www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

martes, 26 de decembro de 2023

RUTA DOS PINTORES

 


Por fin chegóu, por sorpresa, o día que me levaría a coñecer esta ruta da Fonsagrada, (Lugo), despois dun primeiro intento fallido, por mor da chuvia, días atrás.

Chámase así, para honrar a dous pintores nados en aldeas polas que pasamos, Benjamín Vázquez de Pántares e Miguel López Monteseirín de Allonquiña.

Comezamos a ruta na Ferraría,  con mal pé, nunca mellor dito, porque o sendeiro estaba masacrado polo tránsito de tractores carregados de madeira que fixeron del un barrizal no que nos enterrabamos ata os nocellos. Fomos sorteando este obstáculo como mellor poidemos pero coa intención de poñelo en coñecemento das autoridades para que, polo menos, eisixan aos madeiristas a reparación do camiño tal e como estaba antes de usalo.



O sendeiro, a carón do río Allonca, zona protexida por ser Reserva da Biosfera, levounos por paraxes sombrías ao principio, na fría mañá de xeada, para ofrecernos unhas vistas espléndidas de montaña, val ou case cañón, por fragas de robledo, acivro, teixos, entre outras especies.

A primeira igrexa que atopamos, Santa María de Allonca, S XVIII, unha das poucas que teñen escaleira exterior para acceder ao campanario.



En canto chegamos a un alto no que o sol empezaba a aquecernos, vimos unhas rochas planas e alí decidimos tomar o café da mañá. Non faltóu turrón de castaña e chocolate, de elaboración caseira, bolachas, froita deshidratada traída de Indonesia...




para logo continuar por un sendeiro protexido por laxes estreitas e punteagudas, paredes de pedra que seguramente serviron de protección dos animais que levaban o gran ao muíño que atoparíamos máis adiante en moi bo estado de conservación, tendo tamén vivenda para o muiñeiro na planta alta.






Chegamos a un nucleo rural formado por vinte casas, moitas en ruínas e outras restauradas. Era o punto máis afastado da ruta dende o que retornamos ao punto de partida, xa que se trata dunha ruta circular de uns 11.500 kms. 
A aldea chámase Allonquiña e agás no periodo vacacional, atópase sen habitantes. Ten unha capela na que se gardaba unha escultura de Santiago Matamouros que agora se conserva na casa grande de Allonca e tamén  unha escola feita en 1955 co diñeiro dos emigrantes do lugar en Arxentina.
Alí atopamos unha fonte xunto a unha  casa que leva por nome O Relaio e debaixo do hórreo  decidimos tomar o xantar que levabamos e que xa ía sendo hora de comelo.









Pasamos por Allonca, e chamóunos a atención a Casa Grande, da que falaba antes. É realmente suntuosa, con moitas propiedades arredor así como hórreo, e outras dependencias.







Un pouco máis adiante atópase o núcleo rural de Allanca con estas casas grandes ben conservadas e habitadas moitas delas.



Desexando chegar ao punto de partida apuramos a subida empinada por un sendeiro algo escorregadizo despois dunhas cinco horas que aproveitamos para ir devagariño vendo cousas, ouservando, sentindo a natureza e entreténdonos con historias, cantigas... desfrutando da boa compaña e agradecendo ter tan perto de nós, lugares tan idílicos e interesantes, con moito que aprender deles, de como vivían as súas xentes, dos traballos que pasaron para facer as casas, as paredes das lindes das fincas e camiños, o aproveitamento do río, dos muíños nunha paisaxe agreste, montañosa e na que se sinte a natureza, a paz, o silenzo e se respira aire puro sen contaminar... Un tesouro que merece ser gardado e coidado.

Grazas, Iria, Sande e Daniel por tan boa compaña e por brindarme a oportunidade de coñecer sitios tan interesantes.

sábado, 16 de decembro de 2023

RUTA DAS SERPENTINAS




A Asociación Galega de Custodia do Territorio, tiña programada para hoxe unha ruta polos endemismos serpentínicos na serra do Careón, na que conflúen tres provincias galegas: A Coruña, Lugo e Pontevedra.
O lugar dista 73 kms dende a miña aldea. A mañá non era nada favorable a coller o coche e facelos. Había néboa mesta, xeada, moito frío e era de noite aínda cando saín da casa ás oito da mañá. Pero a temática chamóume dende o primeiro momento. Quería coñecer de perto as especies florais que alí se conservan a duras penas, debido aos impactos ambientais que se presentan na zona.
A herba de namorar de Merino, (Armeria merinoi)Magarza de Barazón, (Leucanthemum gallaecicum), Santolina de Melide, (Santolina melidensis), todas elas loitando pola supervivencia e que non puidemos ver na flor porque non hai ata a primavera.




 O punto de encontro era na aldea de Basadre, xunto a eirexa. Fomos chegando por contagotas porque as pistas de acceso eran pouco máis que camiños e sen sinalización. Alí nos agardaba o noso guía, Martiño Cabana, biólogo e principal responsable deste proxecto de Preservación do territorio en colaboración coa Deputación da Coruña que mercan e arrendan parcelas co fin de protexelas da devastación que algunhas empresas e particulares pretenden facer sen miramentos e que  poñen en perigo especies protexidas e en perigo de desaparecer para sempre.

Estas especies medran nun determinado terreo de rochas metamórficas que por un proceso de serpentinización, carganse de metais pesados como o níquel, o cromo ou o cobre e propician que agromen especies novas e resistentes a eles cando outra vexetación non prospera nesa toxicidade. Por iso se lles denomina especies endémicas.




Comenzamos a andaina cruzando o río seco, afluente do Ulla ao que teríamos a oportunidade de ver en varias ocasións perante a ruta e que me parecéu moi caudaloso, case como o Miño.




O sendeiro descorre por camiños ben enlamados, enchoupados de auga por todos lados. Os máis precavidos levaban botas altas de goma. Vense moitas plantacións forestais de piñeiros e eucaliptos así como grandes parcelas que van ser destiñadas a unha celulosa, Altri, xunto a espazos de Rede Natura que lindan con dita parcela, algúns dos mercados ou alugados por Custodia do Territorio e que ocasionarán mais prexuicios ca beneficios.




Pasadas as zonas que íamos visitar con máis implicación no proxecto de preservación, acadamos unha ladeira que descende ata o río Ulla onde se atopa un muíño, un complexo residencial privado, nunha zona cun microclima idóneo, protexido do norte por unha montaña e onde atopamos chumbeiras.






 Un exemplo de rochas metamórficas saínos ao paso por este lugar perto do río e Martiño explicóunos o seu proceso de formación ao longo dos tempos.




Despois de despedirnos, algúns retomamos a volta por camiño diferente ao que viñeramos de mañá. Así foi como cheguéi a Agolada, vila que foi chamada Aqua Lata e que siñifica auga conducida, levada.
Atopámonos alí cunha festa de mocidade, todas e todos disfrazados, que se dispuñan a celebrar un xantar de confraternidade, amenizado por unha charanga e en honra ao santo inventado para a ocasión que ten algo que ver co nome Aqua Lata.




Gustoume ver o conxunto monumental de carácter etnográfico que forman as pendellas da feira, 
que é patrimonio a conservar e que, actualmente, xa non se usa por teren indo decaendo as actividades que se desenrolaban en torno del como o aloxamento dos animais en días previos á feira, os postos das verduras, dos tecidos e demáis útiles que se vendían e mercaban nestes lugares.




O día portouse ben, con sol abundante, ceos azuis e moito intercambio de coñecementos que ían aflorando dos nosos vasos comunicantes. Pagóu a pena darse o madrugón nunha mañá que tiraba a calquera para atrás. Nesta vida hai que aventurarse, aprender cousas novas, relacionarse cos demáis e bailar canto se poida. Eu non me privei de facelo en Agolada, ao son dos sasofóns, trompetas e percusión. Un sitio ao que non pensaba ir e fun!

xoves, 7 de decembro de 2023

UN DÍA DE MUSEO

 


Un día de  chuvia incesante e intensa, botou a perder os planes. Por unha estrada de néboa e chuvia, dirixínme, as 10:00 á Fonsagrada. A ruta dos Pintores agardábanos. Estaba organizada dentro do programa Foliada da Fonsagrada 2023 na que haberá concertos, gastronomía, obradoiros...

No punto de encontro, só había un grupiño de xente xoven, que agardaba baixo unha das grandes carpas que se preparaba para o evento. Os ánimos de facer o roteiro non eran os agardados. Decidimos compartir un café e enxugarnos algo da chuvia que xa nos mollara. Alí, moi animadamente, decidimos non ir e cambiamos de plans. A mín ocurréuseme unha visita ao Museo Etnográfico, que é de recoñecido prestixio.  


Con aquelo de que non hai mal que por ben non veña, aló dirixín os meus pasos en solitario para, logo, atoparme con alguén máis que optóu pola visita ao museo.

Comezando a explorar as salas, apareceu un milagre: Esperanza, unha voluntaria case octoxenaria, que fixo de guía e nos ensinóu cousas que nós non houberamos sido capaces de interpretar pola nosa conta. 

Esperanza, unha lucense que deixóu a cidade por amor a un fonsagradino, é embaixadora e colaboradora cultural da vila montañesa de Lugo, dende fai moitísimos anos e da que non ten pensado irse. Axuda adecote no museo, ten moitos coñecementos do todo o que alí se garda e que foi donado pola xente do concello máis grande de Lugo, coñece ben a xente, os persoeiros antergos e actuais que destacaron nas artes, así como a historia do lugar a través dos tempos presentes e pasados.



Pasamos alí máis de duas horas, engaiolados pola súa dialéctica tan chea de entusiasmo, anécdotas, curiosidades... e descubrindo qué eran e  para qué servían algúns dos obxectos alí gardados, e tamén o proceso de elaboración do liño, da lá, dos instrumentos que foron inventados para mecanizar as tarefas domésticas e que son froito de mentes creativas e cun sentido práctico que demostra a intelixencia dos seus autores, capaces de crear unha tecnoloxía a partir de elemtos moi simples como a madeira, o ferro, as plantas...  



Cómo houberamos sabido que estas pelicas de can para tapárlles os ollos aos bois para que non se pelexaran, tiñan esa función e só podían ser de can, xa que ao non teren glándulas sudoríparas, mantíñanse sempre enxoitas e non molestaban ao animal?

Ou cómo un artiluxio servía para separar a nata do leite para poder facer logo manteiga, dunha maneira mecánica para producir grandes cantidades?


Ou a conto de qué viña esta maqueta de cor amarela que non era máis que o que alí se ve pero que ten detras, premios internacionais... e por qué? Porque da Fonsagrada é Mónica Alonso, (Wikipedia)  diseñadora e creadora que fixo das lembranzas dun pasillo da casa dos avós, que ao mirala dende arriba se multiplique en ata doce a única porta de saída, tendo tamén a de entrada na casa, e que daría o seguinte resultado:


Non faltóu unha escenificación na sá que mostra unha antiga escola galega, cun dos pupitres de orixe bretón, anécdota que tamén nos explicóu Esperanza, de cómo viñera dar á Fonsagrada.

Alí consérvanse libros e cadernos do alumnado daquela época, na que me recoñecín e na que se me pedíu que me sentase na mesa da mestra, posto que eu fun unha delas, non das de vara pero sí das que gardei cadernos do meu alumnado. De feito, eu tería material para un pequeno museo no que non faltarían zocas, ferramentas de carpinteiro, de tecedoras... e da lá, entre moitas outras.  



Así rematamos a visita cando xa eran máis das 2:00 da tarde e a chuvia seguía dándolle duro, lavando as pedras da Fonsagrada e, eu, feliz de que tiveramos a sorte de atopar a persóa idónea para acompañar a nosa visita o museo. Quedaron moitísimas cousas sen ver, sen identificar pero haberá máis ocasións de volver.



Nesta tora de carballo ou castiñeiro, agochábanse os víveres en tempos de fiscalía que ía polas casas a recaudar e, de paso, rapiñar o pouco que tiñan as xentes das aldeas. Enterrábano nun pozo e simulaban que estaban a construílo, sen que poideran decatarse de que alí se escondían, xamóns, lacóns, touciños, chourizos, botelos, pan... Ningún dos maiores que quedaban sabía para que tiña servido ata que nunha visita dun grupo que viña de lonxe, un señor de 90 anos, lles dixo para qué era. A cultura trasmítese e compártese. Non rompamos a cadea...

sábado, 2 de decembro de 2023

THE TWELVE DAYS OF CHRISTMAS

    Fai anos que deixei a docencia, pero aínda gardo traballos do meu alumnado. Historias que lles fixen escribir en inglés para un concurso e que tratarei noutro post en breve, cadernos moi ben coidados e organizados que sempre me chamaron a atención, experencias de intercambios europeos...

Cando subo ao faiado para facer unha escolla das cousas que teño que ir tirando... sempre dubido e moitas delas voltan ao sitio que ocupaban. Tal é o caso destes cadernos e historias.

Como hoxe é o primeiro de decembro e comeza o Advento, co seu almanaque tradicional, teño á man unha panxoliña en inglés que traballamos en diferentes formas, escenificandoa, debuxándoa, cantandoa...

Neste caderno quedou testimuña da prezada panxoliña, unha das miñas favoritas por ser moi repetitiva e didáctica na aprendizaxe dos números ordinais e de vocabulario diverso e que, no seu día, pedínlles que a debuxaran e escribiran nos seus cadernos.



Agora, xa non celebro o Nadal pero iso non quita de que me goste escoitar panxoliñas, sobre todo as que están en inglés, xa que no mundo saxón, son perseverantes no tema de  gardar as tradicións e vivilas cada ano con todo ise sabor que eles e elas lles poñen. E a min, sempre me durará o recordo de ir recoller ao meu neno de curta idade ao aeroporto de Santiago, por estas datas, e despois dun tempo separados, o que mellor podía unirnos mentres eu conducía, foi escoitar os Christmas Carols no cassette do coche, e él aconchegadiño a mín. Un doce momento que a vida nos brindóu!



E como non podía faltar o meu turrón artesan feito por mín, deixo aquí constancia de que saíu absolutly delicious!  



E para que non sexa the only one non vou menosprezar os cookies, sen gluten, que preparei onte.



Bolachas sen gluten

Cómense dun tirón.

Unha pide por outra

e con viño do Porto

navegan a toda vela.

Sabor vainilla/canela

cun toque de laranxa

e mango deshidratado.

Fornada tras fornada,

teño para a tempada.

venres, 17 de novembro de 2023

DESCUBRINDO FRIOL





 Friol, era un lugar no que nunca estivera ata hoxe. A poucos quilómetros de Lugo capital pero a sesenta e tantos dende onde eu vivo, tivo que ser un erro na data co odontólogo, o que me levara, hoxe, ata alí, nunha maña de néboa mesta e algo de friaxe, seguindo, como acostumo facer o meu sentido de orientación sen gps e entrando nunha estrada secundaria que eu considerei pouco axeitada para chegar a tan coñecido lugar. Sen dúbida, había outras mellores que descubrín á volta.

Cando cheguéi, medio decepcionada por terme trabucado de día, optei por ir tomar un café e logo volver, non por onde viñera, senón por unha estrada mellor. Pero foi un encontro co río Narla, o que me fixo querer explorar un pouco máis a vila.

Collín un paseo que vai a carón do río e de fervenzas que me chamaron a atención. Ninguén transitaba por alí a aquelas horas temperás, así que fixen o percorrido en solitario, admirando toda a natureza que acompaña ao río no seu afán de atoparse co pai Miño en Ombreiro, despois de ter percorrido 24 kms dende o seu nacemento no monte do Toxo, parroquia de Xía, Friol, Lugo.


Vin que tamén anunciaba un castro e non tardei en ver unhas pallozas alá nun alto ás que me dirixín por unha ponte de madeira e ferro en forma de arco que cruza o río na cercanía dun complexo deportivo con piscinas ou praia de Friol, como queiramos chamarlle.

O castro, non fora escavado, no caso de que fora orixinariamente iso, pero había alí unha mostra etnográfica do que poidera ter sido. Pallozas, palleiros e outras construccións, dábanlle a aparencia castrexa que precisaba para ambientar alí algunha celebración ou simplemente para usar como merendeiro. De feito, celébrase un mini Arde Lucus polo verán.



Seguín pola veira do río e cruceino por unha ponte de formigón que estaba xusto cubrindo o cauce despois de formar unha fervenza a carón dun vello muíño. Case me daba vértigo cruzalo así tan rente da auga que saía con forza.



Quixen volver pola outra marxe do río, pasando polas piscinas e centro deportivo que alí se encontra e que nos meses de verán debe estar bastante concurrido. Aproveitando para facer dende alí outras fotos do conxunto.


Logo detívenme no centro, nunha praza grande con árbores no seu apoxéo outonal. Lugar onde se celebraba antes a feira, segundo me informóu unha muller dalí e xa, sen ter interese por outras exploracións na vila, voltei para o coche e retornei á casa por estradas de mellor ver.


Din que non hai mal que por ben non veña e eu case estou de acordo. De ter ido ao odontólogo non houbera dedicado o meu tempo a coñecer algo de Friol. Agora xa teño unha idea. O sol saíu sen tardar moito e quentaba como para querer estar todo o tempo por fora.

Foi un pracer sair á aventura, facer unha viaxe para ir coñecer outro sitio, cousa que non acostumo facer. Case sempre vou por algún motivo e non por descubrir algo novo. A aventura é algo que teño que ir recuperando e practicar máis a miudo.





sábado, 4 de novembro de 2023

COMICS DE GUERRA



 Por máis que o intento, limpar de lixo, de recordos, de obxectos inúteis o meu faiado, sempre hai algo que se me cruza e me detén. 

Déronme os ollos nestas revistiñas que foran do meu fillo tempos atrás, cando xogaba aos comandos e tiña toda a casa chea de aparellos militares: traxes de camuflaxe, con casco real de soldado a proba de todo golpe, equipo de supervivencia,  coleccións de balas e proxectis de grande calibre... que fora adquirindo perante as súas estadías en Inglaterra, e que abundaban nas tendas de segunda man ou en mercadiños.



Pouco a pouco fóronse indo algunhas cousas, ben porque os ratos, atraídos pola lá dos xerseis verdes fixeran os seus nidos con eles, ou porque se foron botando ao lixo, pero aínda así, sempre aparece algo que ten que ver con aquela etapa, pola que coido pasarían outros nenos, incluso os meus coetáneos, que facían as guerras na carballeira dos meus avós, armados con paus e ramallada das árbores.



Así foi como, istes días de mal tempo, atopei estas revistas en comic que narran historias da Segunda Guerra Mundial, que lles aconteceron a soldados británicos e que estan en inglés. Non me atrevín a tiralas nin levalas a ningún sitio porque me pareceron interesantes como colección para quenes se interesan por ese tipo de historias, o mesmo que eu me interesaba polos mini contos clásicos que viñan nas libras de chocolate e que logo, andado o tempo, atopei á venda en tendas de antigüedades a un prezo que nunca eu imaxinara.



Dado os tempos que corren, con guerras en tantos lugares e que ameazan con estenderse e causar tanto mal como causaron as que lles precederon, e cos meios bombardeándonos coas imaxes terríbeis que a vista humana non é capaz de soportar... imaxinemos cómo será vivilo na realidade, poñerse no lugar de quen sofre estas masacres e destruccións... quedarse sen os seus seres queridos, sen os seus fogares, sen os lugares nos que vivían...é imposible poñerse no seu lugar nin en ningún outro porque nada podemos contra os que as deciden. Tamén pensar nos que loitan por defender un país, obedecendo cegamente órdenes que de non cumplilas levaríanos á morte, como tamén os levaría cumplilas. 



Máis, estas revistas, son narracións reais ou imaxinarias de feitos que aconteceron, como se poderían atopar noutro tipo de libro máis convencional. O feito que sexa en comic, non lle suma nin lle resta seriedade.

Deixo aquí algunhas imaxes por se alguén se interesa por elas. Están publicadas en Milanuncios no tema de coleccionismo.



sábado, 14 de outubro de 2023

ROTEIRO PACO PESTANA II

 


Neste segundo aniversario da túa viaxe ao alén, volvemos sobre os teus pasos para lembrar os camiños que tantas veces percorriches, escoitando o cuco que che cucaba ideas para levar a cabo no teu taller de Peredo, na casa onde naciches. 



Comezamos na Vaqueriza, divisando a cidade de Lugo como un trazo branco no horizonte pero deixamos para outra andaina, o pico  dende onde ti podías ver Triacastela e Monforte.

Diante da túa casa, lemos cousas sobre ti, para irte descubrindo aos poucos porque descubrirte de todo sería xa un tratado polidimensional inmenso que non está ao alcance de todos.



Entramos no teu taller mais xenuíno no que aparecen expostas algunhas das túas obras. O can fixo de conserxe e deixounos ver, moi amablemente o que alí se garda aínda como un tesouro ben agochado.



Logo seguimos o camiño pasando por A Freiría, parroquia a que pertence o teu Peredo, e vimos a igrexa en honra á Virxe das Dores e máis o Pazo que xunto coas casas todas de granito, forman un conxunto arquitectónico rural moi emblemático do concello de Castroverde.



A chuvia destes días deixóunos un respiro para poder facer o percorrido con sol e calorciño. Desfrutar das árbores froiteiras carregadas de froitas outonais das que demos boa conta a media mañá segundo iamos pasando polos camiños cubertos de castañas, noces, mazáns, peras...



Pasamos tamén polo Muíño do tío Suso, onde fixemos fotos de grupo mentres tomabamos un ben merecido descanso nese lugar tan fresco, e lemos, de novo, o poema da súa sobriña Carla que tan ben soubo describilo cando era unha rapaciña nova.





Rematamos en CastroVerde cun xantar de confraternidade na túa honra, con comida traída das casas ou encargada nos fornos de pan. Non faltóu de nada. Foi moi ben acollida despois da camiñada que fixemos e non faltaron a sobremesa e o café caseiro para poñer punto final a un día no que te lembramos con nostalxia, botando en falta o teu humor, os teus discursos, o teu ser tan especial que enche o sitio no que estás facéndote o centro do universo.




Seguro que alí onde te atopes, seguirás facendo o mesmo!

Unha aperta de irmá.



Torre do castelo de Castroverde