Tamén me pasa co arte visual! Eu busco algo siñificativo, que me diga algo!
Remato, porque un cheiriño a queimado, avísame de que estou descuidando os guisos....Ademais, agárdame un paseo con Noa, por esta mañá sen chuvia, na que xa sinto ganas de comerme o mundo!!!!

mércores, 27 de decembro de 2017

NINETEEN EIGHTY-FOUR

O libro chegóu ás miñas mans trinta e tres anos despois. Un avó adicou
llo ó seu neto ,(nado no mil novecentos oitenta e tres): "....esta historia ten só un erro: a data ", dice a dedicatoria.  O autor de Rebelión na Granxa, George Orwell, xa deixara en min unha inquedante mensaxe cando o lín na miña época de estudante. Agora, con esta historia, de ficción, (eu diría entre comiñas), chega moito mais alá no estudo do PODER, e dos medios, sen escrúpulos, para obtelo, chegando mesmo ó lavado total de cerebro á base de aterrorizar e someter a torturas, que secadra foron aplicadas noutros lugares e épocas como algo habitual e xustificado polos que torturan. Lémbrame a PIDE en Portugal co salazarismo. " O poder consiste en infrinxir dor e humillación. O poder racha as mentes humanas en anacos e ponas de volta outra vez onde lle convén"
Vale a pena lelo, ainda que ten partes moi duras e malas de levar e soportar. Eu estiven a punto de abandonar a lectura ahí pero, un anaco de esperanza, polo menos de xusticia, parecíame que podia levar a un desenlace menos doroso, ainda que un cerebro lavado, non da para moito. Esa idiotización que o poder necesita na sociedade para poder campar ás súas anchas, non é de todo unha ficción. Un libro ben escrito, que puiden ler en versión orixinal. Está plagado de neoloxismos, que obedecen á idea de reducir o vocabulario ó mínimo, (para qué necesita un ser co cerebro lavado, un vocabulario tan amplio como o inglés, chamado Oldspeak) e aflora so o que sirve a causa do poder, eliminando todas as palabras que se consideran pouco siñificativas e mesmo que van en contra do que rixe, chamándose esa nova forma de vocabulario  Newspeak. Coido que paga a pena lelo ainda que non é agradable, dada a crueldade dalgunhas esceas pero `All is well if ends well`

sábado, 23 de decembro de 2017

A PEQUENA FOSFOREIRA


A pequena fosforeira, que na noite de nadal, miraba pola pechadura da porta, á luz dos seus mixtos, os interiores das casas, repletas de comida e bebida e de caixas con agasallos, con luces e panxoliñas, con todo tipo de luxos... e ela, medio descalza, mortiña de frío, ía acendendo mixtos para quentar as suas mans, despois dunha xornada baixa en ventas, na que ninguén se paraba a mercarlle nada, coa presa que levaban.... Agora, aquela fosforeira, xa non ten traballo. Xa non sente envexa daquela opulencia que lle estaba vedada. Medrou, fíxose moza, ten ideas propias e mais é crítica co que a rodea e non cre moito nesta celebración. A veces ata lle entran ganas de ir pinchando papá noeles por cada esquina. Hai tantos.... Son como michelíns....anunciando algún tipo de rodas!

domingo, 19 de novembro de 2017

ROTEIRO DOS SALTOS



Nesta
mañá de domingo, co sol ben alto, ceo azul, nun dazanove de novembro que promete verán outonal ata non se sabe cando.... saímos "tres pes para un banco"  facer unha andaina dunhos nove quilómetros seguindo o curso do río Eo. Comezamos en Fonteo e escollemos ir pola marxe esquerda do río, pasando pola Veiguiña, Basín, O Real... xa que ese camiño é solleiro a esa hora e de paso, podiamos admirar a fraga do Carballal con forma de dragón, postrado, durmido nun letargo ancestral... e adiviñar o castro que oculta a súa cabeza, onde a enerxía se deixa sentir cando se pode chegar ata alí, cousa difícil hoxe en día, por estar o camiño cheo de maleza. Ao chegar a Sampaio, vimos cómo o aparcadoiro estaba cheo de coches e o camiño ben sinalizado e con paneis informativos. Agora, perderse non ten excusa! Por fin a Marronda pode ser coñecida e explorada como se merece. Diriximos os nosos pasos á Aceña de Serra para ver o salto de auga, que leva pouca por mor da seca, pero ainda está de bo ver. Despois de fotografala dirixímonos á aldea de Sampaio e collemos rumbo a Cabreira, desviándonos á dereita para achegarnos o Salto da Ferraría, pasando por un antigo muíño ainda ben conservado e baixando á veira do río Eo, na que se atopa.




A Ferraría
Vista de Sampaio
Estreando paneis
Espectacular atopala con tanta auga, formando unha lagoa na que apetecía case pegarse un baño. Ali, escondida, difícil de atopar para quen non sabe dela, ofrece un concerto que rompe o silencio do lugar. O outono, cas suas cores diversas, é o escenario escollido para este auditorio natural. Retornamos por Sampaio e collemos o camiño que pasa pola piscifactoría, que é mais fresco a esa hora do mediodía no que xa se pensa no xantar que nos espera. Eu apañei un boleto en moi bo estado e que nun revolto fixo as veces dun xantar inexistente. Así é a natureza cando te portas ben con ela! Aliméntate! Despedímonos, con ganas de explorar mais polo miúdo esta Marronda chea de paisaxes increíbles e de roteiros diversos que non se fan todos nun mesmo día. Mellor levalo pouco a pouco e saborear ó seu paso, todo o que nos ofrece, incluída a xente que habita nas aldeas e que conta historias e sabe ben onde está cada cousa. Deixo unhas fotos que fixo Manuel porque coido que saíron mellor cas miñas. Grazas a él e a súa dona Teresa por acompañarme a onde non iría soa. Vivamos o rural!
O Eo o seu paso por Sampaio















luns, 6 de novembro de 2017

NAVIA


Como unha bonequiña,
espida e sonrosada,
sobre o leito de hospital,
a menos de once horas
da tua saída ó mundo,
atopeiche aquela mañá
de domingo, cinco do once.
Parecíchesme tan pequeniña
e indefensa, que sentín
percorrerme o corpo
unha tenrura infinita.
Cando te collín nos brazos
faleiche baixiño e canteiche
cancións que escoitaches
coa atención debida.
Os teus olliños parecían
querer coñecerme e
un sorriso agradecido
esbozaban os teus beizos.
Estivemos así media hora
sentíndonos, recoñecéndonos.
Acomodadas nun mutuo abrazo.
Ti eras Navia e eu "granny".
Esperábanos un mundo por descubrir.
Grazas a ti sei o que se sente
ser duas veces avóa por non
ter sido duas veces nai.
Levas nome de deusa celta
e terás en min a túa súbdita
mais sumisa e entregada.
Benvida á terra prometida!







xoves, 12 de outubro de 2017

ROTEIRO AVELINO DÍAZ


Fai poucos días, deixaba eu aquí un poema de Avelino Díaz, poeta que descubrín o día que fixen turismo por terras de Meira. Un poema adicado ó río Miño, que alí nace e que foi seu compañeiro de nenez, xa que moi axiña deixaría esta terra para nunca mais voltar a ela.
Avelino Díaz (1897-1971) nace nunha aldeíña chamada A Travesa que pertence á Órrea (Riotorto), nunha casa humilde. Fillo de solteira, a nai tería unha gran influencia na súa vida e poesía, xa que aos dezaseis anos, deixaríaa para emigrar a Bos Aires e xa non voltaría a vela. Pasóu en Meira, con ela, algúns anos da súa infancia, e por eso, o río Miño deixóu pegada na súa imaxinación de rapaz, e levaríao no corazón como fiel compañeiro dos seus primeiros xogos. Poeta, xornalista, dramaturgo....e catro volumes publicados e pendentes outros moitos escritos, fíxose a sí mesmo no eido literario e, como tantos outros, dende a emigración, colleitou méritos para Galiza. Os seus conveciños mirandeses souberon darlle aprecio e acollelo no seu lugar natal honrándoo cun roteiro que leva o seu nome e que tiven a sorte de percorrer fai dous días cun grupiño de amigos aficcionados á literatura, a natureza e a camiñar. Comezamos o roteiro xunto a casa de Avelino e fomos subindo polo monte, seguindo o camiño que antes facían os feirantes que ían a Meira cada quince días, como se facía noutros lugares perto dos que vivo para ir tamén a outra feira que se alternaba con esta, e que era a de Castro Verde. Fomos pasando por camiños forestais que se abriron para repovoar os montes con eucaliptais, e que van en paralelo a camiño de carro polo que seguramente se ía á feira en cabalos ou a pé. Tamén se atopan sitios onde a natureza autóctona brinda ese sosego e equilibrio que fai sentirnos ben na súa presencia. No alto fixemos unha parada para repoñer forzas e compartir un pequeno refrixerio e logo iniciar o descenso que nos levaría, por pequenas aldeas, ata chegar a Meira onde nos agardaba un xantar nunha casa rural e logo continuamos o ascenso ó Pedregal de Irimia, para escoitar a música do Miño baixo as pedras que o agochan e acunan, como un cantar de berce, que eu gravei para poder escoitalo cando queira relaxarme e sentir a paz que trasmite.
A partir de ahí, empecei a buscar mais información na web sobre Avelino a través da Asociación que se formóu na Órrea para que non caia sobre él o esquecimento e poida ser protagonista dunhas Letras Galegas, cousa que estaba prevista para este ano e non puido ser. Desexo que o consigan e que todos aqueles e aquelas que souberon interpretar o mundo con poesía sexan os nosos exemplos para lograr unha vida mais pacificadora co entorno, cos demais e con nos mesmos.






venres, 29 de setembro de 2017

O GALO DE BARCELOS

Galo de Barcelos


Galo louco, canta morto,
Já nao no mundo recente;
Mas quando havia forca
Para salvar um inocente.

Galo preto e sedutor,
pintalgado e florido;
Dá sorte por tradiçao
A quem o tiver consigo

O galo de Barcelos,
De mil tamanhos e cores
É fonte de inspiraçao:
Para ceramistas e pintores.

Com muitos coraçoes,
Eleito por toda a gente.
Por ser base de milagre;
Na vida de quem é crente.

     Poeta Celso Cunha

Conta a lenda, que un galego, en peregrinación a Santiago, ao seu paso por Barcelos, foi acusado dun crime que tivera lugar naquela vila e foi sentenciado a morrer na forca. Quixo ir ante o xuíz para pedir clemencia e éste atopábase celebrando un banquete cos seus achegados e había un galo asado sobre a mesa. O galego díxolles:

"É tão certo eu estar inocente, como certo é esse galo cantar quando me enforcarem."

E cando se dispuñan a levar a cabo o aforcamento, coa corda ao pescozo e o nó apretado, o galo cantóu, para sorpresa dos alí presentes. Tiveron tempo de chegar a tempo de baixalo da forca e así salvóu a súa vida. Dende daquela, o galo é venerado e incluso se lle fixo un monumento e de ahí que Barcelos estea cheo de galos.
Vista do centro de Barcelos
Mercado

Outra vista de Barcelos
Eu fun onte a Barcelos, precisamente a mercar un galo! Nono merquei no mercado, nin nas tendas de souvenirs, senón que, fuxindo do ruído, adentreime por rúas estreitas e pouco concurridas. Detívenme diante dunha tenda de cerámica que tiña galos, santiños e moitas cousas típicas dalí. Ao fondo, unha señora vestida de negro, dispúxose a atenderme e darme información sobre os galos. Habíaos de cerámica, de metal, de madeira.... de diferentes cores e tamaños e usos. Eu non queria un galo moi grande, nin moi pequeno e que servira para algo.
Tenda de cerámica onde merquei o galo
Así é cómo me decidín por ún que servía como servilleteiro para poñer na mesa e ser visto pol@s convidad@s. Falamos de moitas cousas, e díxome que o seu home falecera había tempo e que fora poeta e escritor. Mostroume a biblioteca onde tiña lugar unha tertulia literaria con asiduidade e na que se conservan as paredes forradas de vitrinas cheas de libros ben ordenados e catalogados. Unha sá na que as cadeiras están perfectamente alineadas, con pasillo polo centro e ao fondo, unha longa mesa rectangular e penso que un piano tamén pois contoume que ao remate da tertulia sempre había actuacións musicais e canto. O poeta é o autor do poema ao galo que puxen o comezo deste post. Publicou dous libros de poesía ainda que escribía tamén en prosa.
Biblioteca e sa de tertulias
Este feito encheume de ledicia e fixo o meu día en Barcelos, pois, sen pretendelo, atopeime falando con xente da localidade que me contaba as súas historias e a eso chámolle traballo de campo.
Despois de min, entrou unha parella de xaponeses.
Un pouco mais adiante, déronme os ollos no nome da ferretería que tiña xusto en frente: "CASA MEIRA". Resultoume curioso porque eu estaba de excursión en Barcelos cun grupo de  Mulleres Rurais de Meira (Lugo). Entrei preguntar por qué se chamaba así. Era unha ferretería moi antiga. Dixéronme que viña polo seu apelido.
Ferretería Casa Meira
A viúva de Celso Cunha, púxome ao tanto doutros feitos que tamén me interesaron, tales como o nome de San Antonio de Pádua, nado en Lisboa e de nome de pila Fernándo. Miña nae foi moi devota deste santo e sabía e dicía de memoria os responsos cada día. Mira por onde, a señora da tenda agasalloume cos responsos en portugués e mais tamén me comentóu sobre a Ermida de Nossa Senhora da Franqueira, levantada á virxe das Neves ou do Rosario, por deter unha batalla que estaba prevista nese lugar, a petición dun devoto desta virxe quen atendeu a súas súplicas e éste mandou facer unha fermosa igrexa no seu honor.
Logo dunha mañá moi antropolóxica agardábanos un xantar delicioso nun restaurante da vila. Era comida tradicional portuguesa a base de caldo verde e bacalau pero feito doutro xeito mais moderno, estilo cociña de diseño. O viño verde non deixóu nada atrás e facilitou a dixestión de tan exquisitos manxares.
A feira, que duraba todo o día, perdera a forza que tiña pola mañá, cando tendeiros e tendeiras berraban prezos e gangas ca forza dos galos do lugar. Pero, co día de sol e calor que facía, os ánimos foranse apagando contra a tarde e os prezos tamén tiraban para abaixo. Así foi cómo me fixen cas uvas do viño verde a un prezo reducido.
Todo é ben se ben acaba e esta foi unha viaxe que eu desexaba facer. O que non sabía era que ía resultar tan didáctica.
Detalle do comedor











xoves, 21 de setembro de 2017

POR TERRAS DE MEIRA

Non fai falla ir moi lonxe. A sorpresa éstá en calquer lugar. Aínda naquel
polo que pasamos centos de veces e non vimos. So pasamos. Tiña una obriga pendente co nacemento do Miño. Todo mais que coñecía era Fomiñá pero ahí non nace o río. Así que, onte, día solleiro e de portas afora, voteime a explorar Meira. Despois de facer varias xestións, sobroume día para darme o percorrido que antes non fixera. Fun a Turismo e informeime. Collín folletos. Fixen fotos e puxen pés ó camiño. O primeiro de todo foi a igrexa que é unha xoia do s. XII e que formaba parte do convento cisterciense do que so se conserva o que hoxe é o Concello e parte do claustro procesional. Fora Colexio Maior de Filosofía da Congregación da Reforma de Castela dende 1590 ata 1835 que é cando remata a vida monástica. Declarado Monumento Nacional. É un dos mellores exemplos do arte cisterciense en Galiza e en España. Destaca o seu rosetón da fachada e as ferraxes orixinais da porta datados do s. XIII. Ten un claustro renacentista. Albergóu a portería, hospedaría, colexio de Filosofía, etc
Logo de ver a igrexa e o seu claustro, achegueime en coche ata a casa rural "O Cazoleiro", para ver cómo se fora ampliando dende a última vez que a visitei. Moitas dependencias novas para cabalos, para carts e unha piscina climatizada. Entrei nela, e aquel calorciño que me envolveu, convidoume a probala. So había unha persoa nela. A través da cristaleira que a rodea podíanse ver as árbores frutais que lle daban un ambiente moi acolledor. Estábase ben! Foi unha experiencia no roteiro que me marquei. Dende alí, achegueime, no coche tamén, ata o Pedregal de Irimia, lugar onde nace de verdade o río Miño. Apenas un regatiño baixaba por entre as pedras. Nada que ver co nacemento do Eo, onde nace abundante auga e xa é río grande na mesma fonte, pero eso proba cómo de unha cousa pequena pode emerxer algo grande como o noso principal río ainda que din que o Miño leva a fama e o Sil a auga!!!! Sen axuda non hai nada!!! Alí demorei a tomar o meu cafetiño de media mañá e un tente en pé que sempre levo á man. Xa, dende alí, e como o día prometía, decidín sobre da marcha, dirixirme á costa da Mariña para pasar unhas horas na praia. Ainda había algo de xente pero era unha praia de setembro, ca auga quentiña, o sol quentando, os cans aproveitando e deixando as pegadas "de todo tipo" pola area e eu tomei o meu baño antes do xantar, que por certo, consistíu nunha empanada de mazá feita artesanalmente en Meira. Estaba admirada do ben que saía o meu día improvisado e de canto benestar me aportaba a miña terra sen ter que irme a grandes distancias. So hai que ver con ollos novos o mesmo que ves cada día e sacarlle o máximo! Ainda parei en Lourenzá a coller tres ou catro mazáns que había á veira da estrada.
O poeta meirego Avelino Díaz escribíu:

¿Quen dixo, craro río Miño
que naces en Fumiñá
se xunt-a Monterredondo,
xa pasas, feito un rapaz?
...
E sei, tamén, que tés
o teu bercio máis atrás,
aló na Serra de Meira,
d-Irima no Pedregal.

14-11-1870 / 29-11-1961

Por certo, o día 23 de setembro celébrase no Pedregal de Irimia, a Festa de Afirmación e Dignidade. (Ver programa no Facebook).Haberá actuacións de varios grupos folclóricos e cantautores na praza de Meira.
Valorar o que temos antes de que outros nos ensinen a valoralo é un xesto intelixente por parte nosa.



martes, 12 de setembro de 2017

RIANXEANDO




Chega setembro con chuvias febles que restauran  a terra e devolven a vida ás plantas. Unha incursión polos arrabaldes rianxeiros, polas praias desertas que ofrecen a quietude e a calma do final de verán. Ainda se poden apreciar na area, restos de castelos que a marea non destruíu, pequenas ensenadas que ofrecen a frescura da mañá, e emparrados de don diegos que sobresaen no verdor da follaxe, salpicando de violeta a ladeira dos cantís. Mais alá, o porto deportivo que agocha as embarcacións, da un aspecto de lugar turístico e ambientado, moderno e á altura das circunstancias. Polo outro lado, o porto mariñeiro de dornas e barcas de pesca, lémbranos que estamos nunha antiga vila mariñeira onde todo xira en torno ao mar. Un alto para un café de media mañá  nun lugar concurrido a esa hora. É día de mercado e a xente afánase en atopar o choio do día. Paso de vagar polos postos, sen intención de mercar nada, (para iso saín con cinco euros contados) e disfruto do percorrido por este lugar no que vivín vinte e tantos anos. Sempre é reconfortante voltar a este sitio e a outros nos que vivín, como Fisterra. Atoparme co coñecido e deixarme sorprender polos pequenos cambios que me poñen ao día no devir destas vilas mariñeiras, das suas xentes, dos seus progresos ou retrocesos. Da man da miña netiña, déixome conducir á barca que o pescador repara e na que ela quere subir. A barca está metade dentro, metade fora e non é lugar seguro para ela. O señor ofrécelle o cadelo que garda no coche e promételle que subirá á barca outro día. Mínia quere ser pirata da fragata! Acometer ventos e mareas. Descubrir illas e ver os arroas xogando ao escondite.
Esta Rianxo celebrando as festas da Guadalupe e vótoas de menos agora que estou lonxe. Cando vivía alí, case me escondía delas para non sentilas, polo ruído ambiental que producían. Ainda que nunca esquecerei a ceremonia orquestral da canción que lle da fama: A Rianxeira, interpretada por tres orquestas ás duas da madrugada, coa praza ateigada de bengalas como única iluminación, e todo o mundo seguindo a canción ondeando como marea viva por toda a praza. Fermoso e emocionante! Nin tampouco o espectáculo de pirotecnia con fogos na auga e bagoas de cores chovendo dende o ceo rianxeiro ata fartar! Algún día voltarei ás festas para bailar ó son da música todo o que non bailei daquela!