www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

venres, 29 de setembro de 2017

O GALO DE BARCELOS

Galo de Barcelos


Galo louco, canta morto,
Já nao no mundo recente;
Mas quando havia forca
Para salvar um inocente.

Galo preto e sedutor,
pintalgado e florido;
Dá sorte por tradiçao
A quem o tiver consigo

O galo de Barcelos,
De mil tamanhos e cores
É fonte de inspiraçao:
Para ceramistas e pintores.

Com muitos coraçoes,
Eleito por toda a gente.
Por ser base de milagre;
Na vida de quem é crente.

     Poeta Celso Cunha

Conta a lenda, que un galego, en peregrinación a Santiago, ao seu paso por Barcelos, foi acusado dun crime que tivera lugar naquela vila e foi sentenciado a morrer na forca. Quixo ir ante o xuíz para pedir clemencia e éste atopábase celebrando un banquete cos seus achegados e había un galo asado sobre a mesa. O galego díxolles:

"É tão certo eu estar inocente, como certo é esse galo cantar quando me enforcarem."

E cando se dispuñan a levar a cabo o aforcamento, coa corda ao pescozo e o nó apretado, o galo cantóu, para sorpresa dos alí presentes. Tiveron tempo de chegar a tempo de baixalo da forca e así salvóu a súa vida. Dende daquela, o galo é venerado e incluso se lle fixo un monumento e de ahí que Barcelos estea cheo de galos.
Vista do centro de Barcelos
Mercado

Outra vista de Barcelos
Eu fun onte a Barcelos, precisamente a mercar un galo! Nono merquei no mercado, nin nas tendas de souvenirs, senón que, fuxindo do ruído, adentreime por rúas estreitas e pouco concurridas. Detívenme diante dunha tenda de cerámica que tiña galos, santiños e moitas cousas típicas dalí. Ao fondo, unha señora vestida de negro, dispúxose a atenderme e darme información sobre os galos. Habíaos de cerámica, de metal, de madeira.... de diferentes cores e tamaños e usos. Eu non queria un galo moi grande, nin moi pequeno e que servira para algo.
Tenda de cerámica onde merquei o galo
Así é cómo me decidín por ún que servía como servilleteiro para poñer na mesa e ser visto pol@s convidad@s. Falamos de moitas cousas, e díxome que o seu home falecera había tempo e que fora poeta e escritor. Mostroume a biblioteca onde tiña lugar unha tertulia literaria con asiduidade e na que se conservan as paredes forradas de vitrinas cheas de libros ben ordenados e catalogados. Unha sá na que as cadeiras están perfectamente alineadas, con pasillo polo centro e ao fondo, unha longa mesa rectangular e penso que un piano tamén pois contoume que ao remate da tertulia sempre había actuacións musicais e canto. O poeta é o autor do poema ao galo que puxen o comezo deste post. Publicou dous libros de poesía ainda que escribía tamén en prosa.
Biblioteca e sa de tertulias
Este feito encheume de ledicia e fixo o meu día en Barcelos, pois, sen pretendelo, atopeime falando con xente da localidade que me contaba as súas historias e a eso chámolle traballo de campo.
Despois de min, entrou unha parella de xaponeses.
Un pouco mais adiante, déronme os ollos no nome da ferretería que tiña xusto en frente: "CASA MEIRA". Resultoume curioso porque eu estaba de excursión en Barcelos cun grupo de  Mulleres Rurais de Meira (Lugo). Entrei preguntar por qué se chamaba así. Era unha ferretería moi antiga. Dixéronme que viña polo seu apelido.
Ferretería Casa Meira
A viúva de Celso Cunha, púxome ao tanto doutros feitos que tamén me interesaron, tales como o nome de San Antonio de Pádua, nado en Lisboa e de nome de pila Fernándo. Miña nae foi moi devota deste santo e sabía e dicía de memoria os responsos cada día. Mira por onde, a señora da tenda agasalloume cos responsos en portugués e mais tamén me comentóu sobre a Ermida de Nossa Senhora da Franqueira, levantada á virxe das Neves ou do Rosario, por deter unha batalla que estaba prevista nese lugar, a petición dun devoto desta virxe quen atendeu a súas súplicas e éste mandou facer unha fermosa igrexa no seu honor.
Logo dunha mañá moi antropolóxica agardábanos un xantar delicioso nun restaurante da vila. Era comida tradicional portuguesa a base de caldo verde e bacalau pero feito doutro xeito mais moderno, estilo cociña de diseño. O viño verde non deixóu nada atrás e facilitou a dixestión de tan exquisitos manxares.
A feira, que duraba todo o día, perdera a forza que tiña pola mañá, cando tendeiros e tendeiras berraban prezos e gangas ca forza dos galos do lugar. Pero, co día de sol e calor que facía, os ánimos foranse apagando contra a tarde e os prezos tamén tiraban para abaixo. Así foi cómo me fixen cas uvas do viño verde a un prezo reducido.
Todo é ben se ben acaba e esta foi unha viaxe que eu desexaba facer. O que non sabía era que ía resultar tan didáctica.
Detalle do comedor











xoves, 21 de setembro de 2017

POR TERRAS DE MEIRA

Non fai falla ir moi lonxe. A sorpresa éstá en calquer lugar. Aínda naquel
polo que pasamos centos de veces e non vimos. So pasamos. Tiña una obriga pendente co nacemento do Miño. Todo mais que coñecía era Fomiñá pero ahí non nace o río. Así que, onte, día solleiro e de portas afora, voteime a explorar Meira. Despois de facer varias xestións, sobroume día para darme o percorrido que antes non fixera. Fun a Turismo e informeime. Collín folletos. Fixen fotos e puxen pés ó camiño. O primeiro de todo foi a igrexa que é unha xoia do s. XII e que formaba parte do convento cisterciense do que so se conserva o que hoxe é o Concello e parte do claustro procesional. Fora Colexio Maior de Filosofía da Congregación da Reforma de Castela dende 1590 ata 1835 que é cando remata a vida monástica. Declarado Monumento Nacional. É un dos mellores exemplos do arte cisterciense en Galiza e en España. Destaca o seu rosetón da fachada e as ferraxes orixinais da porta datados do s. XIII. Ten un claustro renacentista. Albergóu a portería, hospedaría, colexio de Filosofía, etc
Logo de ver a igrexa e o seu claustro, achegueime en coche ata a casa rural "O Cazoleiro", para ver cómo se fora ampliando dende a última vez que a visitei. Moitas dependencias novas para cabalos, para carts e unha piscina climatizada. Entrei nela, e aquel calorciño que me envolveu, convidoume a probala. So había unha persoa nela. A través da cristaleira que a rodea podíanse ver as árbores frutais que lle daban un ambiente moi acolledor. Estábase ben! Foi unha experiencia no roteiro que me marquei. Dende alí, achegueime, no coche tamén, ata o Pedregal de Irimia, lugar onde nace de verdade o río Miño. Apenas un regatiño baixaba por entre as pedras. Nada que ver co nacemento do Eo, onde nace abundante auga e xa é río grande na mesma fonte, pero eso proba cómo de unha cousa pequena pode emerxer algo grande como o noso principal río ainda que din que o Miño leva a fama e o Sil a auga!!!! Sen axuda non hai nada!!! Alí demorei a tomar o meu cafetiño de media mañá e un tente en pé que sempre levo á man. Xa, dende alí, e como o día prometía, decidín sobre da marcha, dirixirme á costa da Mariña para pasar unhas horas na praia. Ainda había algo de xente pero era unha praia de setembro, ca auga quentiña, o sol quentando, os cans aproveitando e deixando as pegadas "de todo tipo" pola area e eu tomei o meu baño antes do xantar, que por certo, consistíu nunha empanada de mazá feita artesanalmente en Meira. Estaba admirada do ben que saía o meu día improvisado e de canto benestar me aportaba a miña terra sen ter que irme a grandes distancias. So hai que ver con ollos novos o mesmo que ves cada día e sacarlle o máximo! Ainda parei en Lourenzá a coller tres ou catro mazáns que había á veira da estrada.
O poeta meirego Avelino Díaz escribíu:

¿Quen dixo, craro río Miño
que naces en Fumiñá
se xunt-a Monterredondo,
xa pasas, feito un rapaz?
...
E sei, tamén, que tés
o teu bercio máis atrás,
aló na Serra de Meira,
d-Irima no Pedregal.

14-11-1870 / 29-11-1961

Por certo, o día 23 de setembro celébrase no Pedregal de Irimia, a Festa de Afirmación e Dignidade. (Ver programa no Facebook).Haberá actuacións de varios grupos folclóricos e cantautores na praza de Meira.
Valorar o que temos antes de que outros nos ensinen a valoralo é un xesto intelixente por parte nosa.



martes, 12 de setembro de 2017

RIANXEANDO




Chega setembro con chuvias febles que restauran  a terra e devolven a vida ás plantas. Unha incursión polos arrabaldes rianxeiros, polas praias desertas que ofrecen a quietude e a calma do final de verán. Ainda se poden apreciar na area, restos de castelos que a marea non destruíu, pequenas ensenadas que ofrecen a frescura da mañá, e emparrados de don diegos que sobresaen no verdor da follaxe, salpicando de violeta a ladeira dos cantís. Mais alá, o porto deportivo que agocha as embarcacións, da un aspecto de lugar turístico e ambientado, moderno e á altura das circunstancias. Polo outro lado, o porto mariñeiro de dornas e barcas de pesca, lémbranos que estamos nunha antiga vila mariñeira onde todo xira en torno ao mar. Un alto para un café de media mañá  nun lugar concurrido a esa hora. É día de mercado e a xente afánase en atopar o choio do día. Paso de vagar polos postos, sen intención de mercar nada, (para iso saín con cinco euros contados) e disfruto do percorrido por este lugar no que vivín vinte e tantos anos. Sempre é reconfortante voltar a este sitio e a outros nos que vivín, como Fisterra. Atoparme co coñecido e deixarme sorprender polos pequenos cambios que me poñen ao día no devir destas vilas mariñeiras, das suas xentes, dos seus progresos ou retrocesos. Da man da miña netiña, déixome conducir á barca que o pescador repara e na que ela quere subir. A barca está metade dentro, metade fora e non é lugar seguro para ela. O señor ofrécelle o cadelo que garda no coche e promételle que subirá á barca outro día. Mínia quere ser pirata da fragata! Acometer ventos e mareas. Descubrir illas e ver os arroas xogando ao escondite.
Esta Rianxo celebrando as festas da Guadalupe e vótoas de menos agora que estou lonxe. Cando vivía alí, case me escondía delas para non sentilas, polo ruído ambiental que producían. Ainda que nunca esquecerei a ceremonia orquestral da canción que lle da fama: A Rianxeira, interpretada por tres orquestas ás duas da madrugada, coa praza ateigada de bengalas como única iluminación, e todo o mundo seguindo a canción ondeando como marea viva por toda a praza. Fermoso e emocionante! Nin tampouco o espectáculo de pirotecnia con fogos na auga e bagoas de cores chovendo dende o ceo rianxeiro ata fartar! Algún día voltarei ás festas para bailar ó son da música todo o que non bailei daquela!