www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

sábado, 29 de decembro de 2018

ROTEIRO NO TEIDE






Xa dende o avión, perto de tomar terra, divisamos un resplandor fuchsia que viña a ser o atardecer no Teide.
A sua presencia fíxose notar cada intre que se ollaba a paisaxe tenerifeña. Unha forma feminina que emerxía á superficie, deixando oculta baixo as augas do Atlántico a outra compañeira.
Dende calqueira punto da illa, sempre sentín o seu dominio, a sua maxestuosidade, a elegancia de ser un volcán que se precia de selo.



Non podía irme sen sentilo baixo os meus pés ainda que non quixen probar a súa altitude máxima, senón, circundalo por algúns dos seus moitos circuítos ou cañadas da sua base.
Escollín un percorrido de unhos once quilómetros chamado Cañada Branca. O carreiro era tan estreito que so cabía eu. De feito, fixen o camiño en solitario ainda que me cruzei algunha vez con outras persoas, incluído un bebé ó lombo do seu pai.
O primeiro tramo, sinalizado con puntos numerados do un ao cinco, íanme indicando o que me faltaba para chegar ó seguinte tramo no que o camiño era mais ancho e transitado.
Sentía a presión da altitude no meu camiñar. Tiven que facer algunhas paradas para beber ou comer unha froita que me dera enerxía. Ainda que o terreo era case plano, o chán estaba areoso e con pedruscos e tropezóns rochosos que me obrigaban a ir atenta para non caer.
A vexetación era baixa e non había grandes rochedos. Podíase estender a vista como nunha chaira.
Logo entrei nun roteiro mais ancho, no que xa predominaban as rochas altas e canto mais baixaba, mais enormes se facían, formando murallas de rocha volcánica de diferentes cores e formas.
Ahí sí que me sentín un pouco soa e insignificante ante tamaño escenario xigantesco. O pensamento levábame a cómo se irían formando eses cúmulos de lava con caprichosas formas dando lugar a vales, cañóns, murallas de rocha....
O camiño ahí, fíxoseme interminabel. Cando parecía que faltaba pouco para chegar ao parador onde nos deixara a guagua, ainda tiña que facer varias reviravoltas, seseando todo o tempo entre murallas que impoñían respecto ao seu paso.



Escollera un roteiro que poidera facer no tempo que se nos dera pero sentín medo a non dar chegado.
Entre medos e admiración, non deixei de ir vendo o tipo de flora que por alí asomaba xa descorída, nesta época do ano. Esas espigas roxizas con forma cónica, chamadas tajinastes deberan estar en pleno esplendor na primavera (se é que hai primavera alí) e agora mantiñan a sua forma pero non a cor. Pendurado das rochas, asomaban os  amarelos bejeques, agora descoridos pola sequía. No chán, a pé de camiño  a herba pajonera servía de refuxio a aves como a perdiz moruna, alcaudón real e sobre todo lagartos de tódolos tamaños e cores.
Cheguei sen folgos a parada e con ganas de meterlle ao corpo un bo xantar de bocata que levaba do hotel. Descansei xunto ao parador e tomei un café mentras deixaba atrás a Cañada Branca e o pracer de tela percorrido.








luns, 10 de decembro de 2018

DA MAN DOS ARTESÁNS









O meu reloxio pide por outro. Case perdo o autobús que nos levaría por Terras de auga e cultura, esta vez Chamoso, O Corgo, Laxosa, Camiño Real, Mazo de Santa Comba....todos eles perto de Lugo cidade.





A primeira visita que fixemos foi a unha oleiría en Anseán, coido que foi. O oleiro chámase Lolo e alí nos agardaba unha fornada de cacharros para ver o proceso de cocción, enfriamento etc...ata conseguir unha cor e textura orixinal e moi creativa. Paixón pola arte, diría eu! Pois non pretende vender o que fabrica ainda que sí fai mostras como a que terá lugar dentro de pouco.  na Igrexa de Santa María en Lugo. A sua obra é mais ben decorativa. Non ten unha utilidade funcional.
Nese lugar visitamos unha igrexa barroca que foi desencalada fai pouco e atopouse na sua fachada un elemento decorativo prerrománico a modo de ventana.
A seguinte visita,  xa noutro lugar, foi ao único ferreiro que queda na contorna e que, como él dixo, a profesión está en perigo de extincción. Fillo de ferreiro contounos que antes de ter mazo propio na forxa, tiñan que usar o de Santa Comba, no que os ferreiros se turnaban para facer o traballo mais gordo dos que serían útiles de labranza, maiormente fouciños e fouces cos que ían os galegos a sega de Castela, levando as suas propias ferramentas de segar.
Fíxonos unha demostración, partindo dun listón de ferro, deulle forma a forza de lume e martelo ata convertilo nunha fouce. Un traballo que require coñecer ben o oficio pois os golpes non son só música para os ouvidos e muxicas para os ollos senón que son mans sabias que saben cómo e ónde dar os golpes que modelan a ferramenta como faría un escultor e que ainda que o elemento resultante é un apeiro, non deixa de ser artista quen o elabora. Lembro unha cantiga que sempre me cantaba meu pai, que foi carpinteiro e facía carros: "Non te cases cun ferreiro que che saltan as muxicas; cásate cun carpinteiro que che fai cousas bonitas" A min non me importaría que me saltasen as muxicas!!!!!







Logo de xantar nun restaurante da zona, no que degustamos callos, caldo e outras cousas, dirixímonos a pé ata o terceiro artesán que neste caso ven ser de cabazas. Tiñamos curiosidade por saber en qué consistía. Alomenos quenes, coma mín, non tiñamos idea do que se trataría.
Recibiunos na sua finca e fíxonos toda unha aula aberta sobre o cultivo das cabazas, que son de variedades diferentes ás que comemos. Estas vainas esculpindo xa no modo de cultivalas. Ten abellóns que son bos polinizadores e cabazas macho e femia que van hibridando ata dar unha cabaza tipo das que se usan nos bastóns dos peregríns.


Todo un proceso longo de secado e limpeza de fungos e loita contra as pragas, de maneira ecolóxica, sen utilizar nada químico e logrando un ecosistema no que os insectos como as abellas, abellóns, bolboretas atopan o seu hábitat e colaboran na polinización e combaten pragas.
Despois desta exposición inicial, viría o mais agardado: para qué son estas cabazas que tanto traballo requiren e que algunhas teñen ata cinco anos de espera para seren convertidas en algo sorprendente e artístico.
Entramos no seu obradoiro e alí, marabillados, puidemos ver nas estanterías cabazas con diseños sofisticados labrados na sua pel e con formas distintas e utilidades  tamén variadas. Pero o asombro foi cando despois de explicarnos cómo se chegaba ata ese resultado final, apagóu as luces e todas as cabazas se iluminaron na escuridade, proxectando os seus debuxos polas paredes e chán, e amosando

os motivos que cada unha tiña diseñado, ofrecendo un espectáculo do mais sofisticado Halloween que se poida imaxinar!!!
Foi unha experencia que puxo punto final e broche de ouro a un día polo rural galego, ao que xente doutros puntos do planeta veñen a iniciar o seu proxecto e valorar o que temos aquí. O noso rural quere xente así, quere xente que nos descubra e que nos impulse hacia fora para sermos coñecidos non so por ser bos traballadores senón por pertencer a unha terra máxica que ten todo o que precisamos e de calidade.














sábado, 17 de novembro de 2018

ANDAINAS








O verán de San Martiño, levoume por antigas corredoiras, camiños de carro e por fragas outonais, co arrecendo  a natureza en estado puro. Acompañábanme Noa e Charli, un labrador todopoderoso que me defendería de xabaríns, zorros e mesmo lobos, se os houbera.
A miña intención primeira era sacarlle bo partido ao día soleado, quentiño e apetecible para unha andaina, saíndo da rutina e adentrándose en paraxes esquecidos, pouco visitados e novedosos para os meus compañeiros de paseo. Noa, case sempre debaixo do meu brazo para esquivala das silvas e toxos que os seus delicados pés non aturan, e Charlie, sempre disposto a axudar da mellor maneira, coidando de nos as duas.


 Así, fomos por camiños que foron no seu tempo, camiños de carro e que agora fican tapados pola maleza, case intransitábeis, con aquelas paredes de pedra tan feitiñas, conformando o seu perímetro, os balados, aproveitando os desniveis co mato para que durasen no tempo e servisen á función que tiñan encomendada de conducir o gando da casa ata os pastos sen perderse. Sorprendeunos un regato que baixa dalgunha fonte  monte arriba e xusto a carón do camiño forma unha poza onde seguramente bebían os animais cando voltaban para a casa. Había fieitos ben frondosos arredor e parecía un remanso de paz e benestar, ca son da auga e o silenzo do lugar. Camiñamos moi despaciño, como para non descolocar nada do que pisabamos, mentras os ollos buscaban os desexados cogumelos, os boletiños que íamos levar para xantar.


Podería tratarse dun Scleroderma citrinum?
Amanita muscaria

 Case todos eran Amanitas muscaria, ca sua cor  tan chamativa e tamaños e formas asegún a idade. Habías case recén nacidas, pasando por adolescentes, maduras e decadentes. Gustóume fotografalas entre as raiolas que se filtraban a aquela hora de media mañá.

Puiden ver cómo se abriron entradas improvisadas para acceder á madeira sen respectar estes valiosos camiños de carro en desuso. Estas incisións na paisaxe virxe, que afean e destruen a integridade da foresta, sen miramentos, sen planificación, con tal de poder sacar o que lles convén pero sen dar nada a cambio. Así aparecen estas desfeitas ao mesmo pé dos camiños primitivos que deberían conservarse e manterse para poder pasear polas fragas e respirar esa esencia que non se atopa mais que alí e que é curación, saúde, deleite dos sentidos. Qué pouco aprecio polo que tan pouco costa e tanto ben pode facernos. Por eso en Xapón,  os médicos aconsellan menos medicamentos e mais doses de natureza.

Viñemos cun boleto dos que azuléa. Mireino ben na guía para asegurarme ainda que xa o teño comido noutras ocasións pero compre estar ben seguros. Acabo de cealo!

domingo, 21 de outubro de 2018

TULLEMERENDAS






Tróuxome lembranzas dos meus tempos de escola na aldea onde nacín. Ata pasar o San Froilán, non se empezaba a escola. Aquelas froriñas que aparecían no outono sempre me chamaban a atención porque lles dicían tullemerendas. Eu non sabía ben o que siñificaba aquel nome pero tiña a ver ca merma da luz solar que se produce nesta época. Parece que os dias encollen e así xa non tiña razón de ser tomar a merenda pois a cea andaba perto.
Onte, cando camiñaba facendo o Roteiro da Auga, por terras de Guitiriz, atopámolas ó noso paso pola veira do río Parga, que, por certo, ten diferentes nomes segundo o lugar por onde pasa, e non puiden menos que determe a fotografalas unha chea de veces para poder ilustrar este post.
A fror, en sí, chámase Crocus, que pode ir seguido de Serotinus ou Nudiflorus, cando aparece de forma silvestre, diferenciándose do Crocus Sativus, que ven a ser o azafrán de cultivo. Din que a silvestre é algo tóxica, por eso os animais, (vacas, cabalos...) nonas comen ainda que se atopan en abundancia en pradeiras húmidas, a pé de ríos, regatos, fontes.... e en sendeiros. Son frores de outono, resistentes ás xeadas e que visten un fermoso traxe de bailarina formado por seis pétalos violáceos, lila, purpurinos algúns, e teñen os estames dun amarelo chamativo que combina ben ca cor dos seus pétalos que de día abren e de noite pechan formando un pirulí!
Alén de seren frores que eu admirei dende a miña infancia, onte foi un día especial: un roteiro en terras de Guitiriz, comezando uns doce quilómetros antes de Parga, coincidindo co  Camiño do Norte, e que nos leva por pontes de pedra ben conservadas, por lugares de romaría como o adicado a San Alberte que é unha capela de grandes dimensións, románica e gótica, ao pé da cal se atopa unha fonte milagreira para todos os problemas relacionados coa fala.
Seguindo río arriba ou abaixo porque non din entendido ben para onde corría a auga, chegamos a un lugar pintoresco, con algunhas casas, unha ponte, cisnes no río e que semella un lugar de recreamento no que se pode a xente bañar no verán e disfrutar dunha fermosa paisaxe e da tranquilidade que


ofrece o lugar.
A todo esto direi que levabamos unha guía que nos ía explicando todo de forma moi amena e que nos adiantou que unha sorpresa estaba agardando ao final do traxecto.
Non ben saímos daquel paraxe natural e solitario, atopámonos cun bar restaurante, con ventanal sobre o río e disposta na mesa, a famosa tarta de Guitiriz e café para todo o grupo, agasallo co que nos recibíu e honrou a alcaldesa de Guitiriz, que foi nada en Castro Verde, e quería recibir aos seus paisanos e paisanas con este detalle e ca súa compañía xa para o resto da xornada.
Estabamos en Parga e alí había que visitar o antigo castelo medieval que ademais nolo ían presentar unha parella vestida de época, con todo luxo de detalles. Mágoa que so se conserva parte dunha fachada. As suas pedras visten casas e igrexa do lugar. Igrexa que tamén visitamos e na que se conservan moi ben unhos cantos frescos que representan escenas da pasión de Cristo.
Dalí, xa nos diriximos a Guitiriz para xantar nun restaurante coñecido e logo, pola tarde, coa alcaldesa, aprendemos un pouco mais do lugar. Falounos doutros roteiros como o da Pedra. Nos fixeramos parte do da Auga, que pasa tamén por outra fonte medicinal na que paramos a beber e descansar un pouco.
Xa na praza, onde está a igrexa, case catedral, atopamos no chán un enorme reloxio anatemático, que ten todos os cálculos para que colocándote na quincena apropiada, do mes en curso, marca a túa sombra a hora solar, que ven a ser duas horas menos da actual.
Para rematar, vimos unha piscina natural, feita no río, e o lugar chámase, Sete Muiñós, que ainda que son cinco, dous deles teñen duas pedras de moer candaún seu, e fan por sete.
Con eso, e a mochila chea de castañas, mazáns e boletus.... retomamos a volta ós nosos fogares nun microbús de estrea que nos deixóu, polo menos a min e outros poucos, en Castro Verde. E hoxe saímos na prensa!!!





martes, 9 de outubro de 2018

JUST PRETENDING!

Sempre quixen ser cantante. Daquela eso viña a ser artista. Estaba tan empeñada neso que tiveron que traballar duramente para quitarme a idea. Que se non tiña voz, que se había que pasar por moitas cribas, (enténdase dificultades de chegar a selo), que se deso non se vive.....Ata tiveron que intervir tios que tiña en Madrid para quitarme aquel louco soño de nena. Pero eu cantaba. Subía para o comedor de arriba, onde podía estar soia e alí cantaba e cantaba ata que me sorprendía meu pai e eu calaba ipso facto! Como tiñamos a taberna e nas tabernas acostumábase cantar cando o viño xa non era auga, eu tamén o facía, eso sí, trala porta, porque me daba vergoña. Logo, como miña nai foi cociñeira de vodas e banquetes daquela época, eu, que case sempre ía con ela para o que se terciase, ou para probarlle os guisos, sobre todo as costeliñas de año asadas no forno do pan, tamén amenizaba o banquete cantando cando mo pedían, que era case sempre, e coidadiño, eso sí, tras da porta! Cómo chegaría eu, tan vergoñenta,  a subir a un palco frente a unha multitude? Tiñan razón, ainda hoxe coido que nono faría. Lémbrome cando cantei o We Are Sailing nun festival da escola, a dúo con outro compañeiro.... Tremábame  o micro! Por iso, onte, no baile, pasóuseme a idea de facer realidade o meu soño, pero de mentira, claro. Non cantei nada, just pretending!
O meu viña sendo todo tipo de música pero ao que mellor lle daba era a aquelas cantigas que escoitei de pequena de música española, quén o diría, eu cantando ... Ay Mari Cruz, Mary Cruz, ou Están Clavadas Dos Cruces.....ou  Yo No Soy Esa..... Pero dáballe ás de Mocedades, ás de Serrat...Jannette.... En fin, coa que nos escachabamos a rir no coche cando iámos para Redondela ao baile, era a de Ese Toro Enamorado De La Luna... Por non falar do karaoke sempre que se me cruzaba algún, e incluso o que eu cheguei a ter no meu computador e ahí si que o vivía como real! .Logo tiven unha etapa de canción inglesa, cando  lles facía as aulas mais levadeiras en secundaria e había que cantar a Elton John, The Cramberries, Beatles.....Pasabámolo ben cantando en inglés e tiña sentido para nós, poder expresarnos na lingua que aprendiamos. Pero a canción que conseguimos cantar case todos en Rianxo o día que se marchaban os checos, era unha canción na lingua deles. Cantabamos mentras chorabamos ou biciversa. Xa non consigo lembrarme dela!
Así que a miña vida veu sendo un soño non cumprido, pola música! E con esta imaxe, so quixen que ese soño se realizase ainda que so fose na interpretación que os demais fagan da foto cando a miren. Para todos e todas as que me vístedes, ahí vai o meu cantar!

luns, 17 de setembro de 2018

SANTUARIOS DA AUGA





Como sempre, estas camiñadas caen en domingo. Un fermoso día para percorrer a marxe dereita do Miño dende a Ponte Romana ata Adai. Alí agardábanos un segredo: o santuario da auga!. Primeira parada nun prado de túmulos, que puido ser un lugar de enterramentos e dos que se conserva un dolmen pequeno. Segundo as explicacións do guía, alí podían enterrarse mais dunha persoa pero tiñan que pasar douscentos anos entre cada enterramento. A partir de ahí, todo un ritual en torno aos mortos e tamén aos vivos cando tiña lugar algún nomeamento de importancia. Parece ser que o ritual consistía en levar auga en caldeiros, dende o Miño, ata diferentes puntos dese santuario que eran pedras con petroglifos circulares,  e buratos onde se poñía a auga para realizar purificacións. Esa auga ía percorrendo un circuito diseñado na rocha e que formaba compartimentos distribuídos uniformemente formando un conxunto que non se sabe ben se servían para predecir o futuro o para medir algo concreto.




 Estas rochas de xeixo, esparecidas por todo o que hoxe é unha fraga, eran lugares polos que se ía pasando para levar a cabo ese ritual e ir ascendendo ata chegar a Penafita, onde se supón que podía atoparse un templo feito a base de ocos circulares na rocha que sostiñan un entramado de postes e que posiblemente estivese cuberto. Dende logo, o lugar ten unha maxia e unha enerxía que fai que te sintas ben alí. Hai unha especie de semicastro, con unha oquedade grande no medio onde se supón que entraba a xente. No que parece unha muralla, había cantidade de pedras de xeixo. Parece ser que estas pedras tiñan propiedades curativas, daban boa sorte....



Deixando atrás a prehistoria deste lugar, atopamos tamén rochas que foron abandoadas a medio perforar e que se usaban para a construcción, para os dinteis das portas e ventanas das casas. Non todas eran válidas, por eso, cecais, foron desvotadas a medio tallar.
Un día no que o sol non queimaba e as sombras eran abundantes. Foi case un ritual, nos mesmos, percorrendo o camiño que tantos outros e outras percorreron antes. Unha homaxe de recoñecimento e respecto a aqueles antepasados e antepasadas que tiñan fé na natureza e no divino.











domingo, 26 de agosto de 2018

AI SÁLVORA!






Ai Sálvora, ti es unha muller atlántica, unha serea, unha heroína, unha loitadora de temporais, de sometimento, de xeonllos na terra, de traballo para o señor, para o dominador, para quen levaba o pan e deixábache o peixe, porque os señores non queren saber de espiñas. Cómo me emocionóu coñecerte, illa atlántica entre outras que te acompañan. Pero ti, levas nome de muller, de salvadora, do sal que pasou polas tuas mans ahí na saladeira, tantos anos de vida feudal, sen poder ser dona da terra que traballabas, so desas casiñas que conforman a única aldea e que pedra a pedra, que ahí sí que hai pedras, fuches construíndo, co seu hórreo a carón, para gardar a soldada ca que pagabas vasallaxe, co teu forno e lareira xunto a un vertedoiro e alacena, todas por igual en cada casa, como se fosen casas de colonos, que eso foron, por eso se asemellan tanto, con ese lavadoiro en granito, tan grande como unha piscina, onde lavandeiras fostes contanto historias e lendas que perduran, como a da serea, a que tamén perdeu as escamas para ser nai, para namorarse dun mariño, ela Mariña
bautizada polo seu dono e señor, ela que era muda e so falóu cando a espiña clavada na gorxa logrou sair para pronunciar palabras urxentes de nai: "Non, o meu fillo" cando o pai o facía saltar a fogueira de San Xoán. E ela, que vía o perigo, por fin recuperóu a fala. Outras nais perdérona cando viron os seus fillos mortos ou ultraxados. Tamén unha fonte milagreira dan un toque de humidade neses veráns sedentos, onde os cabalos e os cervos sobreviven en libertade.
Muller aguerrida, capaz de coller as dornas nunha noite de mar envrabecida, para salvar vidas daquel naufraxio que se cobraba mais de duascentas vidas aos teus pés, e vos, soas na aldea, cos homes en terra, ca axuda de nenos e vellos alumando dende os cantís, chegástedes a tempo de salvar a mais de cincuenta. Por eso lucen os vosos nomes nos hórreos, nomes repetidos, Cipriana, e conomes que eu nunca ouvira. Hórreos de madeira, hórreos de muller, hórreos de granito, grandes e ben asentados sobre laxes, hórreos dos que mandaban na aldea, como sempre, a historia repítese ata a saciedade.
No remanso das tuas augas mergulleime, sentín a friaxe case xélida do atlántico virxe clavarse na miña pel. Deixeime conxelar pouco a pouco para non sentir o corpo para non deixalo quedar alí por un ataque súbito ao corazón, como pode pasar cando fas cousas contranatura. Así, xa non me doía o frío e a mornez rodeoume dun benestar que me relaxóu despois de percorrer os teus sendeiros ca xeira de quen quere apurar o tempo para descubrirte enteira, illa de pedras, de pedras, que según outra lenda, son xente convertida en pedra.
Non te mereces esas invasións de visitantes despiedados que sembran de lixo por onde pasan e van deixando ese rastro vandálico, que nin os piratas que un día albergaches, foron tan descuidados, estou segura, porque non tiñan tanto desperdicio que deixar.
Serías a miña illa, se non fose por ese tipo de novo invasor que te visita adecote no tempo de verán.
Pero a que fuches, fica na miña memoria como un símbolo de loita pola liberdade.


domingo, 8 de xullo de 2018

A feira de Castro Verde



Un domingo con feira. Esta vez, decidín ir. Poucas veces vou a unha feira. O día, de verán, de xullo, do verán con nubes, empezóu con algo moi positivo: un voluntariado comunitario. Cortaron a herva xunto ó nacimento do Eo, pero non angazaron e como non me gustaba cómo estaba, collín guantes e angazo e alá me fun limpar. Incluso barrín un tramo do Camiño Real, que vai paralelo á estrada, polo medio da aldea. A veciñanza saía para verme pero eu sentía que facía un traballo ben feito e á medida das miñas posibilidades.
Logo, como non tiña ganas de cociñar, pensei de ir comer o polbo á feira.  Os postos de venda estaban desertos practicamente. Un que outro..... pero nada que ver co que eu lembro noutro tempo.
Merquei allos, de Cuenca, porque son unha adicta ao allo e os meus xa se acabaron e os que medran na horta, un pouco mal, non van dar colleita para o meu consumo.
A carballeira xunto as casetas de polbo, estaba chea de mesas con ule de cadros azuis e brancos. Os castañeiros daban a sombra e o frescor que tanto se agradece nesta época do ano. O fume e o olor a polbo xa se percibía de lonxe. Moita xente facendo cola nas casetas. Xente nova traballando arreo, correndo dun lado a outro. Non daban feito. Gústanme esas mesas alongadas na que se comparte con outr@s comensais. Botella de viño, pan branco fresquiño, platos de polbo e churrasco.... Familias e amizades. Case ninguén só. A min non me importa estar soa entre tanta xente. Sempre levei mal os domingos por seren días de pasar ca familia. Agora xa fixen callo e non voto de menos o que poucas veces tiven. Pero é bo compartir, falar, relacionarse, rir e disfroitar dun xantar en compañía.
Lembrei o ano que estivera alí ca miña netiña, recien estreada, e cos seus proxenitores. Ela arricacho do seu pai, paseando baixo a arboreda. Eu, facendo cola no polbo. Eles comendo as croquetas de queixo que levaramos da casa, ainda quentiñas.... Qué bonito foi daquela! Agardo que se repita algunha vez mais!
Para rematar, pedín un café de pota (dubido que o fose), e un cucurucho de xelado de vainilla. Un remate de ramillete para o meu xantar de campo. A frescura do lugar, baixo as árbores centenarias, facía circular unha brisa fresca que daba benestar e convidaba a quedarse de sobremesa, tomando fotos e mandándoas por whatsapp á familia e amizades. Un xeito de compartir sen estar presentes. Un xeito de sentirse acompañada e en contacto.... Tamén, disfroitando da observación do escenario que alí se presentaba: xente comendo, camareiros e camareiras indo e vindo con presteza para ter o personal ben atendido, churrasqueir@s e polbeir@s cortando con agarimo os rabiños do polbo que parecía do país. Decorando os pratos de madeira con aqueles cachiños deliciosos que logo ían aliñados co sal, aceite e pemento picante ou doce, ou sen sal..... (asegundo se pedira).
Tamén aproveitei para fixarme nunha horta ben organizada, co seu mini invernadeiro para tomateiras, cas redes para xudías e chícharos, co rego por goteo..... De todo fun facendo fotos para copiar ideas que me pareceron boas.

Cada día aprendemos algo novo. Sair da casa é darse unha lección de vida.


xoves, 28 de xuño de 2018

AUTO-STOP : de Dover a Amsterdám





Coñecer a Barry foi importante na miña vida. Se non tivera acontecido, todo sería diferente do que ven sendo. Xuntos viaxamos de moitas maneiras e a diferentes sitios. Podería falar do seu mini Morris con incrustacións de madeira, da illa de White, ao sul de Inglaterra, de Bath, onde él estudara nun colexio privado, das idas e vidas España/Inglaterra na furgoneta morris que mercaramos no porto de A Coruña e que él refixo totalmente, do meu Diane 6 percorrendo o perímetro de España e facendo camping, e cómo non?, da viaxe a Amsterdám en ferri e auto-stop.
Chovía, debía ser primavera, eu levaba unha zamarra de pel que me atopara él nunha tenda de Orxfan, como case toda a roupa que él usaba. Foramos dende Dover  nun ferri ata algún lugar de Bélxica e logo en auto-stop. Lembro que nos recollera un paisano e nos levara á sua casa a durmir e desayunar para deixarnos un paraugas e seguir viaxe a Holanda, ou xa estariamos en Holanda, e seguro que él era holandés. Tiña unha filla. Tomaramos ovos pasados por auga para o desayuno . Era bonito todo o protocolo de tomalos. Pouco faltaría para que a rapaza os decorara primeiro. A cama tiña un edredón nórdico con funda a raias. Era un cuarto luminoso. Pola mañá, voltóu a deixarnos na estrada que deberiamos tomar. Houbo outras personas de interés que nos levaron, entre elas unha muller.


Cando chegamos a Amsterdam, onde eu xa vivira un tempo, foi como un encontro ca maxia dunha cidade que sempre me cautivóu! Quixen pasear polos mesmos sitios, probar outros novos. Foramos a un concerto nun café. A cantante chamábase Henrrieta. Acordareime dela porque me sentín un pouco celosa de que se fixara en Barry e que él a convidara, levándolle unha cervexa ao escenario...... Estaba connosco un rapaz inglés que atoparamos por alí e que tocaba a guitarra como modus vivendi, facendo basking nas rúas. Tocóu para min "Nights in white saten" Quén sabe se él se sentíu atraído tamén por min, non pola Henrrieta! Eso subíume un pouco a moral. Non esquecerei o detalle!
Pouco duróu a nosa visita en Amsterdám. Non sei onde pasamos a noite. O qué sí sei, que ao voltar a Inglaterra noutro ferri, mordeume un cadelo pequecho, e tiven que ir poñer unha vacuna. Non me atrevín a reclamarlle ao seu dono. Era á saída do ferri e todo o mundo se apretuxaba para marchar.
O que sí lembro moi ben é o bocata de pan de molde con unha especie de azúcar que se usa nos bautizos e que por enriba da manteiga, facíame pensar no pan con manteiga e zucre que eu tomaba de pequena. Sempre me quedóu saudade daquela delicia e por mais que encarguéi de Holanda o producto, nunca souberon traerme xusto o que eu votaba de menos!
Non sei como rematóu todo. A miña vida, o meu vagar polo mundo, está feito de retazos de patchwork que vou hilbanando, da mellor maneira, para encher a gran colcha de cores que ven sendo a miña existencia.




mércores, 20 de xuño de 2018

AUTO -STOP: de Amsterdam á Tetuán



"Por dónde anduvieres, haz como vieres" Ese dito escoitéino moitas veces a miña nai, e a min sacoume de apuros, debo confesar!
Por aquela época, acababa a miña etapa holandesa. Estivera traballando unha tempada en Amsterdám, e alí, cidade moi internacional xa daquela, contactara con personas magrebíes e gostaba do té verde con menta e do cous-cous, entre outras cousas.
Antes de voltar á miña aldea, quixen coñecer algo de Marrocos. Non sei se viñera en tren ata a fronteira con España e logo "a dedo" o resto do camiño. Sei, que eu ía cunha parka moi colorida, a listas e que non pasaba desapercebida. Dende Madrid, collérame un xaponés, aficcionado á fotografía, como case tod@s os nipóns, e fixérame unhas fotos con aquela vestimente que eu levaba. Xa unha vez en Ceuta, collera un autobús que me levaría a Tetuán, entre xente cargada de fardos enormes. Cando cheguéi alí, pois ía percurando a casa dun amigo que fixera en Amsterdám e que estaba de vacacións pasando unhos días na sua cidade de orixe, vinme rodeada por marroquies que me preguntaba:
-" Buscas a Mohamed?
Eu quedei soprendida ao principio de que todos eles coñeceran o nome da persona que eu buscaba. Non me decatara aínda que case todos os homes se chamaban así. Eu percuraba a Mohamed Alí, despois de todo, dous nomes tiñan que dar mais pistas que un só.
O conductor do autobús axudoume a sair da situación. Sempre o lembrarei. Percuroume un hotel onde pasar a noite, e ao día seguínte, voltaría a indagar onde vivía o meu amigo.
Polos datos que ía dando, e como Tetuán, daquela, non era un lugar moi grande, todos se coñecían. Por eso atopei ó amigo que buscaba sen demasiada dificultade.
Dende entón, todo cambióu. Vinme na súa casa, ca sua familia, moitas irmáns que me coidaban e me deron roupa para cambiarme. Era mellor que non levara a que eu traía porque chamaba moito a atención e iso non era cómodo con tanto home polas rúas.
Cubrín a cabeza co meu pano ou con otro que elas me deron e como son morena, non se notaba nada que fose doutro país. Eu deixéime facer, porque todo era amabilidade e bo recibimento pero as normas eran estrictas: as mulleres tiñamos unha sá so para nós, os homes outra para eles. Dormíase tamén en habitacións separadas. Todo o día se bebía té verde con moito zucre, e pan con anises. Daquela era xa a festa do Ramadán. O pai, que era tendeiro nun posto do bazar, matara o año e nas casas que visitabamos había que comer en cantas entrabamos. Supoño que era ou antes ou despois desta celebración, porque comer, si que se comía todo o día.
O que peor levei foi o do aseo. Alí nada de papel no WC, nada de ducha na casa. Leváronme a unhos baños públicos pero non había duchas. Tiña que coller auga nun caldeiro e ducharme así.
Cando faciamos algún percorrido, como a Tánxer, compartiamos taxi con outras persoas. Era moi común esta forma de viaxar.
Prohibida toda manifestación de amor en plena rúa ou no cinema. Os bicos formaban parte da intimidade. Tampouco se podía falar de política nen relixión. Unha muller non era ben vista nun bar, sitio que lles estaba vedado. So os homes podían ir.
Pagóu a pena a experencia e hoxe gostaríame voltar para ver se cambiaron certas cousas, entre outras, a maneira de recibir a unha forasteira!
Non me queixo! Para ser unha muller soa que viaxa a un país como aquel na época na que fun, non poido estar mais agradecida ao destino!
Sempre lembrarei a Mohamed Alí, un bo amigo, un amigo leal!



venres, 8 de xuño de 2018

AUTO-STOP: viaxeira daquela maneira.


Percorrendo Escocia!


Nos derradeiros anos do bacharalato de daquela, alá polo 1970, ainda antes de morrer Franco, adoitaba traballar nos veráns en diferentes lugares e traballos.Un dos primeiros destinos fora Pontedeume.  Pero onde verdadeiramente descubrín o mundo foi na Costa Brava! Coñecera unhas rapazas de Salamanca e fixérame amiga delas. Dende entón, viaxabamos xuntas.Traballabamos como camareiras de cuartos en hoteis de moitas plantas. Tiñamos que facer unhas corenta e catro camas na mañá e polas tardes, lavandería e gardas, agás unha tarde libre á semana que aproveitabamos para viaxar e coñecer aquela zona. Como non tiñamos cartos, faciamos auto-stop. Non era difícil e a xente que nos levaba acostumaba ser  amable. Así, o seguinte verán, foramos a Zurich onde nos saíra un traballo con contrato na fábrica de chocolate Lindt. Dous meses entre suizos, italianos, galegos.....Ademais de comer bocatas de bombóns, aprendemos italiano sen apenas decatarnos. Tamén alí fixemos viaxes en auto-stop a Venecia e Milán. Parábannos os coches a mesma policía e pedíanlles que nos levaran. E eso era a pé de auto estrada, onde non se permitía facelo. Tiñamos bastante sorte ca xente que nos recollía!. Había quén non daba unha palabra en toda a viaxe, había quen ía a douscentos por hora, había quén pola estrada de curvas que vai por San Gotardo, con túneis e precipicios, facía adiantamentos de película.... Pero daquela non tiñamos medo. Eramos novas e a esa idade non se pensa na morte. Hoxe, morro de medo so cando vou de pasaxeira en calquer coche! Pero o mais anecdótico e do que me sinto como orgullosa, foi a viaxe de volta de Suiza, que fixen soa en auto-stop, ata Lugo, durmindo no saco en estacións de tren por Francia, e nun xardín en San Sebastián. Non tiña medo! Ningún! Nin ETA, nin violadores, nin asasinos.....E non porque nonos houbera.... senón porque era nova, segura, decidida, confiada e sempre esperanzada de que ante calquer contratempo, tiña como defensa a miña palabra, nada mais. Era así de ilusa, de inocente, de inxénua! Tal vez, ou cecais fosen outros tempos!
Logo virían as vendimas en Francia, na rexión de Libourne e Cogñac. Foramos varios anos seguidos e xa nos coñecían. Iamos sempre á mesma familia e tratábannos como da casa. Lémbro que, a min, polo menos, tocárame un cuarto da casa, para min soa, con chimenea francesa e todo! Era un luxo ser vendimiadora naquela casa, comendo na mesma mesa ca familia, un menú feito  a propósito con todo o esmero, para a época da vendima. Tomates recheos de carne, caracois, queixos de Camenbert, patés caseiros.....e bo viño e mellor coñác para o cafeciño que acompañabamos con tarta de mazán! Nunca esquecerei aquela dona da casa, tan xenerosa cos seus traballadores! E tamén alí, aprendemos francés. Pasei de non saber nada e ter de intérprete a miña amiga, a ser capaz de levar unha conversa cando viaxaba en auto-stop, por exemplo dende París, onde había colas de autoestopistas e que eu me saltaba olimpicamente, sen respetar as normas, para poñerme de primeira, así como quen non quere a cousa, (inxenio de galega!).
O auto-stop era a nosa maneira de movernos. Lémbrome, nunha ocasión, viaxando cun compañeiro, hoxe escultor coñecido, estabamos comendo un melón e en paga de poñer o dedo poñiamos o melón para que nos parase algún camioneiro TIR que eran os que facían viaxes mais longas e tiñan moita experencia en levar xente coma nós, porque así tamén levaban compañía e non lles daba o sono, que eso tamén é outro tema: a veces, ainda que nós quixeramos durmir, nono faciamos para darlle conversa ó conductor e que non lle dera o sono.
Sobre as viaxes neste medio, tería material para un libro gordo. Non sería mala idéa ir empezando a materializalo, porque é todo un estudo cheo de psicoloxía, de experencias, de aventura. Nós, xa sabiamos, polo tipo de vehiculo que nos paraba, qué tipo de persoa podería ir dentro. A veces rexeitabamos subirnos con algunhos deles.
Deixo aquí este pequeno esbozo do que pode ser algo mellor contado se algún día volta a ser inverno no verán, e pase mais tempo dentro da casa. Eso, ou irme a Escandinavia, onde parece que lles foi todo o calor que nos tocou a nós o pasado verán. Son cousas do planeta, e de fora dél, que o cosmos é moi amplo e toma decisións propias.
Hoxe, non viaxaría en auto-stop, ainda que a veces levo algunha persona que me para. Antes mais que agora. Case xa non se estila ese medio. Pero o que sí usei foi o "bla, bla car" e non me foi mal.
Pero o mellor de todo, para min, hoxe, é camiñar a pé! " Camiño a pé, e por eso é polo qué vexo o mundo tal cal é " (Manuel María??? con toda seguridade, Fuxan os Ventos!!!)



mércores, 23 de maio de 2018

O MEU GATO






Teño un gato negro
con ollos verde pistacho,
non lle puxen nome
porque non lle fai o caso.
Collino de ben pequecho
e gustáballe o meu colo,
agora que xa é grande
quere co empurre no solo.
A veces ven malferido,
cunha pata levantada
ou cas orellas roídas
das pelexas ca gateada.
Gústalle moito comer
o pienso de Mercadona
e se non lle dou dabondo
deseguida se encabrona.
Pero é un gato mansiño
que non morde nen raguña.
Cando lle rasco a barriga
coidase de-non sacar uña.
Nunca o vin cazar un rato
nin comer un saltamontes
pero trainos todos á raia
ainda que eu síntoos ás noites.
Cando toco o acordeón
ven correndo a meu carón
e dalí non se levanta
ata acabar a función.
Pasa o día cas gatiñas
que as ten moi engatusadas,
a veces vota tres días
sen asomar pola casa.
E eu penso se virá
ou se algo lle pasaría
pois non quixera perdelo
que lle teño moito agarimo.
Cando o vexo aparecer
recibo con gran placer
e xogamos ós arroulos
logo de darlle de comer.
O seu xogo preferido
é deslizarse no chán
empurrándolle das patas
volta e volta e a empezar.
Se os espíritus se encarnan
pode ser o de meu pai.
A veces penso que é él
polas cousiñas que fai.


domingo, 29 de abril de 2018

PERMACULTURA



Asístín a un obradoiro de microorganismos eficientes nas Ínsuas (Rábade) e atopeime con algo que non coñecía e no que disfrutei como cando, de pequena, xogaba ca terra amasándoa, dándolle formas.
Aquí foi algo diferente e de interese para quenes nos aventuramos no mundo da agricultura ecolóxica, onde a cooperación é a clave e non a competición. Se somos seres vivos sans é porque os microorganismos do noso corpo cooperan. Se competiran, lei do mais forte, habería desequilibrios, que os hai, precisamente cando enfermamos.
Despois dunha pequena exposición teórica para entrar en tema, fomos a unha fraga próxima ó lugar, por onde pasa o río Miño, para buscar mantillo, o que se coñece por humus, no que se esconden toda clase de microorganismos, invisíveis, e que ían servir para elaborar algo mais grande, a partir dese fermento inicial para logo poder empregarse no acolchamento de bancais, nos compostaxes, na desinfección das camas dos nosos animais e tamén no uso doméstico como desinfectante natural que non mata bichos senón que os reproduce para que fagan eles a labor de limpeza e sen os malos olores que poden emanar en desaugues, fosas sépticas e demais.
Despois de recoller en bolsas, ese mantillo composto de micelios e outro material orgánico, e de deixar tapado, como estaba, o lugar de recollida, fomos outra vez para o obradoiro.
Nun plástico estendido no chán, depositamos a nosa recolección e fomos desmenuzando cas mans ata convertilo en algo mais selectivo, evitando trozos de madeira duros que non poideramos partir. Cando esto estaba a punto, mesturouse medio saco de salvado, alí tod@s remexendo cas mans ata que  estivese repartido uniformemente para  ir engadindo, pouco a pouco, auga con melaza ata ir acadando unha pasta que ao apretala na man, non escurrise auga. O olor era como a queixo remasado. Logo dun tempo amasando e dándolle voltas foise enchendo un bidón de peche hermético con aquela pasta e calcando todo o posible para que non quedara aire. Incluso nos turnamos para meternos cos pes no bidón para facer o prensado que cerrado coa tapa hermética habería que gardalo un mes ata que acabase a fermentación. Xa estaría listo para ser aplicado.
Logo de facer este preparado sólido, pasamos a outro que sería líquido e que serviría para sulfatar sobre árbores, plantas, paredes, acolchados, compostaxes, ou para a limpeza no fogar.Éste, prepárase cunha pequena parte do mantillo sólido xa elaborado previamente, nun litro de auga, engadindo unhas culleradiñas de pedra moída, da que hai nas marmorerías ou canteiras, un pouco de soro de leite ou leite e pouquiña melaza para que logo o doce non atraia ós insectos. Esa mezcla hai que mantela destapada tres días, remexendo duas ou tres veces por día, e consumila tan pronto acabe o proceso de fermentación, xa que non se conserva. Como produce gasificación, hai que manter a garrafa sen o tapón. Ese preparado, ten un cheiro dulzón e moi agradable. Eu estou planteándome utilizala como perfume. A verdade é que arrecende saúdable e non como o apestoso purín que se utiliza por ahí.
Xa, o feito de ter que ir a unha fraga a recoller mantillo, é un agasallo para os sentidos. De feito a xente do Xapón utiliza os  paseos polos bosques como terapia para relaxarse e combatir a ansiedade.
  • O sustrato destes lugares é o único terreo que se conserva en condicións naturais e por eso, nél, viven diversos diminutos organismos que son beneficiosos para manter o suelo fértil e sen contaminación. Debemos facer por ter bosques, por coidalos, por non deforestar nin destruir con incendios, nos que todos estes bichiños morren e un bosque non se fai nun ano. Son o resultado da non intrusión humana e de moitos anos de non seren debastados, nin pisados, nin maltratados como ocurre co noso mato que se destrue cos lumes, cos malos usos, ca acción humana, nunha palabra! Entón amémolos, abracemos as suas árbores. Eles saben recompensarnos!